MULLERES E TRABALLO
Pan p0r Pan xoves 17 xaneiro (Imaxe de Degas)
Ademais de nas conserveiras, as mulleres galegas traballaron nos máis diversos oficios: os autores de “O mundo do traballo en Galicia” dan conta da súa presenza na construción. Foron mulleres as encargadas do desescombro do solar onde se ergueu a praza de touros de Santiago en 1916. Dan ademais datos valiosos sobre a prostitución, regulada dende finais do XIX. En 1915, Vigo contaba con 435 prostitutas, distribuídas en 52 “casas toleradas”; había ata catro categorías diferentes: casas públicas de pupilas, casas privadas (no propio domicilio), casas de amas de recibir e casas de citas. Segundo Blanco Amor, os prezos debían ser tamén diversos, pois fala o escritor de “churrianas” de “a peso” e de “a peseta”. As de Vigo tiñan entre 23 e 28 anos pero houbo multas en Santiago por admitir a pupilas de 13 e 14 anos e algunha encargada foi ó cárcere por corrupción de menores.
17 comentarios:
O traballo asalariado por conta allea non é a única forma de actividade laboral, señores. Nesta terriña houbo, e aínda somos, moitos homes e mulleres que suamos por conta propia.
Por non falar do traballo doméstico e asistencial non remunerado.
Os post que tocan temas femininos e/ou feministas case sempre teñen poucas entradas: unha pista sobre a maioría masculina que transita polo blog? Ou cando menos dos que escriben (seguro que hai moitas lectoras que non dan ese paso, que se animen xa!!!).
A suposta "igualdade da muller" consiste na práctica na súa "masculinización", esto é, na asunción por parte da muller de "roles" tradicionalmente masculinos. Por certo, que o proceso inverso non se deu. Agardo no futuro unha pérdida progresiva de senso deses roles obsoletos. No pasado creaban diferencias artificiales entre os sexos. Na actualidade, empréganse pra crear semellanzas artificiales.
A entrada 27 de EHP vai dedicada á Lourixe; a primeira idea para brinde foi: Dedicado á Lourixe, para que veña máis.
Sobran comentarios. Que veñan máis.
E QUE ESCRIBAN MÁIS: ELAS. Sei que nos visitan algunhas amigas, pero escriben moi poucas. (E algunha asinatura que se presenta como feminina, é ademais masculina).
Por máis dun motivo, estou de acordo en que falen (= escriban) máis as mulleres neste blog. Se non o fan de seu, vai haber que establecer legalmente algunha medida de discriminación positiva e participación obrigatoria.
Participación "obrigatoria" non, que atenta contra os dereitos humanos; "participación fortemente recomendada" é máis democrático.
Pois eso é certo, e xa que falan do meu xénero, tentarei dicir o que penso. É certo que veño moito por eiqui pero escribo pouco ¿as razóns? A primeira, non son ourensá e non podo meter baza nesas nostálxicas semblanzas. A segunda, sempre tiven a sensación de entraren nun club privado masculino, deses ingleses tan rancios que miran por riba do xornal aos estranos (digo que é a miña sensación). A terceira, como dicía Issak Dinesen en "Lonxe de África" ao seu criado Farah cando marchaba: tes que acender unha fogueira para eu ver a luz e saber onde estás. Non sei se entenderon. Ás veces necesítase polo menos a verificación de que non falas para a nada, non sei, unha palabra, un OK, unha ollada de ánimo. Se non, volves ter esa sensación de intrusa da que falaba.
A cuarta, pode ser a diferencia de gustos literarios, musicais, idade etc que fai que non teñas nada que dicir.
A quinta, pode ser que as mulleres, ademáis de traballar
fóra da casa, normalmente tamén o facemos dentro. Quedarían pasmados ao ver cantas mulleres blogueiras están agora mesmo no Carrefour.
En fin, se se me ocorren máis razóns, faréillelas saber. E non esquezan que moitas tamén temos os nosos blogs e temos que atender aos que pasan por alí.
Un bico.
Amiga Lula, para min sempre é un pracer lela por aquí.
Pero ten razón no de que algúns non toman en consideración a participación feminina e de que non teñen o detalle de dedicarlle unhas palabras, de coidar e mimar esa participación. Non é ese, creo, o meu caso.
E non se pense, tamén hai homes que van moito ao Carrefour. Eu mesmo hei de ir hoxe á tarde, sen ir máis lonxe.
Súmome as mesuradas e sabias palabras do Apicultor e prégolle tamén Lula que escriba mais por aquí.
Eu tamén me sumo ás palbras de Apicultor: hai que mimalas. E déxolles, que me vou a Carrefour.
Carrefour?. A miña dona enfadóuse comigo alí o outro día. Metín todalas cousas no carriño despois de pagalas, pero esquecín metelas nas bolsas. Ó chegar ó coche co carriño repleto,tiven que meter todo ciscado polo maleteiro...
Eu nunca lle din as boas tardes ou as boas noites a Lula Fortune, pero sempre a lin con atención, entre outras cousas porque escribe moi ben e ten bo rollo, igual que Lourixe e Doniña, por poñer outros dous casos. Así que nin nos teña medo nin nos xulgue pedantes misóxinos autosuficientes, pois creo que non o somos. Ben, eu sono un pouco, que para iso son monarca derrubado, pero os outros non.
A mín tíñame despistado: pensaba que Lula Fortune era un HOME, e ourensán. Con nome e apelidos. Non lles digo quén, porque é de risa. Pero o caso é que algunha das cousas que contaba,neste e noutros blogs, coincidían. Xa ve, Lula: Se imaxinóu indiferencia pola miña parte, nada máis lonxe , e moito menos por motivos de sexo (non me gosta decir de "xénero").
XDC: pois faime gracia eso de ter un alter ego adxudicado. Pero se lle dá a risa, case que non o diga. Así que se fora home non me falaba e agora si ¿eh? pillín.
E ao resto (Leituga, Jimmy, Dimitrov e o meu ben querido Api), gracias polas vosas "fogueiras", xa vexo un pouco mellor. Se tardei en contestar foi porque non acostumo mergullar máis de dous ou tres post en cada blog. Vostedes comprendan, hai que vivir.
Bicos a todos.
Je,Je.Espero que non lle moleste que me gusten máis as mulleres que os homes, Lula Fortune.
A non resposta non sempre ten destinatario (ou experimentador) feminino; é certo, porén, que quen entra unha vez e nin é saudado pode interpretar baleiro. No que me toca, direi que ler unha sinatura nova -ou pouco habitual- transmite frescura, interese particular, dá vida; a falta de sinestesia, se a rede incorporase sensación olfactiva sería perfume incitante. Non se interprete ás avesas nin mo tome a mal ningún dos cotiáns e, tamén, imprescindibles.
Publicar un comentario