4 sept 2007


Umbral, xornalismo, literatura
Andoliña mércores 5 setembro
Sorprendeume, pero só en parte, o tratamento informativo da morte de Umbral: máis ben escaso, agás o xornal no que colaboraba a diario. Coñezo ben a obra de Umbral e ten pezas maxistrais: á cabeza delas “Mortal y rosa”, o libro dedicado ó seu fillo morto, en 1975. Ademais, na xinea de Larra, Umbral foi peza fundamental do xornalismo literario neste país: contounos o final do franquismo e os inicios da transición, tamén en varios xornais galegos. Umbral formou na mellor xeira de cronistas da democracia, ó carón de nomes xa desaparecidos como Manuel Vázquez Montalbán e Eduardo Haro Tecglen, ademais das crónicas parlamentarias de Luis Carandell.
Que sucede, pois? Primeiro, que o escritor foi subsumido polo personaxe literario, como lle sucedeu a Cela e a Valle Inclán noutro tempo. Ademais, nos últimos anos Umbral puxo á súa pluma ó servizo duns intereses mediáticos e políticos moi concretos, os dos políticos que foron ó seu enterro. Moitos dos seus amigos de esquerda viviron ese proceso abondo abraiados e agora escriben del con doses calculadas de admiración e noxo. Como sempre, tamén por Umbral, o tempo dirá: ese gran escultor, na atinada e fermosa imaxe de Marguerite Yourcenar.

8 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Supoño que esta minicolumna será polémica porque Umbral non ten hoxe moitos admiradores entre o pensamento máis libre neste país. Pero pareceume xusto dedicarlla, aínda que só fose polo que supuxo na historia do xornalismo literario español.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Creo que os artigos que mellor resumen a razón dese silencio son os dous do domingo no país (poño en pequeno, porque anda doente) de Javier Rioyo e de Elvira Lindo. Moi diferentes, pero ambos explican a relación de admiración e noxo, a partes non iguais, que mereceu Umbral. A frase de Rioyo de que sempre atopou as palabras xustas e tamén as inxustas é do máis exemplar.
Eu sempre gustei de Umbral (non todo naturalmente) e teño que dicir que a súa Leyenda del césar visionario, unha especie de biografía de Franco e relato do falanxismo de postguerra, que foi do pouco que lin del, non estaba nada mal. Probablemente porque foi o que escoitou no Gijón onde moraba a falanxistada toda da intelectualidade española. Cela, por suposto, incluido.

Anónimo dijo...

Eu lía a diaro o Umbral da Región,fai xa tantos anos,sempre na contracapa,a carón dun dibuxo de Forges.Eran artigos deliciosos.Quedéime con moitas daquelas frases para consumo propio e aínda hoxe lembro moitas delas.Claro,era o descobrimento dun estilo.Nos últimos anos repetíaseme moito máis.Pero aínda así era raro o artigo séu que non tiña unha ou dúas perlas aproveitables...

Anónimo dijo...

Admiración e noxo de Elvira Lindo e outros?!!! Pero se todos estes sucedáneos epigonais (incluído algún que emborrancha coartelas nun xornal galego) lle están a copiar o estilo!!!! Encántanme estes progres de El País... e os silencios da prensa galega.

Anónimo dijo...

Tranquilo, amigo Valcárcel, pola suposta polémica, que Felipe Senén tamén lle dedicou en "La Opinión" un artigo moito máis entusiasta co seu.

Anónimo dijo...

Umbral era un escritor moi coñecido e lido, extrañoume o pouco eco do seu pasamento. Neses días chorábase a morte dun heroe postmoderno, un futbolista.

Marcos Valcárcel López dijo...

A QUEN POIDA INTERESAR, O ARTIGO CITADO DE FELIPE SENÉN:
O LABIRINTO DO ALQUIMISTA
Umbral, un cadáver exquisito
VOTE ESTA NOTICIA



la opinión
Felipe Senén Otítulo ten autoría no mesmo Umbral respecto ao seu admirado Cela. E nese carrusel da vida, hoxe resulta tan exquisito o cadáver de Umbral como o de Cela no seu día. Coas palabras pódese xugar, buscar ritmos e distorsións na mensaxe deica bater nas conciencias do lector. O caso é que o pasamento de Francisco Umbral moveu sensibilidades e axitou a república das letras e quen máis e quen menos trinchou no funesto acontecer. Sobre Francisco Umbral, pouco se pode dicir que non se tivera dito xa. E quen mellor o dixo foi il mesmo sobre si. Francisco Pérez Martinez -co suxerente seudónimo ou o alias de Jacob Bernabeu e o consagrado de Francisco Umbral- falando en pasado, foi personaxe contrapelo, polémico, que resposta ás éticas e ás estéticas que caracterizan a segunda metade do século XX, onde o inconformismo e a protesta se expresaba nas rúas, entre a música beat, vietnamitas, algarabías e moitos outros experimentos. Madrileño de nación ("Nación es donde se nace, pero los políticos han convertido esa tierra entrañable en un cementerio. Nación es donde se muere", escribía), con xuventude en varias partes, pero fundamentalmente en León e Valladolid. Miguel Delibes descubre e potencia o talento daquel enfant terrible que terá como norte e asento o Madrid da castiza chulería, epicentro e capital de provincias, e que para os provincianos buscadores de aventuras creadoras ten catedral no Café Gijón, por onde tamén pasaban con certa asiduidade Laxeiro e o C.J. Cela que lle abriu portas e do que dixo "Cela me enseñó a vivir". Compañeiro inseparable, dende o seu casamento no 1959, de María España Suarez Garrido, fotógrafa de El País, autora dos seus mellores i expresivos retratos fotográficos. Dende o seu retorno a Madrid, no ano 1961, publicou en Interviu, El País, Diario 16, El Mundo... Nas súas obras verteu seu exotismo provocador como reclamo de existencia, deica inventarse a si mesmo: aquela chalina branca, de chulo de Lavapiés, fíxose inicialmente barato e descoidado fular hippie e posteriormente de dandy, de seda ou cachimir... botíns e anteollos de cu de botella en montura de pasta que lle daban un aquelo de Valle inclán. Ollos gastados na lectura. Peripatético por Recoletos ou entre os libros e os libreiros da Costa de Moyano, por Barquillo... ou sentado nun pub diante dun largo de gin adentrándose en arqueoloxías do acontecer. Con fama de bebedor e puteiro. Vozarrón de sete estralo en parsimónica liturxia egocéntrica, na onda da insolencia e a pedantería narcisista dun Cela. Tras a máscara malhumorada, dise que ocultaba a tenrura e a leria orixinal. Repetía a Baudelaire: "Hay que ser sublime, sin interrupción"... e xustificaba "No somos sinó una sucesión de esbozos... y trás el útimo esbozo... mueca... viene la máscara de la calavera".
Pluma de aceiro albaceteña, templada no Pisuerga puceleño e no Manzanares. Cronista desa franxa que vai da dolce vita á movida madrileña, dos tugurios de Arguelles ou Malasaña aos salóns glamurosos dun país machista que hoxe marcha detrás do cu dunha Mar Flores, Ana Obregón, Norma Duval de turno... escribía él. "Amado Siglo XX" saída no marzo pasado é un saudoso e derradeitro paseo polo paraíso perdido do seu tempo e do seu Madrid, cando xa avistaba no horizonte os heraldos negros da morte. Finalmente descubriu a paz do eremita na súa dacha de Boadilla, a sempre añorada a peripatética divagación orteguiana, o paseo solitario, pensativo, para axitar as ideas, tal cal Unamuno, Azorín, Machado... Amigo e compadre de Aghata Ruiz de la Prada e do seu consorte Pedro J. Ramirez, de Ramón Tamames e pouco máis.

Gostamos da obra de Umbral, de seu espíritu contrapelo, sen medias tintas nen reparos, ao natural, máis pola forma que polo fondo. Mesmamente este Tauro, nacido no mes de maio dun ano indeterminado da España de preguerra, resumía os vicios, os sete pecados capitais campantes polo coso ibérico. Machista e españolista sin par. Inconformista e conservador á vez, sen ligarse a ninguén, a non ser a súa máquina de escribir. Tras el a experiencia de ser mozo franquista prologado por Dionisio Ridruejo, adolescente roxo, ácrata e finalmente surfista nas ondas do PP. Literatura para ler e non para entreter, que o consegue tamén, recollendo os vellos saberes de Quevedo e o estilo das trifulcas douradas entre Lope e Góngora, identificándose con Larra, pasando polo parisino europeismo existencialista de Jean Paul Sastre, as pingas da bonomía castelán de Delibes e a socarronería de Cela, con tics de Pemán e Ruano, aos que reivindica. No Umbral que ribeirea o cotilleo rosa, o costumbrismo antiburgués, había de todo entre metáforas e trazos impresionistas: sensibilidade, amargura, acidez, burla... e moito máis. Singularidade feita ironía en tempos e país carpetovetónico, tendente a macdonalizar (globalizar) e perder raiceiras. De este extremo occidente, respectado lugar de nación de Valle Inclán, tivo como amigo ao escultor lucense Otero Besteiro, o autor da cama de auga, que tanto fixo cavilar a Umbral... un frío e mollado leito de mármore, como unha tumba na que dormitar os desacougos do noso tempo. Nalgúnha ocasión, alá polos primeiros anos setenta, nunha conferencia súa no Hostal dos Reis Católicos, non sei con que, provocou e arredor del ciscáronse pesetas rubias...

Umbral cangaba ás costas a morte do seu fillo de seis anos por leucemia, fito que o fendeu animicamente, pero que aguillou o nacemento de Mortal e rosa (1975), tida como a súa mellor obra. Entón deixou de banda a bohemia madrileña e recluíuse algo máis. Correspondía a quen lle correspondía, incluso a aquelas marquesas, pititas de saraos e cócteles, ás que tanto criticou dende as rúas polas que baixaba cada mañá a mercar o pan de cada día, acometéulle a políticos seudoprogres, a académicos que non lle chegaron a dar unha cadeira na Academia, por rebelde e pese a anovar un castelán empobrecido. Conformouse co seu vello sillón de xuncos, encadrelado por xitanos. Lembramos un dos seus derradeiros artigos, o dedicado ao recén nomeado ministro César Antonio Molina, construído equilibrando cal e area en esperanzas.

Moito ten influido Umbral na anovación do articulismo, seguido por sucedáneos, pero ninguén con tanta tradición, con tanta policromía e sensacións nos ritmos das verbas que constrúen a linguaxe. Tanto atraeu á república das letras a lectores de Marca e As, como de Joyce. Pra enxergalo cómpre lelo, tomalo devagar, como cando se catan os bos viños.

Seu sepelio foi discreto, con poucos coches oficiais, menos troncos, vedettes e amigos... namentres os medios detíñanse noutro acontecer, a tomatina de Buñol, o sesenta aniversario da morte de Manolete, a morte inesperada e sentida dun mozo futbolista, o euribor... as rebaixas de temporada... a Marisol de Un rayo de luz, na noite do franquismo... temas que poideran estar na crónica mañanceira de Umbral, con arrecendo a pan quente... mais xa eterno po cósmico namorado, galaxia e ronsel de crónicas.

Felipe Senén é museólogo e técnico de Xestión Cultural

Anónimo dijo...

Pois quizais sexa esta de Felipe Senén a mellor necrolóxica das que levo lido sobre Umbral. Non lle coñecía eu ao Senén estas trazas de escritor, bastante umbraliano, por certo.
Engado algúns detalles que el omite sobre a relación de Umbral con Galicia: Carlos Oroza e Uxío Novoneyra son tamén personaxes que transitan pola súa "Travesía de Madrid", libro memorialístico que lin no seu tempo e que me parecera, daquela, espléndido. Tamén se conta que Umbral deixou de escribir en "La Voz de Galicia" cando o propietario dese xornal decidiu botar de mala maneira a Pillado, o director que conduciu o periódico na transición. Quizais eses vellos rancores expliquen a mínima trascendencia que "La Voz" lle concedeu á noticia da morte de Umbral.