31 ene 2008


Á rapañota, de Bieito Iglesias (ECG 31 xaneiro)
A caricatura do Bieito é de SUSO SANMARTÍN e saiu en Tempos.

Antonte líase neste diario un título alegre: "Chega o antroido máis divertido". O cabezallo do artigo anunciaba concursos de filloas e rebulideiras carautas propias da sazón; pero o mesmo podería referirse á prebatalla electoral, a esa música mazadora e pegadiza que nos convida a un baile de máscaras. Cando se dá o braquinazo de saída dunha campaña, volvémonos coristas de Marisol, espectadores de cinema en sesión de tarde: "La vida es una tom, tom, tómbola de luz y de color". Nas tómbolas que pousan nos paseos da Alameda -alá polas festas da Ascensión e do Apóstolo- rara vez che toca algo que pague a pena, son atraccións de feira que meten moito ruído, abouxando os xardíns e as rúas inmediatas, para despacharte as máis das ocasións con ridículos premios tales como caxatos de caramelos ou bonecos vestidos de flamengo, con chapeu cordobés e coa cara de Felipe González. Na rifa electoral, por contra, pódeche tocar un Ministerio de Familia ou a pedrea dun fachuco de billetes devoltos por Facenda.
Haberá quen considere noxento este tipo de electoralismo, quen se sinta insultado ao ver que os líderes políticos queren comprar o voto con catro cadelas. Non lles falta razón aos que se incomodan coas ofertas, primeiro porque nos toman aos electores por xente parva ou venal, e segundo porque as promesas se incumpren ou son inxustas. Así por exemplo, darlle catrocentos euros a todos (ricos e pobres), como pretende Zapatero, atenta contra a xustiza distributiva: para os humildes é cativo aguinaldo, mentres para os opulentos privarse desa cantidade é como arrincar un pelo dun boi.
No entanto sospeito que a rapañota colleita sufraxios e que parte do pobo vende a papeleta por uns patacos. Non quero eu quedar de puro, teño un prezo como calquera, somente que os candidatos non mo poden pagar. Votaría por Rajoy a troco dunha millonada que me levase lonxe, onde nunca máis o vise dediante.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

A caricatura é boísima.

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu tamén creo que a caricatura é moi boa. Non sei se lle gustaría ó Bieito cando a sacaron en Tempos: ese contrapicado nunca é favorecedor.

Anónimo dijo...

Pero se saiu moi favorecido!