4 nov 2007


Xosé Miranda no Galeusca
Galeusca en Lugo e Mondoñedo: facendo visible a literatura (reseña completa)

A través das mouras, as literaturas galega e vasca atoparon onte en Galeusca un punto en común no seu imaxinario colectivo. Segundo sinalou Xosé Miranda, as mouras en Galicia e a deusa Mari en Euscadi nacen da mesma mitoloxía popular. Son seres sobrenaturais cunha especial altura e que sempre están presentes na mitoloxía de todos os países célticos.
"Hai imaxes colectivas que temos todos e que teñen orixes remotas pero que permanecen e funcionan pasado o tempo, mesmo reconfigurándose ao pasar a literatura escrita", sinala o escritor lugués que destacou a relación da mitoloxía popular e os diversos xéneros da literatura oral cos diversos tipos de literatura escrita.

Así, segundo afirmou, a literatura chamada realista está preto dos chamados por Aarne "chistes e anécdotas" e "contos románticos e novelescos"; a literatura do marabilloso, como a de Dunsany, Tolkien ou Ursula Leguen, procede dos contos marabillosos e dos mitos; a fantástica (Fole), está máis próxima a arqueolenda; os románticos á neolenda con castelos, mortos e fantasmas; e a "literatura do extraño", Edgar Allan Poe (na imaxe) e Dieste, a verdadeira literatura de terror que é próxima ao fantástico pero as veces non o é, asimílase á lenda urbana. "En Cunqueiro está todo o conto, o mito e o arqueo e neo lenda. O que non está en Cunqueiro é a lenda urbana, porque lle desagrada", dixo. "Cunqueiro -sinalou Miranda- está moi lonxe de Poe e de Dieste, de Cortázar e Ambrose Bierce, e próximo a Borges e a Dunsany". Miranda rematou dicindo que, como calquera outro lector de Cunqueiro sabe, a cosmovisión galega está chea de humor e a mitoloxía mais a literatura oral do país tamén.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Nas súas obras narrativas dos 50 e 60 Cunqueiro dimite da realidade que ten diante dos seus ollos, porque non lle gusta ou porque non sabe ou quere vivir nela.

Os protagonistas de Fole experimentan diversas posibilidades de morrer, mais con todo aférranse á vida.

Non hai cousa mellor que, nunha tarde outoniza, meterse na camiña (ou sentar nun tallo cabo do lume da lareira), comer unhas castañas regadas con sidra do país e poñerse a ler "Terra Brava".

Anónimo dijo...

Ler a Cunqueiro, tanto nas súas obras en galego como en castelán, é sempre unha delicia e un (re)descubrimento constante, unha fonte inagotable de sorpresas. A calquera hora do día, en calquera circunstancia, Cunqueiro é moito Cunqueiro.

Sen menosprezar a ningún dos nosos clásicos, Cunqueiro é o máis Grande. E así será... per secula seculorum.

Anónimo dijo...

E logo que dín de Á LUS DO CANDIL?,recolléu os contos da tradición oral popular.Pero os de meirante interés son pura invención. Na redacción do Progreso de Lugo,sempre co pitillo nos labios,hoxe teríao cru.Entrañable persoa no recordo

Anónimo dijo...

Cunqueiráns versus foleanos?
É posible que Fole escoitara algúns dos contos de "Á lus do candil" dos paisáns. Hai uns anos fun ver a igrexa de mármore que hai no Hospital do Incio e alí nos recibiu un labrador, vese que xa retirado pola idade, que exercía da guía turístico.
Á saída estívonos falando de don Ánxel Fole "o das letras gallegas" e que fora el quen lle contara "a historia do lobo"
(Logo souben por outras persoas que alí chegaron que sempre lle conta a mema matraca aos visitantes. Neste caso historia inventada dunha historia inventada)

Anónimo dijo...

Hai que desbotar eses vs. (versus) que semellan máis acaídos para un combate de boxeo que para a literatura, digo eu.

Eu gusto moito de Fole, pero aínda máis de Cunqueiro. Iso non é mérito nin demérito para ninguén. Simplemente é unha cuestión de gustos, etcétera.

Anónimo dijo...

Marcel Swann, de matraca nada. Foi o pai del,do sancristán, o Zoqueiro, o que lle contou moitos contos de lobos a Fole. O Zoqueiro era un gran fabulador e teño escoitado moitos verdadeiramente fantásticos e mesmo marabillosos deste home, que Fole non recolleu, mais que subxacen na súa obra.

Anónimo dijo...

¡O que o Miranda sabe destas cousas! Téñoo escoitado falar algunha vez sobre literatura fantástica -e sobre literatura en xeral- e dá gusto oílo. Nunca tiven moito trato con el, pero paréceme un tipo moi sólido e con moi boa cabeza.