V Ciclo de Conferencias Visións de Galicia: As mulleres na cultura galega
Comezou onte no Liceo o V Ciclo Visións de Galicia, neste ano monográfico arredor da presenza das mulleres na cultura galega.
Inaugurou as charlas Encarna Otero Cepeda, cunha moi interesante conferencia sobre Sofía Casanova (na foto). A gravación desta charla está xa na páxina do Liceo.
Ademais poden consultar artigos sobre esta escritora galega n0 Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, cun traballo da propia Encarna Otero, e na páxina da CIG-Galiza, con outro de Lois Pérez Leira.
As próximas citas do ciclo son:
Luns, 16. FELICIA AUBER, por Rosa Aneiros.
Mércores 18, MARUJA MALLO, por María Luísa Sobrino Manzanares.
Luns 23. CONCEPCIÓN ARENAL, por Pilar Allegue.
e Venres 27, MARIA MARIÑO, por Carme Blanco.
14 comentarios:
¿Alguén pode opinar que tal estivo a conferencia da eximia historiadora Encarna Otero?
Sospeito que ningún dos lectores/as da bitácora estaba presente. Así que resumo eu mesmo. Foi unha conferencia breve, pero útil, que deu un perfil máis ou menos completo de Sofía Casanova, ata onde este personaxe está investigado (que non é moito). Dende unha perspectiva feminista (a escritora non era nacionalista, por suposto). Nas propias respostas do coloquio Encarna deu a entender que queda moito por estudar arredor de SOFÍA CASANOVA e que os fondos precisos para iso (libros, documentos,etc.), están en Madrid: por se alguén se anima. O personaxe (consulten vostedes as ligazóns que dei) é realmente apaixonante: sabía varios idiomas, percorreu medio mundo, repudiada polo marido, pacifista e crítica cos bolcheviques, etc.
Por certo, xa o dixo unha lectora noutro fío: os post que coloco sobre escritoras ou autoras femininas, case non teñen entradas. E non seremos un pouco machistas os contertulios deste agradable punto de encontro?
É que hoxe prima o politicamente correcto. E, daquela, calquera mención crítica (ou irónica) feita por un home e que se aparte de tales moldes, pode ser tildada de misóxina ou sexista. A inhibición é a consecuencia.
Unha vez diciame unha compañeira de traballo...
Con isto do medo ao acoso... e de que digan tal que sei eu... non entra peixe na rede. Aquí non hai quen ligue... Parece un mosteiro...
¿E como se liga se non é insinuandose, e facendo as beiras? Non lle sei outra forma.
Para quén esté interesado pódese escoitar a Conferncia de Encarna na páxina do Liceo. www.liceodeourense.com
Eso da eximia historiadora vai con retranca?
Tamén eu sospeitei certa retranca no apelativa "eximia historiadora" de Anónimo: é obvio que Encarna Otero dedicouse dende hai moitos anos máis á política que a outra cousa. Iso non quita que este seu traballo sobre Sofía Casanova teña o seu valor. E, ademais: se non fose por nomes como Encarna, Rosa Aneiros, Carme Blanco, Aurora Marco e moitas máis, quen ía escribir a historia das mulleres galegas? Porque os homes non traballaron moito nesa leira, á verdade.
Se non estou mal informado, si hai historiadoras profesionais (Aurora Artiaga, Mª Xesús Vaz, Ofelia Rey, ...), pero ou non se dedican á historia das mulleres ou non teñen a proxección mediática das citadas, que, máis que historiadoras, son estudosas da literatura. Encarna Otero é, ademais de política, divulgadora da historia, non investigadora (logo, non historiadora en termos estritos). Claro que ao mellor estou equivocado, como tantas veces.
Sobre Sofía Casanova (A Coruña, 1861-Pozan (Polonia)hai un pequeno estudo con textos incluídos no tomo II (de IV) de La vida escrita por las mujeres, en concreto o que leva o título La pluma como espada (Del Romanticismo al Modernismo, editado polo Círculo de Lectores, baixo a dirección de Anna Caballé. Sofía Casanova recolleu nos seus escritos feitos importantes que lle tocou vivir (Revolución bolchevique, guerra civil española e II Guerra Mundial) e tamén libros de viaxes por Rusia e Polonia.
Eu coñecín este personaxe (Sofía Casanova, non Encarna Otero) a través dun programa daqueles que facía José Antonio Durán para TVG, "Historias sen data", creo que se chamaba, e que a min me gustaba moito. Creo lembrar que casara cun príncipe polaco un pouco mesiánico, convencido de que un destino divino ía facer del o liberador de Polonia. Non sei se Durán terá publicado algo sobre esta muller...
Segundo contou esoutro día Encarna, ese conde polaco repudiou a Sofía Casanova porque esta só lle deu fillas e seica el quería fillos, porque cría nunha lenda polaca que dicía algo así como que o fillo do que casara cunha estranxeira dominaría Polonia.
Ah! aproveito para felicitalo, sr. Leituga: xa sabe vostede o motivo, non?
Eu tamén felicito a Leituga 1, aínda que non sei por qué.
En todo caso, calquera oportunidade é sempre boa para enviar parabéns.
Estes enigmas sonche a salsa dos posts. Por iso, vaian as miñas felicitacións, amigo Leituga 1, polo que sexa.
Publicar un comentario