6 dic 2007

Pintadas (resume)

Só para facilitar a consulta dos posibles interesados/as, deixo en Comentarios as nove Andoliñas que naceron da colección de pintadas aquí escolmadas nas últimas semanas. Por outra parte, clicando na etiqueta Pintadas aparecen moitas máis, todas as que vostedes foron deixando xenerosamente nesta casa.

3 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

ANDOLIÑA xoves 22 novembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (1)
Marcos Valcárcel
Na rúa de Camiño Caneiro, que eu lembro de neno na miña cidade nacida dun camiño lamacento, ó carón do cruce coa Avenida da Habana, había unha pintada, aló polo ano 1972, que dicía “Orense con Ferrol. Franco asesino”. Alguén a escribiu alí, en aceno clandestino e perigoso, en solidariedade coa folga obreira de Ferrol: debeu ser das primeiras na cidade, como lembra un lector do meu blog. Tras dela acoden á memoria, nun curioso cachón de relembranzas, moitas outras.
A cidade ourensá ten unha rica tradición de pintadas ácratas, a maioría posteriores á morte de Franco e cun ton entre provocador e cachondo. Por exemplo, aquela xoia de “Grelos, sexo e muiñeira”, remedo dun slogan contracultural, que estivo en tempos pintado nas paredes dunha residencia feminina na rúa Cardenal Quiroga. Perto do colexio Cardenal Cisneros houbo outra, tamén provocadora, parida cando chegaron as primeiras eleccións democráticas, pois de forma orixinal pronunciábase a favor da abstención: “Haz como nosotros. La reina y yo no votamos”, e aparecía asinada así: “El Rey”.
Co mesmo estilo, na rúa Cardenal Quevedo, aqueloutra que rezaba: “Niezsche murió. Firmado: Dios”. E mañá seguiremos.

ANDOLIÑA venres 23 novembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (2)
Marcos Valcárcel
Foron moitos os colectivos que, no paso do tempo, recorreron ás pintadas para facerse escoitar: nacionalistas (cantas espirais houbo nas rúas das nosas cidades?), comunistas, ácratas, grupos sindicais, etc. Os ácratas, que sempre amosaron un especial enxeño neste tema (nada tiñan que perder) usaron case sempre o castelán, cando menos en Ourense e Compostela. Por exemplo, nesta: “La virginidad produce cáncer. Vacúnate”, que estivo pintada en Auria perto do colexio feminino das Carmelitas. Da mesma corda eran aquelas de “Temiño, obispo, nos dejas hecho cisco” ou “Vitorino, ladino, colócame el sobrino”, que lembraban o poder político dun bispo moi discutido e as redes máis fondas do caciquismo auriense. Algunha anarquista tamén vimos en galego, como a clásica “Abaixo o Estado”.
De fasquía feminista, sen dúbida, era o slogan “O corpo é noso. Non á represión sexual” que, segundo me contan, ata orixinou un sermón de predicación en contra da mensaxe por parte dun crego na misa de Santo Domingo. E velaí unha das máis crueis que se poden imaxinar, sobre todo porque a pintaron na entrada dunha escola de neniños pequenos, pobres criaturas: “Os reis son os papás”.

ANDOLIÑA sábado 24 novembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (3)
Marcos Valcárcel
Sigamos coas pintadas, tema apaixonado e con moitos seguidores, polo que vexo, pois os amigos seguen a mandarme novas xoias. O primeiro que aprendín sobre os anarquistas, contado por un crego profesor de relixión, foi que eran moi malos porque escribiran un libro facendo unha gabanza da preguiza. Por aí iría, supoño, o artista que pintou en Compostela a propósito da celebración do Día dos Traballadores: “1º de maio, traballa ti que a min dame a risa”.
Nesa cidade, tan politizada cando era a única sede universitaria galega, houbo centos de pintadas de todas as cores. E tamén contrapintadas. Na praza da Quintana debía levar alí décadas un ostentoso “¡Arriba España!” dos tempos do Imperio que se quería eterno. Algún simpático engadiu debaixo “O que a tirou, que a levante”, asinando coa simboloxía anarquista (un A dentro dun círculo). Toda a forza da arenga fascista quedaba así derrubada polo chan.
Simpático tamén este lema, neste caso na pancarta dunha manifestación ourensá de adhesión a Franco, nunha das súas visitas á capital auriense. Dicía así: “Franco, tus ideales son los de Toén”. Os mal pensados pensaron no psiquiátrico situado nese concello.


ANDOLIÑA martes 27 novembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (4)
Marcos Valcárcel
Os amigos seguen a mandarme auténticas xoias nesta escolma das pintadas en Ourense e nas rúas das cidades galegas. Non son cousa de agora, dende logo, aínda que antes non había tantas comodidades nin sprays e había que usar a brocha gorda. Estas pintadas históricas, de tantos anos, mesmo merecen respecto como ben patrimonial. En Celanova aínda queda indemne na parede do mosteiro o anuncio do “Adiante”, o voceiro local das Mocidades Galeguistas da época republicana, e en Auria non hai moitos anos quedaban restos dun “Abajo el clero”, seguro que de preguerra, na rúa Bispo Carrascosa, á beira do Museo Arqueolóxico. Testemuñaba o forte anticlericalismo doutros tempos no noso mundo obreiro, ben visible, por exemplo, na narrativa de Eduardo Blanco Amor.
Moito máis recentes son estas xa da época democrática: o “Galicia, colonia o champú?” coa que os ácratas fustrigaban ós nacionalistas da UPG; “Algún día España amanecerá republicana” (nas Lagoas, no paso da ponte do tren); “Escoita, o foder tamén é loita” (esta en Monforte) ou estoutra que moito lle gusta ó Monxardín: “Vótame a min, a ti que máis che dá e a min arréglasme a vida”.


ANDOLIÑA mércores 28 novembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (5)
Marcos Valcárcel
Dinme os amigos que en chegando á cidade das Burgas, nalgures quedou esta pintada: “Ourense, Acrópolis de Galicia”. Será polo tópico xa tan consumido da Atenas galaica, supoño: en fin, menos mal que non puxeron Necrópolis, que sería moito máis tétrico.
O maio do 68 foi o paraíso dos graffitis e as pintadas: nun libro de Cortázar, creo que en “Último Round”, hai moitas imaxes daquela xeira mítica, que fixo das paredes e das pancartas unha forma de expresión universal. Velaí algunhas do Maio que quedaron gravadas en webs de Internet: “O aburrimento é contrarrevolucionario”; “O patrón necesítate. Ti non precisas ó patrón”; “Están mercando a túa felicidade. Roúbaa”; “Non poñas parches, a estrutura está podre”. E aquela tan coñecida que rezaba “Son marxista, tendencia Groucho”.
Algunhas das que citamos nestes días, sobre todo de acenos ácratas, collerían nesta última categoría. Tamén esta, que estivo en Oira, en terras ourensás, procede daquel Maio: “La barricada corta el tráfico, pero abre el camino”, escrita neste caso en castelán. Ou esta, tan crítica co poder político dos medios de comunicación: “Mentres os medios mintan, as paredes seguirán falando”.

ANDOLIÑA xoves 29 novembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (6)
Marcos Valcárcel
Sigo co meu percorrido sobre as pintadas nas rúas, aínda que hoxe sobrepasaremos o marco galego. Porque a provocación dende os muros dunha parede é un feito tan antigo como universal. Hoxe o milagre de Internet permítenos acceder a mensaxes nacidas en lugares ben diferentes a través de webs e portais de fotografía onde as xentes deixan testemuño gráfico destas pintadas. En Italia, por exemplo (grazas, Arume dos Piñeiros), apareceu hai pouco esta tan enxeñosa: “Extracomunitari, salvateci degli italiani” que significa “Inmigrantes: salvádenos dos italianos”. Ou esta catalana, que creo que non é preciso traducir: “El que no folla per cap d´any, no folla en tot l´any”.
Dende Uruguay chegoume unha boa escolma. O país de Eduardo Galeano gusta de automortificarse e iso quedou nos muros. Velaí: “La esperanza es lo último que se perdió”; “Algunos nacen con suerte, otros en Uruguay”; “Todos prometen, nadie cumple, vote a nadie”. Que me perdoen os psicólogos por esta: “Los idealistas hacen castillos en el aire, los locos los habitan y los psicólogos cobran el alquiler”. A última, para meditar: “Los niños y los locos son los únicos que dicen la verdad: a los locos los encierran, a los niños los educan”.

ANDOLIÑA venres 30 novembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (7)
Marcos Valcárcel
Na pintada política os que mandan levan todos os paos, como é lóxico. Por iso hai tantas contra os Estados Unidos, velaí algunhas recentes: “Europa es de los EE.UU.ropeos”, “España, hay quien te quiere y quien te U.S.A.” ou “Non á guerra. Destruír EEU e Israel”.
Xa en plena democracia algún nostálxico do vello réxime pintou en maiúsculas: “¡Franco vive!”. E alguén puxo debaixo, con rotulador: “Pues se estará dando con la tapa”. Tamén era simpática aquela de “No se os puede dejar solos. Asinado: Franco”. Por certo, non se ven case pintadas, cando menos no que eu vin (que non foi moito), na serie “Cuéntame”, de tanto éxito en TVE-1.
E lembran a campaña do Estatuto de Galicia, en 1980? Votábase en inverno, o 21 de decembro, contra o frío e a chuvia. Algún xenio acuñou aquilo de “Aínda que chova, vota”. Nas eleccións houbo unha abafante abstención (“nunca vin pobo como o galego que dimite do seu destino”, dixo Cunqueiro) e pouco tardou algún gracioso en engadir, nunha pintada ourensá: “Qué, seica non choveu?”. Noutra campaña, Fraga usou o lema “Es la hora de Fraga”. E na rúa do Villar, en Compostela, alguén puxo: “Vota en Canarias, é unha hora menos”.

ANDOLIÑA sábado 1 decembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (8)
Marcos Valcárcel
Vai hoxe a penúltima entrega sobre as pintadas nas rúas: o luns remato con esta xeira, para que ninguén se aburra. As pintadas deben ter algo que ver co instinto dos animais para marcar o territorio: eles fano con urina; os humanos, con sprays. Nesa liña están campañas nos muros como “O Bierzo galego” ou outras contra algún xentilicio: é ben coñecido, por exemplo, o slogan “Orensanos fuera de Samil”.
Por Auria estivo en tempos aquela de “Dios ha muerto, Niezstche ha muerto. Y yo no me encuentro nada bien”, variante doutra que xa citei. Ácratas eran tamén as de “Sin libertad, el voto es una ilusión. Y con libertad es innencesario” e, pintada nun cimiterio, a de “Muertos, ¡moveos!, la tierra para el que la trabaja”.
Outras veces as pintadas marcan a popularidade que chega a conseguir algún personaxe local. Na miña cidade houbo moitas contra o bispo ultraconservador Temiño, algunhas impublicables aquí. Unha das máis simpáticas, de aceno libertario, era esta: “Ai, Temiño, por Dios non te vaias!”. E tamén debeu ser alguén bastante cachondo quen pintou hai anos, Compostela adiante, este lema dedicado a un popular narcotraficante: “Sito Miñanco, patriota galego. Liberdade!”.

ANDOLIÑA martes 4 decembro
VELLAS PINTADAS NAS RÚAS (e 9)
Marcos Valcárcel
Rematarei hoxe con esta serie das pintadas, aínda que teño material non para nove columniñas, senón para un cento delas. Algunhas pintadas valerían como material de apoio para as clases de literatura, por exemplo para identificar os recursos retóricos presentes nestas: “La moda me incomoda”; “Galiza: máis que nunca. España, nunca máis”; ou “Gane quien gane, pierde la gente. No votes”.
En Santiago vin no Ensanche unha moi desvergonzada, “Carrillo, eres tan tontín!”, e outra moi filosófica e ben aguda, “Pensar non doe”, na Facultade de Psicoloxía. Outra que me facilita un amigo ourensán: pintárona na miña cidade, na madrugada do 22 de novembro de 1975, ó comezo do Paseo, entre Hermanos Barros e Tobaris, cando a morte de Franco e dicía “Viva el Rey”. Pero mans anónimas engadiron por baixo dela: “En el exilio, coño!”: non sabemos se este artista era un franquista ou un opositor de esquerda. Vai ti saber.
En fin, remito ós lectores interesados (que me consta que é un tema con moitos seguidores) ó amplo catálogo que fomos facendo entre todos no meu blog (As uvas na solaina): alí hai o dobre ou o triplo das que aquí foron saíndo estes días. E as que quedan por inventar.

Anónimo dijo...

Non séi se léu o artigo sobre pintadas na Rexión de onte, na páxina das efemérides.

Marcos Valcárcel López dijo...

SI QUE O LIN, na sección de Maribel. Era unha crónica súa de 1982 e foi oportuna polo que aquí levamos recollido: había varias das citadas e identificaba o estilo do grupo que as facía en Ourense. Pero ese artigo (e o meu Pan por Pan) non saen na web de La Región: se non, pegabámolo aquí.
O artigo incluía fotos de dúas pintadas ácratas, co (A), estas:
LAVE CON OTAN. MACHACA LA SOCIEDAD (Me lo dijo Reagan)

VOTA EN BLANCO, ES MÁS LIMPIO.