23 abr 2007

PERIGO DE HIPERSATURACIÓN
La Región 23 abril
(Imaxe de "Salammbó", do debuxante de BD francés Philippe Druillet.

A campaña interminable. Levamos xa moitos meses de campaña electoral interminable, porque isto non é precampaña, é campaña pura e dura: cada día temos visitas de ministros, conselleiros, altos cargos políticos, con maletas cargadas de promesas. Xa temos no mercado, só na cidade de Ourense, unha cidade termal, catro mil vivendas protexidas (se sumamos as ofrecidas por partidos diferentes), un Palacio de Congresos, por suposto o AVE, non sei cantas residencias para maiores e unha autopista sen peaxe ata Dozón. (Ademais, do Banco de España para usos culturais, que non nos esquecemos do tema). Todo iso está moi ben: se logo se mantén despois do mes de maio.
As axendas dos candidatos botan fume e van precisar de moita xelea real e horas de ximnasio para resistir incólumes ata dentro dun mes. Pero ás veces me pregunto se os estrategos dos grandes partidos (existe tal cousa?) non terán pensado na posibilidade do efecto contrario: non pode ser que tal hipersaturación da campaña produza aburrimento e mesmo desengano entre as xentes e mesmo moitas se absteñan de ir logo votar. Entendo que o reto de mobilización do voto afecta sobre todo á esquerda, porque o electorado de dereita é máis disciplinado e obediente e non faltará á cita. Pero na esquerda é preciso algo máis: algo que leve mesmo ó elector desencantado a molestarse en acudir ó colexio electoral. Ese algo pode ser a sensación de sentirse estafado como sucedeu no 14-M ou a protesta contra a guerra de Iraq ou o desgoberno no Prestige. Agora ofrécese xestión, promesas electorais a esgalla, o eterno sorriso do candidato: chegará con iso?

22 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois non llo sei, estimado anfitrión; á fin e ao cabo, vivo nunha cidade onde certas estimacións electorais seica son pouco propicas á inflación de promesas.

Nesa terra da Burga parecen preverse outras cousas e así é como están. Pero non se me queixe demasiado, que da competencia han apañar algo; e iso que non sei cantas pontes cruzan xa o Miño a esa altura, mentres ca aquí non acaba de concretarse a terceira, e a máis vella (romana) segue forzosamente soportando un dificultoso tránsito de vehículos en dobre sentido.

E como se ve, realmente, a cousa? Cae o Poli ou non cae?

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois dito así, tamén vai ter algo de razón, amigo XMG: a competencia fai elevar a oferta no mercado. E en Ourense temos pontes abondo: a ponte medieval (ponte vella), a ponte nova, a do viaducto, a ponte do Ribeiriño, a nova do Milenio, a de Velle, a pasarela do Centro Comercial e algunhas pasarelas máis río abaixo, na zona termal. Non hai queixa, non: e na ponte vella deixaron de pasar coches case co inicio da democracia. Pero Lugo tivo Auditorio moito antes que Ourense, creo, e ás veces tamén envexamos o ben que funciona o seu Museo.

Anónimo dijo...

O Museo ten mérito, non llo negarei. Pero debe recaer moito nos sucesivos encargados conservadores, en particular -no seu día- Felipe Arias, dito sexa co respecto debido ao vedraño e xa desaparecido Vázquez Seijas; tamén o persoal de guía e réxime interno, entre eles algunha vella relación miña, é de recoñecer.

Do Auditorio nin me fale: é outra das grandes carencias e actual fronte de batalla política; seica en Ourense non souberon da queixa do sr. alcalde de aquí contra o BNG, seica factor de boicoteo á cidade a través das consellarías que dirixe. O chamado Auditorio de Lugo é unha discretísima instalación, parecida exteriormente a nave industrial, que vale para ir tirando.

Ponte, Auditorio, Parque Industrial das Gándaras, PXOM, urbanización das Costa do Parque, xestión non moi lucida, pantalla mediática de Orozco... eis unha boa parte dos elementos da campaña local en marcha.

Anónimo dijo...

Ben se ve que vai gañar outra vez Orozco intra e extramurallas, ou non, amigo González?

Anónimo dijo...

Pois non sei por que o di ("ben se ve..."), pero o certo é que non hai enquisa que o negue. Pendente de matizarse qué significa "gañar".

Direille, con todo, que se tal cousa se confirma (Lugo é cidade que dá sorpresas, nomeadamente en eleccións municipais), para min serán as súas causas misterio difícil de sondar. Porque, obviamente, el sabe traballar a imaxe; pero a xestión é tan pobre en resultados que non hai forma de disimulala.

A valoración do seu equipo é mala. Entre os contos favoritos da localidade están os dous retrousos máis coñecidos de Orozco: "non se preocupe" e "estamos niso".

Así é que igual vde., que estivo algún tempo entre nós, igual mo dá explicado.

Anónimo dijo...

Eu non sigo a política local luguesa, pero segundo as enquisas pode obter maioría absoluta. Pero sobre todo entendín entre liñas que a súa crítica cara Orozco concedíalle implícita a victoria. Eses contos, lonxe de desacreditalo, poden mesmo confirmar a súa boa imaxe. Non vaia a crer. Velaí a paradoxa deste escenario teatral no que se move a política.

Anónimo dijo...

A política é como o fútbol. Ou sexa, a política é así. E menos mal! Déanse de conta: a xente está nestas eleccións disputándose o poder, o que equival non só á capacidade para xestionar bastantes millóns de euros e modelar o noso pequeno mundo máis ou menos ao noso gusto, que xa é cousa a ter en conta. Ademais diso, está disputándose a súa autoestima, a súa propia imaxe, xogada toda ela a unha soa carta, a carta que di "ganaches" ou "perdiches". Se sae a carta ganadora, estálache a primavera no corazón e o mundo é "menos raro, más amable, más humano". E se perdes, atrona o inverno non só no rostro do candidato, senón tamén no da xente, que lle pon cara de velorio ou de rechifla. Ou nin mira para el.
Que todo isto -e máis cousas, seguramente, nas que non quero nin pensar- se dirima a través de carteis, megafonías, mítines, mecheritos, camisetas, plabras, discursos, propostas e, finalmente, a través do voto tranquila e secretamente despositado nunha urna, todo isto éche cousa de admirar. Sobre todo, tendo en conta como os humanos temos resolto habitualmente as nosas diferenzas ao longo da historia.
O que di o señor Valcárcel da esquerda e a súa necesidade de estímulos dramáticos para facer unha cousa tan fácil, cómoda e sinxela como ir votar un domingo, é probablemente certo. Será que nos fomos facendo caprichosos, individualistas e talvez un pouco frívolos e mesmo algo amadamados?

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Os votantes de esquerda cremos que en cada votación subvertiremos o mundo. E como non sucede, caemos no desánimo. Pero non sei que quere dicir, amigo Leituga 1 (por certo, hai leitugas 2 ou 3?), con que somos "amadamados".

Anónimo dijo...

Sospeito de hai tempo que o Leituga debe ser bo administrador. Miren como, espaciando as aparicións, concentra o vigor en poucas veces e gaña en calidade lírica; non coma os que, malos secuaces da épica, turramos contra o touro sen calcular o gasto.

Antes de que el conteste mellor direille, Arume, que a certos viños do porto, hai anos, chamábanlles en rótulo "adamados" facendo referencia á súa amabilidade que os faría, seica, adecuados para o consumo feminino; contra postos irían aos potentes "retintos".

Por outra banda: non criticaba eu a Orozco, particularmente, máis arriba, máis ben transmitía estados de opinión social; o mesmo xornal o reflectiu, e supoño que coñece dabondo "El Progreso" como para aquilatar dalgún modo o que iso significa. No tocante aos próximos resultados, aquí case ninguén cuestiona que Orozco vaia ser, en principio, o máis votado. Máis non lle sei dicir ou, en realidade, non lle sei dicir nada: hai tempo que non dou nin a primeira.

Anónimo dijo...

Na RAE.
(Del lat. adamāre).
1. tr. p. us. Cortejar, requebrar.
2. tr. ant. Amar con vehemencia.
3. prnl. Enamorarse de alguien o de algo.
adamarse.
(De dama1).
1. prnl. Dicho de un hombre: Adelgazar o hacerse delicado como la mujer.
O como di Autoridades, "adamado": "cuando en el gesto o acciones muestra melindres mugeriles".
Pero Leituga dixo "amadamados" que debe ser categoría superior ou ben arrimados a unha "madame". Pero desto, sen dúbida, hai que preguntarlle ao amigo Iglesias, Bieito.

Anónimo dijo...

Amadamados é algo así como melindrosos, requintados de máis, esixentes ata o capricho, acocotados, anoxados, un pouco "repunantes"...

Anónimo dijo...

Ou sexa, adamados. Era de supor excluída a referencia prostibularia.

Anónimo dijo...

Hai que recoñecer en todo caso e na actualidade a pouca corrección política do termo.

Anónimo dijo...

Iso xa obraría, penso, no ánimo de todos. Póñao, con todo e a beneficio de inventario, na conta desa viveza de estilo característica do Leituga; e pense que podía ser peor: outro termo, por caso, comezado tamén por "ama..." e que non completarei aquí.

Anónimo dijo...

"Amadamados" confírelle a "adamados" un plus francés e chic, exquisito e turbio, un toque Gustave Moreau do que o termo hispano carece. A min gústame máis.

Anónimo dijo...

Todos somos un pouco amadamados, hai que recoñecelo.

Anónimo dijo...

Atención, pois, lexicógrafos que len estas bagatelas: apunten "amadamar", data e autor de grandioso neoloxismo.

Anónimo dijo...

Non lle dea tanto fío á cometa, amigo Arume. Estou seguro de non ser eu o inventor dese vocábulo. Ata non sei se non llo lin a García Lorca, ou a algún clásico contemporáneo de fuste similar.

Anónimo dijo...

Pues si. Ten vostede razón, amigo Leituga 1: no CORDE aparecen cinco exemplos e no CREA, hai outros tres. Tres deles de Galdós e mesmo unha expresión a priori redundante: "señoras amadamadas". Pero o certo é que no DRAE non aparece nin o verbo "amadamar" nen o participio "amadamado". Non máis fío, pero ao césar o que é do césar.

Anónimo dijo...

Xa ve. Menos mal que fun honesto e rexeitei as honras de inventor de palabras que de forma tan xenerosa e un chisco precipitada vostede me outorgaba. Gano credibilidade día a día...
Por certo, que son o CORDE e o CREA?

Anónimo dijo...

Son dous corpus de palabras do español: o CORDE é un corpus diacrónico do español (http://corpus.rae.es/cordenet.html), mentres o CREA é un corpus de referencia do español actual (http://corpus.rae.es/creanet.html)Poden consultarse doadamente desde a páxina inicial da Real Academia no enlace de Banco de datos, así como todos os diccionarios académicos desde o de Autoridades no enlace Nuevo tesoro lexicográfico de la lengua española. Son instrumentos moi útiles e eficaces.
De tódolos xeitos hei de dicir que o neoloxismo é para o galego, non para o español. E probablemente aí vostede poda ter placa e rexistro. Falarei co meu amigo Xosé María Gómez Clemente, observador de neoloxismos galegos.

Anónimo dijo...

Hoxe, que casualidade, La Voz trae unha noticia relacionada con esto: a creación na UDC dun Diccionario chamado Coruña do español actual e dun Diccionario de Colocacións do español. Teño referencias lonxanas de Porto Dapena, pero ao mellor merece a pena un vistazo.
http://www.lavozdegalicia.es/se_cultura/noticia.jsp?CAT=106&TEXTO=5753389