CULTURA E NACIONALISMO (e 2)
La Región 4 novembro
Cultura e crítica. Na primeira xeira desta serie (o pasado luns) falamos da forza das asociacións culturais galeguistas nos anos 70 e da súa crise posterior, cando o nacionalismo toma maiores responsabilidades políticas. Seguimos hoxe nese percorrido.
Despois dunha crítica moi potente e rigorosa ás políticas culturais do PP, xusta e atinada na maioría das ocasións, vemos que agora non aboian as alternativas que se daban por existentes: no peor dos casos faise o mesmo que xa facía o PP con pequenas maquillaxes de matiz. O dito vale tamén para moitos concelleiros nacionalistas que desempeñan responsabilidades de goberno no campo cultural: semellan algúns deles subsumidos nun sono eterno que nin o do rei Arturo...
Proxectos perdidos. Moitos votantes esperabamos moito máis do nacionalismo no eido cultural. Noutros campos ninguén soñaba con milagres, pero na cultura cabía albiscar outra realidade. O nacionalismo ten un marco competencial reducido, porque tamén se fai Cultura, con maiúsculas, dende outras consellerías e un papel relevante ó respecto tamén o cobren Educación, Política Lingüística e Comunicación e TVG, que no pacto de goberno non quedaron en mans nacionalistas. Pero o certo é que, ó abeiro dunhas cativas realizacións (a maioría delas nunha liña de continuidade), os proxectos pendentes son moitos. Cando menos aqueles que figuraban en todos os programas culturais do BNG (molesteime en consultalos dende o ano 2000). Por exemplo, que foi da Editora Nacional que deseñaría unha liña estratéxica de publicacións da Xunta? Que foi da demanda de atención á cultura galega nas embaixadas do Estado español en Portugal e nos paraísos da área lusófona? Ou da demanda das medidas necesarias para a recepción recíproca da televisión entre Galicia e Portugal? Ou da esixencia para que os ministerios de Educación e Cultura fomenten e financien actividades culturais nas catro linguas do Estado, para estimular o intercoñecemento das mesmas? Que foi do Instituto Rosalía de Castro que se ocuparía da proxección da cultura galega no mundo?
Tamén se reclamaba un aumento substancial das horas de emisión en lingua galega en radio e TV e a recuperación da desaparecida Radio 4 de RNE. E a divulgación do cinema e vídeo galego nas salas comerciais e a dobraxe en galego do cine estranxeiro. Remato polo de agora, pero o abano de propostas pendentes podería encher un par de páxinas máis.
Catálogo de desculpas. Ante esta realidade obxectiva caben varias respostas. Escollan vostedes mesmos. A primeira: agora démonos conta de que as cousas son diferentes no goberno e na oposición, os orzamentos son cativos, pero as inercias son xigantes. A segunda: é que o PP tampouco o facía tan mal, moitas cousas non se poden facer doutra maneira (alternativa difícil de vender ó electorado, creo). Terceira: é que levamos moi pouco tempo, os cambios veranse máis adiante, cando as cousas vaian avanzando. Dous anos na Xunta é un tempo razoable para albiscar liñas de cambio?
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
31 comentarios:
Un comentario axeitado e de interese polo recordatorio que fai.
Paréceme especialmente negativo que non se faga un maior esforzo en potenciar a presenza da Galicia e do galego no mundo da lusofonía; e resulta revelador que a TVG esté a centrar criterios, programación e máis esforzos (mesmo presupuestarios) en competir cas outras canles, públicas e privadas. Os anuncios en castelán serven para ilustrar a renuncia aos mínimos esixibles a unha canle pública galega.
Nembargantes, facer comparacións coa xestión do fraguismo na TVG é perigoso... A comparazón pode ser útil para amosar as carencias e renuncias actuais, pero tamén é útil para "revalorizar" a TV "galegueira" do PP e pechar o debate coa conclusión que vostede apunta: non se pode facer outra cousa. Si se pode.
O panorama da xestión cultural está ben lonxe de resultar satisfactorio. Persoalmente vou deixar de lado o marco municipal, onde probablemente falta preparación e calidade: nos postos de arriba das candidaturas non adoita haber xente "da" cultura, e polo visto -no nacionalismo e fóra del- pouco "think tank" debe haber á disposición do ben intencionado. Dediquémonos á Consellaría.
Primeiro: dous son poucos anos para realización de fuste; non para advertir o plano do edificio. Segundo: o Gaiás come parte inxente do orzamento para Cultura, e parece ser que só dese orzamento; podemos criticar que o proxecto siga adiante, pero resulta obvio que a Consellaría non é culpable esencial de tal realidade que a hipoteca. Terceiro: unha acción de goberno sempre suscita incomodos e incomodados; e no ámbito cultural o nacionalismo como tendencia é suficientemente potente como para que os incomodos se fagan especial e cualitativamente notables.
Algún dos casos e aspectos aludidos no texto serían discutibles: por exemplo, o Instituto Rosalía de Castro era un proxecto de Touriño, a proposta nacionalista -seino ben- era outra no nome e no contido; as xestións que tocan competencia "de Estado" non son sinxelas; a política exterior depende integramente de Presidencia, e non parece que nesa, coma noutras cousas, se estea moi por admitir inxerencia. A cadaquén, polo tanto, o del; ora ben, o oco segue aí e non transparece intención de enchelo.
Teño unha certa impresión de que o monstro da CC está a comer non só o orzamento, senón tamén o impulso da Consellaría de Cultura: conscientes do pouco que se pode facer -circunstancia especialmente escandalosa na Dirección Xeral de Patrimonio- aparentan ás veces coma esmagados; pero iso, evidentemente, nin é desculpa nin convence ao razoablemente descontento.
Se "alguén" da Consellaría le isto, suxeriría un posible modus operandi: descontado o Gaiás, elaborar un proxecto global de acción cultural, diferenciando o que se pode facer e o que non paga a pena nin intentar. Que xa o sabían e xa o fixeron?: fágano público, fágannolo saber, a fin de podermos valorar a escaseza da realidade. Eu, como mínimo, estou disposto a tentar entendelo.
Paralelamente, algunha medida concreta -de choque e, podendo ser, de efecto e simbólica- daría algún folgo ou motivo para aplauso sen reparo (espero): o da xestión audiovisual ante Portugal, algún proxecto ante a lusofonía, clama e non presenta explicación aparente. É a nada, ou parece. Por que ?
Coido que se trabuca, Saavedra, no de que o Instituto Rosalía de Castro non era proposta do BNG. Se non lembro mal, foi Anxo Quintana quen falou do proxecto.
De feito, nunha entrevista con Luís Bará nunha revista que fan galegos de Barcelona, e que xa comentei noutra entrada (comentario que agora non din encontrado), este afirma que no 2008 se porá a andar dito Instituto.
Discrepo con vostede no de que "pouco `think tank´ debe haber á disposición do ben intencionado". Máis ben considero que á Consellería de Cultura non lle interesa gran cousa as opinións dos que están fóra dos estreitos límites dos máis directamente afíns. O paripé que fixo -que tamén os seus membros- con aquela "Comisión de sabios" para falar da CdC, foi de traca, por non usar outras palabras máis grosas.
Non me trabuco, non; véxanse pp. 113-125, particulrmente o apartado IV.4.1. Lembro tamén cando a proposta do Instituto Rosalía fora presentada por Touriño -tamén en precampaña- acompañado por C. A. Molina en calidade de director do Instituto Cervantes.
Da páxina 11, apartado cuarto pode se cadra deducirse que o Instituto Rosalía de Castro entra no acordo de goberno; non o negarei, pero obviamente a proposta nacionalista non pasaba por aí.
Canto ao outro asunto: non me pareceu paripé o daquela consulta que deu, iso si, pouca impresión institucional. Polo demais, non sei que dicirlle, agás que min, xaora, non me chamaron; así e todo, pouco think tank.
Nominalmente ten vostede razón, Saavedra.
En todo caso, chámeselle como se queira chamar (de Galiza, Castelao, Rosalía), o feito é que a creación do tal Instituto é competencia da Consellería de Cultura, tal como se infire do Acordo de Goberno, que é o que debería ir a misa (e que se queda case sempre no adro).
(Ver nota máis abaixo)
Canto ao outro asunto: paripé si, porque para chegar ás conclusións tan xeneralistas e etéreas ás que chegaron non facían falta tales alforxas (tanto fogo de traca e tan poucos estralos).
O BNG propón a creación do Instituto Castelao
[07/01/2004 18:59] A precampaña tamén afecta a Castelao. O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, propuxo a creación dun Instituto Castelao, a semellanza do Camões portugués ou do Cervantes español. Tal propósito enunciouno Quintana no transcurso dunha homenaxe do líder nacionalista a Castelao en Rianxo.
Anxo Quintana explicou que entre os obxectivos do instituto figuraría a creación e xestión dunha rede de centros de estudios para a promoción do idioma e cultura galegas, "en particular naqueles países cunha importante presencia social de galegos". No concepto do Bloque, o instituto tamén lles daría cobertura aos estudiantes galegos no estranxeiro, e facilitaríalles servizos sociosanitarios e bolsas, e impulsará o intercambio e as sinerxias culturais coa Galiza exterior.
En teoría, o Instituto Cervantes ten o labor de promocionar no estranxeiro todas as linguas españolas. Sen embargo, esta función foi xulgada inexistente, en diversas ocasións, polo propio BNG ou por distintas asociacións culturais.
DA PROXECCIÓN EXTERIOR DA CULTURA GALEGA. Os comunicados e documentos que aquí se citaron son antigos. As cousas cambiaron no I. Cervantes dende aquela: hoxe está aberto á promoción do idioma e cultura galegas (e vasca e catalana), tal como figura na Constitución. Non sei se iso inutiliza xa a posible creación dun Instituto Rosalía ou Castelao. En calquera caso, os cataláns teñen o Ramón Llull e creo que funciona (corríxanme se non é así) en colaboración co Cervantes polo mundo. Non sería cousa, supoño, de empezar a abrir edificios e infraestructurosas costosas (co Gaiás xa chega...) cando o I.Cervantes pode dar acobillo a calquera institución galega que persiga tal fin.
Pode soar a herexía, pero creo que ao abeiro do español (xa sei o da lusofonía, pero, para mín e inter nos, eso non funciona nin pouco nin nada) pode espallarse mellor o galego. Hai que aproveitar as inercias. Por probar máis ca nada. Porque dos inconvenientes, que a todos nos alcanzan e que paralizan calquera iniciativa nese sentido, sabemos xa abondo.
Interésame moito, neste aspecto, precisar ben as cousas. Eu ben lembrana a proposta electoral do Instituto Castelao, non sen intención declarado "a semellanza do Camões portugués ou do Cervantes español"; a diferenza doutro proxecto, o chamado "Rosalía de Castro", concibido precisamente ou como extensión ou como póla asociada ao Cervantes.
Con todo, tan proxecto non apareceu en última instancia no programa electoral do BNG, onde se fala en exclusiva dun "Instituto de Galiza" bastante xenérico. Ora ben, se como resultas do acordo de goberno se prevé a implementación dun "Rosalía de Castro" (figurar non figura, pero igual se pode inferir implícito), iso non é que o nacionalismo faga aí deixación do seu proxecto. É, nin máis min menos, un proxecto de goberno sen desenvolver aínda; un máis, nun panorama, xa o dixen, escasamente estimulante.
A idea é interesante,Arume.Eu non trato a moita xente extranxeira que estudase castelán,pero case todos eles se interesaron igualmente polo galego.
Se pode desenvolvela un pouco,sería de agradecer.Sen obligaciós,eh,como dí vostede.
Ora ben... interesa aínda o Instituto da Lingua e Cultura Galegas? Leo unha consideración sobre a posibilidade de abeirarse ao Cervantes; e unha aberta proposta de facelo. Obviamente, con carácter estratéxico estou en total desacordo. Facelo, por outra banda, sería incumprir o sentido do pacto de goberno.
Do segundo xa vai dabondo falado. Sobre o primeiro, unha consideración básica e dous apuntamentos.
Base: a cultura e lingua de Galicia precisan de marca propia, non dependente doutra nin simbólica nin organicamente. Institución específica e política específica, non sometida aos avatares ou cambios de humor en España; coma noutros aspectos, en última instancia é cuestión de supervivencia.
Derivación: benvida sexa a mudanza no Cervantes, á espera de que as mudanzas no dirección non volvan deixar as cousas por onde sempre se adoitou. Indiquemos ao respecto -máis arriba ponse de relevo- como no seu día houbo unha extensión de RNE emitindo en galego; onde vai que se suprimiu por cuestións de orzamento; nin volveu nin parece ser esperada.
Apostila: o da lusofonía, simbolicamente, xa funciona ben máis do que funcionou. Facelo efectivo noutros termos é asunto no que hai que traballar, en paralelo ao incremento de relacións políticas e sociais. E madia leva se dará froito. Ocórreseme unha pregunta: a iniciativa e lazos establecidos co do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, ¿non é consecución efectiva?
Espero que no ámbito político non se caia na tentación "autonomista" dentro do Cervantes: é a invisibilidade garantida.
Bará dixo que o IRC se poría en funcionamento no 2008, se ben non precisou a partir de que mes. Veremos, pois, se é deixación ou non nos vendeiros meses. De momento, a dúbida persiste habida conta o mediocre panorama do xa executado.
Facer visibles a lingua e cultura galegas, pero tamén con eficacia e resultados tanxibles, alén do mero escaparatismo. Repito: estaremos a ver como se suceden os acontecementos.
Ese da invisiblidade era o posible inconveniente que eu indicaba e que fai recear, con razón, admito, sobre tal proposta. Son plenamente consciente, pero non estou seguro que andar de xeito autónomo traia maiores ou mellores vantaxes. Eu simplemente o planteo como iniciativa posible, habida conta de que polo de hoxe sen orzamentos potentísimos todo pode quedar en nada.
Nalgúns departamentos estranxeiros, o catalán, ao calor do departamento de español correspondiente, deu os primeiros pasos e nalgures hoxe ten unha implantación máis ca notable. Véxase, por exemplo, Durham University, UK.
Sobre a lusofonía, creo que pode máis o desexo cá realidade.
Non é broma. Se lle deran a dirección do asunto ao amigo Saavedra, cuns orzamentos folgados e coas mans libres, de seguro que habería de facer cousas ben boas.
Eu estou, xa o dixen, por aproveitar absolutamente todos os recursos, incluídos aqueles de que o IC dispón a partir de, entre outras, as miñas cotizacións fiscais. Os cataláns, nin fai falta dicilo, teñen o Ramon Llull.
Por outra banda: o desexo, en efecto, pode moito. A realidade actual vese diferente da de hai vinte anos, e dío un viaxeiro anual, profesionalmente ben ligado á cuestión e, iso si, lusófilo impenitente. Qui vivra verra; maintenant je vois au loin, en train de s'approcher.
Apicultor, vde. sempre tan compracente comigo. Ora ben, neste caso, por favor non faga medrar os meus pobres dentes. Mañá mesmo, cando queiran.
Home, é que dá un non-sei-que ver a xente valiosa da que nin se acordan de darlles os bos días (e, pola contra, ver como trepas indocumentados e incompetentes suben). Vostede non é, nin de lonxe, o único caso. Eu, obviamente, exclúome, por razóns palmarias.
(Por certo, falaron con vostede para unha colaboración sobre os 25 anos?)
Pois non.
Con todos os meus respectos, non vexo moi clara a necesidade de crear o Insituto Rosalía de Castro. A cultura e o idioma galegos hai que fomentalos e cultivalos, sobre todo, en Galicia. Dar a coñecer a lingua fóra está moi ben para aqueles países que podan permitirse facelo. As prioridades van por outro lado. Multiplicar ad infiniltum as institucións tipo "Consello da Cultura" ou "Centro Ramón Piñeiro" non serve de nada, como xa teño apuntado neste blog.
A critica de Marcos é moi oportuna, o tempo transcurrido levanos a facer balance. Pálpase insatisfacción por todas as áreas culturais, por todas. De feito hai desencanto, desafección. A consellería de cultura é moi importante, moi importante, sen moitos cartos poderían ter feito laboura relevante para o pais, pero semella que accederon a dirección persoas sen as ideas claras, refirome a ideas políticas, non de xestión. Semellan excedidos por unhas responsabilidades entre as que deberían moverse con soltura, ao fin é o seu pais, e para o seu pais. Semellan axfisiados, esgotando a caixa de ideas do PP. Chegan as peores informacións ao reproduciren politicas clientelares. comprenderíase, dísculpariase incluso certa politica de favoritismos, se os favorecidos fosen os mais comprometidos, pero vense comprobando que non hai compromiso por ningures, excepto co que dicía Steiner, o diñeiro, que agora toma outros camiños, dos primos, sobriños e cuñados duns aos irmáns, amigos e coñecidos doutros.
Esperabase mais dos que dícían que eran os que de verdade se preocupaban de Galicia, dos nacionalistas.
Da toda a impresión de que os nacionalistas non saben o que son, que queren?, de verdade que queren para o pais?. A autonomia? mais ou menos reformada, unha federeración, unha confederación, a independencia. A xente nacionalista de verdade que non o sabe, non saben por onde deben ir as cousas, e perdense no día a día, na xestión, como se con eso se desen por satisfeitos, unha xestión que por riba apenas se distingue da do pp, ou pouco menos.
Agora que están no poder, fan un circulo, e miran con sospeita para fora, no centro do aquelarre teñen o diñeiro público, e comportanse como novos ricos, badócos, sen ideas, prepotentes. Que vai facer coa cultura un novo rico? POis faralle unha casa, seguirán coa construcción da cidade, ao fin son tan badocos os uns como os outros, fanlle unha cidade a cultura, como un novo rico lle pon calefacción a caseta do seu can, e un water, e ducha, e unha cama para que durma, e non moleste.
Como van apostar seriamente pola cultura, como van a apostar por aquelo que os descalificaría inmediatamente, o que queren e que a cegueira persista, que os cartos cubran os ollos e tapen a boca, porque estes señores non teñen cultura, a onde se pode ir cunha conselleira que lle gusta Maná,e non cita un escritor galego entre os seus favoritos?. Pobres músicos experimentais galegos, pobres escritores, condeados a ser o adorno prestixiador destes novos ricos que como pintaba gloz, o mais lonxe que logran mirar é a punta do seu nariz.
(Vaia, non sei se aínda se porán en contacto, pois dinlle o seu e-mail. Faleilles de que lles podería facer algo xeitoso ao respecto, que complementaría outros puntos de vista. É para unha modesta publicación dos aledaños de pouca tirada. Cousas que pasan, xa sabe como é isto)
Ou sexa que Política Cultural ven a ser unha contradictio in terminis,algo así coma Intelixencia Militar.
(Reflexión profunda trala lectura do anterior anónimo)
O Anónimo anterior falóu dos novos ricos e lembréi unha historia que me contóu un pintor amigo,de certa fama.
Chamóuno un "novo rico" pra que lle "retratara" a súa vila natal.Un cadro bén grande,pra pór no salón.Pagando o que fora.O pintor déulle un "presuposto" ,que foi aceptado ó momento,e alá marchóu cós bártulos a escoller unha boa vista pra facer o traballo.
Cando rematóu,colgóuno na parede do salón,i entón o "novo rico" escomenzóu a buscarlle "fallos",acompañado da súa muller:
Quén será aquel home de alí?preguntaba.Debe de ser Fulano,respostaba a muller.É a súa casa.Pero Fulano é máis gordo.(O pintor collía o pincel,e pintábao máis gordo).Píntelle un sacho ó lombo senón que vai facer por ahí.(Pintáballe o sacho).Aquel debe ser Mengano.Pínteo cunha escopeta,tirándolle a un paxaro,pero que non lle acerte...A casa de Zutana non é tan bonita...
O pintor foi corrixindo tódolos puntos que lle decían hasta que o cadro quedóu a gusto do cliente.Quen paga,manda...
Cobróu o abultado sobre e,intres antes de marchar,tomóu o pincel por derradeira vez pra borrar disimuladamente a súa firma do cadro.
Que historia máis extraordinaria, amigo Xan da Coba. Súmome á petición de Arume de que recolla todas estas cousas que conta nun libro. O seu avó estaría orgulloso.
Moito obrigado,amigo Apicultor.Eu tamén resulto ser persoa humana.Esas loas alivian as feridas do meu mancado ego.
É vostede moi listo.Sabe que nomeando ó meu abó,desármame.
É imposible desarmalo porque vostede é un home de paz.
Que pensan destas frases de Ferrín escritas o outro día no Faro a propósito da morte de Rogélio Gomes Pousa? As "miserias reais do socialismo real"?
"As ideas e o pensamento social de Rogélio, que comezara a formarse no carrillismo-leninismo moi independente de Romenia, fóronse modificando co tempo. Permaneceu firmemente ancorado na esquerda, e aberto a todas as correntes do pensamento liberador contemporáneo. Considerou natural o afundimento do socialismo real aínda que pensaba que en Romenia houbo un golpe de estado en regra. Polo feito de coñecer a fondo as miserias reais do socialismo real esperaba que o mundo futuro reinventase a igualdade con outros métodos e o seu rexeitamento da opresión e da inxusticia ía unido a un estado de ánimo otimista e esperanzado."
Pois que parece que, moi lentisimamente e con gran retraso, se empeza a apear da burra, isto é, do mito do comunismo realmente existente.
Xa atopei o informe do CES sobre o AGADIC: está ao final do comentario de Xabier Cid en Vieiros.
Publicar un comentario