30 jun 2007


ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González

3. A casa do Martín

Da vintena de rúas que dan á Muralla, case todas van, veñen ou cadran onda unha das portas. É excepción notoria a de Ourense: ancha, dereita, comeza nun dos lenzos de muro máis delongados, entre a Porta Nova e maila do Bispo Odoario. Ao mellor tivo algo que ver coa Poterna de Barras, cegada desde hai moito; en todo caso, comunica dous rueiros de forma e carácter ben diverso, case simbólico: as Casas Baratas (na foto) e as Casas Sindicais.

Cando lle preguntara á miña nai por que aquelas casas tan bonitas eran chamadas “baratas”, contara ela que cando a República fixéranse para traballadores; desde logo, non acabaron sendo obreiros a maior parte dos propietarios, pero co tempo encontrei eu traza posible da primitiva idea: Francisco López Quinte, albanel, firme comunista e candidato ao Senado co Bloque no 77, tiña un dos primeiros chaleciños, acarón do que ostenta discreta e apropiada placa: “Colonia Antonio Miño Seoane. 1937”. Os edificios, albergando unha ou dúas vivendas, certo aire de cottage elegante, ben poden manter algunha aura daquela forma de estado que igual non traía sensibilidade moi galega, pero si intención social e modernizadora. Do pouco que restou, onde menos se pensa.

Desde aquí ata acabar a mencionada rúa haberá trescentos metros. Ao final, dobra un á esquerda e ve coma unha gran caixa de mistos con tellado de colmea; sete pisos. Detrás, colmeíñas similares de tres ou catro plantas e, pechando bloque, outra de sete. Nunha das vivendas criouse Mini, Xosé Luís Rivas Cruz, o barbas de Fuxan os Ventos; bardante o altor aludido, todo é alí cativo: ancho dos predios, tamaño dos cuartos, seguramente o groso das paredes. Queda na memoria, algo impreciso, o que un revocado exterior borrou: en elevado lugar, símbolos da organización nacional-sindicalista (espiga quizá, xugo e mais frechas), letras de grande formato e cifra dun ano: seguramente, 1954. Alí si que vivían obreiros.

Pois a posguerra empezara a baleirar os campos, e a enxurrada que será proletaria desruraliza a medias, a partir da muralla, nomeadamente contra o norte e noroeste. A douscentos metros das Casas Sindicais, os pais de Arturo López Luna, vidos de Caraño e Pol, fixeron casa; no segundo andar, fin dos 70, alugaralles Darío Xohán Cabana, que de Roás e Cospeito fora para Vigo e desde alí volveu coa Amelia, antes de Beluso e Bueu. O pai do meu condiscípulo Arturo púe baldosa, o Darío inicialmente venderá libros, despois fará sindicalismo. Arestora, nos 50 e 60 vai chegando xente coma Martín.

A Gerardo Fernández todos o chaman Martín -o segundo nome- na veciñanza e o traballo. Criado en aldea sarriá por un tío, botou no Instituto lugués tempiño pouco aproveitado. Porén, en anos que non descoñecen o analfabetismo, pasar polo nivel secundario subministra esperanza en materia de emprego: ei-la decepción cando na Residencia Sanitaria, a onde fora recomendado, lle entregan unha farda de conserxe.

Porque o Martín é home bastante mozo, con empuxe que lle dan a ilusión, xeral curiosidade, afán de coñecemento e fondo sentimento relixioso. Será unha das figuras máis coñecidas na institución sanitaria (estimaba ter salvado un home ao observar certo síntoma despois corroborado) e na parroquia nacente de San Antonio. Pesca no río, vai á aldea. No fogar, onde Carme -a muller e cervantega- non é parsimoniosa, o Gerardo sempre anda en algo: labra un peixe con escamas no corno dunha vaca; instálalle despois iluminación interior que cobre cun forro; proxecta copiar certo galeón en miniatura... Así e todo, seguramente o máis célebre foi o da casa.

O Martín e a Carme aforran. Chega o momento no que se pode construír nunha Rúa de Ourense que se estiraba desde os chalés; catro pisos e baixo. Quero supoñer que a obra externa lla realizou un contratista. Porque, desde logo, no traballo de dentro ocupouse el polo menos na primeira planta, e non dou fe de que non o fixese completo. O domingo á mediodía sentaba no chan, touciño, pan e algo de leria por parte de quen chegase; só maiormente, a muller tiña abondo cos nenos que chegaban e algúns vellos que estaban para irse. Un cuarto, outro cuarto; os chanzos da escaleira, a varanda; o pasamáns aínda tardaría. A casa rematouse e alí está. A rúa foi mudando o perfil social, e non moito quedará daqueles labradores proletarizados.

Era primo da miña nai. Cruzabamos a Porta do Hospital (ou Bispo Odoario) xunta o edificio que Eloy Maquieira construíra para Escola de Traballo -á que non fun- e onde acabou instalándose o Instituto “Xoán Montes”, no que dou clase. Fóra, por un camiño entre chantos que sería a Rúa das Anduriñas, acadábanse as Casas Baratas. Lembro a Gerardo cando aprobei o PREU, a aperta e intenso comentario sobre o primeiro da familia que chegaba á Universidade. O Martín quería ser médico, sentíase dotado; foino, éo, unha filla. El, apurado como andaba, xa hai tempo que marchou.

14 comentarios:

Anónimo dijo...

Talvez, os que me van facendo o favor de ler estes textos encontren abuso do rexistro autobiográfico, nomeadamente canto á aparición de familiares en papel sobranceiro. Se así, levan sen dúbida polo menos algunha razón. Direi, se pode constituír descargo, que a evocación é o que ten, aínda que espero variar o rexistro.

No caso concreto do meu primo, seguramente as cousas que conto del poderían moitos contalas doutra xente; e probablemente iso non sexa demérito. En certa medida, Gerardo Martín é expoñente dunha xente, unha época e certas partes da cidade de Lugo que algúns de vostedes han coñecer máis ou menos. En todo caso, aí o teñen.

Anónimo dijo...

Terá que desculparme, amigo González, pero até a tardiña non poderei ler a súa nova achega, pois agora teño que liscar a toda pastilla. Mais os bos momentos non está mal demoralos un pouco. Saúdos.

Anónimo dijo...

Señor a.p.-c. Vostede sempre con presa,parece o coelho con sombreiro e reloxio de bolsiho dos contos...

Mr Troll ágrafo

Anónimo dijo...

Bo texto, digno sucesor dos anteriores. Neste ocasión máis abeirado a semblanzas de persoas e personaxes.

(E si, en parte, amigo Troll, eu son como un personaxe de "Alice in Wonderland", agás a Queen of Hearts).

Xaime dijo...

Cando ollei o título ca foto dunha das casas baratas, pensei rapidamente noutro Martin, que seguramente X.M.GONZALEZ coñece e que tamén vivía nunha desas casas con seus pais de alugados e que era un home con unha pinta realmente extrana, e moi singular, toda unha persoaxe que vos terá agora unhos 50 anos, tatabexo, de baixa estatura, moi moreno,con unhas lentes de gran aumento, sempre cos mesmos pantalóns grises ben planchadiños e que se adicaba a arbitrar os partidos de futbol-sala, de cativos e maiores, e as máis das ocasións con grave risco para a súa integridade, xa que más de unha vez lle teñen arreado.
Esto viña por que o ler o título e a localización, dixénme : o Xosé Manuel e un xenio, vai adicarlle un texto ó Martin, e logo -por suposto- non era ise, era seu primo.
Noraboa

Anónimo dijo...

O Martín que ti dis, Xaime, era (e?; non sei por onde anda) xustamente o fillo de Paco López Quinte, ao que me refiro no comezo desta entrega. Ben o lembrei cando pensaba no pai (por certo, teño entendido que a casa era deles), medio lle quixen dedicar algunhas liñas e non o fixen por certo senso da discreción.

Para os do noso tempo, Martín López era máis coñecido có meu parente; o personaxe, ademais, cadraría ben como prolongación da galería de curiosos que Fole ofrece no "Cartafolio". Pero xa digo, un respecto polos vivos (espero) quere operar nesta serie que -malia a vosa moi agradecida loanza- dificilisimamente se achegará á altura de don Ánxel.

Espero que o meu Martín, polo menos, trouxese para ti e outros a evocación de sombras ou figuras coñecidas. Son parte do meu (noso?) pasado sentimental; do presente, logo.

Anónimo dijo...

Querido Xosé Manuel:
Hai no teu brillantísimo escrito un erro (ou dous) motivados pola distancia (ti es sanroquino e non lamego) e pola razón sinxela de que a memoria nunca é fiel. As Casas Sindicais non se construíron ata 1964. Dou fe diso, pois asistín á súa construcción. No lugar no que se fixeron había un serradoiro e un carril (que despois pasou a ser a rúa Ourense. Tiña eu nove anos cando empezaron a facer as moles de sete pisos e pouco espazo, que en Lugo abraiaban: nunca tal se vira. O Mini non se criou alí. Naceu no 51 e no 64 xa tería trece anos. Moitas das xentes que ocuparon esas casas viñan desprazadas forzosamente de Fingoi, onde nos terreos que eran deles fixeron chalés e casas de dous andares. Como tal, os pais do Xabier Rodríguez Barrio.
Das tres partes da rúa Ourense pódese dicir o que segue: a parte máis próxima á muralla é nova e fíxose nos anos 60 finais e 70 iniciais. Antes eran prados ou casas vellas. Aquel terreo era de Obras Públicas. A segunda parte é das Casas Baratas, e por iso é como é. A terceira parte fíxose despois que as Casas Sindicais, tirando, entre outras cousas, a escola na que estudiei de neno: é unha rúa dereita e ancha porque é a prolongación, por onde aínda se podía e en ambos sentidos, dunha das rúas das Casas Baratas.

Anónimo dijo...

Ben ven os promotores, ánimo mediante, desta serie como se confirman as miñas dúbidas e suspicacias sobre a propia capacidade para saír con ben do desempeño. En efecto, para alá doutras dificultades, a experiencia é parcial e a memoria selectiva, moito máis completa nas escasas cousas próximas ca nas moitas vividas ou coñecidas menos directa ou asiduamente.

E en efecto, de lido vénme á memoria, clariño, o 1964 como data impresa para as Casas Sindicais; por aí lle andaba a lembranza que xa non indicaba segura e aventuraba dez anos para atrás. E o Mini logo, que nacera en Pacios de Begonte, viría para as Sindicais de mozo habitar a vivenda na que eu estiven, se ben recordo, unha vez.

Doutras cousas era consciente, pero non é ben abusar de máis espazo. Eludín falar dos cen primeiros metros -escasos- da Rúa de Ourense por tal motivo, deixando só a referencia ao outro acceso. E hai, obviamente, máis persoas citables: non tiña en mente ao Miranda, que estimaba de máis arriba (saiban que, de neno, el xogaba entre os restos do acueducto de Lucus Augusti), pero si a un terceiro Martín, o máis coñecido seguramente para vostedes: Paco Martín, que viviu, durante anos e ata hai ben pouco no número noventa e tres da tan mencionada rúa, case en fronte da casa que lle dá título ao meu escrito; casa que sería unha das primeiras dese treito final e debeu facerse, espero non confundirme, despois do 64 e antes do 68.

En fin, lugueses haxa para corrixir e darlles a todos conta veraz e interesante desta nosa historia. Suplindo as miñas faltas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Ben ve, amigo XMG, que ten lectores atentos e relevantes. E a vantaxe do blog é que, como nos folletíns do século XIX, ata pode modificar e corrixir sobre a marcha, antes de chegar a unha edición definitiva (en papel libro)

Xaime dijo...

Efectivamente, como di Miranda os dados non concertan pero no relato do Xosé Manuel non se destaca -ou non se debería destacar- a exactitude temporal, senón a triple conexión tempo-espazo-vivencia que coido expresa con gran sinxeleza e soltura.
Cando Cunqueiro nos relata ós seus feirantes, e houbera un blog coma este sería retrucado inmediatamente.
A nosa infancia, xunto co entorno espacial de aquel Lugo -empezo a pensar- Feliniano non debe adoitar datas exactas, debe recabar pegadas, olladas, tristuras e pasións, que non por fidedignas son menos adorables.

Anónimo dijo...

Está ben falar dos Martín,pero non viña mal falar un pouco do Caín que,para a súa desgracia,está xa no "outro barrio".

Anónimo dijo...

Malia vivir nas Casas Sindicais (cando vivía), a súa imaxe percorreu moito Lugo. Probablemente saia algunha outra vez, xa estaba eu no allo.

Anónimo dijo...

En primer lugar, siento no poder contestar en gallego porque no lo sé hablar ni escribir. Espero que lo comprendan. Solo decirles que soy nieto de Antonio Miño Seoane, el promotor de las Casas Baratas a las que se hace referncia, y como datos que no sé si conocen les diré que nació en Sigrás (La Coruña) hacia 1897, y murió en 1957 de un cáncer. Después de vivir en Lugo, estuvo destinado como Delegado de Hacienda en Santander y en Cádiz, que fue su último destino.
Fue una persona muy inteligente y de gran personalidad, aunque ninguno de sus nietos tuvimos la suerte de conocerle personalmente, siempre está en la memoria de mi padre y mis tíos que nos hablan de él.
Un saludo muy cordial desde Algeciras (Cádiz).

Anónimo dijo...

Moitas grazas pola súa participación, se podo dalas eu que non son o titular do blog. Como lugués, agradezo moito igualmente as noticias sobre Miño Seoane, do que descoñecía absolutamente todo menos o nome que preside as nosas Casas Baratas.

Supoño que entende o galego, xa que comenta o artigo. Reciba tamén un saúdo cordial; na esperanza de que, se non o fixo xa, algún día veña a esta cidade e poida ver o Grupo e maila placa que perpetúa dalgún modo a lembranza do seu avó.