18 may. 2007


En Seoane do Courel, unha ferraría

Chegar ata Seoane do Courel dende Ourense non é doado (tampouco dende Lugo, creo). Hai que ir ata Quiroga e dende alí facer 35 km. que levan case unha hora de viaxe lenta por un vieiro de congostras, curvas interminables, baches continuados, etc. (a volta foi máis levadeira, porque o automóbil xa coñecía o camiño). Pero cando un chega aló, e mesmo xa polo camiño, advirte unha nova dimensión: unha sinfonía de colores e ulidos que poucas fragas poden acumular no noso país. Un auténtico paraíso de silencios e sons perdidos dalgún animal doméstico.
Alí se celebraron onte, en Seoane do Caurel, onde está enterrada a poeta María Mariño, os actos de homenaxe do Día das Letras Galegas. Do contido das intervencións de Méndez Ferrín, Darío Xoán Cabana, Charo Álvarez e Barreiro Fernández dá conta resumida a prensa (ver ligazóns): foron todas entusiastas, por se alguén ten dúbidas (e quizais como resposta a outras visións críticas que non estaban presentes no Caurel).
Tras dun xantar enxebre, con productos naturais do país, fomos convidados, despois dunha longa paseata costa abaixo cara o río Lor (despois houbo que subir e a calor era atafegante, mesmo nesas paisaxes de montaña), a ver unha antiga ferraría (Locay), que conta con 200 anos de vida e está parcialmente restaurada (pola antiga Xunta). Digo parcialmente porque o edificio, todo de lousado, mantense incólume dende as súas orixes: o que se amañou foi parte do entramado industrial interno. Seica é a máis grande de Galicia (maior que as de Taramundi) e paga a pena chegarse aló para vela: fixósenos unha demostración de como funcionaban todos os aparellos para fundir o ferro, todo coa única forza da auga que cae en cachón dende moitos metros de altura e impulsa todos os mecanismos: rodas, fuelles, etc. Ó carón da ferraría hai tamén un enorme muíño en moi bo estado. O noso anfitrión, que nos ensinaba todo con entusiasmo, aproveitou para pedir das autoridades culturais presentes maior apoio para recuperar tan impresionante infraestructura industrial, que podería servir de polo de atracción turística nun paraíso de paisaxes na súa contorna, á beiriña do Lor, o río máis limpo imaxinable naquelas augas. Agardemos que desta visita quede cando menos unha maior atención para estas terras do Caurel (un meu compañeiro de traballo, Xabier López, un dos mellores camiñantes e coñecedores deste país, infórmame que hai unha casa de turismo rural e un fermoso camping máis enriba, que desta non puidemos ver), unha visita necesaria sen dúbida se se supera o problema das comunicacións do que falei antes: quizais por iso foi quen de manterse como un paraíso case intocado.
(Segue en comentarios...)

A crónica dos actos na prensa: El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Galicia Hoxe.

32 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

Para os curiosos/as, que pode habelos, vai listado de asistentes (de memoria):
Académicos numerarios: Xosé R. Barreiro Fernández, Manuel González, Salvador García Bodaño, Ramón Villares (e a súa muller Berta), X.L. Méndez Ferrín (e a súa muller Concha), Darío Xoán Cabana (e a súa muler), Rosario Álvarez, Francisco Río Barxa, Andrés Torres Queiruga, Víctor Freixanes, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Neira Vilas (e a súa muller Anisia Miranda), Antón Santamarina, Ramón Lorenzo, Euloxio Ruibal. Académicos correspondentes: Luís García Mañá, Xosé Mª Lema e este cronista. Tamén estaba Carme López Taboada, Manuel Rico, Francisco Rodríguez Iglesias, Saleta (viúva de Manuel María), Cesáreo Sánchez Iglesias e por alí estiveron fugazmente, supoño que como informadores, Antón Lopo e S. Jaureguizar. Autoridades: Ánxela Bugallo, José L. Méndez Romeu, Marisol López, Carlos Varela, fiscal xefe TSXG, alcalde e concelleiros de Seoane.
Faltaron numerarios como Alonso Montero ou Olga Gallego (a quen lle morreu o seu irmán hai uns días, como aquí comentamos).

a.p.-c. dijo...

O Courel sempre vale unha misa.

a.p.-c. dijo...

Pode alguén explicarme qué quere dicir exactamente o cronista da Voz con esta frase:

"Méndez Ferrín parangonou no seu discurso a orixinalidade da poesía de María Mariño coa da obra do poeta galego en lingua castelá Carlos Oroza, matizando que entre ambos existen grandes diferenzas".

É que eu non a entendo.

a.p.-c. dijo...

Gustoume moito a crónica persoal do acto que acabo de ler no blog de Jaureguízar (cun puntiño de irreverencia moi ben apuntalada cos links), porque se sae fóra dos protocolos e botafumeiros habituais:

POESÍA POPULAR

A montaña non ía a Mahoma e Mahoma foi á montaña. A poetisa lembrada este ano residiu perto durante moitos anos. Aínda a lembran como "simpática", "falangueira", "non demasiado guapa" e "un chisco fina" porque non quería cebar nin sachar para completar o salario minorizado do seu home. Disque que, cando llo propuxeron, rexeitouno: "¿Como voy a hacer yo eso? ¡Mira como tienes las manos!". Cóntanmo en español. Sorpréndome, pero non tardan en explicarmo: "Si, claro, falaba en castellano porque era a muller do mestre. Aquí falaban castellano ela e as fillas do médico, o galego era cousa de pobres". Como me custa facerme á idea, pregunto a outra veciña que a tratou: "Era da cidade. O normal daquela era que falase castelán, o de falar en galego a xente das cidades é unha cousa de agora".

A cerimonia foi moi apoiada pola xente da bisbarra. Houbo quen foi ameno e contido e houbo quen, querendo contextualizar (algo moi positivo) os anos da homenaxeada, botouse fóra do tempo contextualizando e acabou suxerindo a necesidade dunha lectura maoísta da obra de Mariño. No medio, houbo unha disertación técnica que a min me interesou, pero creo que fun dos poucos.

Oulego dijo...

Alégrome de que o pasase ben e lle gustase a miña terra. Non puiden asistir por cousas do traballo, e ben que me fastidiou non poder estar e saudalo. Outra vez será.
En canto ó da Ferrería, estamos ante unha proba máis de incompetencia, xa non sei de quen. Aí están a apodrecer cartos públicos enpregados nunha primeira fase de rehabilitación. A vostedes enseñáronlles a Ferrería, mais non está aberta normalmente para poder ser visitada, xa que non está rematada a rehabilitación nin conta cos permisos necesarios. É unha pena que un monumento fermoso, impresionante coma ese, non se poida disfrutar por parte dos que acuden ó Courel.
En canto ás vías de comunicación, semella que se encomeza a facer algo e, á fin e logo de moooooiiiitoooossss anos, vanse arranxar as estradas.
Volva vostede ó Courel no outono, e percorra as súas devesas. Seguro que volverá máis veces. Apertas.

marcos valcarcel dijo...

Na relación anterior esquecín o nome (e pido excusas) de Xosé L.Axeitos, que ademais foi o organizador práctico de todo. Tamén estivo nos actos a profesora coruñesa María do Rosario Soto Arias.
Sobre da crónica da Voz que cita APC e tamén se insinúa no final do texto de Jaureguizar: a comparación con Oroza, autor en castelán, veu por similitudes técnicas, segundo Ferrín, no que se refire á distorsión da morfosintaxe (o que sucede é que a frase da Voz está mal redactada). A intervención de Ferrín, interesante con todo, non foi doada de seguir polo público menos informado ou máis popular, como queiran: partiu de Vietnam Canto, 1968, de Novoneyra; seguiu con María Mariño e Oroza, polo medio estivo San Juan de la Cruz e ó final reclamou unha lectura maoísta e atea de María Mariño, autora, el mesmo o dixo, de poemas católicos, en castelán.
Brillante estivo tamén Darío Xoán Cabana, que falou antes, cun discurso complementario do de Ferrín.

a.p.-c. dijo...

"Lectura maoísta...": que gran achado metodolóxico!

Xenio e figura...

marcel swann dijo...

A saber o que contarán de Jaureguízar o día que lle dediquen a el o Día ds Letras.

a.p.-c. dijo...

Ese Día, de chegar, non o veremos ningún dos que por aquí andamos.

arume dos piñeiros dijo...

Outra crónica, noutro lugar, con outra xente:
http://beliscospequenos.blogspot.com/2007/05/projecto-mourente-na-nasa.html

a.p.-c. dijo...

Un corcerto moi animado, seica, e...?

arume dos piñeiros dijo...

Que alí estaba a xente nova, da que depende o futuro do galego. Nin máis nin menos. E se interesa o comentario de Jaureguizar (con esa irreverencia tan súa) que revela unha evidente sorna sobre académicos, tamén interesa saber que a xente xoven o día das letras está nunha discoteca de Santiago escoitando pop cantado en galego. A mín esto paréceme interesante. Como mínimo. Se é ou non síntoma haberá que estudialo. Eu non lles sei.

a.p.-c. dijo...

Será que non alcanzo a discernir o significado profundo do feito, pero non lle vexo eu gran relevancia a un concerto (hainos todas as semanas en diversos antros, garitos e discotecas do país) por moito que os grupos canten en galego, qué quere que lle diga.

Que o futuro do galego depende da xente nova é unha obviedade. E iso é independente de que a xente nova vaia moito, pouco ou nada, aos concertos de música.

Mais será que non atino a comprender. Xa vou carroza...

a.p.-c. dijo...

Ademais, non vexo eu á RAG montando un conxunto musical de rock para atraer á xuventude cara o galego, por moito que puxeran de cantantes a ilustres membros como... (deixémolo en branco).

Leituga 1 dijo...

O da "lectura maoísta" de María Mariño é bárbaro.

a.p.-c. dijo...

Aclare, amigo Leituga 1, que usa bárbaro como sinómino de estupendo. Que se non vanno acusar de chamar bárbaro (ao estilo greco-romano) a un dos próceres das nosas letras. E iso está moi feo.

Anónimo dijo...

Paraxes fermosas para pastar as palabras.
Jimy de Rairo

marcos valcarcel dijo...

Por suposto, creo eu que é bo que existan grandes concertos con xente nova e ogallá iso sirva para a causa do galego. Pero iso é compatible cos actos oficiais (se queren, protocolarios) da RAG: o discurso tópico que se escoita estes días nos medios véxoo moi inconsistente. Polo que din algúns, ata parecería que é a RAG a responsable de que non se use máis o galego. E logo a Academia prohibe facer outro tipo de actos, ou que? Por que se perdeu, sequera en parte, o pulo do DLG nos anos 70? Nada ten que ver con iso as actuacións da Academia, que xoga noutro campo...

marcos valcarcel dijo...

Ah! Esquecín isto. Se Jimy de Rairo segue con mensaxes como as últimas (velaí as súas "Paraxes fermosas para pastar as palabras")imos ter que reclamar un DLG no seu nome. Pero dentro de moitos, moitos, anos. Por se alguén non o sabe, o DLG só se dedica a personaxes mortos, cun mínimo de 10 anos do seu falecemento.

Tralaiara dijo...

Ferraría, meu, non ferreiría.
Bonito Courel, bonito... Bárbaro, estupendo, como diría leitugaONE

Tralaira dijo...

Lembran a aquel tipo na TVE-G que facía cousas irreverentes como chamarlle "Día das letras Galletas"? Onde ela vai! Magoa que non estea. O outro día falaban vostedes dos programas transgresores das TV autonómicas... Acho de menos un que se chama "Letras Galletas"... que podía dirixir o Profesor
Don Manuel Outeriño... Seguro que ía cobizar a esa audiciencia nova pola que devecen todos...

marcos valcarcel dijo...

Xa que se falou aquí do discurso de Ferrín, non publicado aínda, teñen vostedes no FARO DA CULTURA de onte xoves dúas páxinas longas dunha entrevista (de Natalia Álvarez) co escritor sobre María Mariño, onde resume algunhas das ideas clave do seu discuso.

scaciapensieri dijo...

María Mariño Carou participou na fundación do PCE (ml) alá polo ano 1961, nun local do Pozo do tío Raimundo, cando visitou Madrid onde Uxío Novo Neira estaba recén saído da TVE. Coñeceu seica, a un rapaz ferrolán que non sabía ben que facer da súa vida, pero nunca lembou como se chamaba. Por iso, o nome de María Mariño ten sabor maoista. María e Mariño empezan ambos por MA e o apelido remata en O... non sei porque se estrañan vostedes da esculca precisa no Mariño-maoismo (pensamento Uxio-Tum).

Anónimo dijo...

Eu cando vou o Courel vexo amais da súa beleza os caborcos desfeitos polas escombreiras das louxeiras. Será que aos asistintes a homenaxe a Maria Mariño deulles muito sol nos ollos e quedaron medio cegos. Tamén hai que salvar Galicia dos depredadores da riqueza natural, e non mirar para o moutro lado por ser empresarios galegos.

arume dos piñeiros dijo...

Ten razón, amigo Valcárcel, todo o que se escribiu, de xeito crítico, sobre a celebración do DLG soa a tópico. Si, pero por que a xente sinte a necesidade de repetilo todos os anos xusto por estas datas?
O rei, por outra parte, pode estar espido.

Anónimo dijo...

A pesar de todo o que se diga,ningún acontecemento en torno á lingua e á literatura galega moviliza tanta xente como o DLG.
Alguén botou contas de canta xente pode participar,en maior ou menor medida na semana da lingua?.Falo de xente que compra algún libro.Rapaces que fan unha revista na súa escola ou participan nunha carreira en defensa do idioma.De xente que participa nalgún acto de homenaxe,etc.Que moitos dos actos sexan modestos nonos fai menos importantes.
O DLG non vai arranxar os problemas do idioma por si só pero pode axudar nalgunha medida.
Penso que a crítica sempre é saudable pero, ultimamente no país,o listón da crítica está moi alto e moi baixo o da reivindicación.

marcel swann dijo...

En Catalueña, o día de San(t) Chordi (como pronuncian aquí) as librarías facturan o 10% do que venden o resto do ano. Centos delas sacan os libros á rúa. Ese é o seu DLG: non precisan doutro. E non é festivo, excepto para os cativos.

arume dos piñeiros dijo...

Pero, amigo Swann, sant Jordi, que eu saiba, non é o día das letras catalanas, senón do libro en xeral. Eu, polo menos, vin a Manolo Rivas e a Teresa Moure asinando libro polas Ramblas, blog de Bragado mediante.
A razón para Catalunya é que a industria editorial en español (castelán) en Barcelona é case tan impresionante como en Madrid ou en certos casos moito máis. Para que logo digan que o español (o Espanyol tamén) está perseguido en Catalunya.
E xa que falamos de Catalunya, por que non chegan con mellor distribución os xornais cataláns (agás o Sport e Mundo Deportivo) a Galicia? Ler de cando en vez La Vanguardia (un xornal con fama de dereitas, pero é dos poucos que se pode ler nun bar) alegra o corazón: caras novas, columnistas novos, visións novas. En fin, un pouco de osíxeno.

marcel swann dijo...

É un xeito, tamén, de promocionar o libro catalán, que funciona moito mellor que as típicas feiras do libro galegas. Calquera cousa mellor que ter as librarías cerradas o DLG.
Sobre o tema de qué lingua está perseguida en Cataluña, direille que "eu non son desta parroquia". Por unha banda, recoñezo que vivir as 24 horas do día en catalán é aínda moi difícil. E por outra, resultaríame moi difícil dicir aquilo de "Catalán, lingua proletaria do meu pobo". Teñen pouco que ver as dúas situacións.

arume dos piñeiros dijo...

Entón, vostede, amigo Swann, que, polo que se ve, vive en Catalunya, non cre que a presencia de escritores en español (ou doutras linguas) axudaría a fomentar tamén o libro en galego ou, polo contrario, considéraos unha especie de competencia inaceptable? Interésame particularmente a súa opinión, desde aquela outra banda da península.

marcos valcarcel dijo...

Coincido coa valoración que fai Arume do xornal La Vanguardia. Pouco importa que sexa de dereitas, creo que é un traballo moi digno. Eu cólloo sempre os mércores porque colecciono o seu Cultural (o meu vicio non secreto) e ten colaboradores moi interesantes, á cabeza deles Quim Monzó.

marcel swann dijo...

"A presencia de escritores en español (ou doutras linguas) axudaría a fomentar tamén o libro en galego?"
Supoño que se refire a Galicia.
Aquí os escritores en castelán non teñen problema ningún. Poden publicar, perfectamente, nesa lingua, e ademáis hai unha industria editorial en español potentísima que existe non só porque aquí se le en español, senó porque "exporta" a España/Hispanoamérica.
En Galicia non temos esa industria en español, así que non recollemos nin as migallas económicas que lles chegan a eles e que posibilitarían, por exemplo, editoriales de base española que publicasen algunha coleción en galego.