5 jun 2007



Andrés do Barro.


Andoliña 6 xuño

Hai uns días a TVG emitiu un programa especial dedicado a relembrar a figura do cantante galego Andrés do Barro, falecido no 1989, cando contaba 42 anos. No que eu vin, que non foi todo, tivo certo interese, aínda que o actor Luís Tosar abusou un pouco insistindo niso da estética do dobarrismo. Doutra parte, moitas das versións que alí se tocaron a min gústanme máis na súa interpretación orixinal.
Esta recuperación deste cantante ferrolán non é de agora: hai meses que está en vigor na Radio Galega e no mundo dos blogs de internet. Despois de moitos anos esquecido, agora todo o mundo relembra cancións como O tren, Rapaciña, Corpiño xeitoso ou Teño saudade: de O tren, da que son coautores os letristas Xosé Manuel Silva e Xavier Alcalá, falamos o domingo pasado na sección Cen Anos de Historia Cultural pois apareceu no ano 1969.
O artista coincidiu no seu tempo histórico co nacemento de Voces Ceibes, con Benedicto, Bibiano e Miro Casabella, entre outros. Dende a esquerda facíanse críticas duras contra este modelo de canción comercial en galego, por non comprometida. Hoxe hai que admitir que o ferrolán tiña pezas fermosas. E, ademais, había sitio para todos.

8 comentarios:

Moralla dijo...

A min gustoume (exceptuando a actuación de Silvia Superstar, con todos os meus repetos).
O que máis me emocionou foi o vídeo da neta pequechiña de Andrés xogando co mar e coa area, pareceume precioso e moi emotivo.
Mágoa que o público estivese un pouco apalancado (ou bastante). En xeral pareceume unha homenaxe que os seus familiares non esquecerán e iso é máis importante a fin de contas.
Unha aperta

Marcos Valcárcel López dijo...

Do Barro fala sobre o noso idioma (tirado de A REGUEIFA, unha auténtica enciclopedia do dobarrismo):
En resposta aos moitos email presionando para retomar esta sección con máis escaneos de revistas da época aqui vai esta reportaxe aparecida na revista FOTOGRAMAS en 1971. Unha entrevista feita nada menos que por Angel Casas na que fala entre outras cousas das súas trifulcas con Juan Pardo, das 1.500 cartas semanais que recibe dos fans, dos seus desafines e problemas co directo, dos seus proxectos en ultramar e do porqué de cantar en galego. Para que logo digan algúns que era un produto do Regimen:


"Yo no busco el éxito ni creo que cantar en gallego sea una cosa segura (...) Mira, en mi tierra el gallego está considerado un idioma para el proletariado. Yo he pretendido, con mis canciones, luchar para que desparezca esta imagen de menosprecio hacia mi lengua. Quiero demostrar que no es solo un idioma para los humildes, y, asimismo, que la gente humilde vea que con la lengua que habla se pueden cantar cosas alegres y de hoy"

Moralla dijo...

Iso creo que saiu no programa nun anaco dunha entrevista. Que fermoso e valiente xa naquela época.

Anónimo dijo...

Canto a min (como expoñente individual de actitude, supoño, dun colectivo), Andrés do Barro chocou con dúas ideas-sentimento: apego considerable ao social-realismo; intento de safar do pop como materia cultural impostada.

Explico, que non xustifico. Con permiso, AP-C, do Tony Judt.

O que non sabía era que tivese leas co Juan Pardo. Unha cousa si: non lembro dicir nin oír dicir que fose franquista.

Anónimo dijo...

Este país é curioso. Aquí pasamos do "Non, en absoluto" ao "Si, totalmente" pasando por décadas de esquecemento.
A vida de Do Barro foi moito máis complicada do que podía aparentar. Moi marcada polos antecedentes familiares (militares), as persoas que se aproveitaron del, os seus detractores, e os que finalmente o deixaron tirado. Tamén houbo quen o quixo axudar de bo corazón.
Tamén poderiamos, agora, engadir os que tentan aproveitar esta homenaxe para domo súa (moi lícito, que non se men entenda mal).

Im-Pulso dijo...

É verdade, un sector da esquerda antifranquista tratou con certo desprezo a Do Barro --e a moitos outros, convén non esquecar nin xeralizar--. Perón, ao marxe de lembranzas das que ben poderíamos extraer ensinanzas, o especial da TVG foi oportuno e serviu para proporcionar unha imaxe máis axeitada da Galicia.
A min --como a Moralla-- tamén me pareciu pouco axeitada a versión de "O tren" que fixo Silvia Superstar, mais é outro xeito de interpretar e está ben remexer formas e sensiblidades.
En resumo, coido que a TVG acertou porque o espazo que tan ben conduciu Luís Tosar foi útil para construir ligazóns interxeracionais e para poren valor o autoaprezo dos galegos.
Unha aperta e noraboa polas Uvas na Solaina, é unha valiosa fiestra á cultura viva.

Marcos Valcárcel López dijo...

Grazas polos seus parabéns, Félix Soria, a quen non teño a fortuna de coñecer máis que polos seus escritos na prensa (supoño que se trata do xornalista que asina así). Benvido por esta casa que tamén é a súa.

Anónimo dijo...

Segue vostede por Bruxelas, señor Soria? Ou anda xa por aquí nalgún novo cometido?
Comparto, por certo, a súa valoración xeral sobre a homaxe televisiva a Andrés do Barro. A min os éxitos do cantante colléronme cando tiña trece e catorce anos, de maneira que non estaba ideoloxicamente inducido a pensar mal del. Encantábanme "O tren" e "Corpiño xeitoso", e tamén "San Antón" e "Pandeirada", "Vou a Bueu", "Miña Maruxiña" e "Teño saudade". Máis alá de que cantase en galego, cousa que daquela non me impactaba moito, Do Barro gustábame porque facía unhas cancións pop magníficas. Algúns anos máis tarde, xa cando me metín na política e escoitei falar desdeñosamente de Do Barro, nunca fixen moito caso.