28 abr 2007


Sobre Cine e Literatura (un consello)
Pan por Pan sábado 28 abril (Imaxe: Anxélica e o eremita, de Rubens)

No mundo actual Cine e Literatura non son xa realidades paralelas, senón a cotío complementarias ou converxentes: os escritores de hoxe non se poden sentir alleos á pegada das linguaxes do cine. Tamén nas letras galegas, cando menos dende os 50 e a Nova Narrativa Galega.
Pero, a relación entre estas dúas formas de expresión non ten só unha dirección. Canto lle debe o Cine á Literatura? Antonte estivo o director Vicente Aranda en Vigo, onde roda unha película, e tivo alí un encontro con alumnos de varias escolas audiovisuais. E deulles un consello moi claro: pediulles que leran ós escritores realistas, a Stendhal, a Balzac, a Flaubert, etc. Porque os cineastas fan o mesmo que eles: narrar. E facer cine non é só colocar ben un plano, senón saber narrar unha historia. Para facer cine, díxolles tamén, apréndese máis lendo a literatura do século XIX que vendo películas.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Algunha vez xa lles teño dado a tabarra coa materia de Literatura Universal Contemporánea (1º de BAC) que imparto desde ha de haber un lustro; envéxenme, por certo, os colegas de secundaria: nunca chego aos dez alumnos.

Ao caso: obviamente, trato moito sobre cine, e xustamente no(s) sentido(s) aquí aludidos, tanto polo amo da casa coma polo director convidado. Adaptacións cinematográficas (e televisivas) de novelas levan a parte maior, é o máis evidente; a xa clásicas películas sobre obra romántica, realista, do Modernism... hai anos que se poden engadir as miniseries que empezou a prodigar Tele5 seguida doutras cadeas: con luxoso reparto moitas veces e especial destaque para o Gérard Depardieu, que non hai produción francesa ("Balzac", "O Conde de Montecristo", "Os Miserables"...) que non o leve de protagonista.

Vén despois o que é primordial: ambos son xéneros narrativos, e en tal sentido e notable medida o moderno cinema herdou grande espazo social do que tiña a clásica novela. Consecuencia diso é tamén certo aspecto co que ando xustamente estes días, determinados recursos compartidos e de especial rendemento no século pasado: contrapunto, flash-back, tamén monólogo interior; digo no século pasado porque o primeiro tramo do presente será valorado cando avance, e xa non sei se me tocará.

Todo isto introduce nova clave e perspectiva para aquilatar a semántica do esquecemento que está a debate na outra cita desta Casa. Quen le arestora a Balzac? (quen dará lido, digo eu, tales quilométricos parágrafos seica debidos en boa medida a inxesta masiva de café). Pois velaí recurso e pretexto, que pode sobardar o uso escolar suxerido. Para poesía e poetas, estratexias haberá; de maneira particular cando o tema favorece.

Anónimo dijo...

Eu creo que o cinema débelle máis a outros xéneros narrativos menos elevados (policiaco, western, comedia romántica, entre moitos outros) cós grandes nomes da novela decimonónica. E mesmo ao xénero dramático. DEsde logo, para facer 2046 Wong Kar Wai non mirou en ningún instante eses nomes que propón Vicente Aranda. El para facer as súas películas recorre moitas veces a Juan Marsé, o novelista que aprendeu a escribir vendo películas de cine negro americán. Velaí a grande paradoxa.

Anónimo dijo...

Ningún paradoxo, Arume, os ámbitos narrativos que cita son contemporáneos ao desenvolvemento da arte e industria cinematográficas. Estou plenamente conforme co que di vostede.

BUDOKAN dijo...

Muito legal o blog. Sou da Argentina e eu passo sempre por aquí. Desculpe meu ruim portugués.

Anónimo dijo...

Ora que, Arume, o cinema de catástrofes ten débeda co naturalismo e Zola, a través do "Germinal". A gran narración cinematográfica, desde "Gone with the wind" ata os oitenta, ao mellor cos planeamentos e técnicas do realismo. O melodrama escola Douglas Sirk, ao mellor, con certos retallos románticos... Seguramente o Vicente Aranda sabe do e por que fala.


E ao amigo arxentino, un saúdo afectuoso; segundo eu vexo, o único erro estaría na acentuación do "sóu".

Anónimo dijo...

Ao amigo arxentino, tamén hai que aclararlle que o que se escribe aquí non é exactamente "portugués", senón "galego". É dicir unha lingua irmá da portuguesa, coa que comparte orixe e moitas outras cousas, pero que tan as súas propias peculiaridades. Dígoo non tanto por "isolinismo" como para que o noso amigo Budokan non se equivoque e pense que o que escribimos aquí é portugués normativo, auténtico e fetén.

Anónimo dijo...

Dáme a impresión, Leituga, de que xa o debía saber. A máis de que a ortografía de uso aquí non se homologa coa lusa, fixémonos na orixe do comunicante e as consecuentes posibilidades de coñecer algún galego. Noutra orde de cousas: penso que na referencia á relación entre galego e portugués debiamos afacernos a falar de linguas xemelgas; irmáns do galego, por xenealoxía, son tamén castelán, francés, sardo... todas as románicas.

Por certo, á gralla do verbo engado a última palabra, que como "português" estaría correctamente escrita.

Anónimo dijo...

Vicente Aranda pertence por razóns xeracionais e tamén de estética á chamada Escola de Barcelona, na que por certo aparece sempre vencellada á literatura dos anos 60 barcelonesa (novísimos, Castellet, Biedma, Barral e tutti quanti: a gauche divine). A pulsión literaria (nouvelle vague e un certain régard ao culturalismo mediante) neses autores é evidente e flagrante. Gonzalo Suárez (empeñado en tantas adaptacións e recreacións de obras literarias) ou Jaime Camino entre outros aparecen nas nóminas destes autores.
Un bó libro é o de Esteve Riambau e Mirito Torreiro (de orixe galego?) La Escuela de Barcelona, el cine de la gauche divine. Alí poden verse as claves interpretativas da obra de Aranda e doutros.

Anónimo dijo...

Pois vexa que nin novísimos, nouvelle vague ou culturalismo parecen estar en particular sintonía con realismo decimonónico.

Así é que, se cadra, Aranda non afirma predilección senón que recoñece débeda. Sexa como for, a suxestión e intención didáctica son claras.