12 may 2007


ONDE EUROPA SE CHAMA TRASALBA

Andoliña sábado 12 maio (Imaxe de Durero)

Con este título, Ramón Villares pronunciou onte, na Casa Grande de Trasalba, un denso e rigoroso discurso arredor das pegadas europeas nas propostas ideolóxicas dos galeguistas dos anos 30, mesmo sinalando os diferentes matices ó respecto da Xeración Nós, dos seus seguidores do Seminario de Estudos Galegos ou, trala guerra, do Castelao que aposta polo federalismo e a idea europea en 1948 ou, dende outra perspectiva, do grupo de Galaxia e Ramón Piñeiro.
Os galeguistas dos 30, dixo Villares, concibían Europa “como un continente de pobos diversos, de “pequenas patrias”, esas que Solovio imaxinaba bebendo uns grolos de viño espadeiro nunha fonda de Amberes. Un futuro mapa de Europa no que “as fronteiras non eran liñas de aduanas, sinón vidales zonas de transición entre as armoñosas conciencias dos pobos”, no que “ninguen dominaba a ninguén”.

Magnífico o discurso de Villares, moi axeitada a intervención do presidente Touriño e engaiolante a voz de Susana Seivane. Pero confésolles que o momento que máis me emocionou foi escoitar a Abel, Almudena, Manel e Renata, catro rapaciños de Amoeiro, ler as páxinas finais de “Arredor de si”: don Ramón estaría ben fachendoso

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Mágoa non poder estar na sempre aprezada Trasalba. Con todo, unha man amiga achegoume o discurso de Villares. E, en efecto, é un magnífico discurso, excelentemente escrito e repleto de finura analítica, suxestións e imaxes.

Anónimo dijo...

Soame o coelliño.

Marcos Valcárcel López dijo...

O coelliño, Tralaira, é a famosa lebre de Durero que tanto dera que falar o ano pasado? cando a trouxeron dun museo centroeuropeo. Creo que fora tamén o cartel da exposición de Durero no Prado.

Anónimo dijo...

Está no Albertina de Viena, se non recordo mal.

Anónimo dijo...

(Marcos de Auria)
Pois,si, está no Albertina de Viena.É de 1502, acuarela e aguada sobre papel, realzado con branco. 25,1 x 22,6 cm. Din nos libros que a pel do animal, realizada cun finísimo pincel, foi pintada sobre un debuxo previo. O espectador cre- erroneamente- que Durero pintou cada pelo do animal, cirunstancia que contribuiu á inmensa popularidade do cadro (John Berger, "Durero", Taschen).

Anónimo dijo...

Home, Valcárcel, xa coñecía o cadro... Era unha broma porque xa a usou outra vez ¿ou non?

Anónimo dijo...

Os nenos seica chamaron a atención, o mesmo que os xestos e a complecidade de Touriño, parece que ata chegou a lle chiscar un ollo ós picariños cando leían o seu papel.

Marcos Valcárcel López dijo...

Si, deime conta que quizais xa usara esta imaxe cando lin o seu comentario, Tralaira. Sucede que como uso tamén imaxes destas na sección diaria de La Región, ás veces non sei cales están xa publicadas e pode haber repeticións, tamén no blog. Pero o cadro de Durero é tan fermoso que paga a pena repetilo de cando en vez, non?