4 ene 2008


Poetas en Lugo
Andoliña venres 4 xaneiro (Dedicada ós amigos/as de Lugo que veñen por aquí a cotío, uns cantos)

Darío Xohán Cabana publicou en datas recentes dous fermosos e valiosos libros sobre a cultura en Lugo, editados polo Concello desa cidade. O gran poeta e narrador lugués fíxomos chegar e agradézollo vivamente, porque de seguro vanme ser de utilidade. O primeiro deles é Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959) e constitúe unha crónica detallada da estrea da popular obra teatral de Cunqueiro na cidade de Lugo, o 11 de outubro de 1959, Domingo das Mozas do San Froilán. Cabana recupera textos da prensa e fotografías daquel suceso cultural, no que quizais foi a primeira posta en escena do teatro galego na posguerra e na Galicia interior.
O outro volume, nunha moi coidada edición, titúlase Poetas en Lugo e rexistra as voces líricas que cantaron esa cidade dende a Idade Media (Afonso X, Fernando Esquío, Xohán Romeu) ata poetas de hoxe como Miro Villar, Olga Novo ou o propio Darío. Polo camiño encontraremos poemas moi auténticos de Manuel María, Novoneyra, Rábade Paredes, Claudio Rodríguez Fer, Carme Blanco, Marica Campo, Xosé Miranda, Fiz Vergara Vilariño, Xulio Valcárcel e unha longa xeira de ata 54 autores. Lugo en versos: agarimoso agasallo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Hoxe preséntase o libro de conversas co Darío Xohán Cabana. Dos referidos neste fío, ambos son recomendables, pero o gustoso de poesía pode pasar longos e demorados momentos co segundo. Se o distribúen a bibliotecas, recomendo a súa procura; non sei se estas edicións municipais terán distribución comercial.