17 ene 2008



Fusco, de Bieito Iglesias (ECG 17 xaneiro)
(Na imaxe, Saul Bellow)

Os obituarios glosan os versos máis celebrados do poeta Ángel González, entre eles un que di "Cánto sufrimento cumpriu para que eu sexa Ángel González", ou algo parecido. Un proveitoso tema de meditación neste domingo tirante a negro en que escribo (daquí ao xoves, cando vostedes me lean, tal vez mellore o tempo e o ánimo), porque a miña nai ingresou nun centro hospitaleiro por causa dunha insuficiencia respiratoria.
Desde logo para que eu sexa Bieito Iglesias -né Binitiño- a miña señora nai tivo que alumarme na casa de Quintián, como era norma nunha época dura coas mulleres, expostas á dor e os perigos do parto. Naquel día de xaneiro de 1957, meu pai andaba á caza dunha polada de perdices nas ribeiras dunha lagorza de augas ferras; pero a mamá non tiña o consolo da perdiz (que rima con feliz), somente contaba co arrimo da parteira e cunha coraxe xa case descoñecida pola humanidade presentista.
Anos despois, para que eu fose eu (un homo erectus), poupeoume no colo por un Madrid abrasado na raxeira do verán, transportándome a unha famosa ortopedia da rúa Fuencarral. E, unha década máis tarde, traballou na lencería do Hotel Belvedere, nos Alpes do cantón dos Grisóns, antes de pasar a Zurique como ama de cría dos fillos do galerista Khöler, establecido nas proximidades da Bellevue Plazt, perto do lago. Todo para que me axudase a estudar na universidade o franco suízo, infinitamente máis benéfico que o Franco ferrolán.
Chegados a este punto confesareilles que nunca lin a Ángel González. As notas necrolóxicas informan de que o poeta leu xusto antes de morrer Herzog, a novela de Saul Bellow. Querse dicir que estivo a piques de finar sen coñecer a obra máis importante do (quizais) mellor escritor contemporáneo do mundo mundial. Ben se me pode perdoar a min que elixa o meu propio cánone de lecturas.

8 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

dESpois desta recomendación tan entusiasta do BIEITO, esta tarde ou mañá haberá que pasar por Torga a encargar esa marabilla de S. Bellow

Marcos Valcárcel López dijo...

Unha curiosidade:
onte buscando unha foto de Bieito Iglesias en GOogle, decateime de que practicamente toda a primeira páxina de referencias que sae no buscador son citas de AS UVAS NA SOLAINA. Quere isto dicir que os que cheguen á obra de Bieito dende a Rede teñen unha débeda de gratitude con esta solaina. Mellor para eles!!!

Marcos Valcárcel López dijo...

Esquecín dicilo: o artigo de Bieito, magnífico, como todos os seus. O Bieito de hoxe é fillo, si, do franco suízo e tamén daquelas becas salario que había no franquismo, creo relembrar.

Anónimo dijo...

Mágoa que a columna do correo sexa tan breve: este artigo marabilloso daballe para máis. Paréceme estalo vendo reprimirse.

Anónimo dijo...

Magnífico, coma sempre, pero hoxe aínda mellor, por preto do corazón tirando a preto. Que mellore a nai. Os Araujos son xente moi forte. Ánimo.

Anónimo dijo...

A propósito de sufrir pra ser quen se é, dunha vez preguntáronlle a Louis Armstrong qué había que facer pra tocar coma tocaba él. Respostóu: sufrir moito.

Anónimo dijo...

Temos que crear aquí mesmo un novo CSI: o Clube de Seareiros de Iglesias. Con carné de fans.

Anónimo dijo...

Bieito sempre a dar no sitio.
Que se mellora a túa nai Bieito.