3 sept 2007


Celanova e Trasalba, crónica do 2 de setembro

Iniciamos o ano cultural coa entrega en Celanova, na Casa dos Poetas, do premio a Manuel Lourenzo. A laudatio correspondeu ó escritor Henrique Rabunhal (ben escrita e sentida, quizais un pouquiño longa) e o noso home do teatro respostou dando as grazas e explicando un pouco o que para el era o teatro, o compromiso, o idioma, e todo iso (con lembranzas de F.Pillado e de tantos amigos). Antes do acto na Casa dos Poetas, fíxose a tradicional ofrenda a Celso Emilio nas afóras do mosteiro, cabo do seu busto, acompañada polo grupo de gaiteiros do concello. Falou alí o crítico Ramón Nicolás, editor da poesía galega e do xornalismo de Celso Emilio, cunha axeitada visión do mundo de Celanova a través dos versos do poeta. Ó remate de todo, o xantar ben enxebre e estilo feira na Horta dos Poetas: botouse en falta a Méndez Ferrín, que está a rematar unha conferencia que ten que dar de inmediato na Sorbona francesa, convidado por Alain Badiou, e a outros amigos habituais como Damián Villalaín ou Baldomero Moreiras. Por alí andaban, ademais dos amigos de Celanova, xentes como Xabier Casares, Xoán Fonseca, Luís Menéndez, Luís González Tosar, Pedro Blanco Llano e a sua dona, Neira Vilas e Anisia, Acisclo Manzano, Santalices, a cantante María do Ceo, Santiago Lamas (creo que non quedou a xantar), Paulino Vázquez, María do Cebreiro, Xosé C. Sierra, Gonzalo Iglesias, etc. E algúns amigos de Manuel Lourenzo, claro. O xantar, coma sempre, cheo de anécdotas que agora non se poden resumir: Luis Menéndez falounos con detalle das epopeas dos galegos en América, sobre todo dos pescadores de Malpica no Perú e dos galegos que construíron o Canal de Panamá, sobre o que seica acaba de saír un interesante libro na Barrié.
Ás sete da tarde pechabamos a exposición de Virxilio na Casa Grande de Trasalba cun acto poético-musical. Estiveron, co pintor, Víctor Freixanes e Ramón Villares, en nome do Consello da Cultura Galega. Tocoume presentar o recital poético no que contamos con (excusado Ferrín, polo que antes dixen) Manuel Vilanova, Chus Pato, María do Cebreiro e Víctor Campio. Catro voces ben diferentes, catro alentos literarios que resoaron na Casa Grande, arredor dos cadros de Virxilio. Rematou o acto cun excelente concerto de jazz a cargo de Abbe Rábade Tío, con Abbe Rábade ó piano, José Carlos Ferro ó contrabaixo e Max Gómez á batería. Mesmo houbo un bis de propina. Malós Cabrera quedou en mandarnos algunha das fotos que sacou: se le isto, que non se esqueza do compromiso. Vimos por alí a algúns dos amigos xa citados en Celanova e outros como Afonso Monxardín, Lois Paradelo e Mercedes, a concelleira de cultura ourensá Isabel Pérez, o subdelegado Camilo, Luis Cochón (comisario con Lamas da mostra de Virxilio), Susana Reboreda (coordenadora dos actos), Augusto Valencia, etc. Algúns son contertulios desta casa e poden engadir o que queiran a esta crónica urxente e inmediata. (Os organizadores agasállaronos con esta peziña de Virxilio, dedicada a cada un de nós, que irá a unha parede da miña casa ó carón dun fermoso cadro de vendimadoras que o artista me regalou, tamén dedicado, hai anos).

20 comentarios:

Anónimo dijo...

hahahahahahahahahaha

Anónimo dijo...

E logo, por que se ri?

Estes actos sociais, gusten ou non, tamén son necesarios, aínda que se un acodise a todos remataría coa cachola un pouco avariada. Por iso convén tomalos en pequenas doses.

Anónimo dijo...

Non se pique, apicultor, hai que ter paciencia facendo o mel, e soportar os picores das abespas
Yoli :-D

Anónimo dijo...

De repente, todo esto sona a que a cultura achégase cada vez máis á política, en vez a de a política á cultura.
Algo non marcha ben ...

Nónima.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois non creo que os actos de onte tivesen esa carga política que se quere insinuar. En Trasalba nin sequera estivo a conselleira de Cultura, convidada pero que se excusou (só había unha concelleira local e o delgado, en clave política, entre moita máis xente). E o de Celanova estivo outros anos moito máis "cargado" de políticos, Baltar incluído, que onte. De feito a representación política era máis que xustificada: alcalde de Celanova, en nome da Fundación, como sempre, e delegados de Cultura e Educación, que tamén son patróns da Fundación. Das tres cores políticas, por certo: PP, BNG e PSdG respectivamente. Non, os actos de onte non foron de pasarela política. E ogallá asistan os políticos, sobre todo se é para apoiar (tamén con apoio económico, se é preciso) campañas en defensa do noso idioma e da nosa cultura.

Anónimo dijo...

Disfraces, disfraces, trailalí, trailalá. Entroido entrado todo o ano, trailalí, trailalá. Máscaras e caretas, trailalí, trailalá. Cultos e estetas, trailalí, trailalá. Todo é facilongo, trailalí, trailalá. Paella na Galicia, que non vai, que non vai.
Teño que irme, trailalí, trailalá.

Nónima.

Anónimo dijo...

Escribín o anterior antes de ler a resposta de Marcos Valcárcel. Pero despóis de leela, ¡oh, inspiración diviña, xa queda contestada igualmente!.

Nónima.

Anónimo dijo...

Quen queira entender que entenda, ¿ou será que desde certos pendurados estamentos columnados non se ve claramente?
Baixando, baixando ...

Nónima.

Anónimo dijo...

En efecto, Henrique Rabunhal constrúe, fala ben e debo engadir que procura o encontro cos rapaces cando se encontra en acto escolar. Se le aquí, reciba a aperta dun profesor lugués en cuxo instituto discurseou sobre Murguía o Ano das Letras correspondente. Quede dito tamén que, en efecto, se cadra na tribuna ten certa tendencia á prolixidade ou estira algo de máis; e non o digo por aquela ocasión, na que deu tempo á conversa con alumnos e hóuboa.

Nunca escoitei o trío de Rábade, pero xulgando polo traballo de Nordestinas probablemente pague a pena.

Anónimo dijo...

Canto a Manuel Lourenzo: para o noventa por cen do país seguramente é Melgacho; a min, porén, figúrame sempre o capitán de Zardigot.

Permítome inquirir: algún de vdes. teñen experiencia semellante en relación con Ferrandis/Chanquete?

Anónimo dijo...

¿Canal da Mancha? ¿Non será Canal de Panamá? pregunto,somentes.
Os obreiros que fixeron o Canal de Panamá fixeron famosos os sombreiros de Jipijaca,que logo chamaron "panamás".O Paco Vázquez fixo famoso o seu fai uns anos...

Anónimo dijo...

Eu estiven a piques de ir a ese acto.Coñezo a moitos dos que nomea no artigo.Pero de seguro que a maioría perguntaríame:¿Pero tí que pintas eiquí...? Pero bueno.Paso moitas veces polo Furriolo cando está solitario...

Marcos Valcárcel López dijo...

Vaia lapsus ben parvo: canal de Panamá, obviamente (a mente aínda segue de vacacións?).

Anónimo dijo...

Eu creo que hai que ir alén de quen está ou non está presente nestes actos, e preguntarse polos diversos papeis que cumpren estes actos: a cultura e as políticas de representación, relación cultura/poder político, a cultura como redes de sociabilidade, a cultura como espectáculo, a cultura como estratexia individual de medre social, etc.). E tamén interrogarse pola súa funcionalidade (valen para algo vista a cultura galega holisticamente?).

Vostedes teñen a palabra, que eu xa quedei seco.

Anónimo dijo...

Bravo,apicultor.Gostaríame que desenrolase o "etc."

(Xa sa be o que decía Xaquín Lorenzo:"Eu son o etcétera") (et coetera)

Anónimo dijo...

Home, Xan, se o desenvolvo (o etc.) teño que cobrar.

Xaime dijo...

Os que lle negan valía a estes actos é, ben por que non son invitados ou por que pensan que a cultura galega son eles, só eles e nada máis que eles, que xusto por eso non os invitan
De non facerse habería que inventalos que xa pasamos máis dunha longa noite de pedra sin nada.
Ou será por que, que non-o creo, só pode haber neste actos políticos do BNG, que o parecer son os únicos que lle dan o toque intelectual, revolucionario, comprometido e contrastrado con outo nivel de pureza nacionalista galega.

Anónimo dijo...

Tampouco dixen que non estivese disposto a pagarlle,apicultor.Dígame cales son os seus honorarios por un escrito que desenvolva a idea do seu anterior escrito,e o xeito de facerlle chegar os emolumentos...Digamos que me gosta gastar os cartos nesa clase de couas...

Anónimo dijo...

¡Cantos cartos!
Canto ós cartos.
Cantos cartós.
¿Cantos cartos?
O canto dun duro
Pró can tódolos cartos

Anónimo dijo...

Xa saben que por fin temos no sr Molina-Muiña, ministro del ramo, un valedor (con perdón) de Galicia e do galego no goberno da nación (con perdón tamén).

Que satisfación poder convidar ao novo ministro Molina (apelido de tan grato recordo aos coruñeses) para poder falar coa súa homóloga autonómica para falar dos seus temas. Porque a cultura (palabra que, por certo, non ten que ver nada co peido de cemento do Gaiás) non é sectaria, non si?