21 oct 2007






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL



1981: Dorna. Nace o Premio Blanco Amor.


Todos lembramos 1981 como o ano do "tejerazo" (e logo a Loapa), sobre todo os que estabamos no servizo militar daquela. Pero no 1981 pasaron cousas mellores. Foi daquela, por exemplo, cando se puxo en marcha o Premio de Novela Blanco Amor instituído por un grupo amplo de concellos galegos: o primeiro gañador foi Daniel Cortezón, con A vila sulagada. Ademais diso, a narrativa foi abondosa: Ánxel Fole publicaba Historias que ninguén cre, ademais do seu Cartafolio de Lugo, a mellor mostra do seu xornalismo. En Xerais, que acubillaba a maioría dos novos títulos do xénero (colección Montes e Fontes), recuperábase Néveda, de Francisca Herrera Garrido, e aparecían novos títulos como Breixo, de Alfredo Conde; A chamada escura dos caborcos, de X.M. Martínez Oca; Corrupción e morte de Brigitte Bardot, de Xosé Fernández Ferreiro; A semancia, de Xoán Ignacio Taibo; E agora cun ceo de lama, de Paco Martín, e Relatos pra salferir, de Afonso Pexegueiro. Outros títulos do ano foron A ceo aberto, de Fernández Ferreiro, e Froito das lembranzas (premio Galicia 1980), de Tucho Calvo.

(...) Entre os autores máis novos cabe subliñar volumes como Ábrelle a porta ó día, de Darío Xoán Cabana; Fentos no mar, libro de sonetos de Xavier Rodríguez Baixeras; Cántigo, primeiro poemario de Xaquín Agulla; Xénese e apocalipse, do poeta coruñés Manuel Miragaia; Retrato de sombra en outono, primeiro poemario de Román Raña (versos vangardistas cos que gañara o premio Celso Emilio Ferreiro un ano antes); Herdo e alucinación en Fisterra, de Xavier Rodríguez Barrio; Tigres de tenrura, de Claudio Rodríguez Fer; o poemario No aló de nós (premio Galicia), de Helena Villar e Xesús Rábade Paredes, e o segundo volume poético de Manuel Rivas, compartido con Xavier Seoane, Anisia e outras sombras. Con Ferida acústica do río gañaba Manuel Forcadela o premio Celso Emilio Ferreiro do concello de Vigo e dábase a coñecer como poeta galego e Vítor Vaqueiro gañaba o premio Esquío con Camiño de Antioquía (os dous volumes sairían un ano despois).

Pero a gran nova lírica do ano foi o nacemento de Dorna, revista poética subtitulada "Expresión Poética Galega" que aparece en maio editada primeiro pola Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa e logo, dende o n.2, pola Cátedra de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago. Coordinada por Luís González Tosar, no seu consello de redacción figuraban autores como Ramiro Fonte, Henrique Monteagudo, Xesús Otero Molanes, Miguel Bugallo e Eusebio Lorenzo Baleirón. Daquela en adiante Dorna constituíse nun dos corpus privilexiados da poesía galega do seu tempo.

11 comentarios:

lourixe dijo...

A coincidencia nos atuendos das protagonistas das primeiras dúas carátulas é casual ou voluntariamente suxerente?

Marcos Valcárcel López dijo...

Coincidencia atuendos? Se se refire ós dous espidos femininos, pura casualidade: sempre escollo imaxes accesibles (portadas de libros e revistas que teño, escaneadas) ou que me resulten fermosas e esas dúas parecéronme suxerentes.

Anónimo dijo...

O primeiro e único libro que presentei na vida, en estrea, foi "Ábrelle a porta ó día", na Libraría Biblos de Lugo. Xa choveu, tamén.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois seguro que o fai vostede moi ben, amigo XMG. Seguro que llo teñen pedido moitas veces e faise de rogar...

Anónimo dijo...

Merquei Breixo por intuición, debeu influir a ilustración da portada. Descubrin unha autobiografía de escritor nunha fase larvaria. Hai un clima peculiar, unha incomodidade entre o intimismo e a dificultade do drama. Parecéume un momento de autenticidade literaria.

Anónimo dijo...

Xa veredes,dentro de trinta anos,o artigo de Marcos "Cento trinta anos de Historia Cultural",falando deste blog e dos relacionados,lembrando ós habituáis XMGlz,A.p.-c,leituga1,Arume d.p..,M.Swann...Moito coidado có que escribides que poderá ser usado contra vostedes dentro de trinta anos,cando os teclados sexan obsoletos, e as verbas aparezan na pantalla só con pensalas.Haberá que ter coidado có que se pensa.

Anónimo dijo...

No sabía eu que de Rairo era ferrarista. Noraboa por un caso evidente de xustiza poética.

Anónimo dijo...

Non lle son moi solicitado, estimado anfitrión. Iso si, do libro de conversas que se comenta máis abaixo pedíronme unha recensión que xa foi enviada. Pero había anos que nin conferencia nin texto. Tampouco non é para tanto: sospeiro que a aurea mediocritas fornece acougo que igual na outra situación se bota de menos.

Anónimo dijo...

Arume ao invocar a "xusticia literaria", provocóume unha intuición para traballar, moi pero que moi interesante, gracias!
No Bierzo medran os mellores frutos do norte, os mellores pementos e a sombra do Pajariel baixa un rio que sil-abea a melodia eterna que nace coas augas, lonxe nos panais da inspiración.

Anónimo dijo...

Haberá que incorporar os artigos da wikipedia ós "cen anos culturáis"

Folklore galego

Anónimo dijo...

De t�dalas estrofas do enlace anterior,qu�dome con este:

hoxe morreu o carallo,
os coll�ns est�n de "luto",
abre as pernas Maruxa,
vou enterrar este defunto