30 jun 2007


Os escritores galegos ante a guerra civil

Presentamos o pasado xoves no Liceo o último libro de Xesús Alonso Montero, Os escritores galegos ante a guerra civil española, 1936.1939. Textos e actitudes (Galaxia). Vou dar agora só unhas primeiras notas.
Para empezar, dicir que Alonso estivo brillante, falou moito, pero non cansou. Mesmo cantou algunhas das coplas populares, franquistas e antifranquistas, que el aprendeu de neno no Ribeiro e que aparecen no libro:
Franco, Franco
Qué cara más simpatica
Me pone usted
Parece un requeté

Tocoume facerlle a presentación e dixen alí que Xesús Alonso Montero está a ter un ritmo de publicación case febril, coma se quixese preparar nestes anos as súas Obras Completas. No libro que comento hai 40 traballos de interese sobre os nosos escritores e as súas posicións ante a guerra civil e ante o franquismo, algúns deles xa publicados noutros lugares e outros inéditos.
Alonso é contundente cos textos franquistas de Risco e Cunqueiro e dedícalle un demoledor apartado ó “señorito” Álvaro de las Casas. Tampouco ten perda o estudo do epistolario en galego (algún franquista escribía cartas en galego) dunha “miña xoia de dereitas” como Francisca Herrera Garrido.
Recupera figuras (sobre as que xa ten publicado máis cousas) como Manuel Gómez del Valle, Evaristo de Sela ou Juan Tizón Herreros, ademais de R. Blanco Torres, Víctor Casas, unha achega emocionada a Ánxel Casal e outros autores.
Hai achegas críticas tamén a figuras como Ramón Cabanillas e Sánchez Cantón, das que se desvean facetas ata agora descoñecidas. E dos antifranquistas Carballo Calero, Ramón Rey Baltar, Carme Muñoz ou Blanco Amor (coa súa oferta do seu salario a Azaña).
Alonso é moi duro con Risco e Cunqueiro, pero entende mellor as “musas do medo” cando se refire a Iglesia Alvariño e a Celso Emilio Ferreiro, mesmo cunha imaxe ficcionalizada do momento en que un capitán lle ordena ó de Celanova escribir versos a favor de Franco que sería publicados en “El Compostelano”. (Tamén Camilo José Cela leva os seus paos correspondentes, por suposto).
Alonso introduce pequenos capítulos case memorialísticos entre eses traballos, onde el, neno, se introduce nesa historia da posguerra con apuntamentos emotivos e ben narrados. Un dos capítulos máis valiosos é o dedicado a don Ramón no exilio interior, de 1936 a 1949, explicando por qué Otero Pedrayo mantivo a cátedra ata agosto de 1937 e todo o que sucedeu despois (houbo valedores de peso: entre outros M. Cerezales e Eugenio Montes). Tamén se inclúe o texto oteriano de A estadea, que Alonso encontrou hai anos no Museo do Pobo Galego.
En fin, un libro imprescindible para a historia cultural deste país. Para coñecer as luces e as sombras dos nosos escritores. Aquí, sobre todo as sombras ...

32 comentarios:

Anónimo dijo...

O estraño viña sendo que Risco e, sobre todo, Cunqueiro se foran de rositas nesto da memoria histórica. Por certo, foi verdade que nalgún momento alguén propuxo ao fillo de Cunqueiro, notario, para dirixir o BNG?

Anónimo dijo...

Agora non recordo o titulo do libro de Cunqueiro pero esta editado en tusquets onde recorda o paseo que fixo por ourense con Augusto Assia. De que falarían debaixo da lua de Ourense?.

Gustavo Peaguda

Anónimo dijo...

Para os que non poidemos por razon de idade escoitar falar a Otero Pedraio, o poder escoitar a Alonso Montero é unha ledicia.

Gustavo Peaguda

Anónimo dijo...

Dicirlle a Gustavo Peaguda que a fundación Outeiro Pedrallo publicou algúns cedeses cos seus discursos e entrevistas.
Todo isto tiña que estar accesible por internet, pero en fin.

David Paz Nóvoa dijo...

O Arquivo Sonoro de Galicia, pertencente ao Consello da Cultura Galega, garda un bo número de fragmentos sonoros de moi diversos persoeiros da nosa historia. Hai algunha mostra de Ramón Otero Pedrayo á disponibilidade do internauta, aínda que debería haber máis.

http://www.consellodacultura.org/arquivos/asg/biblioteca1.php

Saúdos.

Anónimo dijo...

Parece que XM Álvarez Blázquez será o vindeiro homenaxeado no 17M.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Arume: non sei dese rumor que se refire a César Cunqueiro, pero paréceme raro porque estaba aliñado co grupo de Avante e moi á marxe da dirección oficial do BNG. E si, o 17 Maio 2008 será para XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, gran poeta, gran editor, gran erudito (canto lle debemos á súa Escolma de Poesía Medieval) e gran home da cultura galega. Creo que a decisión é acertada, eu alégrome e doulle á miña noraboa a Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a toda a familia.

Anónimo dijo...

Se con "memoria histórica" nos estamos a referir ao proceso, recente, de desempoeiramento de asuntos referentes á Guerra Civil, é certo que non se mencionou a Risco nin a Cunqueiro. Pero a defección do primeiro, e desvencellamento da cultura escrita en galego foi dabondo comentado, como mínimo, nos últimos trinta e cinco anos.

Cunqueiro, en tal sentido, é caso diferente. Por motivos seica non políticos, foi expulsado de onda o poder e co tempo, a base de amigos e insistencia, retornou á casa. Viviu case vinte anos máis ca Risco, e tivo tempo de remozar imaxe e posicións.

É ben que as cousas se saiban. Con respecto a don Álvaro, xa Armesto Faginas, aínda que fose desde a amizade, contara o caso da súa relación con Falange e o franquismo, e non con poucas palabras. O mesmo Celso Emilio foi ben amigo del, antes da ruptura por cuestións que, a risco de disensión, vou considerar máis ben de poética. Cando o fixeron doutor honoris causa en Compostela (episodio turbulento que xa foi evocado aquí) a súa persoa seica recibiu o aplauso dos moi barulleiros e boicoteadores estudantes.

Ou sexa. Que non lin o texto de Alonso Montero -grandemente estimado profesor meu, que deberá aparecer entre hortas e portas se tal recuncho dura-, e as súas valoracións sen dúbida procederán de feitos biograficamente atestados. Posiblemente Álvaro Cunqueiro se acomodou a diversas situacións, ou sobreviviu con proveito. Pero estopa xa se ten feito coa súa figura. Como tamén veludo.

Anónimo dijo...

El gran Don Wenceslao Fernández Flórez era de derechas.

Anónimo dijo...

O libro de XAM non engade moita cousa nova a respeito dunha obra anterior del mesmo, "Os poetas galegos e Franco", que completaba a tese de doutoramento de Rodríguez Fer, " A literatura galega na guerra civil", por certo un libro moi frouxo. É, en efecto, puro Alonso Montero e a súa escola: acumulación descritiva completada con notas de análise formal, contextualización pouco traballada e para nada analítica -con ignorancia supina sobre o que as ciencias sociais e/ou a historia publican e publicaron arredor da guerra civil-, abundancia en exceso de xuízos ad personam e consideracións normativas (este era bo, este era máo, hai que ver que este non fixo isto e si fixo aquilo, etc. etc.). Recoñéceselle a erudición, sen dúbida, e mais a fluída oratoria, xa que XAM é un dos últimos mestres do falar en público que existen en Galiza. Pero pouco máis. O paradigma alonsomonteriano de acumulación descritiva e autoproclamado de xuíz da memoria é, sobre todo, anódino, para nada innovador, e demasiado posuído da idea de que os textos son verdades absolutas xulgábeis só dende si mesmos e dende o presente.
Lamento non compartillar o xuízo benévolo do amigo Marcos, pero sinceramente penso que, con todas as achegas que XAM puido ter feito, e de feito fixo, á sociolinguïstica galega e ao estudo da literatura nacional nos 60 e 70, hoxe en día hai demasiada xente no ámbito da filoloxía e da historia da literatura que, sinxelamente, lle dá mil voltas. E non carga aos leitores con tanta omnisciencia verbo do que estaba ben e mal. Un anaco ten graza, pero dous libros, asegúrollelo, cansan. Sempre é o mesmo. Pero claro, cos santóns da cultura galega está prohibido ser minimamente crítico (en público), aínda que en privado todos sabemos que isto e o de máis alá.

Anónimo dijo...

Está ben eso de que falou moito pero non cansou. xa se sabe o que lle gusta falar a este home.

Anónimo dijo...

En efecto, en privado hai moi pouca xente que fale ben de Alonso Montero, tanto do seu talante como da súa obra. En público as cousas cambian: todas son loas acríticas ao benemérito profesor.

Anónimo dijo...

Eu sería máis indulxente co Alonso historiador da literatura e filólogo se el fose tamén un pouco máis indulxente cos demais. Pero non sei quen lle meteu na cabeza a este señor esa manía de converterse nunha especie de "guardinha" eternamente apostado na alfandega da ética. El é quen valida os pasaportes, a autoridade que di quen pode pasar a Eticalandia e quen ten que quedar nas tebras exteriores da traizón e da incoherencia.
O papel que este home se autootorgou no noso mundo cultural é profundamente antipático. Pero o peor é que tamén é profundamente estúpido e vulnerable. Talvez a alguén estas palabras lle parezan duras en relación co vello profesor ao que tantos ex-alumnos lle están loxicamente agradecidos. Pero, como dicía arriba, non merece indulxencia quen non é indulxente. ¿Non quere "coherencia" este señor? Pois que leve ben dela.

Anónimo dijo...

Non é a primeira vez que leo neste blog comentarios despectivos sobre persoas coma Alonso Montero e Suso de Toro. E case sempre feitos polas mesmas persoas.´

Teño unha tendencia de vello a defender aos minoritarios, sobre todo cando son censurados en público e privado persoas que non o merecen, por moitos sanbenitiños indulxentes que lle colguen.

Dicirlle aos que aquí criticaron a Alonso Montero que incorren non mesmo defecto que lle apoñen a el, é dicir, convertérense en guardinhas do que está ben o que está mal.

A "eticalandia" demóstrase exercéndoa como persoa, cando as ideas e as accións gardan coherencia. A traxectoria de Alonso Montero é, neste sentido, impoluta. Non poderiamos dicir o mesmo das persoas que, desde Galaxia, o criticaban en público e en privado, alcumándoo de pailán. Nin estética nin ética.

Alonso Montero foi un grande divulgador da literatura galega cando outros facían "haute couture" coa cultura galega. Foi pioneiro niso, como tamén en facer un estudo sociolingüístico (con escaso aparello crítico, é certo) sobre o galego, con "O porvir da lingua galega" (1968). Antes diso non había nada, excepto o discurso de Piñeiro.

Alonso Montero é un crítico literario marxista, o cal fai que destaque nun mundo literario como o galego profundamente conservador. A súa obra crítica é e a dun polemista nato, incómodo para o poder cultural galego, algo que veu a remover as augas estancadas dese mundo, onde todos son moi "bos" en público (en privado xa é outra cousa). Foi, por exemplo, unha das poucas persoas que, non exercendo a política, criticou en público a don manuel en moitos anos. Outros facíano en petit comité.

Pódese estar de acordo ou non coas súas apreciacións sociolingüísticas e literarias, pero polo menos sacou a luz problemas, acontecimentos e autores esquecidos. Fíxonos e fainos pensar, e iso é o que se lle pide á obra dun intelectual.

Anónimo dijo...

Concordo con Leituga 1 e con APC. Porén, non se trata de ensarillarnos agora noutro debate "ad personam" e comezar, como fai Swann, co "e ti máis", apoñendo aos críticos que eles son iguais etc. No fondo, vimos dicir o mesmo. O labor pioneiro de XAM cando o estudo da sociolingüística e da literatura galega é indubidábel. A súa erudición, tamén, aínda que máis dunha vez descobre Mediterráneos, por certo. Pero é igualmente certo que, metodoloxicamente, ficou nos anos 60 e 70. E iso de que é marxista mentres os demais son conservadoes (ou vendidos ao imperialismo etc. etc.): o marxismo de XAM é de garrafeira, moi típico daquel marxismo superficial a granel que tiñan moitos intelectuais españois dos 60 e 70. Non hai a reflexión, poñamos por caso, madura e intelixente doutros críticos galegos (un Figueroa ou o tristeiramente finado X. González Millán, por exemplo). E, por certo, para XAM ser marxista é ser do PCE, máis ou menos. Véxase a súa voluminosa obra (tamén descritiva e pouco analítica) sobre os marxistas galegos publicada por Xerais. De acordo coa súa perspectiva, os marxistas e nacionalistas galegos non eran marxistas. Ponto á parte. E non falemos de cando XAM exercía de "un marxista na Corte do rei Fraga", indo a todos os saraos e xustificándose diante dos estudantes e público asistente dicindo que el era marxista etc. etc.

Para compensar ese estancamento de ideas, recórrese á posición de guardinha da ética: este foi un troiticeiro, aquel non, pero sen analisar nin contribuír en moito ao coñecemento do obxecto de estudo. Como esa posición de gardián das chaves da memoria vén avalada por traxectoria antifranquista, xa pechamos o círculo: quen o critique é un vendido a non se sabe que.

Pois non: a ágora pública é o que ten, que pode ser crítica. E iso é sempre bo. Converter agora o debate en "e ti dis iso porque lle tes teima etc. etc." será a usual reacción, propia por certo de mundos culturais hiperprotexidos e pechados, ond e o aire fresco non sempre entra. Coma o noso?

Anónimo dijo...

Cada un é responsable da súa cara, como viña dicindo -con mellor expresión e en mellor ocasión- o admirado e finado Vázquez Montalbán. Alonso Montero puxo e pon a cara, escolleu un determinado perfil no ámbito intelectual da nación, xa hai máis de corenta anos. Probablemente mantén actualmente o mesmo perfil ca daquela, probablemente o paso do tempo debeu exercer algunha influencia, posiblemente esta foi menor do desexable. Ben. E que?

Son da opinión de que os nosos maiores merecen un respecto; aínda que só sexa en consideración a aquilo que lles debemos, que adoita ser máis do que queremos pensar. Igual hai quen considera esta como unha actitude demodée, carne de bisturí que unha deconstrución adecuada da materia cultural deixa presta para adecuada demolición; non é o meu caso: e no asunto Alonso Montero, máis ca exemplo de silencio debido a vaca sagrada vexo eu consideración a unha traxectoria indiscutible.

É obvio que el fixo máis divulgación ca edición crítica. É notorio que valora a miúdo máis en función da ética ca da poética. N' "Os cen mellores poemas..." hai un só de Cunqueiro ("Outono cedeo de gaitas"), faltan o "Rondeau" ás de Vilar de Donas e "Díxome a rula..."; ben máis hai do Antón Tovar ou Curros.

Elixe parcialmente; connota ad libitum. Pero, que eu saiba, sempre deu a cara. Malia ter quedado moito do que souben e aprendín con el, hai ben anos que me encontro lonxe das súas posicións en estética e política. Ora ben: coido que, se non outra valoración, coido que merece outras palabras diferentes das que aquí lle foron dedicadas. Tan semellantes -como mínimo en intención- das que escoitei, a Alonso dedicadas, de certo persoeiro da cultura nacional hai máis de trinta anos. Por iso entendo tan ben algo, en concreto, do que dixo o Swann.

Anónimo dijo...

Falando do tema da idade... creo que a única vez que me cabreei con alguén que criticaba a Fraga foi cando facían burla sobre as súa decadencia física e mesmo senilidade.
Por certo, confeso sen ningún rubor que hai algunhas novelas de Vázquez Montalbán que me gustan.

Anónimo dijo...

Semella que Monsieur Swann tamén se arroga a facultade –tan cara a XAM- de decidir que é e que non é criticable. O esquema é o seguinte: só é eticamente criticable o que eu critico, nunca o que critican os demais, que sempre agochan espúreas intencións. Por outra banda, eu non vin aquí propiamente ningún desprezo, monsieur Swann, senón crítica e sólidos motivos para exercela, motivos que, a súa vez, tamén poden –e mesmo deben- ser criticados.

É totalmente certo que XAM exerceu un vizoso maxisterio como profesor, sobre todo cando estivo de profesor de medias en Lugo: son unánimes os bos recordos que deixou en moitos ex alumnos. E igualmente ten mérito a súa erudición e a súa vocación de divulgador de escritores galegos, así como o papel de pioneiro nos estudos sociolingüísticos e literarios e, sobre todo, de compilador de textos de outros. Por todo isto hai que estarlle agradecido.

Agora ben, se imos alén diso e pescudamos nos alicerces da metoloxía monteriá non observamos atisbo ningún de marxismo: o seu é un positivismo do dato (de raigame decimonónica) e unha acumulación dos mesmos para describilos logo con maior ou menor fortuna. Pero capacidade reflexiva, analítica, moi pouca. O marxismo non é só unha posición política ou ética, senón tamén unha posición crítico-analítica, sobre todo cando falamos de traballo intelectual. Eu nunca lle vin a XAM nin a máis mínima referencia a Raymond Williams, a Terry Eagleton ou a Frederic Jameson, por citarmos só tres nomes cume da crítica literaria marxista. E as mencións a Marx, poucas, meramente epidérmicas. O diagnóstico de Isildur é, creo, inapelable: “o marxismo de XAM é de garrafeira, moi típico daquel marxismo superficial a granel que tiñan moitos intelectuais españois dos 60 e 70”. Isto non obsta para que, con todo, non teña libros interesantes, total ou parcialmente, como a biografía de Luís Seoane, por exemplo. Pero a comparación con Figueroa ou González-Millán, a efectos de capacidade crítico-analítica, é demasiado elocuente como para seguir. Todo este déficit, do que o propio XAM debe ser consciente, tápao arrogándose o antipático papel de primeiro ministro de Eticalandia, aínda que nunca se presentase a unhas eleccións para tal cargo.

Por outra parte, monsieur Swann contrapón a XAM coa súa particular bicha negra: os “galaxiáns”. E igualmente di que é “incómodo para o poder cultural galego”. Isto merece algúns breves comentarios. En primeiro lugar, como se pode dicir, sen faltar á verdade, que sexa incómodo para ese “poder” se o propio XAM forma parte del? Non foi catedrático da USC? Non é membro da RAG? Non publica nas principais editoriais galegas (Galaxia, Xerais, do Castro) sen ningún problema? En fin, que de marxinal e marxinado ten moi pouco. Nada de incómodo. Como moito de cargante pola súa teimosía: de aí que moitos cedan por non ter que aturarlle o rollo. “Cousas do Alonso”, é a expresión máis frecuente. En segundo lugar, XAM colaborou en moitas das actividades e proxectos dos “galaxiáns” e nunca foi marxinado. E se nunca estivo no seu “núcleo duro” non foi por ser un perigoso marxista, senón consecuencia dun episodio ingrato dos “anos escuros”. Aínda así, foi o tan deostado Ramón Piñeiro o principal valedor de XAM para que chegase a ser catedrático da USC. Non leu o señor Swann os múltiples ditirambos e eloxios que XAM, en palabra dita e palabra escrita, lle ten dedicado a Ramón Piñeiro? Poderíase facer unha escolma deles, que os hai e abundantes.

E o de que XAM foi o único que se atreveu a criticar a Fraga, hai que dicir que isto foi tarde, mal e arrastro. Porque durante moitos anos foi, en efecto, “un marxista na Corte do rei Fraga”. Foi na época da pax fraguiana cando máis presente estivo en todos eses saraos de cursos, congresos, ciclos de conferencias, etc., que tanto gusta deosta monsieur Swann noutras intervencións. Nisto Pérez Varela era moi cuco e sabía do valor lexitimador que tiña a súa presenza: mostra de que o PpdeG era aberto, tolerante e amante da cultura galega. XAM proclamaba autoxustificándose ante os auditorios que “eu de maior quero ser marxista”… e asunto concluído. En fin, “cousas do Alonso” e cousas de monsieur Swann.

Anónimo dijo...

En primeiro lugar, dicirlle ao anónimo ora político ora cultural ora literario que eu dei a miña opinión, que non ten por que ser acertada. Así que non me "arrogo" ningunha facultade de dicir o que está ben e o que está mal.
Ten un coñecemento profundo do finiquitado (en boa hora) mundo galaxián, que non ten nada que ver coa editorial Galaxia nin co mundo cultural de hoxe. Aquilo acabou, rematou, periclitou. Espero que nin epígonos queden daquel movimento excepcional (de excepción).
Concordo coas súas críticas á metodoloxía que XAM segue nas súas publicacións. Biografismo, atención ao dato, e xuizos éticos mais que estéticos.Pero non me negará que eses críticos que citou estudaron vinte anos máis tarde que XAM, e xa traían outra bagaxe sobre o que é a crítica literaria.
Por outra banda, vostede emprega adxectivos e descricións na miña "pruma" que eu non empreguei. Eu non dixen que fora marxinal e marxinado.
XAM foi periférico de Galaxia, se lle gusta máis así. Foi sempre coa (súa) verdade por diante, sen a careta ou carauta interesadamente ambigua dos intelectuais da súa xeración que si, efectivamente, como vostede mesmo recoñece, tiñan influencia na universidade e na Academia (así foi a Academia!) naqueles momentos. Pura excepcionalidade, que un comité de "sabios" deciden o que está ben e o que está mal, o que se publica ou non, etc., iso espero que non se volva repetir.
Véxoo moi vencellado a aquel mundo, sr a.p.c...
A min vanme máis os extra-vagantes. Coma don Ricardo Carvalho Calero.

Anónimo dijo...

Na liña -persoal e intransferible- que sigo neste fío, quería engadir unha especie de apostila: levo case corenta anos escoitando falar mal de Alonso Montero.

Non tería eu dezaseis anos, e era o conservadorismo lugués, concepto de amplísimo alcance. Tendo dezanove ou vinte, algún "galaxio" con trinta e tantos e mailo nacionalismo; nunha asociación cultural na que eu era directivo vetouse a Alonso como presentador dun libro. Seis ou sete anos máis tarde, a crítica máis demoledora, por satírica, pública e de exhibición masiva: na ferriniá "Celtas sen filtro". E seguimos.

Recoñézoo: teño rido en varios daqueles contextos, pois a graza era innegable. Como o é que do meu profesor se fala mal aberta e, insisto, publicamente; e está ben, alén de ser inevitable.

Eu só pido un respecto que non nego que haxa. Tamén o recoñecemento que igual se regatea; antipatías aparte.

Anónimo dijo...

Di Marcell Swann: "Pero non me negará que eses críticos que citou estudaron vinte anos máis tarde que XAM".

Pois si, cáseque llo vou negar, mire por onde. XAM naceu en 1928, Raymond Williams en 1921, Frederic Jameson en 1934 e Terry Eagleton en 1943.

Trátase, na miña opinión, de que XAM xa non só non incorporou ningún elemento da crítica literaria marxista, senón que nin sequera leu nada desta, a pesar de encontrarse boa parte dela traducida ao castelán dende hai anos até hoxe.

Se XAM se proclama comunista, pois nada que obxectar. Se se proclama crítico literario marxista, pois é un bluf.

Marcos Valcárcel López dijo...

Súmome á petición de respecto que facía XMG, o que non quere coutar o debate. Pero certas expresións utilizadas poden caír xa nas lindeiras do admisible nesta casa (non a insultos nin ataques persoais á marxe da argumentación político-ideolóxica).

Anónimo dijo...

Sei perfectamente quen son Terry Eagleton e Raymond Williams. Non me refería a eses, senón a outros nativos que cita.
Sobre os comentarios de leituga 1, súmome coas palabras do moderador.
Por certo, no de inxenuo acertou. Estou con eles, maiormente, cos inxenuos. Vostede, pola contra, perdeu esa singularidade no camiño.

Anónimo dijo...

É verdade que a vaidade asexa en todo o mundo, especialmente na xente que profesionalmente vive de verse reflectida nos ollos dos demáis. Tal é o caso dos artistas, dos políticos e dos intelectuais. En xeral, canto máis pequeno sexa o biotopo onde se viva, máis rivalidade e susceptibilidade, e canto máis grande e dadivoso, máis tranquilidade e distensión. Pero hai persoas que non semellan depender grandemente do contexto, e están permanentemente pendentes da súa imaxe e "dignidade", entendendo que todo aquel que non reflicta a imaxe que a el lle gustaría proxectar, é un elemento hostil, un inimigo. Son os enfermos do ego. Alonso Montero é un egópata.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Outro post merece o da crítica literaria marxista: ula?

Anónimo dijo...

Como dixo nunha ocasión o crítico literario polonés Marcel Reich-Ranicki, preguntado verbo do ego dos escritores: "Todo escritor é un porco, xa que é unha persoa que só vive para a súa obra. Pero hai porcos con talento e sen talento, e eu fico cos segundos".
Comparto a chamada do amigo Marcos a que o debate non se desvíe dos parámetros intelectuais. Trátase de xulgar a obra e os posicionamentos públicos de XAM, e non en entrar na súa egopatía ou non, nas súas tachas e virtudes persoais. Teño a miña opinión sobre elas, mais o que me interesa como lector é o que di, e como cidadán o que opina en público.
E é aí onde digo que boa parte da produción ensaística de XAM hai tempo que deixou de contarse entre as punteiras do país. E dubido de que cumpra o labor "espertador de conciencias" que se lle apón. Talvez sería así nos seus anos de profesor en Lugo, non o dubido, e cos seus escritos pioneiros, e mesmo con algún dos seus libros dos últimos 15 anos, como a biografía intelectual de Seoane (quizais do mellor que ten escrito). Pero hoxe en día, XAM pertence, na miña opinión, intelectualmente ao pasado próximo, pero pasado, da cultura galega.
E si, falemos de crítica literaria marxista da de verdade. APC deu moi boas pistas.

Anónimo dijo...

En qué consiste xa non digo unha crítica literaria marxista senón unha clm de verdade? Cales son as súas premisas necesarias? Que as diferencia da socioloxía da literatura ou dun xeito histórico de aprehender o fenómeno literario ou mesmo que relación manteñen cos estudios culturais? De verdade quere dicir pura e ortodoxa ou convincente e rigurosa? Quen decide que é de verdade?
Son preguntas que quizáis agochan un descreimento sobre a utilidade dunha crítica literaria marxista, non dunha teoría que axuda moito á comprensión dos textos, pero non dunha crítica (de existir, ollo, en estado puro ou predominante) que eu atopo un tanto infértil.

Anónimo dijo...

Doume por aludido na xustificada advertencia do señor Valcárcel. Rógolle retire o meu anterior post, no que aparecen algúns calificativos que posiblemente sobordan as necesarias normas deste blog.

Anónimo dijo...

Ten vostede preguntas, amigo Arume, que daría para escribir varios libros... a quen estea capacitado para facelos, xaora.

A falta de que alguén conteste co debido rigor, na biblioteca dunha facultade que coido que lle colle moi man, atopará moitas dúcias de libros sobre o tema que quizais lle aclaren algo, sequera sexa parcialmente. E de paso, pódenos facer un resumo en vinte páxinas e nós dámoslle os preceptivos créditos.

Anónimo dijo...

Coido que da cita do polonés-tedesco que trae a colación Isildur, aquel diría "eu fico cos primeiros". Loxicamente.

Anónimo dijo...

Si, obviamente ficaba cos segundos. Descúlpome polo lapsus e por terxiversar involuntariamente a Reich-Ranicki.

Anónimo dijo...

Conhecim a XAM o día que apresentou o seu livro e paresceume moi duro com Risco. Fora de juizos de valor penso que tem muito que contar e hai moitos que tenhem enveja del. Gostei do seu discurso agás o seu ataque a Risco.
Asdo.- José L. Fernández Carnicero