21 oct 2007


Darío Xohán Cabana.

Pan por Pan domingo 21 outubro

Pertence á Gran Xeración dos nosos poetas, a de Manuel María e Méndez Ferrín, e está nas portas de ser un dos nosos clásicos. É unha delicia compartir a súa conversa. Os lectores poden facelo agora nun libro de conversas co autor de Roás preparado por J. Luís Calvo e Yago Rodríguez (Xerais).
Cóntanos nel o Darío dos días da infancia, fillo de labregos pobres, e das pegadas culturais que o marcaron: Xosé Mª Álvarez Blázquez, Manuel María, Alonso Montero, Rábade Paredes, Novoneyra, Ferrín, etc. Aboia en cada páxina o seu intenso amor pola lingua, que demostrou non só coa súa obra lírica e narrativa senón tamén facendo falar en galego a Dante, a Petrarca, ós trobadores occitanos.
E fala sen complexos da nosa cultura, velaí: “Pondal está polo menos ó nivel de Carducci, o seu estrito coetáneo, e Pero Meogo é diferente de Guido Cavalcanti, pero non inferior”.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Darío desempeña hoxe un papel clave na literatura galega sensu latu; figuras como a súa son das que máis xustifican o concepto Sistema Literario Galego.

A perspectiva (neste caso, quizá sexa mellor dicir ancoraxe) nacionalista a partir de nacional levouno a empresas culturais nas que combinou deber cun gusto que, ao tempo, lle deu moitísimo traballo. Eis o fondo exercicio da forma clásica, a reelaboración de motivos e tópicos, a tradución de clásicos. Agora, despois de Duecento e Trecento (non é de máis lembrar que ten a Medalla de Ouro da cidade de Firenze), anda vertendo os trobadores occitanos; temor, o xusto.

O de ter escasa referencia capelística (se se lle quere conferir algunha referencia grupal, sería ata un certo punto a do ben relevante grupo dos vinculados á FPG) trae consigo que a súa relevancia mediática sexa escasa. Por outra banda, digamos que gaña o pan como funcionario de non moi alto nivel no Concello de Lugo. Noutro país viviría ben da literatura; ende ben, el ten perfectamente claro cal é a súa nación e o que tiña que facer en e por ela.

Espero que isto último non suscite receo.

Anónimo dijo...

Teño no andel de Edicións da Divina Comedia, a traducción de Cabana. Foi un libro que merquei con alegría, e por certo moi barato.
A súa poesía ten ese ar pousón que tamén levan o poemas de Manuel Maria, deve ser o ar da Terra Chá.
Hai brillos, moitos dourados, e un humanismo latente polo que cando pasei sempre me dixen que tiña que volver, mais de vagar, disposto a catar o arrecendo das palabras que veñen duha longa viaxe a acougar no padal dun poeta adicado a escoitar a terra, o tempo e o seu ser.