11 nov 2007










CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1984: CENTRO DRAMÁTICO GALEGO



Nace o Centro Dramático Galego, dirixido por Eduardo Alonso. Nace o Premio Xerais de Novela (Carlos Reigosa, Crime en Compostela). Traslado dos restos de Castelao a Galicia. Homenaxe a Vicente Risco
Xa vai o griffon no vento, de Alfredo Conde. Amantia, de María Xosé Queizán. Estrea poética de Miguel Anxo Fernán Vello. De Pondal a Novoneyra, de Méndez Ferrín.
Mamasunción, de Chano Piñeiro. Cen augas, revista poética. La Naval. Tintimán.
NOTA: vou colgar o artigo enteiro en Comentarios (sen a ligazón ó xornal, porque hoxe está chea de erros e saltos, cando menos na versión informática)

26 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1984: CENTRO DRAMÁTICO GALEGO.
Marcos Valcárcel
Entre as principais novas culturais do ano 1984 están dúas de relevo: a creación do premio Xerais de novela e a fundación do Centro Dramático Galego. O primeiro Xerais fallouse en Vigo e gañouno Carlos González Reigosa con Crime en Compostela, novela policial que foi un dos primeiros bestseller das letras galegas. Ó carón da novela negra tiña certo éxito a novela histórica, pois dende ese xénero gañaba Alfredo Conde o premio Blanco Amor con Xa vai o griffon no vento (a polémica Tertulia de Xavier Alcalá quedaba finalista). Tamén nas marxes da novela histórica estaba O reverso do espello, de Xosé Ramón Pena. E, dalgún xeito, tamén Amantia, de María Xosé Queizán, unha mirada feminista sobre o priscilianismo en Galicia. Úrsula Heinze publicaba os relatos de Remuíños en coiro e no premio Modesto R. Figueiredo saían os relatos de Miguel Suárez Abel, Suso de Toro, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana. Ediciós do Castro editaba Contos vellos para rapaces novos, de Neira Vilas, e os Contos de Andersen, en versión de Teresa Barro.
Na poesía o nome do ano era Miguel Anxo Fernán-Vello porque gañaba o Esquío con Memorial de brancura e daquela andaina son os seus poemarios Do desexo en corpo e sombra e Seivas de amor e tránsito. Claudio Rodríguez Fer publicaba Historia da lúa; e Pilar Pallarés, Sétima soidade (premio Esquío no ano anterior). Outros libros foron Designium, de Ramiro Fonte; Xuvia, de Vicente Araguas; Nas areias doutro mar, de Ramón Raña; Tránsito, de Xesús M. Valcárcel, e Ofidios de diario, de Vázquez Pintor.
Na cidade da Coruña celebrábanse varios actos de homenaxe á revista Alfar, da que Ediciós Nós publicaba unha reedición facsímile preparada por César Antonio Molina. Destacábase o papel cosmopolita desta revista literaria de preguerra na que asomaron firmas como Borges, Breton, Eluard, Huidobro, César Vallejo e grandes artistas da época, ademais de autores galegos.
A Direción Xeral de Cultura, encabezada por Luís Álvarez Pousa, homenaxeaba a Vicente Risco no seu centenario, cunha exposición e un ciclo de conferencias no que, entre outros, participaban Carlos Casares, Anxo Tarrío, Xusto Beramendi e Antón Risco. Tamén se lembraba o centenario de Antón Lousada Diéguez e a Xunta facía en Compostela un congreso de Animación Sociocultural, coa presenza de técnicos da UNESCO como Ezequiel Ander Egg. Seguía aínda vivo o debate, ademais, sobre o premio Álvaro Cunqueiro de Literatura, na persoa de Xosé Luís Méndez Ferrín, que rexeitara aceptalo por non concederlle lexitimidade á Xunta como promotora do mesmo. Carlos Velo, pola súa banda nomeado premio Mestre Mateo das Artes, visitaba de novo Galicia nunha das súas últimas xeiras polo país.
E púñase tamén en marcha o Centro Dramático Galego, que tivo como primeiro director a Eduardo Alonso. As súas primeiras montaxes foron o Woyzeck, de G. Büchner, en adaptación galega de M. Lourenzo e dirixido por Xulio Lago; Agasallo de sombras, unha achega a Rosalía, dirixida por Roberto Vidal Bolaño; e Festa rachada, coproducida polo CDG e a compañía Titiriti e dirixida por César Lombera. Manuel Lourenzo versionaba tamén un Fausto dende a Compañía Luís Seoane. Público e crítica recibiron con entusiasmo estas primeiras estreas do Centro Dramático Galego.
No campo do ensaio e a investigación rexistremos novidades como o volume De Pondal a Novoneyra (Xerais), de Xosé Luís Méndez Ferrín, estudo sobre a poesía galega do século XX ata os anos 60. Pola súa banda, Francisco Fernández del Riego pubicaba o seu traballo Escritores de Portugal y de Brasil e Carlos Casares daba a coñecer en Galaxia as súas deliciosas Conversas con Ánxel Fole.
2. A VOLTA DE CASTELAO.
Tamén foi nese ano, en concreto o 28 de xuño, cando se produciu a volta dos restos de Castelao a Galicia para ser soterrados no Panteón de Galegos Ilustres. Máis que unha nova cultural, tal feito rematou en graves incidentes de orde pública pola oposición dun sector do nacionalismo a que a Xunta organizase tal evento. Estes sucesos coincidían coa edición, por Díaz Pardo, de Castelao artista, de Luís Seoane, ou Castelao y nosotros los comunistas, de Santiago Álvarez. Dende a prensa a figura do rianxeiro foi relembrada por personalidades como Paz Andrade, García Sabell, Filgueira Valverde, Carlos Casares e Siro López, ó tempo que nacía tamén a Fundación Castelao, con sede en Santiago, por iniciativa de Ramón Martínez López, primeiro presidente (con Teresa Castelao), e Avelino Pousa Antelo.
O Día das Letras Galegas do 1984 estivo dedicado a Armando Cotarelo Valledor (1879-1950) e falouse abondo do seu teatro e das súas investigacións e a Real Academia Galega publicou un volume conmemorativo preparado por Filgueira Valverde. Nese mesmo ano era elexido académico numerario da RAG Xesús Alonso Montero e o Instituto Padre Sarmiento editaba en dous tomos o traballo de Ángel Rodríguez González Las Fortalezas de la Mitra Compostelana y los “Irmandiños”. Cumpría 20 anos o popular personaxe Mafalda, do debuxante arxentino Quino, e aparecía por primeira vez unha edición galega das súas historietas.
No Ateneo de Ourense nacían as Primeiras Xornadas de Historia de Galicia, organizadas por Xavier Castro e Jesús de Juana, que habían ter longa continuidade. Xosé R. Barreiro Fernández ía a París a falar no coloquio sobre “Nación e nacionalidades en España”. Nacían os Encontros Europeos no Camiño de Santiago, organizados polo Ministerio de Cultura, o Concello e a Xunta, e celebrábase unha homenaxe a Luís Seoane, da man do Museo Carlos Maside a Compañía Luís Seoane, que propuñan celebrar cada ano un Día da Arte Galega.

3. MAMASUNCIÓN.
De 1984 é a película Mamasunción, a mediometraxe de Chano Piñeiro que deu a coñecer a moitas persoas unha vocación fundada no amor ó cine e ó país. No Carballiño nacían nesa hora as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, a celebrar todos os veráns na vila ourensá. Nacía o grupo musical folc A Quenlla, xurdido dunha parte do antigo Fuxan os Ventos, e inaugurábase o Festival de Jazz de Ribadeo. O 11 de xullo, nunha sesión do Parlamento Galego, apróbabase a Lei da creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).
No campo da prensa anotemos novidades como a revista poética Cen Augas, nacida na Coruña; a revista cultural e de lecer Tintimán, esta en Vigo; La Naval, “Revista Atlántica”, na Coruña; Galería, da tamén coruñesa A.C. Alexandre Bóveda; Revista Monográfica de Cultura, de O Facho, A Coruña; Enxebre, voceiro do grupo galego de Aarau (Suíza); Cómaro, voceiro da A.C. Aquilino Iglesia Alvariño en Moimenta (Copeito, Lugo); e Solaina, subtitulada “Arte. Xeografía. Historia”, nacida arredor dun grupo de alumnos da Facultade de Historia con Rubén C. Lois González como coordenador.
En Ourense morría o arquitecto Manuel Conde Fidalgo e nesas datas falecía o xove actor Pedro Martínez Leandro (O velorio, Pedro Madruga). Tamén era o momento da despedida de dous grandes poetas españois, Jorge Guillén e Vicente Aleixandre, e a prensa relembraba a relación dos dous con Galicia. Na andaina destes anos, en 1980 nacían o actor coruñés David F.Carril; a música ourensá Cristina Pato e o atleta ferrolán Xavier Gómez Noya, campeón mundial de tríatlon 2006. En 1981 nacían a actriz Marta Larralde; o escritor Roque Cameselle; o actor Miguel Lago, e a actriz María Castro Jato, todos eles nacidos en Vigo; e o debuxante de BD coruñés Alberte Vázquez. En 1982, a poeta da Estrada Antía Otero e o escritor de Tui Samuel Solleiro, ademais de Gala Nieves, actriz de Santiago. En 1983 a vigues Celia Freijeiro, actriz viguesa, e en 1984 os escritores Iván García Campos, coruñés, e Pablo Piñón Dacal, de Pontevedra, e a poeta nacida en Vigo Oriana Méndez.

Anónimo dijo...

Nunha recente reunión de amigos saiu o episodio do traslado dos restos (que mal soa) de Castelao. Os que estaban alí contaron, algún con detalles ben paveros, mesmo históricos, os avatares dese día. Foi tertulia interesante, que poderia se ampliar neste foro.

Anónimo dijo...

http://www.youtube.com/watch?v=TLCJjTDJJLk

Sen comentarios. Moitas das autoridades presentes no acto choraran a morte de Franco uns anos atrás. Algúns mesmo se encargaran de que a obra literaria e política de Castelao fose descoñecida dos galegos do común. Nese sentido tiveron moito éxito: cando os restos de Castelao chegan a Galicia, a meirande parte da poboación non saben quen foi Castelao. Por iso mete medo ver a eses xerifaltes aí.

A presentadora da TVG-G leu fragmentos do "Sempre en Galiza"; seguramente era a primeira vez que se lía algo de Castelao no terebexo, e se mencionaba a súa faceta como político. "Naturalmente", a presentadora deixou de ser presentadora de alí a pouco tempo, e o director do centro territorial, Alexandre Cribeiro foi invitado a marchar.

Gobernaba en Madrid o PSOE. Ano de graza de 1984. Reconversión naval. Os deputados do Bloque-PSG expulsados do Parlamento. A Lei de normalización lingüistica papel, aprobada un ano antes, papel mollado. A RAG desactivada.

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu non estiven presente naquel acto: mellor que falen primeiro os que estiveron.
Non sei por qué non fora pero eu estaba xa daquela de acordo con Camilo Nogueira: polo tanto, a favor do traslado dos restos. É certo que todo aquilo foi un esperpento, pero por todas partes. Parecía case unha película de peronistas...

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

O de fóra está en iutuf, pero o de dentro, ulo?

Anónimo dijo...

Ese día estaba eu en Compostela. Pero despois de xantar collín conscientemente o convoio cara a miña casa. Non me convencía ningunha das alternativas en liza: era, politicamente, un outsider. De camiño, fun lendo a posta un libro obstruso.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Un outsider: un forajido: o que está fóra do eido. Dirase en galego foradoeido?

Anónimo dijo...

Mellor a definición da Wiki:

Outsider often refers to one identified as on the periphery of social norms, one living or working apart from mainstream society, or one observing a group from the outside.

Anónimo dijo...

A velas vir, en galeguiño non sei se galipédico.

Anónimo dijo...

Outros non se enteraban de nada. E o peor é que aínda seguen nesas.

Anónimo dijo...

Pois o que diga vostede, home.

bouzafria dijo...

Cribeiro merecería unha homenaxe. Un home digno en momentos difíciles.
Témome que xa esté medio esquecido entre a xente nova, tanto na súa faceta poética coma na de xornalista.

Anónimo dijo...

Eu estaba moi perto de Bonaval, concretamente na rúa de Entremuros, na casa onde paraba por aquelas datas. Sabía que aquel día chegaban os afamados "restos" procedentes do bonaerense cemiterio da Chacarita, pero nin me vía participando na cerimonia oficial nin, dende logo, tratando de boicoteala. Parecíame ben, en canto signo de normalidade democrática, que os restos de Castelao volvesen a Galicia, tal como el desexaba. Pero xa daquela me parecía excesiva, equivocada e propagandística a conversión de Castelao na "proba do nove" de todas as cousas. Para min Castelao era un bo escritor, un artista interesante e un político doutro tempo.
Erguinme tarde e, un pouco por casualidade, prendín a televisión. María Tareixa Navaza narraba en ton dramático, ás veces compunxido e outras veces exaltado, as vicisitudes do acto, ás que engadía da súa propia minerva comentarios críticos e admonitorios, dividindo aos asistentes, e canda eles Galicia enteira, entre bos e malos, entre auténticos e hipócritas, un pouco ao modo do señor Swann.
Para que o terceiromundismo de todo aquilo fose completo, deron axiña comezo as carreiras, agresións, lanzamentos de obxectos, berros de orden, cargas policiais, en fin, todo o que vostedes xa coñecen. Aquelo parecía o enterro de Jomeini.
Neses agrisallados pensamentos andaba eu envolto cando escoitei que chamaban á porta da miña casa. Aínda en bata e pantuflas, fun abrir e atopeime co rostro alterado e estarrecido dun vello amigo troskista. Franqueeille o paso e díxome que viña do enterro de Castelao, que a policía cargara brutalmente contra os opositores e que el, collido no medio dunha carga que o botara ao chan, vírase de repente con tres rostros policiais enriba del e dispostos a facerlle sentir o molesto tacto das súas cachiporras. Non sabía nin como, pero o meu amigo conseguira liscar do tumulto. Ademais dos paus recibidos, fixérase todo por el:
-Sí, tío, se me aflojaron los esfínteres.
O caso é que lembrara que eu vivía nas proximidades e ocrorréuselle vir onda min, a ver se estaba e lle prestaba unha muda, pois ambos eramos dunha complexión semellante.
Paseille uns calzoncillos e uns pantalóns e convideino a que fixese uso da ducha.
Xa limpo e máis calmado, pregunteille que coño facía el, troskista de toda a vida, internacionalista furibundo, inmune aos cantos de sereas nacionais, alí, en medio de toda a faramalla nacionalista, coa que tanto disputara nos tempos da facultade. El respondeume:
-Tío, yo estoy con la izquierda que lucha.
Aínda falamos algo da esquerda, da loita, do PSOE, do nacionalismo... Pero meu amigo era home de acción e propúxome que o acompañase ata o Toural, onde quedaran os loitadores para protagonizar novas accións de protesta. E alá fun con el, por unha mistura de compañeirismo e curiosidade case deportiva, máis que por comungar cos seus ideais de loita, non sen antes advertirlle que debería andar con tino, pois xa non tiña outro pantalón limpo. No Toural fun testemuña da queima dunha bandeira española que aínda daría bastante que falar.
Meu amigo esquerdista e loitador emigrou uns cantos anos despois á República Dominicana. Na actualidade preside a Agrupación do PSOE naquelas tórridas latitudes, ademais de irlle bastante ben como empresario. Véxoo por Vigo case todos os veráns e sempre lembramos entre risas e comentarios de actualidade aquel episodio de mocidade.
Esta foi a miña vivencia máis directamente relacionada con aquel día famoso.

Anónimo dijo...

Que rastreiro, Leituga, o seu comentario cara a min e cara a moitas persoas que defendemos ideas distintas das súas.

Pero ben mirado, é súa descrición dos feitos ("enterro de Jomeini") a que o descalifica a vostede. Vostede e o seu amigo ("tío, yo estoy con la izquierda que lucha") veñen a ser o que é o PSOE galego actual. Póñenlle unhas flores diante do busto de Castelao en Rianxo pero no fondo pensan, coma vostede, coma o "luchador" do seu amigo, que (cito as súas palabras):
"un bo escritor, un artista interesante e un político doutro tempo". Non enganan, nunca enganaron, a ninguén.

En 1984... e máis de vinte anos despois daquela lectura de parágrafos do "Sempre en Galiza" pola TVE-G, moitos galegos aínda non saben quen é Castelao. Poderialle dar exemplos a centos da xente do común. Pero tranquilos: temos os seus restos, nun museo-convento que cae a cachos e poñemoslle unha veliña todos os anos.

Anónimo dijo...

Interesante e productiva contraposición paisaxística a debuxada por Leituga e M. Swan. A min, daquela, o enterro de Castelao deume a impresión de ser cousa de "intelectuais" a disputar algún tipo de herdanza que lles reportase capital simbólico; a participación na gloria dos santos na proximidade do corpo insepulto de Castelao; a dramatización colectiva con fins catárticos (coma o "pranto", nos enterros da vella Galicia) dunha obra que inmortalizaría aos actores, especialmente aos que portaban o cadáver, na escea do cadaleito. Pero para santo xa temos a Marcos, a miña herdanza é outra (!ay, o meu Lenin!), as catárses déixoas para os Sábados á noite, e, no teatro, gústame máis Brecht ou Sastre (con "s") que Castelao.

Anónimo dijo...

Nin fun nin era esperado; ficaba xa bastante lonxe dunha concepción da acción política que aínda non experimentara a acción benéfica do beirismo. Seguín o episodio polo televexo e -aínda coa distancia aludida- víame máis lonxe duns portadores de cadaleito que, lexitimidades institucionais aparte, cadraban escasamente co teor e mailo desexo de Castelao, incluíndo o referido á postreira morada; queden aparte a irmá Teresa e mailo ósculo á caixa; quede aparte así mesmo, xaora, Camilo Nogueira e a súa visión sobre a autonomía.

Leo agora as súas evocacións e paro, obviamente, na do Leituga. Ten este unha capacidade distanciadora, xustamente celebrada, que aplica selectivamente e con singular pericia a nacionalistas e roxos de certa matriz clásica; as súas crónicas son realzadas polo ton mundano (díxoo admirativamente, en Arroutadas, unha comentarista sobre As Uvas), e favorece aquí tal efecto o salto a ambiente caribeño: cadaleito, concentración e cargas policiais quedan esvaídas no laxo ambiente de trópico, habano e quizá gin-tonic ou ben elaborado mojito. O coprotema xa non desmerecera, e a reconversión do protagonista á modernidade déixao en anécdota saudosa co seu aquel de estímulo.

Hai textos narrativos que un le con agrado, e coñecer as mañas do autor axuda por momentos. Ora ben, o do enterro de Jomeini encóntroo incualificable. E non se fará o disfavor, para a nosa intelixencia, de alegar a retórica comparativa coma coartada. Falo por min, claro, único responsable da propia cara e palabras.

Anónimo dijo...

Francamente, creo que hai moitas e moi interesantes analoxías entre a volta dos restos de Castelao e o enterro de Jomeini. Isto non quere dicir que medie parecido ningún entre o guieiro e o ayatolá. O primeiro era un home ao que me sinto próximo en moitas cousas e polo que non deixo de profesar simpatía. Ao segundo considéroo un perigoso e indesexable cura con turbante.
As analoxías están máis ben no comportamento que os secuaces dun e doutro, impregnados de integrismo político-relixioso, fixeron de cadansúas "reliquias", termo este máis acaído neste caso que o de "restos" polas súas connotacións escatolóxicas e tanatolátricas.
Pero iso foi hai vinte e tres anos. Hoxe militan xuntos no mesmo partido moitos dos que estaban por dentro e por fóra do valado. "Auténticos" e "traidores" (ata houbo un vídeo no que os primeiros sinalaban aos segundos) tiveron capacidade para comprender e para esquecer. A impúdica exhibición que tivo lugar coa volta dos restos de Castelao forma parte do pasado e dunha cultura política que na actualidade é residual. O desexable sería que non atopase quen a reivindique.
Xuro que a historia que contei é completamente certa. Cóstame pensar que unha persoa intelixente como o señor González poida percibir algún ánimo "estimulante" ou exemplar nesa narración.

Anónimo dijo...

Pois eu estaba alí…
Xusto na esquina por fronte ás escaleiras do Museo do Pobo… Ao meu lado un vello chorando que dícía “Daniel, Daniel” e depois souben que era Bieito Abraira, ex rapaz dos mandados de Castelao en Bos Aires…
Daquela, Camilo Nogueira Román, único parlamentario galeguista ante a deserción dos outros que non souberon ver que era tempo de cambiar de tácticas (¿e logo porque era tan importante nalquel momento non xurar a constitucion e depois xa non?. Miopia histórica), o único parlamentario nacionalista insisto, cólalle ao Parlamento con aquela soltura que tiña de facer iniciativas por un tubo, a volta dos restos de Castelao. Unha vitoria galeguista, reafirmadora da identidade, ocasión para difundir a súa memoria… ¿Que moitos dos que alí estaban viñan do vello réxime? ¿Pero é que non sabemos que se tratou dunha transición politica con consensos, pactos e non houbo unha ruptura que deixara fóra de todo aos que tiveran contactos co vello réxime? (Para outro momento queda xulgalo. Non negativamente pola miña parte, como creo que tampouco debería facer o nacionalismo dominante que arestora reaproveita Secretarios Xerais de Consellerías da época Fraga e mendiga o pase de alcaldes do PP ás súas filas –como a do Bolo- … e sei doutros varios “tocados”. etc.)
Acollida foi a iniciativa coa agresividade habitual no vello nacional-jomeinismo galaico fronte a todo pensamento diverxente dentro das inciativas política galaicas sen complexos –POG e en menor medida PSG- cos insultos tópicos de pseudonacionalistas, culturalistas, etc.- e alí non se tratou de facer un acto reivindicativo digamos “normal”, por exemplo deixar pasar o cadaleito entre bandeiras estrelas ou algo así, e, sen ningún tipo de estratexia de futuro, empurrouse a masa sobre o cadaleito, só en busca do enfrontamento violento coa policía…
Si, os berros de “Camilo mona, Castelao non se traiciona”, “Parlamento sen oposición, parlamento de Cartón”, a ladaíña eterna de “Estatuto Nunca máis, bases constitucionais”, o de “Galicia ceibe poder popular”, etc. foron os berros que se oíron antes de botarse sobre o cadaleito.
Tiven medo peroi non foi da policía… senón da masa...
Ao voltar a Ourense, parei en Lestedo a comer o pulpo e topeime no mesmo bar a un rapaz do BNG a quen lle zoscara a policía, cun ollo morado e berrádome cousas feas. Despois fíxose liberado sindical e despois seica empresario e que lles eu direi que non imaxinen.
Ao día seguinte escribín algo na Rexión onde falaba do nacional-jomeinismo, coa ayatolas –que aínda nos tocaban a pirola- por tras encirrando aos mozos como aqueles que ían toupar as minas de Iraq correndo,cantando e soñando no paraíso.
A retrasmisión de Teresa Navaza, un momento épico, infumable, nada profesional, e propio dun tempo de despiste e confusión na que se pensaba que o xornalista era dios bendito, en vez dun traballador coma todos.
Camilo Nogueira, político, puido maniobrar co sr. Rodriguez, perdoar aquelo, e conseguir ser deputado en Europa unha lexislatura. Eu, polas bágoas de Bieto Abraira, non perdoo ata que non escoite un mea culpa.
O enfrontamento non era coa dereita, foi co Parlamento, cos meus representantes, dirixidos por unha inciativa nacionalista exitosa. E punto. Xa está ben de tanta contemplación.
(Menos mal que depois chegou a integracion no sistema e co chupe do bote, os nacionalistas tranquilizáronse e xa só se amosan "radicais libres" nos blogs).

Anónimo dijo...

En efecto, foi hai vinte e tres anos. Diríase con todo que determinadas animosidades non hai século nin mar que as conteña.

Merece pouco a pena remover, e se escribín antes foi nun afán de puntualizar algún aspecto -para o meu ángulo de visión- excesivamente parcial e tendencioso, rozando a falta de respecto. Agora debo dicir que os perdoavidas me producen fastío semellante ao de Pechorin, por moito que comprenda o valor do desafogo; punto redondo.

Lembro a Abraira como vello nacionalista ben relacionado co vello BN-PG. De quen se distanciaba era doutros, por moitos centos de miles de votos que fosen libremente obtidos ou máis ben amasados. N' A Nosa Terra, hai ben anos, ten que andar algunha entrevista con Abraira, e desde logo eu teño interpretación particular das súas bágoas; sería mellor, con todo, cotexar as palabras, que tamén as houbo no 1984.

En todo isto falamos (perdón, falo eu) non tanto sobre lexitimidade institucional coma sobre interpretación do legado. É, obviamente, cuestión que se discute e admite diferenza; xa dixen que non teño nada que dicir contra a análise nin estratexia de Camilo Nogueira. Pero é ben obvio que a mobilización do xa BNG xurdía da disensión en torno ao valor de Castelao, a disposición testamentaria en relación cos seus restos e o papel dos expoñentes xunteiros daquela e antes daquela: todo política, discutible pero política. É demasiado barato apoñelo todo a radicalismo intelectualmente raquítico; falar de jomeinismo vale como instrumento descualificador, e obviamente ofende, cousa que -infiro polo teor dos comentarios- seguramente non molesta a quen o usa.

En fin, eu non estiven alí, quedo ben lonxe de sentirme concernido nin culpable de non sei que estraña historia. Iso si, Leituga, notoriamente interpretou mal o do estímulo: referíame ao que a miúdo produce a lembranza dun episodio máis ou menos xuvenil, visto como pillaría desde idade máis adulta, que non provecta. Defecto probablemente de pluma; da miña, claro.

Anónimo dijo...

P.D.: xaora, nunca dubidei de que a historia do trostkista (furriqueira incluída) fose apócrifa.

Anónimo dijo...

Desculpa correctora: nunca dubidei de que fose certa, nunca a considerei apócrifa. A ofuscación que producen os excesos; propios e alleos.

Anónimo dijo...

Dicirlle a etxeokeai que eu son un deses radicais libres, que nunca chupei de ningún bote, que nunca militei en ningún partido político (aínda que fun simpatizante e votante, primeiro do PSG-EG, logo de UG e máis tarde do BNG), que en 1984 aínda non tiña a maioría de idade (polo tanto non estudaba en Santiago), e que en ningún momento me pronunciei sobre a conveniencia ou non do retorno daqueles restos.

Con este "background" vital que acabo de presentar, non teño por que xustificar as accións dos que entonces se opoñían a ese traslado dos restos. Xa se encargou o sr. Leituga 1 e vostede, echeoquehai, de facelo polos demais.

O que simplemente dixen está exposto arriba, así que non teño por que o repetir. Se algún de vostedes escribe nos xornais (parece que etxeokeai o fai), non se esquezan de falar algún día de Castelao. Meus pais, e moitos pais, medraron sen saber quen foi.

Anónimo dijo...

Ou sexa, que resulta que alguén que nunca militou en ningún partido, que nunca perdeu centos de horas en reunións ou pegando carteis até altas horas da madrugada, que nunca deu a cara nin tivo problemas por defender unha opción política, que nunca correu diante da policia, etcétera, ten o morro de amoestar aos que, segundo el, non traballan por Galicia e que andan a velas vir.

Mal, moi mal, señor Swann. Semella que ten o pico moi longo, pero un compromiso moi curto. Máis lle valería ollar a viga que ten no propio ollo no canto da palla no dos demais.

Xaime dijo...

Por que non-o ollán como si fora o enterro dun familiar rico.
Algúns están realmente abatidos da morte do parente e sofren pola súa desaparición, e non valoran nin miden economicamente o falecido.
Outros, ollán que o falecemento lles vai a reportar beneficios, os vai a quitar de apuros económicos e aínda que lles doe a morte tamén están pensando no bon e dourado futuro.
E hai tamén unha porción que o qué máis lles amola e que teñan que compartir cos herdeiros o capital do morto, e case estarían dispostos a queimar o testamento e arramblar con todo antes de que fora de todos.
No caso do caso do traslado dos restos do irmán Daniel, cada un sabe as súas e Deus as de todos.

Anónimo dijo...

Apicultor ten que contarnos aquí as súas andanzas de "outsider" para poder facermos un xuizo da súa traxectoria vital de tipo "sumarísimo", como el fixo comigo. Deixoume sentenciado e condenado. Felicidades.
Marcel Swann

Anónimo dijo...

Non, home, non, Swann.

Só lle turrei un pouco das orellas, nada máis. En media hora páselle a quentura, xa o verá. E nin collerá sabañóns.

Vostede ten que recoñecer que se fai pesado de máis andando a regañar a todas as horas a todo quisque que non lle entra polo ollo ou do que pensa que é un sociolisto ou un vende-patrias.

Ten que asumir dunha vez por todas que poida haber -e que de feito hai- persoas que poden estar de acordo con vostede nunhas cousas e en desacordo noutras. E que todas as opinións e alternativas democraticamente manifestadas son lexítimas. E que non pasa nada!

É así de sinxelo. Pense un pouco nisto, se fai o favor.