4 abr. 2007

"Que se mueran los feos" (Afonso Vázquez Monxardín, Galicia Hoxe, 3 abril)
(Imaxe: Rapto de Proserpina, de G. Bernini, detalle)

Dicía Arsenio, o noso ideólogo favorito, que o problema do fútbol era que o balón era redondo e así, claro, nunca se sabía onde podía acabar. Algo parecido lle pasa ao mundo mundial. Como é redondo e xira, xira, as fronteiras transparéntanse como puras raias imaxinarias no pensamento que son. E así, alá ao fondo, detrás delas, andando andando, avantando muros e montañas, volvemos estar nós petando na casa. Non ten mérito nin interese, pois, cismar con este tema. Nós, os galegos, xa non o facemos nunca; chamámoslle a esa cousiña, como algo pequeno que é intranscendente, simplemente raia. A secas.
Pero hai outras fronteiras máis interesantes e perigosas que todos debemos respectar. Son os lindeiros elásticos, difusos e naturais da marabillosa terra comunal que é RSC. A República do Sentido Común. E cando se cruza, cambia un de dimensión, como os Los otros que convivían coa Nikole Kidman na casa bretoa. Que se un pasa para a parte de fóra, e queda colgado no limbo, que, como Teruel, tamén existe. Que que saberá o Papa destas cousas.
Pois as fronteiras da RSC acaban de ser violadas de forma masiva. Atácannos. Un programa da tele, revive, de forma atroz e sádica e clasista, a simpatía de Los Sirex co seu éxito de 1965 Que se mueran los feos, que no quede ninguno. Pero a súa mensaxe e que agora só morrerán feos os pobres... E non é broma. Promociónase a paranoia sobre a cirurxía estética -antes reservada a simpáticos teleñecos como a Duquesa de Alba ou persoas que facían a plástica por accidentes, malformacións. Agora trátase de meterlles á maioría da xente, aos consumidores a críticos de televisión, que é bo rebelarse contra as formas e liñas que a cada un lle cadraron. Pero non pola saúde, o coidado e o cultivo correcto do corpo. Ca. ¡Pola chapistería comercial! ¡Como vai vivir vostede con ese naso goethiano que diría Otero! ¡E esas engurras! ¡E esa teta para a que non cómpre un cesto... a quen lle gusta? Fea, que es fea. Non sei como podes vivir así, fea. Pide cartos, empéñate... Mercantilicemos o desacougo estético. Non te asumas nunca, feo, cámbiate. Que só os pobres son feos... Loita contra a natureza, loita contra o paso do tempo. Gasta. Gasta.
¿E por que non outra materia no ensino? Educación para a Cidadanía da RSC. Por nome curto. Sentido Común. Ai. Debían volver Los Sirex e co seu revolucionario Si yo tuviera una escoba, cuantas cosas barrería. Ese programa, de primeiro.

6 comentarios:

Doniña dijo...

Non só debería desaparecer ese programa, tamén outros moitos onde sen rubor, nen temor, atentan contra a dignidade e honor de persoas un día si e outro tamén.Agora ben, convirá conmigo que hai casos nos que rebelarse contra a natureza está máis que xustificado sobre todo se se dispón dos medios precisos .Véxase: narices ,como os que inspiraron a Quevedo, amargando a vida dos seus donos, dentes situados uns a cabalo dos outros ou con espazos interdentais polos que podería pasar o AVE, orellas que semellan paracaidas...As enrugas no van no lote que son os camiños do tempo e custa moito abrilos e transitalos.Mellorar non o vexo mal as paranoias son outra cousa.

AVMF dijo...

Pois si, Doniña.
Con moderación e sentido común,si, claro.
Eu téñolle postos ferranchos nos dentes ás fillas e non me vexo metido no lote atolado que sinalo. Outra cousa é a inaceptacion global e a mercantilizacion que se propugna neste repugnante espazo coa estética como único valor de uso e consumo e, polo tanto, de felicidade.

XM Carreira: Caixa do Mendinho dijo...

Mi madriña, como mudou este blog no tempo que non o visitei. Agora o blog do profesor parece o da señorita X de Esmelle.

Doniña dijo...

Sr Carreira :Tende vostede a ver blogo - romances no canto de elementais normas de urbanidade, e non me estou a referir a Señorita X e Torreira.

a.p.-c. dijo...

Tal como o contan, ese programa debe ser abominable, un compendio de todas as nosas -a sociedade!- simplezas, angueiras, valores, complexos e traumas. En suma, da tiranía da beleza elevada a impúdica ostentación catódica: o reino do "ostentóreo".

Agora ben, hai un fino fío entre a crítica social e cultural e a pudibunda e escandalizada posición puritana. Fino fío que moitas veces traspasamos con pasmosa tranquilidade e sen decatármonos. Eu o primeiro, que conste.

Porque imos ver.
En base a que criterios predicamos que a cirurxía estética está "ben" nuns casos e noutros está "mal"? Cal é punto exacto da "moderación" e cal o do "exceso"? Onde se sitúa ese arcano chamado "sentido común" nesta cuestión?

Non quedamos en que vivimos nun mundo constitutivamente plural, heteroxéneo, de individuos autodeterminados e libres? Ou é que pensamos -así de simple- que vivimos nun mundo alienado e que as persoas son uns monicreques inermes a mans de poderosos poderes e que só uns poucos -qué curioso: precisamente nós- son quen de discernir e de substraerse as súas diabólicas tentacións?

Pero non teman: non penso facerme ningunha operación "dermohistérica". Mais teño que recoñecer que un par de retoquiños non me virían nada, pero nada mal.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

O de Bernini mete medo. Pensar que tamén esculpiu á Teresa en pleno éxtase. É un dos máis grandes.