23 nov 2007


Chavez. Camilo Nogueira. A masonería
(Tres posibles temas para debate. E, dado que domina o tema Camilo Nogueira, ilustro co cartel que usou o PSG-EG na campaña das autonómicas de 1986)

"Loxa "Obradoiro" " (Méndez Ferrín en FARO DE VIGO, 23 nov.).

Chavismo

Entrevita a Camilo Nogueira

Ferrín lembra e defende a masonería de Curros Enríquez e de tantos escritores e líderes republicanos galegos (da Primeira e da Segunda Repúblicas).
Camilo Nogueira deixa como sempre interesantes reflexións nunha entrevista nas páxinas galegas de El País.
E Apicultor envía un interesante artigo sobre Chávez e as forzas armadas do seu país (da web do Real Instituto Elcano).

42 comentarios:

Anónimo dijo...

Desculpen que o poña aquí, pero non encontro outro lugar. Vai sobre o chavismo. É por se queren seguir discutindo deste asunto (non sei se a masonería daría para moito).

Chavismo

Anónimo dijo...


href="http://www.elpais.com/articulo/Galicia/UE/significou/derrota/do/Estado/xacobino/elpepiautgal/20071123elpgal_20/Tes/">Entrevista a Camilo Nogueira: "Todo o que Galiza tiña que sufrir xa o sufriu e arestora, se houbese un bo Goberno, que aínda non o hai, a pespectiva de crecemento é enorme."

Anónimo dijo...

A ver se agora si:

Entrevita a Camilo Nogueira

Anónimo dijo...

Unha pregunta/reflexión tanto sobre esta entrevista como coa de Beiras o outro día. Debe ser moi "jodido" (con perdón) estaren loitando toda a vida (e desde esas alturas intelectuais) por conseguiren a soberanía de Galicia, o autogoberno, e cando podes gobernar, aínda que parcialmente ou pouco, veren os touros desde a barreira. Non o critico, pero si fago esta observación.

Anónimo dijo...

É máis que evidente que tanto Beiras como Nogueira, por causas obvias que saltan á vista de todos, son as moscas cojoneras dos que hoxe mandan realmente no Bloque (Quintanistas + Upegallos).

Anónimo dijo...

Os que hoxe mandan non teñen nin de lonxe a valía intelectual dun Nogueira ou dun Beiras, penso eu. Non sei se perdemos unha xeración de gobernantes á sombra do fraguismo pero si que se percibe unha fonda decepción. Como sinalaba alguén antes, Nogueira tamén pensa así: "se houbese un bo goberno, que aínda non o hai".

Anónimo dijo...

Cando arranca ese mito de que os que gobernen teñan que ter alta categoría intelectual? do Despotismo Ilustrado?

Anónimo dijo...

Pensan que gobernar é unha actividade intelectual?

Anónimo dijo...

Era eu

Anónimo dijo...

Eu creo que confundimos no caso de Camilo Nogueira (e se me apuran no de Beiras) acción política decidida, con valores declaradamente nacionalistas, con altura intelectual. A estas alturas (non intelectuais) do partido, son máis rémoras que outra cousa. Un datiño, e sei que aquí hai moito camilista, é elocuente: Nogueira, con todas as súas loubadas características, nunca tivo respaldo popular. Ou á xente non lle gustou ou el non se explicou moi ben. Pero o certo é que Nogueira sempre fracasou en política e só metido nun BNG en camiño ascendente puido formalizar a súa voz. Se non, sería un Guerreiro bis. A mín esa maneira de razoar na entrevista, que quizáis se deba ao estilo do entrevistador (o beneficio da dúbida), sobre os que non pensan coma el (non teñen idea de de política) pasa factura.

Anónimo dijo...

Ok.Arume.Lástima que eu non escriba nos xornáis,senón xa lle plaxiaba este último comentario.

Anónimo dijo...

Camilo Nogueira tivera un "éxito" relativo cando o PSG-EG por el encabezado acadará tres deputados autonómicos e o BNG tan só un na eleccións de 1984. A partir dese momento o BNG foi en alza e o PSG-EG en picado. Finalmente, Camilo integrouse no Bloque, foi temporalmente deputado autonómico por tal forza para pasar a ser deputado europeo pola mesma.

O seu respaldo popular non foi inexistente, pero si moi escaso e irregular.

Arume ten, en parte, razón.

Anónimo dijo...

O escaso éxito do PSG-EG a finais dos anos 80 débese a varios factores:

1) Camilo non tiña detrás un aparello partidario consolidado en toda Galicia.

2) A imaxe que daba o candidato Camilo era boa (ninguén traballaba tanto naquel Parlamento), pero para conectar coa (maioría da) xente tes que ter algo máis de sentido do humor.

3) O PSG-EG navegaba entre dúas "ofertas" da esquerda xa existentes: o PSOE (un partido que daquela aínda tiña creto) e
o BNG, un partido ben organizado.

Non sempre o produto ofertado de máis calidade é o que máis éxito ten. Eis o exemplo de Camilo. Teño claro, por exemplo, que faría un papel como vicepresidente infinitamente mellor que o sr Quintana.

Anónimo dijo...

Estou de acordo co que di o sr. Anónimo (ex Swann?).

Anónimo dijo...

"La alegría de la huerta" non parece. Pero non estou seguro de que o producto ofertado teña tanta calidade como supoñemos. Esa é a miña percepción, coincidente con boa parte dos votantes que sempre lle deron as costas.

Anónimo dijo...

Gobernar actividade intelectual? Para Hitler ou Pol Pot era máis ben física pero aínda aspiramos (ou non?) a que sexa intelectual, do que ven sendo o intelecto.

Anónimo dijo...

De Pol Pot e os seu "khemeres roxos" non controlo moito.Pero Hitler tiña os seus "intelectuáis",vaia se tiña.

Anónimo dijo...

A mín moitas veces eses que "traballan moito" lémbranme a eses "hamsters" que corren moito dentro de unha roda.O que importa é a eficacia.

Anónimo dijo...

Vou tomar prestada esa súa comparación co hamster: estou moi canso da celebración entusiasta do que traballa moito e non ten tempo para nada. Ao mellor é que está mal organizado.

Anónimo dijo...

É reflexión xeral: non ten que ver co tema de Nogueira. Non fai falta decilo.

Anónimo dijo...

Ás veces os froitos do traballo dun non se convirten en realizacións personais, senón que os levan outros. Iso non importa se os obxectivos "dun" e dos "outros" son semellantes. No caso de Camilo Nogueira podemos falar de auténtica vocación de servizo, antes e despois da ditadura. Non me agradan, por tanto, algunhas das comparacións aquí expresadas.

Marcos Valcárcel López dijo...

SON CAMILISTA DE VELLO, é cousa sabida. O que non significa que recoñeza os erros que Camilo cometeu na súa vida política que os houbo.
Pero estou de acordo con este comentario anónimo: "O escaso éxito do PSG-EG a finais dos anos 80 débese a varios factores:
1) Camilo non tiña detrás un aparello partidario consolidado en toda Galicia.
2) A imaxe que daba o candidato Camilo era boa (ninguén traballaba tanto naquel Parlamento), pero para conectar coa (maioría da) xente tes que ter algo máis de sentido do humor.
3) O PSG-EG navegaba entre dúas "ofertas" da esquerda xa existentes: o PSOE (un partido que daquela aínda tiña creto) e
o BNG, un partido ben organizado.
Non sempre o produto ofertado de máis calidade é o que máis éxito ten. Eis o exemplo de Camilo. Teño claro, por exemplo, que faría un papel como vicepresidente infinitamente mellor que o sr Quintana."

Ó que hai que engadir as fortísimas presións que houbo para derrubar a Camilo e proxecto PSG-EG. Alguén reformulou o tema parlamentario (5 por cento) para deixar fora EG e Coalición Galega. E dende o outro nacionalismo, hai que lembrar o retrato de Camilo todos eses anos: pseudonacionalista, españolista, traidor, fracasado, fundador de partidiños, etc.
E velaí a autocrítica: os que acompañamos a Camilo varios anos (eu cheguei a estar na Executiva do PSG-EG, asumo a miña responsabilidade) non fomos quen de articular a estructura necesaria para chegar a moita máis xente, nos mellores momentos de recepción política. Non por falta de programa ideolóxico (aqueles tochos tan ben elaborados de Manolo Barreiro), senón, moitas veces, porque os cadros PSG-EG tiñan outras prioridades, non todo era a política (entre elas, para moitos, facer excelentes carreiras académicas ou culturais, non falo de min, é obvio).
E engado algo do que estou totalmente seguro: o funcionamento interno do PSG-EG era radicalmente democrático, aberto á pluralidade das súas tendencias e nunca sectario nin manipulador (quizais fomos "demasiado demócratas" neste aspecto: os partidos que funcionan son máis firmes e unitarios ou máis totalitarios na súa democracia interna, como prefiran).

Marcos Valcárcel López dijo...

ENGADO. FALO A CORAZÓN ABERTO, que non teño nada que perder. Cando PSG-EG (logo UG) entrou en crise, fun dos máis partidarios de achegarnos e integrarnos no BNG, mesmo sen condicións. Eu sabía o que era o BNG, para ben e para mal: militei nesa casa antes, entre o 1975-76 e 1983, creo). Camilo tiña moitas máis dúbidas: nunha ocasión, nunha viaxe dos dous (á homenaxe a Bóveda en Pontevedra, estabamos os dous na Fisterra e fomos xuntos e falando disto, díxome: "Si, o BNG, quérenos dentro, pero quérenos rendidos e derrotados". Camilo, como é sabido, tardou algo en ingresar no BNG. Aquela afirmación pareceume moi dura cando a escoitei por primeira vez. Despois, co paso do tempo, cheguei a darlle a razón.

Marcos Valcárcel López dijo...

Conversa habitual entre militantes ou exmilitantes do BNG: podo asegurarlles que escoitei isto varias veces nos últimos meses.
- E logo non é posible que nun partido como o BNG haxa o sitio que merecen todos, xentes como Camilo e Beiras, entre outros?
- Estráñase o labor de Camilo Nogueira co que está pasando, no BNG dan os nosos votos por seguros (antes de que gañe o PP) e non se molestan nin en gardar as formas. Unha mágoa non poder votar outra forza nacionalista.

Anónimo dijo...

Moi interesantes estas súas confesións, pero atrévome a preguntar se aínda estas cuestións son pertinentes no momento actual.

Anónimo dijo...

Escribimos ao tempo e polo tanto a miña pregunta agora sobra.

Anónimo dijo...

A altura ética e política de Camilo non ofrece dúbidas. A súa boa imaxe, tamén. Certo é, como dicía Carlos Mella en "Non somos inocentes", que carece do máis elemental senso do humor, non falemos xa de retranca. Houbo causas estruturais que explicaron que o PSG-EG non callase. Porén, falta unha: que o BNG, malia que os seus dirixentes de entón se neguen a recoñecer o evidente, asumiron estratexia política do PSG-EG. E dende ese intre, impúxose a súa mellor implantación, capacidade de penetración noutros movementos sociais, e tamén o atractivo liderado de Beiras. Cumpriría preguntarse que tería acontecido se o PSG-EG tivese entrado no BNG non como e cando o fixo -como forza derrotada e logo do confuso experimento "pseudofrontista light" de UG-, senón un par de anos denantes, co seu capital político máis enteiro. E se Beiras tivese asumido que esa incorporación podía enfortecer o pólo de EN, para facerlle fronte á hexemonía interna da UPG. Faltou "finezza" política en Camilo, pero tamén en Beiras. Egos enfrontados, non o esquezamos.
Dubido, porén, que o Camilo actual me mereza tanto creto político coma o de hai quince anos. A rebelión dos "vellos" do BNG ten moito de enfurruñamento infantil a destempo. Comezando polo de Beiras hai uns anos: E logo tanto tardou en decatarse do que era a UPG? Por que non utilizou a súa capacidade de presión interna no 1997-99, no cume da súa popularidade e forza? A política non é só vedettismo: é, como dicía Berlinguer, "culo di ferro". E seguindo polo de Camilo, cuxa autoproclamada conversión en ideólogo da nación dá case máis pena que outra cousa. Semellou un querer voltar á casa petrucial orixinaria da UPG pola vía da exaltación da nación orgánica e da Historia de Galiza. Porén, aí fica o seu período como eurodeputado, un contributo ao meu ver que se valorará cada vez máis en perspectiva. Xamais en Galiza se falou tanto dos "nosos" eurodeputados como cando Camilo sentou en Estrasburgo e bebeu novos aires.
Sinceramente, é unha pena que das virtudes de Camilo e Beiras non nacese un clon co mellor de ambos os dous: o engado oratorio de Beiras e a capacidade de traballo de Camilo. O atractivo electoral do un e a imaxe de honestidade e solidez do outro. Dende logo, ese clon non é de Allariz. Está por ver se xorde algunha vez.

Anónimo dijo...

Concordo punto por punto coas atinadas palabras de Marcos e de Isildur. Pouco máis poido engadir que non dixeran eles.

Quintana, ese "buen chico, moderado" en palabras de Esperanza Aguirre, está imprindo un evidente e decidido xiro político-estratéxico do BNG cara o centro. Non cara a "terra de ninguén", como dixera Beiras no 2005, senón cara o centrismo galeguista.

Así, Quintana pasou de afirmar en 2003 que "o BNG é unha forza política nacionalista que ten unha proposta programática claramente de esquerdas" a sinalar en 2007 que o BNG era unha "forza tremendamente moderada" que "non se inscribe no que tradicionalmente se considera esquerda".

O recente nomeamento de Pérez-Lema como secretario xeral de Relacións Institucionais, que recoñeceu querer suavizar aínda máis o discurso político da Vicepresidencia cara o centro, é un fito máis nesta profunda mutación que se está a producir no BNG e que algúns, ben por interese, cinismo ou cegueira, non queren ver.

Como remate, con éxito ou fracaso, este experimento, é algo que aínda está por ver.

Conste que me limito a sinalar o que hai.

Anónimo dijo...

... está imprimindo..., tiña que dicir.

Anónimo dijo...

E convén destacar que esa viaxe cara o centro xa se iniciou, con non poucas contradicións, en época de Beiras. E que Camilo tentou algo semellante coa fracasada experiencia de Unidade Galega.

A diferencia substancial é que, agora, esa viaxe cara o centro por parte de Quintana se está a facer "sen complexos" e con todas as consecuencias, apoiándose na estrutura de goberno que lle compete e nos recursos que esta pon a súa disposición. Nisto hai que recoñecerse a súa coherencia.

Daquela, que Beiras veña agora coa recuperación dos sinais de identidade "orixinarios" do BNG (véxase, entre outros, o seu discurso no acto conmemorativo dos 25 anos do BNG en Riazor: irmandade, soberanía, esquerda, república), carece, ao meu ver, de credibilidade e de operatividade.

E igualmente carece de credibilidade e operatividade Camilo coa súa crítica ao "rexionalismo" como práctica actual do BNG, aliado ao "sindicato de descontentos" propiedade nominal dese avogado de Lugo de Esquerda Nacionalista (cuxo nome agora non me sae) e abandonado polos antigos membros de Unidade Galega.

Pola súa banda, o Movemento pola Base, ancorado no vello discurso soberanista, esquerdista e anti-sistema, típico dos anos da transición, non ofrece alternativa real ao estado de cousas existente.

Como sempre na historia do BNG, o balón está no tellado da UPG. Pero esta, instalada definitivamente no cinismo pilítico, semella unicamente interesada en conservar as importantes cuotas de poder que lle corresponden (dentro do BNG e nas institucións) e non en deter o xiro quintanista.

Conste que me limito a sinalar o que hai. Ao meu ver, por suposto.

Anónimo dijo...

Concordo ponto por ponto con Apicultor. O que en tempos de Beiras eran "bandazos" (aquela candidatura fracasada de Carlos Mella ás europeas do 94, por exemplo, que levou a moitos simpatizantes do BNG a votar Izquierda Unida, HB e ata ERC/EA), agora é unha estratexia pasiño a pasiño, apoiada nos resortes do poder. Quintana sabe facer o que non fixo Beiras: usar e abusar da súa condición de líder e de vicepresidente da Xunta. Non se lle pode desautorizar tan doadamente.
Supoño que a UPG tolera eses movementos, na súa chiclosa (por extensíbel) estratexia de frontismo, á agarda de que o día D da liberación nacional permita daquela que haxa partidos de esquerdas e dereitas. Mentres teña o control do aparello e coloque ben aos seus fideis, terá peóns abondos para seguir imprentando á nave o rumo que lle pareza axeitado. Ora ben, cómpre inserir dous peros. Un, a UPG é máis mitificada dende fóra que dende dentro. Os benególogos falan de varias UPGs (grupo de Allariz, etc.). Dous, como acertadamente (de cando en vez atina) sinalara Ferrín hai anos, a UPG hai tempo que deixou de ser un partido marxista-leninista etc. para devir sinxelamente un partido patriótico, no que o nacionalismo é cen veces máis importante que o esquerdismo (ademais dos consabidos xiros referidos á que a esquerda neste país ten que afacerse ás súas peculiaridades sociais etc. etc.). Renuncia na prática á doutrina, pero non á cultura política de organización marxista-leninista, que lle serve para ter o control orgánico fronte á descoordenada actuación interna no político-organizativo dos demais, quer refuxiados no resistencialismo declarativo (e non esquezamos que Beiras xamais se distinguiu, nin sequera nos seus tempos do PSG, por ser un político de aparello: dificilmente pódese selo se denantes das 12 da mañá non se pon a traballar, nin sequera nos seus mellores tempos), quer na señardade de tempos máis puros.
É que o BNG se institucionaliza, toca poder, reparte cartos, crea clientelas: Iso pásalle a todos os partidos. Incluída ERC, como denantes o PSOE, o PNV, CiU... Nada novo baixo o sol.

Anónimo dijo...

En efecto, tal é como di, amigo Isildur.

Que ninguén se sorprenda da mutación do BNG e do que vostede afirma no último parágrafo: é unha constante que é común a toda forza política que logra pintar algo, unha "lei" inexorable: a lei de ferro da oligarquía que dixera Michels a comezos do século XX e que moitos outros estudosos ampliarían e matizarían posteriormente.

Coido que xa vai sendo hora de que algúns vaian perdendo a inocencia, que se desvirguen politicamente, como dixera un coñecido común respecto doutro asunto que a el lle conviña.

Anónimo dijo...

Abofé que é así, amigo apicultor. Mais a un non deixa de lle surprender a inxenuidade de moitos amigos comúns, que aínda seguen a crer na pureza prístina dos ideais e se alporizan perante o evidente.
Por certo, a saída de Beiras apoiando as declaracións de Lores dende Arxentina nas que se chamaba ao rei de España golpista foron patéticas. E a súa marcha atrás non menos patética que a daquel. Se a Beiras só lle fica xogar a ser o enfant terrible, alguén debería dicirlle que xa non é un enfant. E ser un "vieillard terrible" non é atractivo. É penoso. Beiras aínda non se enteirou, ao meu ver, de como pode utilizar a súa figura en beneficio da causa na que cre: sendo o seu referente exterior e paseando o seu brillo intelectual por aí fóra. Iso si, tería que aggiornarse un chisco, porque dende Camus, Sartre e Lafont choveu a esgalla...
Dito o anterior, deixo constancia dunha cousa: que xente coma Beiras e Camilo son merecentes de todo o meu respecto intelectual e político. A historia do nacionalismo galego no século XX, e da súa saída das catacumbas, non se pode entender sen eles. Pero deixaron tarefas pendentes (como a de non acompasar, nomeadamente Beiras, a praxe política do BNG á súa organización interna e mais á súa cultura política cando puideron contribuír a facelo) que se poden converter en decisivos atrancos para a consolidación do BNG como unha forza de goberno. Resulta difícil inventar o centro dende enriba con catro figuríns mentres o control real da organisasión está, moitas veces, en mans de sectarios, por moi enxebres que sexan. Unha persoa con responsabilidades de goberno, intelixentes e lúcido e autor de grandes tochos en tempos pasados que leu o amigo Valcárcel, díxoo ben claro nunha oportunidade: o Bloque como organización é "arisco". Non sei se o sorriso de Pérez-Lema vai mudar iso...

Anónimo dijo...

Ui, canto daría isto de si; e eu case sen tempo. Notas breves, e prescindibles. Fagan coma quen non le, se acaso.

Primeiro: o primeiro que dixo o Isildur, para min, tamén vale. Agás nun detalle: en ningún momento o Camilo Nogueira me deu pena, e oxalá rematase A Memoria da Nación: nas liñas básicas, o discurso arredor do vello reino é -co do Anselmo L. Carreira- imprescindible.

Segundo: Beiras quixo ser -ou díxoo- parte do que indica o Isildur na última mensaxe; non llo puxeron moi doado. Vello si, patético non sei, pero a semana pasada, aquí en Lugo, seica encheu a rebordar o Auditorio da Xunta co "Pobre mundo rico". Respecto non só pola historia, tamén polo activo. Vaia luxo, tirar a Beiras no lixo; para calquera, aínda críticos e contrarios.

Terceiro: interesado e cínico espero que non, cego non sei se estou. Ora ben, de momento eu advirto no BNG afán por ocupar centralidade política, non por configurarse como opción centrista. A centralidade aparenta esencial para ser forza de goberno, disque, e diso vdes. entenden máis ca min, que posiblemente non entendo nada.

É curioso que, cando se incorpora á gobernación alguén coas características de Pérez Lema, sexa o tal asumido como síntoma inequívoco de xiro político; e que, pola contra, non se interprete como reforzo ou tendencia cara a unha liña de esquerda a inserción no mesmo equipo de Martínez Barreiro. Para o meu ver, Quintana escolle a quen lle convén ou mellor lle vai ao seu proxecto e papel.

Xa saben, con todo, que eu debo ser algo quintanista. De política, por outra banda, igual entendo tan pouco coma de historia. Ou sexa que iso, fagan pouco caso, se algún.

Anónimo dijo...

Non teño palabras diante de semellante exhibición de benególogos. Abofé que miran vostedes fino.

Anónimo dijo...

E cambiando para os masóns, vin hoxe no escaparate da miña librería Gami un libro de título que evita a súa lectura: "La conspiración masónica: de las primeras logias al gobierno de Rodríguez Zapatero". Así, cun par...

Anónimo dijo...

Aínda menos mal que, ut ures desint (a min, para respostar), saavedra intervén con eficacia.

Anónimo dijo...

Pero diga o autor,Arume...
Boeno,xa o busco na rede

Eiquí está

Anónimo dijo...

Sr. González. En parte concordo tamén con vostede, aínda que non na vindicación historicista pseudofantasiosa que fan Camilo (e Anselmo...) do reino de Galiza. Pero iso é outro cantar.
Canto á incorporación de Martínez Barreiro: si, pero é un contra dúas incorporacións centristas (Ferreira e Pérez-Lema). O primeiro, ademais, espertou máis oposición entre a U que os segundos. E o xefe de gabinete terá menos visibilidade política, aínda que si peso de fondo na elaboura do discurso.
Terceiro: Beiras, nos oitenta e noventa, xamais deu pasos reais para explotar o seu ascendente dentro do BNG, o que os politólogos chaman capacidade de chantaxe. Só se lembrou do mala malísima que era a UPG e Paco R cando percibiu que xa o querían substituír. Piache tarde...
E cuarto: Beiras segue a ser un orador brillante e un intelectual interesante. Non é de estrañar que encha. Politicamente, porén, no 2001 estaba amortizado. A rolda de prensa logo de perder as eleccións autonómicas do 2001 foi, en boa parte, a súa guillotina política, da que non se recuperou nin sequera co xiro cara á política de man aberta con Fraga, tronzada polo Prestige.

Anónimo dijo...

Nunha pausa apurada.

Mire, Isildur, non lle entendo o de pseudofantasiosa. Diría que o primeiro termo anula o segundo, quedando logo o conxunto como avaliación encomiástica un tanto sorprendente. De calquera maneira, máis alá de considerar ou non o chamado Alfonso VI como rei galaico, avaliar o compoñente galego como elemento esencial no que a historiografía chama, sucesivamente, reino de Asturias e reino de León, considéroo ben sensato; así como estimar que este recolleu dalgún modo o carácter político da antiga Gallaecia. E neste caso, a min, é o que me interesa.

Tocante ao da Vicepresidencia, o seu balance cuantitativa é irrefutable; habería, en todo caso, que engadir no lote a Adán, Seara e Cela, como mínimo, nun hipotético balance centro vs. esquerda. Persoalmente penso que Quintana escolle a quen lle convén política ou persoalmente, iso si, aproveitando para lanzar -social e electoralmente- todos cantos cabos poida. O que ten que facer, xustamente.

E sobre Beiras, no que di agora cadro conforme case ao cento por cento; cun matiz: entendo que mantén un capital político-electoral indesmentible. Aínda enriquecido por iso que vde. e todos ben sabemos: sempre falei mal de ti, pero agora que caes (ou morres) falarei ben.

Sempre interesado polas súas análises, desexaría seguir falando. Hoxe non vai poder ser.

Anónimo dijo...

Como se pode ler nun link, ao principio deste fío, Chávez segue a senda encetada por Velasco Alvarado. O papel de Velasco Alvarado en Perú é equiparable ao de Lázaro Cárdenas, Nasser, Torrijos ou Attatürk en cadanseu país. Foi un reformador autoritario que propiciou unha reforma dende o poder, cun estado que intervise na redistribución da riqueza. Nese sentido, continuou con 20 ou 30 anos de retraso o proceso iniciado por Perón, Getulio Vargas e Cárdenas: industrialización dende arriba, nacionalizacións de ben extranxeiros, e esstatalización da vida social. Chávez continúa esa tradición nacional-populista: persoalmente íntegro (algo non moi habitual en América latina) anque politicamente conflictivo (sálvalle que a oposición é cavernícola e desastrosa), aprovéitase (como Velasco) dunha conxuntura internacional favorable, pero pode atopar no clientelismo estatal, tumba política de Velasco, a súa propia tumba. Persoalmente son escéptico ante a “revolución bolivariana”. Só espero que, como aconteceu cos presidentes antes citados, acometa reformas que se fagan irreversibles unha vez sexa deposto, removido ou derrocado.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

No blog de Zerovacas aparece a intervención de Beiras diante dos veciños de Meá: interesante a súa crítica á Xunta e aos seus compañeiros do BNG.