18 nov. 2007


O señor Kubrick.

Pan por Pan domingo 18 nov.


O señor Kubrick é moito Kubrick. Fixo algunha das obras mestras do cine contemporáneo. Mesmo en obras que me gustaron menos, nunca me defraudou. O venres pasaron por TV “A chaqueta metálica”: era das poucas das súas cintas que aínda non coñecía e aproveitei a ocasión. Quizais non fun na estrea pola temática, para min desagradable: os modos de adestramento e tortura dos marines norteamericanos ata convertelos en máquinas de matar en Vietnam. Nunha crítica daquela hora (“Contracampo”?) dicíase que era case unha película fascista. Eu non vin tal. Dende logo, ten secuencias de desbordada crueza: a escena do suicidio do soldado patoso é unha das imaxes máis fortes creadas no cine do seu tempo. Acontece que a simple descrición do máis descarnado militarismo non anda moi lonxe do retrato do fascismo. Iso tamén é verdade.

9 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Esa confusión entre plasmar un mundo fascista e que a película sexa fascista é unha das máis grandes barbaridades cometidas polos críticos (impresionistas) de cine. E o peor é que ten seguidores a man cheas. De John Ford diciase tal cousa porque mataban indios a moreas. De Kubrick desde a Laranxa Mecánica véñenlle dicindo o mesmo. Ou antes. Debe ser que Senras de gloria ou Espartaco tamén o debían ser. Por citar un par de exemplos.

apicultor dijo...

En efecto, confundir a "voz" do narrador (cinematográfico ou literario) coas "voces" dos protagonistas das súas obras, facéndoas mecanicamente equiparables, é unha das barbaridades -e tonterías- máis grandes que se poidan cometer.

Xosé M. González dijo...

E o sarxento desa película, un clásico. No meu entender, ben modesto.

Xohan da Coba dijo...

Música de trompeta,pero non militar,pra amenizar o post:

Trumpet voluntary

Leituga 1 dijo...

Lembro que a confusión sinalada por Arume dos Piñeiros produciuse tamén de xeito superlativo cando se estreou "Apocalypse now", a extraordinaria película de Coppola. Moita xente saía do cine pensando que acababa de ver unha apoloxía do imperialismo americano e da guerra de Vietnam.

marcos valcarcel dijo...

O fascismo retrátase por si só, deixándoo falar.Había dous directores alemáns dos 70 (non lembro os nomes e non estou na casa) que facían isto xustamente nas súas películas: darlle voz ós fascistas para que eles mesmos se definisen coas súas propias badocadas. E a fórmula funcionaba, excusábase engadir ningún tipo de denuncia.

arume dos piñeiros dijo...

Eu teño que recoñecer que nalgunhas películas de Fassbinder, de Passolini (aquela de Saló) ou de Visconti (La caduta degli dei) a descripción das clases decadentes (no marco do fascismo e do nazismo) podía ofrecer, digamos, unha ambigüidade notable. Por iso supoño que resultan fascinantes e interesantísimas. Pero os límites do reprobable e do admirable quedaban sutil ou confusamente expostos. A delectación por aqueles ambientes de evasión estética nun mundo de morte, tortura e crimes podía resultar ao tempo repulsiva e atractiva. A elección de planos, unha especie de simpatía para con certos protagonistas, facían aínda máis difícil a lectura. Eu sempre as concebín como demoledoras denuncias dun universo amoral, pero non estou seguro de lelas correctamente. Algo se me escapa. Esa será precisamente a súa grandeza.

Anónimo dijo...

As de Fassbinder, Passolini e Visconti tiñan un algo de "exploitation movies", gústenos ou non. Efectos do relaxamento da censura. Cousas da época.

Xohan da Coba dijo...

Música,que Wagner non tén culpa.Xa o dixo o Daniel Baremboim.

Cabalgata das Valkirias