10 nov. 2007


ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé M. González
18. Fazais.

“Soy de Lugho y no lo niegho, y tengo un hijo en Santiagho estudiando para cregho”. Case non contiña información a vella ladaíña, que todo o mundo sabía e repetía malia o evidente ánimo satírico e presumible -salvo anécdota puntual ou paradigmático masoquismo- orixe allea. A min ben me chamaba a atención, primeiro, tanto gheghé, pois a cidade non o rexistraba no coloquio; segundo, pensándoo un pouco, qué iría pintar un lugués no Seminario compostelán, habendo aquí o obrigado.

Escoitar máis adiante, en barrio occidental e exterior, falar con gheada resultou pura curiosidade erudita. O crucial era connotar os lucenses de especialmente rústicos, e abofé que por veces aparentabamos refocilarnos na presunta evidencia, fose con exercicio de obxectividade ou noción da autoestima un algo trasvirada. A hipótese inicial de causa tería innegable fundamento na socioloxía e a xeografía: boa parte dos urbanos viñera da aldea, pero iso acontecía igualmente por outras bandas e latitudes; ora ben, nós, o concello, tiña -como ten- para alá de cincuenta freguesías campesiñas. E aí só Lalín ou A Estrada admitían comparanza. “Máis de campo cás papoulas”, viña dicindo o Sesé Llamas en particular rexistro do seu estilo irrepetible. “Fuches tu,fuches tu, o que fuches p’ra iso ó palleiro; fuches tu, fuches tu, e quedáronche as pallas no u”.

A microtoponimia rural de Lugo leva canda ela moita cultura: na eufonía de Orbazai, Bacurín ou Prógalo; na sonoridade curiosa de Coeo e Camoira. E para nós considerable historia e semántica, a miúdo implícita en sobrentendido que o foráneo desapercibía.

Marchar para Ombreiro en agosto, por exemplo, era gratificante e adiantado arreguizo dunha tarde no río, baño, demorado paseo e quizá merenda na taberna. Ir ao Veral prometía a coquinaria satisfacción -profundamente luguesa- de troitas mercadas en cru ou alí preparadas. O sombrío estar en Calde significaba saúde comprometida e igual prognóstico non moi claro. Hiperbolicamente, chegara case a Nadela quen por San Roque ou o Polvorín sobrepasara en dez ou vinte metros o destino dunha curta carreira. Estar en Piúgos ou vir de alí, situación ou experiencia nun remoto lonxe de seis quilómetros a pé medidos a voleo. Todo circunstancia ben habitual en espazo non carente de feito esporádico.

1976, por exemplo. Fuxan os Ventos saca o primeiro disco e na contraportada aparece -xunto con fotos típicas e tópicas de vellos e feiras- un rótulo de estrada onde por riba do j de Teijeiro dous grosos e irregulares trazos marcaran x. A historia é ben simple: necesidade dalgunhas instantáneas “tipicamente galegas” para o long-play; topónimo deturpado ao que moita gana se lle tiña; non se encontra spray, improvisación imaxinativa; desprazamento na noite propicia; tubo de Kamfort e perpetración subrepticia. Auténtico traballo feito ad hoc, séillelo tan ben coma se fose eu quen o fixo.

Pero aqueles lugares, antes que escenario de peripecia ou motivo de conversa urbana, eran confín vital de xente, labrega ou non, da aldea. Coma o Caetano de Muxa, figura case lendaria entre os máis bravos e túzaros da contorna. Ou, se de lenda falamos, a historia paradigmática e antonomásica, o relato abraiante dos fazais.

Fazai é unha aldea na parroquia de Carballido, con núcleo onda a estrada que vai á Fonsagrada. Este lugar acadou tan mala sona que o topónimo volveuse xentilicio e o xentilicio adxectivo cualificativo; é termo, entre nós, incluso fonosimbólico, de prosodia terminante que pode asumir matiz burlesco alongando a vogal tónica: “fazaaai...”; hai motivo para tal, e ben preciso, aínda que non lle sei a orixe nin se concluíu. En Lugo era considerado fazai quen adoptaba profesión ou acometía empresa que implicaba engano ou abuso de confianza, converténdose en alguén xa indigno dela.

Porque os de Fazai estafaban, e estafaban seriamente; non habían ser todas as casas, quero crer, pero dito e imaxe eludían limitación. Podo achegar testemuño, xa que mo contaron, da que puido estar entre as máis notables fazañas de tales especialistas.

A escena decorre na Praza Maior, cando os vellos chopos negros da Alameda non foran aínda vencidos pola enfermidade e sen remedio talados. Posiblemente no San Froilán, un labrego non falto de numerario observa as grosas árbores con interese. Chegan os fazais e traban conversa; gústalle a madeira?, si; quere comprala?, depende do prezo; as árbores son nosas, podémosllas vender. Lea, relea, hai trato e faise o pagamento. O paisano, coa satisfacción do choio ultimado, volve en termo breve á Praza Maior luguesa, verosimilmente provisto de serra e machada, resolto a levar para a casa o que era del. Debeu ser a Garda Municipal quen aclarase, probablemente non sen traballo, que a transacción non tiña base e os cartos voaran.

Aínda algún novo, quizá e ocasionalmente, usa a palabra fazai en modo burlesco. Aínda se vai a Ombreiro e Calde ten hospital, se ben mudou a especialidade. A Teixeiro puxéronlle ben o nome e a Nadela chégase antes. Pouco labrego haberá, seguramente, en Piúgos. Queda rural?

5 comentarios:

apicultor dijo...

Magnífico texto. Dos mellores da serie, ao meu ver.

Xaime dijo...

Moi bon. Noraboa, Xosé Manuel, estaste superando.

arume dos piñeiros dijo...

O fazaísmo en Lugo: unha variante xenófoba. Viva Fazai!

Xosé M. González dijo...

De feito, como nada coñecedor eu tíñaos por unha especie de xitanos. Pero ben se ve, Arume, que nunca o limparon.

Xosé M. González dijo...

Como trata de infraestruturas e políticos, pensei que igual a alguén lle interesa este meu artigo de hoxe.