27 abr 2007


A TRISTE HISTORIA DA HISTÓRICA SIGLA
(Manuel Rivas, hoxe en El País: o artigo completo. Na imaxe, Antón Villar Ponte)
Algúns experimentos que se andan a facer, teñen que ver coas mutacións no tradicional electorado da dereita en Galicia. Son novos e vellos palangreiros que tratan de pescar nese caladoiro. Para metamorfose, a do Partido Galeguista. Eu xa non sei se é coleóptero ou lepidóptero. Da historia das siglas, esta é unha das máis tristes da historias. Unha coruñesa, María Teresa Alvajar, contábame hai pouco como a súa nai galeguista, Amparo Jean, trataba a Castelao de irmán en público, para escándalo dos túzaros. Así era, o partido dos irmáns. Esas siglas atesouraron, en tempos decisivos, a honra ilustrada de Galicia. Foron un referente político, mais tamén moral. E na Coruña, o Partido Galeguista tivo máis importancia e presenza da que se adoita falar. A Agrupación de Mulleres era a máis importante. E figuras como a do xornalista Antón Villar Ponte déronlle unha clara identidade de esquerdas. Agora, pobres siglas, son usadas como nun teatro de monicreques. Nin a propaganda é feita en galego. Nin se defende o topónimo coruñés. Unha mofa e unha befa. Iso si, o candidato convida a voar en avioneta por riba da cidade, nun acto de perigosa seducción electoral. A campaña friqui. E Carlos Marcos, que así se chama, vén de decir que pode pactar con calquera, agás co Bloque Nacionalista Galego. Por que? Porque son "inimigos da Coruña". Eu non teño que ver co BNG, e mellor para o BNG e para min, mais penso que esta linguaxe non debería figurar no vocabulario democrático e ten moi pouco que ver co verdadeiro carácter coruñés, de estilo e tradición republicana. É unha linguaxe bélica que nos leva ás teorías do Carl Schmitt. Inimigos? Xa pasou o tempo dos inimigos, ho.

15 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Como xa se destacou nestes días (en La Región: Lalo Pavón e Maribel Outeiriño) en Ourense choven as homenaxes "interesadas": dúas seguidas a Celso Montero, polo PSOE, e unha ós galeguistas históricos Luis Taboada Camoeiras e Antón Moreda, polo novo Partido Galeguista. Todas xustas e necesarias, pero cheira mal que se espere a unhas eleccións para levalas a cabo. Por que non uns meses antes, sen o barullo da campaña? E creo que na mesma liña vai a do exalcalde de Carballiño, un militante de Izquierda Republicana, despois de moitos anos de aprobarse facela, vana facer xusto agora. Mira ti...

Anónimo dijo...

Destinados para o beneficio da afeméride, perdoen que me autocite. E no caso presente seica con motivos non totalmente laudatorios.

O das siglas, ser, é de xulgado de garda. Pero non debe haber moita maneira de metelos nel.

Moralla dijo...

A primeira parte do artigo é moi irónica, pero xa sabida. Non todos/as somos parvos, cegos nin xordos.
parabéns

Anónimo dijo...

Vindo do tal Carlos Marcos é unha gabanza para o BNG que sexa a única organización coa que non pactaría o tal "galeguista".

Anónimo dijo...

Iso do actual "partido galeguista" é unha usurpación e unha vergonza. ¿Por que non montarlles unha campaña de firmas para que deixen en paz ese nome? Aínda que sexa despois das municipais, para que non se vexa nisto unha proposta con intereses "electoralistas".

Anónimo dijo...

Excelente e moi necesaria idea a que propón Leituga 1:

Elaborar un Manifesto e logo unha masiva recollida de sinaturas de adhesión, no que, firmemente pero sen caer no insulto, se lles esixa que nunca máis volvan prostituír (ben, habería que usar outra palabra menos forte!) unhas siglas históricas.

Tamén habería que, entre outras cousas, publicar unha páxina enteira en dous ou tres xornais coas sinaturas máis representativas da vida cultural, científica e académica galega.

Para iso fai falta organizar a recollida de diñeiro, mais quen non estaría disposto a pagar o que fose para que cese esta ignominia?

E si, mellor facelo despois das eleccións por motivos obvios.

Amigo Valcárcel, recolla esta idea e reláncese despois das eleccións.

Propoño que se vaian deixando aquí ideas ao respecto.


Xa vai sendo hora.

Anónimo dijo...

Para chorar......, na miña vila,presentase cabeza polo PG un fuxido do PP, solo castelan falante.
O desta Sigla non ten arreglo?
Trebi

Anónimo dijo...

Adhírome de todo á iniciativa de APC: unha campaña de firmas que recollese un amplo espectro de personalidades de varios ámbitos. Que deixen en paz aos mortos. Doutra banda, témome que non lles van dar moito resultado: a meirande parte do electorado actual non ten memoria histórica, nin recente nin remota, do que foi o Partido Galeguista. Que persoas venerábeis como Luis Taboada ou coma Antón Moreda sexan usadas pola xente que anda detráis das siglas PG (entre as que, polo visto, figura unha sección galega do antigo partido ultradereitista Democracia Nacional, que se sumou ao PG hai ano e medio ou así).

Anónimo dijo...

Partido Galeguista, patrimonio histórico común dos galegos de boa fe.

Non á manipulación da historia

Anónimo dijo...

Esa primeira frase, amigo Etxe, podería figurar no Manifesto.

Anónimo dijo...

Pero, se me permiten, sen o da boa fe. É redundante. E ademáis é moi de dereitas. E un pelín eclesiástica. Pero é teima miña. Non me fagan moito caso.

Anónimo dijo...

Home, Arume, trataríase de facer un Manifesto asumible por todos. Daquela, ten que ter un punto ecuménico.

Non se me poña tan severo, ho. En deferencia, non lle citarei aquilo de Castelao que seguro lle pon dos nervos ("non poñades chatas á obra..."), e que a Marcel tanto lle ha entusiasmar.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Vostede é un imprudente: mira que quitar á palestra o nome de Castelao! Polo demáis, se ten que ser ecuménico, amén.

Mr Tichborne dijo...

Non é que non defendan o topónimo da Coruña (non hai topónimo "galego" ou "castelán", só hai un válido: A Coruña). É que o atacan.
De todos xeitos, augúrolle pouco éxito nas próximas eleccións. Precisamente esas siglas perxudicaranlles no seu "electorado diana", o votante conservador e localista.

Anónimo dijo...

Sr. Mr Tichborne, non liemos o tema coa obsesiva cousa esa da/ de Coruña.
Deixemos o de só hai un topónimo. Endónimo, Exónimo, Topónimo... NAbo, nabiza e grelo. A snatísima trindade. Hai moita fariña que moer. O caso que nos ocupa é que o tema da apropiación da sigla do PG é impresenteibol a todas lights. Por aí debemos furgar.
No do nome, desapaixonémonos que xa farta.