Mostrando las entradas con la etiqueta Cunqueiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Cunqueiro. Mostrar todas las entradas

23 dic 2008


UNHA FAMILIA LITERARIA
Marcos Valcárcel, A NOSA TERRA decembro 2008

O escritor catalán Joan Perucho era como da familia. ¿De que familia? Refírome a unha gran familia literaria, a dos autores de literatura fantástica ou marabillosa nas diferentes linguas peninsulares. Isto é, sen dúbida, a familia de Álvaro Cunqueiro, co “Merlín e familia” á cabeza, pero tamén de Pere Calders, de quen Xerais traduciu, en 1985 e da man de Xavier Rodríguez Baixeras, as súas deliciosas “Crónicas da verdade oculta”. Unha longa familia que nas literaturas europeas enseñora Italo Calvino e na que poderían formar autores galegos como o Carlos Casares de “Os escuros soños de Clío” ou o Xosé Miranda de “As mans do medo”. Tamén, a longa descendencia literaria de Borges e Cortázar e de todos os que cren, con Hölderlin, que o home é un deus cando soña e un mendigo cando pensa. A mesma familia de Marcovaldo e do Barón Rampante, do cabaleiro Kosmas e da dama Exeria, do xudeo Xacobe, do alquimista Caaveiro e das sereas do señor literario de Mondoñedo. Perucho foi tamén amigo de Casares, creo que estiveron xuntos de viaxe en Rusia e o catalán dedicoulle un fermoso artigo elexíaco cando a morte do escritor ourensán.
Os especialistas consideran que a literatura fantástica en España ten un momento fascinante en 1957, ano auroral en que saen “Las crónicas de Sochantre” de Cunqueiro e o “Libro de caballerías” de Perucho. Ambos autores entenderon a literatura como gozo e paixón pola vida, por unha vida capaz de superar as marxes estreitas e anodinas da realidade. E ámbolos dous tamén chantaron as súas raíces no amor apaixonado ós libros: de Perucho, que xa non podía ler nos seus últimos tempos, contan os seus amigos que seguía a mercar libros só para poder acaricialos e ulilos.
Creadores de vidas apócrifas, de mitos e mundos surreais (“o fermoso das cousas é que sexan inexplicables”, dicía Perucho) é un gracioso paradoxo que o escritor catalán, falecido en outubro do 2003, fose xuíz na súa vida oficial: nin sequera un emprego tan a ras de chan lle impediu voar ata os horizontes infinitos da mellor literatura.

11 jun 2008

Ramón Piñeiro e Álvaro Cunqueiro falan de Carlos Maside, 1958
Da sección "Historia en 4 tempos", de Maribel Outeiriño, La Región 11 xuño

(1) "O amor ó arte foi a lei fundamental de súa eisistencia, toda ela condicionada pola ascética entrega ó estudo i ó cultivo artísticos, pois pra il, ademáis dunha gozosa contemplación ou dunha fruición creadora, o arte era un problema inteleitoal, unha paixón cognoscitiva.Tanto, que unha boa parte das súas enerxías espritoás consumíunas no cultivo desta paixón cognoscitiva, con míngoa do seu esforzo creador.O amor ó pobo ben patente está na súa obra.Pódese dicir que, nela, o pobo é o tema básico, ben para o defender da inxusticia a través da caricatura, ben pra captar e refrexar a súa realidade huma i a súa atmósfera vital.Non hai máis que reparar na garimosa atención que Maside poñía nas tendas, nos mercados, nas feiras, nos peiraos -ou nas lavandeiras, nos mariñeiros, nos labregos, nas mulleres i os nenos do pobo, nas leiteiras ou nos afiadores - pra nos decatáremos de que responde a unha moi fonda e leal devoción".(Ramón Piñeiro, 1959)
"Chegados diante dun cadro de Maside o primeiro é a luz, un longo pano de ouro, e dende a luz vades vendo o color, cada e cada un, onde a luz viva nasce e medra, e todo o que non é luz, é orde, precisa e docementes premiosa arquitectura, único elemento puramente subxetivo do cadro e, con todo, decisivamentes formal i-onde descansan os elementos reás, que son, de seu, invencións, isto e, descobrimentos, i-a fiestra por onde o pintor comunica, dice, confesa o seu segredo.Nin máis nin menos que o primeiro segredo, parte do segredo da Creación".(Alvaro Cunqueiro, 1954)

29 abr 2008


Rula e abidueira.
Pan por pan martes 29 abril

Recupero esta cita ben coñecida de don Álvaro Cunqueiro: “Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, porque me ensinou a dicir “rula” e “abidueira” e “dorna” e “ponte” e “fonte”, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte”. Estas palabras, fermosas, intelixentes, díxoas Cunqueiro nunha homenaxe que lle ofreceron en Vigo. Cunqueiro falaba guiado só polo seu inmenso amor á lingua. Non era ningún perigoso independentista nin nada semellante. Sabía que as linguas sempre suman, nunca restan, e que coñecer unha lingua é o mellor camiño para avanzar na máis fonda comprensión dun xeito de ser, dunha cultura. Rula, abidueira, dorna, ponte e fonte: palabras de noso, chegan ó século XXI cargadas de sentidos. Non entendo como algúns queren renunciar a este tesouro.

4 ene 2008


Poetas en Lugo
Andoliña venres 4 xaneiro (Dedicada ós amigos/as de Lugo que veñen por aquí a cotío, uns cantos)

Darío Xohán Cabana publicou en datas recentes dous fermosos e valiosos libros sobre a cultura en Lugo, editados polo Concello desa cidade. O gran poeta e narrador lugués fíxomos chegar e agradézollo vivamente, porque de seguro vanme ser de utilidade. O primeiro deles é Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959) e constitúe unha crónica detallada da estrea da popular obra teatral de Cunqueiro na cidade de Lugo, o 11 de outubro de 1959, Domingo das Mozas do San Froilán. Cabana recupera textos da prensa e fotografías daquel suceso cultural, no que quizais foi a primeira posta en escena do teatro galego na posguerra e na Galicia interior.
O outro volume, nunha moi coidada edición, titúlase Poetas en Lugo e rexistra as voces líricas que cantaron esa cidade dende a Idade Media (Afonso X, Fernando Esquío, Xohán Romeu) ata poetas de hoxe como Miro Villar, Olga Novo ou o propio Darío. Polo camiño encontraremos poemas moi auténticos de Manuel María, Novoneyra, Rábade Paredes, Claudio Rodríguez Fer, Carme Blanco, Marica Campo, Xosé Miranda, Fiz Vergara Vilariño, Xulio Valcárcel e unha longa xeira de ata 54 autores. Lugo en versos: agarimoso agasallo.

13 oct 2007


Cunqueiro e os caraois
Andoliña sábado 13 outubro

Contouno Cunqueiro: aló polo século XVIII, cando os fidalgos irlandeses ían ó continente loitar cos españois e franceses. Un crego predicou contra o costume de colocar na cabeceira matrimonial o retrato do marido, feito por algún pintor ambulante. O retrato non se parecía ó marido, pero a muller, á forza de miralo, remataba por esquecerse do rostro do amado e amando a fermosa faciana do mozo de loiros cabelos que colgaba da parede. Cando chegaba á vila algún rapazote semellante, a muller, feliz polo regreso, corría a entregárselle. Pero era outro, non o marido. Con esta historia hai algunha película. Pero sen a elegante melancolía de don Álvaro...

Quen se acorda xa de Bazaar e Primera Plana, revistas aperturistas do final do franquismo?
Nelas deixou Cunqueiro uns artigos deliciosos recollidos en La bella del dragón. Neles fala o irónico don Álvaro de sexo, bivalvos e receitas de caracois, e dunha solteirona puritana de Filadelfia e un seu surrealista soño cos caracois subindo polos seus redondos xeonllos e coxas e deixando un baboso ronsel. A dama contoulle o seu soño a un psiquiatra americano: así naceu a tese da incontinencia sexual a causa do consumo destes bichos.
(P.S. Sobre a sexualidade dos caracois: www.gireaud.net/es/reproduction_es.htm)