24 may 2007


Entre copas (Bieito Iglesias)
El Correo Gallego, "Pan e coitelo", 24 maio 2007

(Un pouco bastante abrumado, case avergoñado, reproduzo este artigo que o amigo, extremadamente xeneroso, Bieito Iglesias, me dedica hoxe en ECG. Creo que son, xunto cun limiar dun libro que me fixera o finado Carlos Casares, as palabras máis amables que sobre min se escribiron nunca. E aí quedan, para compartilas con todos vostedes. Pero a que vai quedar máis contenta co artigo, sen ningunha dúbida, é a miña muller)

Unha mañá destas da ponte das Letras Galegas, desafiei o biruxe das primeiras horas e fun almorzar na praza maior, oficialmente denominada del Caudillo, de Carrión de los Condes, Palencia. Anoto de pasada, antes de seguir co conto, que me opoño ao proxecto da Consellería de Cultura de converter outra volta en laboral a festividade do 17 de maio. Tal efeméride debe continuar como vacacional, polo menos para os escritores en galego, meravigliosas creaturas protagonistas de tan asinalada data. Naquel bar palentino coincidín con homes de pelo en peito (víaselles a pelame e as cadeas douradas con medallas da Virxe porque lucían a camisa parcialmente desabotoada), con señores que trasfegaban ao romper o día copas de coñac e anisete -sol y sombra- ou viño quinado. Só algún pusilánime bebía cervexa con aceno esquivo, pedindo perdón por semellante mariconada. Eran individuos tan alleos á sociedade da información como poidan selo os indios yanomani do estado brasileiro de Roraima.

Sufrín un ataque de envexa porque estar informado non te volve máis feliz. De que me serviu a min saber (por artigo de Alfredo Conde neste diario) da armadilla que lle prepararon ao meu amigo Marcos Valcárcel? Serviu para pórme de malas, pois Marcos foi atraído a unha emisora co achaque de falar de historia cando o que pretendían era encalatralo para que rifase cun adepto do xugo e as frechas. A noticia circula no ciberespazo: "Comunista se niega a debatir con falangista". O meu amigo aturou falanxistas no bacharelato (sádicos profesores de ximnasia e de Formación del Espíritu Nacional), aos seus anos xa está ben libre de ter que rebaixarse en espectáculos circenses de mouros e cristiáns. Por certo que a etiqueta de "comunista" non o retrata con precisión. É galeguista, de esquerdas, historiador rigoroso, orador ameno nas palestras, columnista brillante e boa persoa. Tamén é un tipo máis calmo que O home tranquilo filmado por John Ford. Aínda por riba a súa muller, María, parécese a Maureen O´Hara.

16 comentarios:

bouzafria dijo...

Fermoso artigo, é lóxico que vostedes dous estén hoxe moi ledos.
Magnífica, por outra banda, a conversa mantida onte a noite na Radio Galega entre os seus amigos Bieito Iglesias e Quico Cadaval. Tivo momentos inesquecibles, de fartar de rir.

Marcos Valcárcel López dijo...

Mágoa perdela. Vin esoutro día a Quico en Santiago, antes de entrar a xantar no Dezaseis: por fortuna, está como sempre...Quero dicir, un xenio da comunicación e do sentido (auténtico) do humor. Algún día lles falarei de Quico, a quen tratei (tratámonos) bastante nos anos de Santiago. Mesmo estiven convidado na súa casa, a Carreirana, en Ribeira. Na Facultade de Historias era un tipo brillante, aínda que non sei se estudiaría moito, andaba noutras cousas: p.ex. lembro unha época en que andaba obsesionado co urbanismo e lía todo o que lle caía nas mans sobre este tema. Un gran tipo, si, o Quico Cadaval.

Anónimo dijo...

Lin o artigo á primeira hora da mañán e supuxen que isto ía suceder. Pero seguro que o amigo Bieito reparou en que no home tranquilo se dan de ostias para negar o título da película? E que se non hai malos tratos (si, xa sei, eran outros tempos) entre o John e a Maureen pouco lles falta? En fin, ten que estar vostede encantado. E nós de que disfrute dese encomio do máis grande dos autores galegos.
Por outro lado, a descripción da praza maior de Carrión de los Condes é xenial. Eu estiven alí este último verán, para repoñer forzas dunha viaxe. É pobo pequeno pero moi animado: paraban alí moitos pelegríns (en bicicleta) para dormir nos bancos do lado da igrexa, baixo a sombra creo duns plátanos. Era unha imaxe ben fermosa dese pobo. Cando marchabamos acercámonos ao río, a unha "chopera" onde pasaba o día case toda a xente de Carrión. Unha estampa, tamén, doutro tempo. No meu caso, da infancia.

Anónimo dijo...

De Bieito agardo a súa proxima novela con impaciencia, pola temática e sen dúbida pola súa calidade, Bieito é un grande escritor. Onte acompañoume no coche con Cadaval, na radio claro, deberían estar mais nas ondas e na Tv que non vexo, porque síntome mais participe con eles, sinto dalgún xeito recoñecida unha perspectiva do mundo, supoño que como lle pasará a moitos. Marcos está maxistral nesa entrevista fallida, apreciase o temperamento firme e sereno, esa temperanza pola que sempre destacou e que se recoñece en actos como este senón heróico ao menos digno e exemplarizante.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Pois si que tes que estar tremendamente feliz, amigo Marcos, diante de tan fermosas palabras do Bieito. Todo o que escribe o xenio de "Miss Ourense" é unha auténtica gozada. Ademais, a orixinal comparación de María con Maureen O´Hara só pode nacer dun home con tan bo sentido do humor como de tanta calidade humana. E ese home non pode ser outro que o Bieito, evidentemente. Parabéns, prezado compañeiro.

bouzafria dijo...

Amigo Marcos, pódea recuperar na sección de "radio á carta" da páxina web da crtvg.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Biruxe ou viruxe?

Anónimo dijo...

No Gran Dicionario Xerais da Lingua, VIRUXE. Vento maino e frío. Chuvia fría e moi fina. Neve moi fina.

Anónimo dijo...

Estou totalmente de acordo coas palabras de Bieito, con cada unha delas.

Anónimo dijo...

Non coñezo a María, pero se, nun sentido global, se asemella á Maureen O'Hara debe ser digna de trato. Ora ben, concordo co Arume: nunca pensaría en John Wayne para facer de Marcos Valcárcel; e de boxeador, menos.

Anónimo dijo...

Amigo Marcos, o Bieito faivos xustiza a ti e a María.

Anónimo dijo...

Agora que vexo a foto, pois se que se da un ar a dona de Marcos, Maria, a Maureen O´´hara.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Si que ten un aire. Pero, sobre todo, María é máis simpática que a O´Hara.

O que eu tampouco vexo é a analoxía do Marcos con John Wayne. Máis ben ten pinta dun daqueles actores do "free cinema" inglés.

Marcos Valcárcel López dijo...

Por certo, amigo APC, que tal o concerto de Lila Down, que seica tiña as entradas? Eu tiven a despedida dos alumnos de Bacharelato e non puiden ir. Deixeinos por aquí a súa opinión.

SurOeste dijo...

Aproveito a ocasión para declararme incondicional admiradora de Bieito Iglesias, unha auténtica refuliada de vento fresco na literatura e no xornalismo galego.Cando me chega o Tempos Novos por correo, léolle en alto a toda a familia os "Dias Soltos" mentres tomamos o café de sobremesa e escachamos coa risa. A súa retranca fainos cóxegas a todos, novos e vellos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Somos moitos os que empezamos sempre a revista Tempos Novos polos DIAS SOLTOS de Bieito Iglesias: queda aí unha marabillosa crónica, persoal, singular, intransferible, dos últimos anos dende a perspectiva do gran escritor da Chabasqueira. Sen dúbida, unha das mellores seccións da revista, como recoñeceu o xurado que lle outorgou, con toda xustiza, o premio de xornalismo literario Roberto Blanco Torres.