15 nov 2007


Bisbarra.

Pan por Pan 15 novembro (Imaxe: unha das portadas da revista, cun deseño de Felipe Senén)

En 1984 saía o número cero dunha revista cultural dedicada ós concellos de Amoeiro, A Peroxa, Cea, Coles, Vilamarín e Piñor. Agrupaba asociacións como o Fato Cultural Os Chaos, O Pazo, Gramalleira, Xamartís e Choutizo, esta última de Cea. Foi unha revista moi digna, que se ocupou da cultura popular da comarca e dos seus poetas e escritores (Caride Ogando, Vázquez Naval, Ánxel Sevillano), dos problemas agrarios e sociais, da saúde, etc., con espazos tamén para o humor. Colaboraron nela Manuel María, Víctor Freixanes e Xoaquín Lorenzo; tamén eu escribín cando mo pediron. Estaba animada por moitos amigos da comarca, entre eles Chema Ferreiro, Pepe Blanco, Rodríguez Ureña, Manuel Fernández, Isauro González e o pedagogo Pepe Paz. Pero o seu máximo promotor, quen os xuntaba a todos, era Xosé Manuel Quintela: que conste en homenaxe agora que marchou.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

O Rodríguez Ureña sí que tiña que estar máis valorado no Bloque.Non séi cómo non escribe na prensa porque,argumentar,argumenta de xeito xenial.
(Pra quen non sexa de Ourense,Ureña é o director dunha academia que se chama ¡cómo non! "Castelao")

David Paz Nóvoa dijo...

Nesa academia que di xohan da coba aprendín eu mecanografía audiovisual (o máis moderno do momento) cando tiña 13 anos, alá polo 1986. Saía do colexio Curros Enríquez, xiraba na rúa Samuel Eiján e alí, na sala, estaba o Hixinio agardando por nós, meu irmán e mais eu, para unha nova e didáctica lección... "a... pulse... b... pulse..." "el murciélago de la atalaya mozárabe"... Aínda teño gravada na memoria unha aridísima sesión sobre os altos fornos de Bilbao.
Do Ureña tamén me acordo polas andanzas do meu pai polas súas terras de Piñor de Cea, O Reino, A Corna, etc.
Saúdos a todos.

Anónimo dijo...

Grazas aos métodos ultramodernos do señor Ureña, cando residín temporalmente na cidade das Burgas hai moitos anos, eu tamén aprendín mecanografía rápida, rapidísima. Déanlle, pois, a el as grazas por poder disfrutar hoxe do meu verbo florido.

Marcos Valcárcel López dijo...

Non sabía eu que fora vostede tan "tardío", con perdón, nas tecnoloxías escritoras, sr. Apicultor. Eu, en cambio, aprendín de moi neno, na oficina do taller do meu pai, primeiro con dous dedos, pero xa corría tanto como agora. Debería ter 10 ou 11 anos; logo aprendín co método tradicional daquela: qwert... Ensinárame un contable do meu pai, un santo varón que mesmo xogaba comigo cando non estaba na máquina de escribir. Colliamos dúas regras longas da mesa e puñámonos a facer esgrima como cabaleiros medievais. Que sería daquel home? Dende logo, ó chegar ó bacharelato xa escribía e bastante rápido: pasaba apuntamentos e ampliaba temas (sempre fun así de toliño, aínda debo gardar algunhas follas daquela). Despois mesmo pegaba fotos e facía os meus propios libros, de historia e literatura, sobre todo. Unha época dérame por catalogar escritores: tiña os autores da literatura española clasificados por procedencias xeográficas, mira ti... E daquela non era galeguista nin nada, claro.
Agardo que iso non sexa síntoma dalgún transtorno cerebral (que acuda o sr. Lamas no meu auxilio, se así fose...).

Marcos Valcárcel López dijo...

Ah! E unha lembranza para o amigo UREÑA se chegasen a el estas liñas, que non creo. Moita lata lle demos no PSG-EG coas nosas posicións renovadoras nos anos 80, en permanente cuestionamento do seu "nacionalismo máis clásico", imos dicilo así (Apicultor diría "esencialista"). Moito nos aguantou e sempre estaba disponible para o que fixese falta polo partido ou en apoio de Camilo Nogueira: as cousas foron así.

Anónimo dijo...

Eu sonlle "serodio" en case todo, Valcárcel. Mesmo agora, que estou a escribir desde o meu PC de sobremesa, aínda non din chegado a casa. Que curioso!

Anónimo dijo...

Xa lle dou eu as grazas a Ureña da súa parte,Apicultor.Tomo un viño de vez en cando con él.Ando a ver se me baixa o prezo dun fermoso cadro do Manuel Rivas(tén varios dél).ö mellor có seu agradecemento,ablándoo un pouco.