30 may 2007

O DIVINO ROTEIRO
(Feira do Libro de Ourense, 30 maio 2007. En rigorosa exclusiva, ofrézolles o inicio do meu Pregón de hoxe na Feira do Libro, dividido en sete partes. O conxunto do discurso está completo abaixo, en comentarios).

Chaman á porta. Érgome para abrir, aínda medio adurmiñado, porque hoxe non durmín demasiado ben. Deiteime onte pensando que tiña que dar o pregón da Feira do Libro en Ourense e aínda non sei moi ben como enfocalo. Pero, ben, abro a porta e encóntrome cunha faciana coñecida: un home baixiño, de ollos moi firmes e nariz prominente, que bocexa un lixeiro sorriso:
- Ola, Marcos, non te preocupes. Vístete rápido que temos cousas que facer Ourense adiante. (Co mesmo aspecto que gastaba hai cinco anos, quizais un chisquiño máis delgado, teño diante miña a Carlos Casares).
Un pouco bastante apampado, arránxome ordenando as ideas, e baixo con Carlos Casares ata a rúa.
- Imos ata o Liceo, que alí empezaremos O Divino Roteiro. Se Dante tivo o seu Virxilio e Curros o seu Añón, ti non vas ser menos. Eu vouche facer de guieiro polos escenarios dos nosos egrexios nas letras, eles tamén queren saber de vós, dos que seguides no mundo dos vivos, e agora terás ocasión de recoñecelos, supoño que che gustará.
- Si, por suposto. Respondín abraiado, non sabía moi ben qué era o que sucedía, pero si sabía que indo con Carlos nada malo me podía suceder.

Aparcamos baixo da Alameda e en dous minutos estabamos entrando no Liceo, movendo as portas xiratorias que dan achego ó patio de columnas. Había moita xente tomando café e charlando animosamente.
- Xa ves que o Liceo tamén está moi concurrido na nosa dimensión, dixo Carlos. E logo como non ía haber un Liceo no noso Parnaso? Mira, fíxate naquel daquel recuncho, coas súas coidadas barbas e lentes de escritor romántico. Agora xa fixo as paces co Bispo Cesáreo, que ten praza aquí á beira, pero non perdeu o seu carácter enérxico e teimudo: agora non fai máis que compoñer versos contra Bush e a guerra de Iraq. Debeulle quedar unha certa teima contra os ianquis dos seus anos da guerra de Cuba, xa sabes, nunca porfiou neles, lembra os seus versos do poema “En corso”: Un cargamento de yankees,/ valvos...¡unha inmortalidá!.
Senta con el o vello poeta cego, son bos amigos agora Curros e Lamas Carvajal, esquecidas as liortas do pasado, e o Valentín está a gozar da “vida”, perdón pola palabra tan impropia, pero aquí non hai cegos e o Valentín aproveita para gozar daquilo que no seu tempo lle negou a natureza. Ponse moi contento cando vos acordades del e veu hai uns días ver a placa que lle puxestes na casa que foi redacción de O Tío Marcos d´a Portela.
- Ben merecida, dende logo, engadín eu. Temos a Lamas Carvajal polo pai do xornalismo en galego.
- Así foi e así é. Tanto que agora anda enleado coas novas tecnoloxías e ten un blog propio no outro mundo, porque, si, tamén hai unha Rede de redes na nosa dimensión e imaxínate a riqueza dos debates: podes discutir con xentes de todos os tempos e falar cun Afonso X ou cun Paio Gomes Charinho. É unha virtualidade ben enriquecedora, sen dúbida. E Lamas é o máis constante, nunca deixa o seu portátil e está empeñado en deixar constancia de todo o que ocorre no mundo dos mortos: o noso gran cronista oficial do Trasmundo, sen dúbida.
- Mira o grupo agrándase, seguro que os coñeces de vista a case todos, engadiu Carlos. E fixeime que se achegaban a aquela mesa Arturo Vázquez Núñez, Alberto García Fereiro, Castor Elices, José García Mosquera, Juan A.Saco y Arce, Benito Fernández Alonso e moitos outros, os homes de El Trabajo e de El Miño, dos faladoiros de finais do século XIX e de tantas aventuras culturais.
Almorzamos no Liceo, Carlos pediu algúns pasteis (sempre tan goloso) e vin como se emocionaba arredor dos espazos que el enriqueceu tantas veces coa súa palabra. Buscaba os vellos amigos das tertulias e sorría ó encontralos sen que lle puidesen saudar nin dirixir a palabra. Subimos un momentiño ó segundo piso, porque eu lle quería ensinar algunhas coleccións de vellos xornais encadernados e alí encontramos unha nova tertulia na que compartían inquedanzas Heraclio Pérez Placer, Marcelo Macías e Francisco Álvarez de Nóvoa. Falaban das cousas do seu tempo, das que daba conta La Ilustración Gallega y Asturiana, co mesmo entusiasmo que cando vivos ou máis: debatían sobre a infalibilidade do Papa ou sobre as virtudes do anunciado ferrocarril, cando chegase por fin a estas perdidas terras galegas.
Antes de marchar do Liceo, o autor de Ilustrísima fíxome un novo aceno: aló no fondo, arrimado á barra da cafetería, pousaba un home de vestimenta un pouco estrafalaria.
- É el, de verdade? Preguntei.
- Si, e fixémonos moi amigos, xa podes imaxinar que foi polo primeiro que preguntei ó chegar aló. E quedou encantado porque eu sabía máis cousa del que ninguén, de feito moitas xa as esquecera: velaí o mesmo Xoán da Cova, cos seus inventos, embustes e disparates, que ademais segue igual de simpático que noutrora: perfeccionou o seu trampitán e quere reclamar o seu ensino como segunda lingua oficial naqueles lares. Cando saia do Liceo hache de ir tomar unha copa ó Trampitán, á Praza Maior, que boa gracia lle fai ter unha taberna co nome da súa lingua; para el é como unha vinganza contra tantas burlas que recibiu de vivo. Venceu, finalmente, máis de cen anos do seu paso polo mundo.

(... segue en comentarios)

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Esto non pode quedar só en pregón da feira do libro. Ten que aproveitalo para facer a Viaxe do Parnaso galega. Anímese, amigo Valcárcel: só vostede pode facelo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas, Arume, de momento só é viaxe polo Parnaso ourensán. E vouno transcribir aquí porque así mo pediron varios dos asistentes hoxe á mañá e quizais interese a moitos outros que non puideron vir ou que residen moi lonxe.

Marcos Valcárcel López dijo...

2. Saín detrás de Carlos cara a Praza Maior, onde nos agardaba a nosa segunda parada. Por suposto, no Espolón da Praza Maior. Pasaban por alí os vellos fidalgos, os cregos de levita e os seminaristas doutrora, os campesiños cos seus produtos para vender na Praza da Magdalena e noutros lugares. En medio daquel rebulir de xentes foinos moi doado recoñecer unha figura egrexia, un home de alta estatura, ben erguido, que abría brazos e mans como para acoller neles as xentes e non paraba de falar con uns e con outros. Eu emocioneime porque recoñecía aquel ademán e aqueles falares que aínda puiden coñecer en vida. Carlos notouno e colleume por un ombreiro para achegarnos a el: era don Ramón Otero Pedrayo e sentín non poder falar con el directamente, seica iso non era posible neste meu provisional estado.
- Segue sendo o de sempre, un home simpático e imaxinativo, todo fervenza de saberes e dicires, liberal e demócrata, aínda que aló enriba isto xa importe pouco. Falo con el moi a cotío e quedoume moi agradecido por escribir Ilustrísima, que el mesmo me inspirou nunha das súas charlas doutro tempo. Vai ó seu carón o noso gran arqueólogo, don Florentino López Cuevillas, sempre soltando os seus “coños” e pendente dos vosos castros e mámoas: pero aló enriba o pasado non existe e non se lle valora polo seu alto nivel científico. Mágoa que se perdese un tan gran escritor de ficción como puido ser don Floro, a ver se o convencemos para que volva a escribir nos nosos papeis.
Tamén cambiara a fasquía dos comercios e tabernas da praza. Eran ben visibles as
moitas librerías que houbo aló a finais do século XIX e comezos do XX. De todas elas non deixaba de saír unha ringleira de mozos artistas e poetas en busca de libros e revistas da lírica de vangarda: pasaron diante miña Manuel Luís Acuña, Manuel García Paz, Euxenio Montes, Xavier Bóveda, Delgado Gurriarán, Primitivo Rodríguez Saznjurjo, Rey Soto, Xosé Lois Parente, os irmáns Augusto e Álvaro María Casas, Cándido Fernández Mazas, Xaime Prada e moitos outros. Vistos todos xuntos, a xeración de La Centuria que dicía Blanco Amor, sentín unha nostalxia infinita polos mellores tempos das letras da vella Auria. Escoitei parte das súas conversas e vin que eran felices: seguían a falar das grandes vangardas, dos poemas futuristas do mestre Risco, do maxisterio lusista de Teixeira de Pascoaes, das novas Irmandades da Fala que dende a chamada de A Coruña apelaban a renovar o discurso político no país. Tamén vin pasar, a moita velocidade, ó Xavier Prado Lameiro que ía direitiño cara o Teatro Principal a supervisar pola calada os ensaios da Coral de Ruada que el mesmo fundou hai xa case 90 anos.

3. Carlos tirou de novo por min e baixamos pola Barrera. Paramos diante da casa natal de Alexandre Bóveda e da fermosa estatua que lle dedicou o concello, con deseño xenial do noso Buciños (“dálle recordos meus, pediume Carlos, é moi bo rapaz e un gran artista”). Limos o texto de Castelao que sitúa o monumento: “Bóveda, terá de ser nun mañán próximo ou lonxano, a bandeira da nosa redención”.
- O Alexandre segue ocupado nos seus estudos económicos, díxome Carlos, pero está ben satisfeito das lembranzas que dende esta Terra lle renovades tantas xentes. Aló témoslle moita querencia, dende logo, xa bastante sufriu neste voso mundiño o noso mártir. Agora fai moitas migas non só cos galeguistas, senón tamén cos vellos republicanos e os homes da esquerda ourensá: eu véxoo sempre de charla con Roberto Blanco Torres e co Basilio Álvarez e co Jacinto Santiago e con Manuel Gómez del Valle e tantas outras vítimas inocentes. Onte mesmo, vós non vos decatades, claro, déronse unha volta polo Liceo para escoitar ó poeta Antonio Gamoneda e nunca faltan ós actos que organiza a Asociación de Amigos da República. Ven, imos un momentiño á rúa da Imprenta, que me dixo o Alexandre que lle deixara un saúdo ó irmán Daniel e logo seguimos o noso camiño.
Hai uns cantos anos un grupo de ourensáns fixemos un roteiro semellante con Carlos Casares e Antón Risco polo Ourense histórico, aínda os dous vivos, e eles foron contándonas cento e unha historias que, por desgraza, ninguén recolleu por escrito. Nesa andaina non faltou o paso polo Posío e o Instituto Otero Pedrayo que agora volvíamos a pisar, nesta vez en silencio. E eu lembrei unha ocasión, xa arredada, en que vin a Carlos paseando o Posío, moi de vagar, da man de Ramón Piñeiro: hoxe é case unha imaxe espectral, pero existiu, porque existen todas as cousas que lembramos, sucedesen ou non.
- Veña, volvamos cara atrás, véxote moi ensimesmado, díxome Carlos. Volvamos ó centro urbano, por certo, está quedando ben o Ourense vello, prestaille moita atención, a nós é o lugar por onde máis nos presta pasear de toda a cidade. Non deixedes morrer a vella alma da cidade que vive enchoupada entre a memoria destas pedras.

4. Paramos de novo, xa na cuarta parada, tras do Museo Arqueolóxico Provincial, hoxe en obras. Ó pé do enorme busto dedicado, tan merecidamente, a Xesús Ferro Couselo.
- Moito andades a traballar no Museo, a esculcar a vella historia desta cidade romana e medieval dende as pedras acumuladas unhas por riba doutras neste lugar case sagrado. Seguimos con atención ás vosas descubertas e o traballo de xentes como Paco Fariña, Xulio Rodríguez, Xosé María Eguileta ou Olga Gallego, tan necesario para redescubrir a nosa propia identidade. Por certo, acaba de chegar xunto a nós don Luís Gallego, o irmán de Olga, e se Aquel era un lugar fermoso e pracenteiro agora é un lugar máis cheo se cabe de bondade e xenerosidade, con don Luís connosco.
- A xente do pobo ben o quería, iso percíbese na mesma rúa, só me atrevín a engadir.
Estabamos a falar os dous e vimos saír do Museo, cargado de papeis e cartapacios, a don Xesús Ferro Couselo en moi animada conversa con don Xoaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite, Manuel Chamoso Lamas e o “Ben-Cho-Shey”. Este último preguntáballe a Ferro por non sei que topónimo que había que restaurar na súa forma galega e contáballes cousas da última festa dos Maios na Alameda, á que por suposto nunca deixa de asistir.

5. Subimos moi de contado á Praza do Correxedor onde, ó carón da antiga Agrupación Cultural Auriense, don Ramón vixía atento o ir e vir da cidade. Por aló pasaban naquel momento as figuras egrexias de Antón Tovar, do brazo da Tucha e cara a súa casa de San Francisco, e de Pura Vázquez, esta cara as Mercedes, supoño que para visitar á querida Dora e mirar dende alí cara o Salto do Can.
Don Ramón tamén subira ata alí dende a Praza Maior e falaban os tres das súas cousas: falaba sobre todo Otero, porque o Tovar non daba metido baza e a Pura escoitaba atenta ó mestre. Escoiteinos falar de moitas cousas: da revista Posío; das vellas lembranzas de La Zarpa, onde escribiran don Ramón e unha moi moza Pura; das actividades de radio e de teatro dende os anos 40; das novas que chegaban dende América, dos exiliados, e das que traía Otero das súas viaxes a Arxentina e Venezuela; do novo alento que chegaba cos artistiñas (os Quessada, de Dios,Virxilio e tantos máis) e cos novos estudantes das aulas universitarias de Compostela, como Ferrín ou o mesmo Casares, o meu Virxilio nesta xornada. A medida que avanzaban as conversas ían incorporándose novos nomes daquel tempo, citados ou interpelados por algún deles: un novísimo José Ángel Valente, José Luís López Cid, o pintor Prego de Oliver, os “americanos” Xosé Conde e Alberto Vilanova, o libreiro Carlos Vázquez, a galego-valenciana Matilde Lloria, o Celso Emilio Ferreiro despedido no café Roma, cun cento de amigos escritores, en acto organizado polos comunistas do PCG e os nacionalistas da UPG en 1966. Todas as sombras de onte evocaban para min imaxes non vividas pero das que o neno que fun escoitou falar nalgunha ocasión. Mirei cara a Catedral e relembrei as misas en galego da capela do Santo Cristo, auténtico santuario de galeguidade e fervor cristián, que axuntaba todos os domingos, ás nove da mañá, a moitas destas sombras venerables cando aínda gozaban do mundo dos vivos e mesmo cantaban a liturxia coa Coral de Ruada, sempre baixo o atento saber ó órgano do mestre Vide-fillo. Por alí andan agora, de seguro, o Anxo de Celanova e Abelardo Santorum.

6. Da Praza do Correxedor aínda nos achegamos ata a Alameda e alí encontramos un novo veciño, recén chegado en bronce e da man de Xosé Cid. O gran Eduardo Blanco Amor. Que ben merecía este e moitos recoñecementos.
- Ben contento se lle ve a don Eduardo, díxome Carlos Casares. Fachendoso, vén por aquí case a diario a relembrar aqueles días e vixiar os rapaces que fan o Roteiro da Esmorga, en memoria dos seus inmortais Bocas, O Castizo e o Milhomes. Estes lugares que pisamos, meu caro Marcos, non serían o que son sen a pluma de don Eduardo: o Barbaña, a Alameda, o Posío, a Catedral, todo o Ourense histórico e medieval, son realmente lugares universais grazas ás novelas de Blanco Amor. Aquel home, que percorreu as Américas, que fixo xornalismo en Chile, que fixo galeguismo de base en Arxentina, que creou unha nova lingua literaria, tivo que volver ás súas raíces para crear todas as súas obras mestras: A esmorga, Os biosbardos, Xente ao lonxe, La Catedral y el niño, etc.
- Hoxe fálase de Blanco Amor en todas as latitudes e empeza a recoñecerselle a súa talla xigantesca como escritor, engadín eu. Aínda hai unhas semanas e dende a virtualidade do mundo dos blogs, informábame unha amiga dende Buenos Aires, dos progresos dun grupo de mulleres, descendentes de galegos, que están a ler A esmorga e as obras de Blanco Amor.
- Pois el segue como sempre. Sempre coa súa cámara a facer marabillosas fotografías. E tomando notas, quizais para novas novelas que só leremos no trasmundo. Mira aí mesmo o tes, ensinándolle a súa estatua a varios amigos.
Mirei cara a estatua e alí se concentraba de novo a xente: o Antón Risco, Marcial Suárez, o fotógrafo José Suárez, o avogado Amadeo Varela. E máis atrás viñan o Gimeno e o Trabazo, a rir como rapaces ben divertidos... quen soubera de que nova anécdota irán facendo agora brincadeira.
- Dende logo, díxenlle a Carlos, non te podes queixar de non ter agora materia de primeira calidade para as túas “Marxes”. Que envexa o ben que o debes pasar en tertulia permanente con estas xentes...
- Así é, Marcos. Aló enriba hai tempo para escoitar e para contar todas as anécdotas do mundo. Vamos, imos cara o Paseo, que supoño que estará a punto de comezar a Feira do Libro.

7. E chegamos aló, “o río da vida”, como lle chamaba don Vicente Risco. O Paseo. E don Vicente aló estaba, visitando os cafés e tertulias de sempre e rebulindo entre os postos dos libros, en busca de novidades chegadas de toda Europa. Co seu aspecto de sempre, “pequeniño e miudo, intelixente e bo, unha miga beato, intelectualmente audaz e moderno, o home que contribuíu como poucos, non só á exaltación literaria e cultural de Galicia, senón á súa propia creación e configuración como o pobo”, tal como o definiu o seu amigo e discípulo Carlos Casares.

- Ben, Marcos, teño que marchar, que no noso mundo estas andainas teñen que ser breves, senón cansamos de contado. Ademais, ti terás que ir facer ese Pregón á Feira do Libro. Saúda da miña parte a todos os amigos e dilles que estou ben. Que aquilo segue sendo moi divertido. Ademais, nós temos a fortuna de poder ler todos os libros que saen que chegan aló non se sabe moi ben cómo, sempre puntuais, na caixa de correo. E lemos o que escribides sobre nós e os traballos rigorosos dos ensaístas sobre as nosas obras. Teriamos que facer unhas cantas matizacións, iso si, pero, en fin, agora xa non é tempo. É cousa vosa, que o fagades o mellor que poidades. Dáme unha aperta e ata a próxima.
Carlos achegouse ó seu mestre don Vicente, con quen fixera moitas migas no trasmundo tras agasallalo con “Deus sentado nun sillón azul”, e perdéronse os dous entre o barullo dos visitantes. Entre eles, tamén puiden advertir as figuras recén chegadas do profesor Ogando e de Alvarado e Isidoro Guede, dous dos xornalistas máis representativos do Ourense do século XX.
E así quedei eu no medio do Paseo, entre apampado e dubidoso da miña propia saúde mental, sen saber se todo o que vos contei sucedeu así ou só foi un conto dos libros, pero aquí estou en calquera caso. Agora é a hora dos libros e como non é moi seguro que me encontre de novo co amigo Carlos e con todas estas xentes de tanta valía e bonhomía, o único que podo facer, eu e todos e todas os que hoxe me acompañades tan xenerosamente, é ir dar unha volta polos postos dos libreiros en busca das súas obras, e tamén das dos escritores novos de hoxe, que nos han dar, de seguro, agarimo e compaña pracenteira.

Anónimo dijo...

Esta mañá faleilles aos alumnos d' "O divino sainete". Encontro agora isto e só podo expresar dous sentimentos: agradecemento polo crisol auriense; desexo de que, algún día, entre no meu cuarto Luís Pimentel e me leve de paseo. Que careza de inferno o espazo reportado non produce abraio: acaído parece co selo valcarzao.

(Marcos, un favor: se volve Casares, dálle o meu enderezo de correo: interésame moito pórme en contacto con Afonso Eanes do Coton. Dille, con todo, que se é imposible non importa: que habiamos facer nós sen pescudar e imaxinar?).

Anónimo dijo...

Cáseque dan ganas de irse para o Trasmundo. O único problema é que despois non se pode volver para contalo.

David Paz Nóvoa dijo...

Parabéns, Marcos, moi fermoso o paseo polo Ourense eterno. E logo aínda hai xente que pensa que non hai cousas que merece a pena lembrar e conservar. En fin...

Anónimo dijo...

Gustaría de ponderar a similitude entre o arranque do insigne Valcárcel coa descripción do encontro con Carlos Casares con aquel de Cervantes no seu Viaxe do Parnaso a propósito do seu encontro con Mercurio:
Cuando entraba en el puerto, la hermosa
Aurora por las puertas del Oriente
salía en trenza blanda y amorosa.
Oyóse un estampido de repente,
haciendo salva la real galera,
que despertó y alborotó la gente.
El son de los clarines la ribera
llenaba de dulcísima armonía,
y el de la chusma alegre y placentera.
Entrábanse las horas por el día,
a cuya luz, con distinción más clara,
se vio del gran bajel la bizarría.
Áncoras echa, y en el puerto para,
y arroja un ancho esquife al mar tranquilo
con música, con grita y algazara.
Usan los marineros de su estilo:
cubren la popa con tapetes tales,
que es oro y sirgo de su trama el hilo.
Tocan de la ribera los umbrales;
sale del rico esquife un caballero
en hombros de otros cuatro principales,
en cuyo traje y ademán severo
vi de Mercurio al vivo la figura,
de los fingidos dioses mensajero;
en el gallardo talle y compostura,
en los alados pies, y el caduceo,
símbolo de prudencia y de cordura,
digo que al mismo paraninfo veo,
que trujo mentirosas embajadas
a la tierra del alto Coliseo.

Anónimo dijo...

Precioso, precioso.

Anónimo dijo...

E todo, sen sair do transmundo de Ourense.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Pode acompañarse este recorrido cun vo de paxaro sobre Ourense como o que se pode ver en http://maps.live.com/