17 sept. 2007


IMAZ, ARTUR MAS, GALEUSCAT
La Región 17 setembro (o cartel da guerra civil en Euskadi é de Carmona)

Cataluña. Falabamos esoutro día, nun Pan por Pan, da radicalización do discurso nacionalista en Cataluña, que chega a figuras como Maragall ou Artur Mas. Colegas que traballan en Barcelona relativizan esta interpretación, afirmando que hai moito de “radicalismo estético” en Maragall e que CIU xoga coa tensión en dúas liñas: dende o soberanismo á conquista de competencia e orzamentos para o país. Por outra parte, é ben sabido que nos nacionalismos hai sempre “dúas almas” que abanean entre o independentismo e posicións máis moderadas e pragmáticas: foi así nos tempos da Segunda República e segue a ser hoxe. Haberá, pois, que agardar para saber en qué queda este radicalismo catalán, pasada a retórica dos discursos da Diada. Non cremos que o mapa político catalán permita demasiados movementos bruscos, como parece insinuar Artur Mas, dado que cadaquén garda celosamente o seu espazo electoral (ERC) ou con firmeza as súas posicións clásicas (Josep Antoni Durán i Lleida, por parte de Unió, que non quere saber nada de mesturas con marxistas ou socialdemócratas).
Josu Jon Imaz. Nesta semana produciuse a carta de renuncia de Josu Jon Imaz e reflectiuse o difícil que resulta manter lideratos fortes no nacionalismo vasco, aínda dende o goberno. Lembren a ringleira de nomes: Arzallus, Garaicoechea, Ardanza, Ibarretxe, Imaz, etc. Este último propugnaba un modelo de nacionalismo pactista e pragmático, pero que non renunciaba as súas posicións soberanistas. Ademais, tiña moi claro que ETA sobra no País Vasco e que non se poden planear medidas de cambio de estatus xurídico mentres a violencia non desapareza de Euskadi. A súa carta de renuncia á presidencia do PNV é un modelo de documento político de alta talla intelectual e sentido común: “Creo nunha Euskadi na que os diferentes sentimentos de pertenza dos que compoñemos a sociedade vasca convivan compartindo un proxecto de país, cuxo futuro constrúamos entre todos. (...) Traballo por unha Euskadi na que a nosa identidade vasca se constrúa en base a valores nun mundo cada vez máis aberto e complexo, no que o amor ó propio non nos leve a construír o futuro contra ninguén. Como esa árbore á que equiparaba a súa obra o universal escultor Eduardo Chillida, enraizado na terra vasca pero coas súas pólas e follas abertas ó mundo”. Chapeau por J.J. Imaz! Pouco favor lle fixeron Zapatero e outros destacando “o luxo” de ter un dirixente como Imaz no PNV. Que vai pasar? Fálase dun pacto interno no PNV entre os sectores máis radicais e máis moderados (Eguibar versus Urkullu) para evitar a división do partido: oxalá dean coa mellor fórmula para o futuro de Euskadi e para o conxunto español.
Galeuscat. O BNG, na etapa Beiras, abriu portas co pacto entre os tres nacionalismos periféricos autodenominado Galeuscat. Aquel pacto serviu para presentar o BNG en sociedade e “moderar” a súa imaxe: ó cabo PNV e CIU son partidos moderados e non marxistas, aínda que poidan promover políticas sociais progresistas. Hoxe o BNG é o mellor situado na negociación dos orzamentos do Estado e un aliado fiel de Zapatero e debe xogar esa carta con intelixencia: Galicia non debe quedar atrás, como tantas outras veces.

10 comentarios:

Xosé M. González dijo...

"Este último [Imaz] propugnaba un modelo de nacionalismo pactista e pragmático, pero que non renunciaba as súas posicións soberanistas". Adecuado e significativo. Fronte ao interesado simplismo do mundo mediático e político español (neste caso, e por desgraza, apenas sen excepción), cómpre en efecto puntualizar estas cousas.

Porque da mesma maneira que no mundo non só hai bos e malos, ao debate de tendencias no seo do PNV cádranlle mal as estiquetas "os do monte" (independentistas) e "os que están comigo" (que en absoluto); se un quere ser útil á convivencia e medianamente veraz, iso si.

Anónimo dijo...

Mágoa que o BNG non teña un grupo nas Cortes de 5 deputados (xa non digo máis)...

Xosé M. González dijo...

O das famosas "dúas almas" é tema interesante. Digamos previamente que non son tantas, vendo o que adoita haber por aí adiante: Rato vs. Acebes, vs. Piqué, vs. Gallardón, verbi gratia; Zapatero, Bono, Ibarra, Obiols. (De que alma serán José Blanco ou Carlos Príncipe?, dubido).

Volvendo aos así chamados nacionalismos. Por veces parece cuestión estratéxica, máis de medios ca de fins: o PNV, por exemplo, declárase independentista, e quen non o sexa dalgunha maneira, ou deixe de selo, non é ilóxico que acabe nunha incómoda posición que pode rematar ao estilo dos Guevaras ou Joseba Arregi; de vello se fala dos da Comuñón e os de Aberri, pero os papeis poñen o que poñen.

Noutros casos, pola contra, a diferenza debe ter máis calado político: lembremos que Pere Esteve (q.e.p.d.) coincidiu partidariamente con Miquel Roca i Junyent; pasou o que pasou tamén con aquel, por certo.

Aínda que ás veces colidan, as famosas dúas almas adoitan equilibrarse mutuamente nunha proposta que se pretende emancipadora. Mutatis mutandis, adoita acontecer algo semellante noutros grupos, distribuídos así mesmo en pólas.

Chámame a atención o de Euskadi estes días; xa dixen no seu momento que o que di Imaz non é tan diferente do que propón Ibarretxe. Quitando a oportunidade, posibilidade e carácter do referendo, xaora; e o símil de David e Goliat, onde -para o meu gusto- non se luciu un Josu Jon que faría ben en non fiarse das louvanzas na prensa española, cousa sobre a que o supoño perfectamente ao tanto. Á fin e ao cabo, no seu día tamén enalteceron a Atutxa, polo por caso.

Leituga 1 dijo...

Non sei, señor González, se non estará tamén vostede a deixarse atrapar polos reducionismos que lle apón, con razón, a outros. Dígoo porque non sei de onde saca vostede que "o PNV declárase independentista". Non coñezo ningún documento en vigor dese partido no que se declare tal cousa, a non ser que sexa o mesmo ser "independentista" que pretender "a recuperación da soberanía nacional". Pero non debe ser exactamente o mesmo, na medida en que a ponencia política do PNV (de 2007) sinala como posibilidade aberta polo exercicio futuro da autodeterminación non só a independencia (constitución dun Estado vasco), senón tamén a soberanía compartida e desenvolve, a continuación, as liñas mestras do que debería ser o Estado plurinacional. A palabra "independencia" só aparece unha vez nese texto de 40 páxinas e non precisamente para facer alusión ao estatus político desexado polo PNV.
Quen si se declara "independentista" sen ningún tipo de cautela ou "medias tintas" é Eusko Alkartasuna, pero non o PNV. O das "dúas almas", por outra parte, non é un invento da prensa, senón un lugar xa común na historiografía vasquista, que trata de dar conta con esta expresión da convivencia histórica no seo do PNV, practicamente dende a fundación do partido, dunha liña independentista e doutra liña "pactista" ou "autonomista", que non cifra na separación política de España as arelas redencionistas da patria vasca. José Luis de la Granja é autor de varios interesantes libros sobre estas cuestións.

Anónimo dijo...

Apoio do Bloque ó plus de altos cargos polo ben do goberno

Aclaroulles por carta ós militantes a polémica reforma da Lei da función pública

. XAIME LEIRO

A polémica modificación da Lei da función pública entrou onte en vigor, pero os conflitos suscitados ao redor da súa aprobación seguen coleando. O texto, impulsado pola Consellería de Presidencia, que ten ó socialista José Luís Méndez Romeu á fronte, establece un plus de 15.000 anuais para os funcionarios que sexan altos cargos, un aspecto que levantou ronchas nas filas nacionalistas, aínda que finalmente pecharon filas no apoio á proposta dos seus socios de Goberno na Xunta para non danar ó executivo.

Os nacionalistas víronse obrigados, dado o debate público xerado ao redor do denominado plus dos ex altos cargos, a transmitir por carta ós seus militantes unha aclaración co obxecto de arroxar luz "sobre cuestións transmitidas de xeito confuso". Segundo a misiva, a denominada consolidación de grao para os altos cargos, leva 17 anos en vigor no Estado, ó ser introducida nos orzamentos de 2001 cando o PSOE de Felipe González dispuña de maioría absoluta.

A consolidación do grao para os funcionarios que sexan altos cargos da Administración de Galicia, agrega o documento, levouse a cabo co Goberno do PP no ano 1998. Recentemente, subliña a formación frontista ós seus militantes, aprobouse a nivel estatal o Estatuto básico de empregado público, que ampliaba a consolidación a novas categorías de altos cargos e, esta norma é de aplicación no conxunto das administracións autonómicas, e, xa que logo, tamén en Galicia.

Un aspecto no que fai fincapé o Bloque na carta é en que o proxecto de lei de reforma da Lei da función pública en Galicia pactado entre o PSdeG e o Bloque Nacionalista Galego "non contiña variacións con respecto a este tema e merecía globalmente apoio". Pero, na súa tramitación parlamentaria o PP presentou unha emenda, que despois foi transaccionada co PSOE.

marcel swann dijo...

Como lin por aí nunha web na que falaban sobre este tema:

Yo te doy cremita
tú me das cremita...

Xosé M. González dijo...

É de ver que cometín un abuso da literalidade, sobre todo coa expresión "os papeis poñen o que poñen", porque, en efecto, desde o relatorio político do 2004 non se usa nestas declaracións de calado a palabra "independencia". Con todo, reitero a esencia do que dicía e tentarei expecificar con brevidade -espero non trivializar- o porqué.

Primeiro, a tal palabra e o tal concepto revisten considerable forza, non só simbólica, no universo jelkide: tal e como quen a defende na súa acepción máis corrente non se priva moito de utilizala, non hai boa equivalencia en sentido contrario. O mesmo Josu Jon Imaz matiza que independencia agora non significa o mesmo ca hai décadas, que é unha maneira de non distanciar o termo; Iñaki Anasagasti, o primeiro jeltzale a quen eu lle escoitei cuestionar dalgún modo a doutrina clásica no partido, non negaba hai poucos anos (en entrevista televisiva enfronte de Isabel San Sebastián) que o seu partido procurase a independencia; só Josu Erkoreka, e ben recentemente, se distancia explicitamente de tal "horizonte", que foi como falou el. Cito tres dirixentes de considerable relevancia e considerados, en xeral, como dos "pactistas", termo que desde logo non é meu.

A cuestión sería ver que valor se lle outorga ao termo "independencia" arestora; penso que é cuestión pendente de actualizar, pero non particularmente polos nacionalismos: a outra parte adoita dar por sentada a súa equivalencia a secesión, se cadra de forma interesada, se cadra menos. En todo caso, a presenza directa da nación vasca en Europa, e a tipificación da nación vasca como xentes e territorios actualmente integrados ou dependentes de dous estados e tres administracións europeas, resulta principio que forma parte esencial e explícita do que é arestora o PNV. Maniféstano inequivocamente tanto Imaz coma Urkullu.

Xa di este que non son só dúas "almas". Hai voces que pouco se escoitan e paga a pena buscalas por veces. Mitxel Unzueta é un deles; José Ángel Cuerda tamén. Outras foron de tal modo deturpadas que só o recurso á fonte produce algún efecto en termos informativos: o caso de Xabier Arzalluz. "Así fue" seguramente produciría considerables sorpresas; lástima que tan poucos o lesen por aquí, segundo aparenta.

Félix Soria dijo...

Xa é norma en As Uvas na Solaina: os seus son textos que aportan elementos para pensar. Só quero facer tres acotacións.
Primeira, coido que facer comparacións entre os nacionalismos vasco, catalán é galego é unha práctica de risco --necesaria pero de risco--, non tanto polas diferencias ideolóxicas entre as tres formacións citadas por vostede como polo pasado das tres nacións, nas que as diferencias son moi profundas e afectan ás sociedades, ás economías, ás culturas, etcétera e mesmo ás formas de facer política (e tamén ás deformacións políticas).
Segundo, na miña opinión urxe falar e face-lo con profundidade do nacionalismo español --non falo do nacionalismo castelán, que é outra cousa--. O españolismo está a renascer desde finais dos anos oitenta --en grande medida grazas ao felipismo--, e agora mesmo é o factor máis desestabilizador das Españas como territorio de convivencia.
E terceiro, se temos que mirar cara ao futuro, o problema non son os nacionalismos catalán, vasco, galego ou castelán, senón o españolismo, que en moitos aspectos é fillo dun segmento social e dunha caste política que ten a súa base na cidade-embigo de Madrid e nas corporacións e grupos de poder alí "aposentados".
Para rematar, o máis curioso e característico do españolismo é a ausencia dunha nación propia no senso etimolóxico do vocablo, pois España --mesmo Franco o recoñeceu de xeito administrativo e institucional-- é un Estado. A expresión "Estado español", aínda que moitos non o lembren ou non o queran lembrar, foi unha das preferidas e a máis utilizada polo réxime nacional-católico.

Xoan da Coba dijo...

Copio comentario escrito por xose manuel baltar na súa propia páxina (wwww.manuelbaltar.com):

Política en galego dise pacto, de Bieito Rubido
Acabo de leer a publicación, da colección XXI de Biblos clube de lectores, de Bieito Rubido, xornalista ex-director de La Voz de Galicia, sobre as pasadas eleccións municipais en Galicia. Sobre a base de determinados datos fai unha análise, subxectiva como calquera, dos comicios locais de maio en Galicia e do pactismo imperante co obxectivo coñecido de impedir que goberne o PP. Trátase dunha extensa información periodística que, como asegura o autor, "non pretende ser un sisudo traballo sobre o comportamento político dos galegos". Interesante.

Anónimo dijo...

JORDI PUJOL...y Artur Mas

Por Rafael del Barco Carreras

He oído que enfadado con Artur Mas y Antoni Durán Lleida les amenaza con volver a tomar las riendas. Podría presentarse a las elecciones con ...JAVIER DE LA ROSA, de Conseller de Desarrollo, Juan Piqué Vidal en Justicia, de Presidente del futuro Poder Judicial en Cataluña a Luis Pascual Estevill, y para consellé de la especial sección "Coordinaciones delincuenciales" a Antonio, el hermano mayor de Javier, al que también pagó la Generalitat sin trabajo conocido...y unos cuantos que personalmente me afectaron menos, como Masiá Alavedra, Prenafeta, Farreras, Alegre, Cullell, Romá, Subirá, Oller, Hortalá...etc...etc... y tantos amigos de Javier y Piqué Vidal que formaron el "Club de los Mentirosos" según el piadoso título de la biografía de Pascual Estevill, escrita por el periodista de El Mundo Félix Martínez...

ver www.lagrancorrupcion.com