9 feb 2007


DEFENSA DE DARWIN EN COMPOSTELA
Cada época ten as súas inquedanzas e teimas. Dende os vellos xornais do XIX podemos achegarnos ás obsesións dos nosos antepasados, tanto cando discutían da necesidade do ferrocarril para traer o progreso ó país como cando gastaban as súas forzas a debater a evolución das ciencias naturais ou a mesma infalibilidade do Papa. A cidade de Compostela acolleu unha desas grandes disputas en 1872: cando Augusto González de Linares, catedrático de Historia Natural, pronunciou unha conferencia da Academia Escolar de Medicina, no salón artesonado de Fonseca, defendendo o evolucionismo de Darwin.
Contou esta historia Alonso Montero na revista “Los cuadernos del Norte” (1982). A charla de González de Linares levantou unha forte polémica e a Igrexa respostou dende o Boletín Eclesiástico cunha serie de artigos condenatorios do materialismo. Polémica ben temperá pois os libros de Darwin non foron traducidos ó castelán ata 1876 e 1877. Sen dúbida, González de Linares era un avanzado do seu tempo: de feito foi destituído pouco despois, xunto con Laureano Calderón, catedrático de Farmacia, por non pregarse ás normas contra a liberdade de cátedra do ministro de Fomento Manuel de Orovio.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Na miña casa hai un manual de gandeiría portugués do ano 1836 que remata, despois de 423 páxinas dicindo:
"Se alguma cousa nas conteúdas neste livro, assim nas authoridades, como no mais, houver excedido pouco, ou muito, não he minha tenção dar-lhe mais credito do que se sabe tem, segundo o sentir da Santa Madre Igreja Romana; e do que ela não approva, me desdigo desde logo, sujeitando-me en tudo á sua correcção, como seu obediente filho."

Case dous séculos despois, aínda haberá quen teña saudades de esa obediencia.