20 sept. 2007

aínda aprendo, dicía Goya ( e comezou o curso)

Comezou o curso e todos os anos, por estas datas, pásolles ós meus alumnos de Bacharelato unhas notas e normas previas, unha especie de "contrato mutuo" entre eles e máis eu (onde trato de temas como asistencia ás clases, metodoloxía, avaliación, etc.). O remate desas notas-normas acaba cunha reflexión final e persoal miña que recolle a famosa cita de Goya que figura aquí enriba. Pensei que quizais podía interesar a alguén como definición dunha actitude. Velaí:

5. Reflexión final.

Asistimos nos últimos anos a unha desvalorización total dos sistemas de ensino, que actúa en cadea: desde a primaria ata a Universidade, pasando pola ESO e a secundaria. O nivel de reducción de contidos e de esixencias ameaza con chegar a un grao mínimo de competencia formativa: así, chegan alumnos á Universidade sen os mínimos coñecementos nin o dominio das técnicas instrumentais básicas (ler, escribir, redactar, comprender, etc.). Cara atrás ese proceso é aínda máis grave e semella que as institucións educativas son xa case incapaces de frear a estupidización social progresiva transmitida –con éxito, por desgraza- por tantos programas de televisión-lixo, modas e tendencias destinadas á infantilización total da sociedade e outros subsistemas culturais de masas.

Cando menos polo que respecta a este profesor, ese proceso debe ser invertido desde xa e o nivel de esixencia dos Bacharelatos debe corresponder a este planteamento: unha formación en ciencias e humanidades necesaria e suficiente para preparar o acceso á Universidade e a posterior especialización dos estudos. Co tempo, creo que os propios alumnos/as máis conscientes dos retos do seu futuro inmediato, nunha sociedade altamente competitiva e agresiva nos sistemas de regulación do mercado, rematarán por agradecer esta perspectiva. En canto saian fóra das aulas escolares, verán que o mundo non os vai tratar cos criterios infantiloides e sobreprotectores tan a menudo dominantes.

No Museo do Prado hai un magnífico debuxo de Goya no que se ve a un velliño de longas barbas, encorvado sobre o seu caxato, camiñando con dificultade; hoxe sabemos que representa ao propio autor, só bocexado, nos seus últimos anos. O debuxo leva un intelixente lema baixo dos trazos, como adoitaba facer Goya, que indica. “Aún aprendo”, cando xa ao pintor lle quedaban poucos anos ou meses de perspectiva futura. Esta é a filosofía con que deben ser iniciados e levados a cabo calquera tipo de estudos ou actividade formativa: mentres o ser humano vive, mentres ten alento e pode discernir e dirixir a súa memoria, está sempre a aprender. Ningún segundo é inútil. Por desgraza, no mundo en que vivimos, moitos deses segundos son tamén para “desaprender”. O camiño que iniciamos hoxe pretende aproveitar o tempo ao máximo e facer realidade o soño de Goya: aprender xuntos para seguir a camiñar, para seguir a aprender, hoxe e sempre.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

As súas reflexións parécenme moi interesantes. Moitos ánimos.
Marcel Swann

Xoan da Coba dijo...

O día que non aprendo nada é día non vivido.Só repetido de outro.Cando eramos nenos preguntábamos ¿Canto cromos tés de tal coleción? Dábamos por suposto,sen contar os "repes".Algun pensa que ten coarenta anos e tén quince.

Xoan da Coba dijo...

Son DOUS caxatos.
Na aldea,moitos velliños camiñaban con dous apoios.Pero un deles sempre era unha ferramenta collida polo mango,nunca eran dous caxatos.Deseguro sentíanse así menos "inútiles",habituados como estaban toda a vida a ter unha ferramenta na mau.

Xoan da Coba dijo...

Na Rexión trabucárones e puxeron co este texto a foto do santo Neri.¡Menos mal que non a puxeron ó revés,senón alguén podería ver intenciós diabólicas no erro! XDDD

marcos valcarcel dijo...

PAN POR PAN venres 21 setembro
“Aínda aprendo”. No Museo do Prado hai un magnífico debuxo de Goya no que se ve a un velliño de longas barbas, encurvado sobre o seu caxato, camiñando con dificultade; hoxe sabemos que representa ao propio autor, só bocexado, nos seus últimos anos. O debuxo leva enriba un intelixente lema escrito por Goya que indica. “Aún aprendo”, cando xa ao pintor lle quedaba moi pouco tempo de vida. Esta é a filosofía con que deben ser iniciados e levados a cabo calquera tipo de estudos ou actividade formativa: mentres o ser humano vive, mentres ten alento e pode discernir e dirixir a súa memoria, está sempre a aprender. Ningún segundo é inútil. Por desgraza, no mundo en que vivimos, moitos deses segundos son tamén para “desaprender”. Cóntolle isto ós meus alumnos todos os anos: para que se defendan contra a estulticia, a Televisión-lixo e o infantilismo sobreprotector.