Do patrimonio vigués (fagámoslle sitio ós amigos de Vigo)
Ademais no blog podemos ilustrar o artigo do Ferro (nome que lle dan algúns amigos) con esta fermosa postal antiga do Berbés
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
5 comentarios:
Sobre a desfeita no Berbés non fai falta máis que mirar. Sen demasiada perspicacia. De todas formas, eu, que son veciño desta cidade desde hai case vinte anos (escribilo mete medo), nunca mirei ben o Berbés: o seu grado de deterioro ven de moi lonxe. Vázquez Consuegra é o responsable da renovación arquitectónica (discutible se se quere, como fai Ferrín), pero non do desleixo, a nula preocupación do concello (que pasou por todas as cores políticas: velaí a desgracia dos votantes) polo estado das casas ou do barrio completo, o casco vello máis avellentado e podrecente dos que eu coñezo. O asunto da poza que hai diante das casas que van caendo trouxo á primeira páxina dos xornais de novo a crítica ao arquitecto, como se el fora o causante daquela putrefacta acumulación de lixo no cerne mesmo da cidade.
Eso sobre o Berbés. Sobre o famoso entorno do Náutico, o propio Ferrín anuncia máis entregas. Pero volve nesta á súa teima sobre a balaustrada do Náutico (non sei se estará na de Sánchez alí onde o mundo se chama Chapela e a saída da autoestrada cara Vigo vindo de Ourense dá unha círculo case completo). Molestoulle moitísimo hai tempo esa incuria do arquitecto sevillano que prescindiu dela para o proxecto e aínda segue con ela. Polo demáis, os xardíns de Montero Ríos quedaron, ao meu xuízo, ben compostos: é un lugar ben agradable para pasear e tomar algo (salvo domingos pola mañán) e a proba atópase en que está sempre cheo de xente, sobre todo cando quenta o sol contra a primavera. Eu creo que as actuacións de Consuegra nesa parte son merecentes de eloxio. E creo que a Ferrín pódelle máis o da balaustrada de ferro (co seu compoñente sentimental e mesmo social e político) que unha razonada mirada sobre a nova faciana de Vigo sobre o mar.
Sobre o Náutico (o clube e as súas graciosas concesións) agardo gorentosos comentarios do veciño de Camelias, creo.
Estimado sr. dos Piñeiros: Teño copia dun antiquísimo filme "Imágenes de Vigo y sus alrededores". Aí se ve perfectamente o que era Vigo. Penso que as gravou un cidadán dinamarqués que fixo escala en Vigo.
Saúdos.
Pasei a miña infancia contemplando o mar dende o Areal e bañándome nos peiraos do Náútico. A balaustrada do paseo marítimo era preciosa, e Ferrín fai moi ben en denuncicar a súa desaparición. En canto a "Abrir Vigo ao Mar", o proxecto de Consuegra non me gusta. O mar fica lonxe, e non se divisa dende Montero Rios, nin dende Carral. O aparcamento do Náutico é unha aberración, unha pantalla visual que afasta ao cidadán do mar; o edificio da Xunta, arquitectonicamente interesante pero urbanisticamente unha enclosure das únicas vistas que nos quedaban da ria. O Berbés é unha barbarie. Só me explico que Consuegra gañe concursos europeos de urbanismo pola política habitual do "do ut des": eu prémiote en Vigo para que tí me premies en Brest.
Todo isto que comentan vostedes paréceme ata menor en comparación co atentado xa irremediable contra a área da vella Estación Marítima, hoxe defintivamente demediada, apouvigada, acurralada, deteriorada, saboteada pola invasiva aterrizaxe nesa zona dun infausto, inmenso, aristado e negro cadaleito en forma de "Centro Comercial da Laxe". Unha desfeita. Outra máis.
Xuro que nunca comprarei nada nese sitio.
A elaboración do plan Abrir Vigo ao mar contou co beneplácito de case toda a corporación. Se non lembro mal. O quizáis máis curioso do plan foi que para contentar a case todos os arquitectos que presentaron proxectos decidiron facer unha síntese que ningún contemplaba. Daí xorden os diferentes problemas. En primeiro lugar, sinalar a Vázquez Consuegra como responsable de todo, cando nin o edificio da Xunta (fantástico, ao meu xuízo, e co tempo mellor valorado, xa verán) nin a nova área comercial (tamén nos planos primeiros e adxudicada se non lembro mal a Sáenz de Oza) son da súa autoría. En segundo lugar, o ritmo exasperante das obras, o que fai que ata o día de hoxe o plano primixenio non estea nin siquera rematado: faltan, por exemplo, as famosas piscinas que ían ir na estación marítima (e o consecuente derrubo da piscina do náutico, que aínda segue en pe para vergonza de case todos) e unha solución completa a todo o entorno. Eu non digo que sexa unha marabilla o que deixaron (desde logo os xardíns de Montero Ríos, insisto, son extraordinarios para mín por unha razón fundamental: o éxito entre a cidadanía que desfruta deles en canto pode), pero o conxunto está sen rematar e sen cuidar, por certo, o máis mínimo. A concesión ao Náutico das instalacións perxudica máis que axuda á consideración global do entorno.
Tampouco gusto do monstruo da Laxe. Pero aínda non subín á pasarela. Prometo facelo hoxe, se o tempo mo permite. Un vermú nas terrazas dame que vai ser imposible.
Publicar un comentario