Ferocidades, de Anxo Tarrío Varela (GH 31 xaneiro)
Vasili Grossman adoita narrar cunha minuciosidade que por veces resulta exasperante se o lector non asume o ritmo lento que lle impón a escritura. É unha extensa e delongada novela que produce perplexidade pero que nos esmigalla pacientemente a vida civil e militar en torno aos acontecementos próximos ao asedio e defensa do sitio de Stalingrado, decisivo, como ben se sabe, xunto ao desembarco de Normandía por parte das tropas aliadas, para a derrota de Hitler na segunda guerra mundial. A miserábel vida nos campos de concentración, a persecución e exterminio de millóns de xudeos, que se viron acosados dobremente, por alemáns e rusos, as tremendas noticias dos millóns de mortos víctimas de Stalin durante os programas de colectivización, entre kulaks e todo aquel que, polo si ou polo non, caía na acusación de "burgués", a desacougante vida diaria de quen dependía da delación do veciño ou do amigo máis íntimo, o condicionamento do pensamento filosófico e científico aos dogmas do partido comunista, todo iso e moito máis se nos vai dando nunha prosa lenturosa, chea de digresións e de parsimonia, mesmo nas descricións físicas dos personaxes, ás que xa había moito tempo que renunciara a novela do século XX, todo exposto sen o máis mínimo xesto de revancha, malia ter sido o autor e a súa familia víctimas das barbaries que se narran.
(...) E tirando deste fío torguiano chego ao meu amigo João Pedro Mésseder, quen abre o seu libro Abrasivas (Deriva Editores, 2005), inesgotábel de sabedoría, con esta reflexión aforística: Apesar de pouco dotados, certos homens guardam um grão de lucidez, a que basta para intuírem a inteligência de outros. Sentem-na porém como um insulto à própia cegueira. Dedícam-se então a cultivar um ódio surdo. Por vezes tornam-se ferozes.
4 comentarios:
Esta é unha ocasión propicia para que o amigo Jim Morrison opine moito e ben -como só el sabe facer- sobre a magna obra de Vasili Grossman.
A ver se vén por aquí.
Seica anda polo Central Pork comentando tal libro. Moito sentín non ir.
Encantoume a novela de Grossmann. É un canto á grandeza moral das pequenas pero heroicas decisións que obriga a tomar nunha sociedade totalitaria, onde saudar ou non saudar á muller do veciño subitamente "desaparecido" podía carrexar a túa propia desaparición; onde defender as propias liñas de investigación científicas ou militares conlevaba, ás veces, enfrontarte con comisarios políticos tan cínicos como ignorantes; onde podías optar por camiñar resignado á camara de gas ou rebelarte contra unha morte segura. Unha defensa implícita dos ideais de libertade individual contidos no núcleo máis fondo do liberalismo político, unha denuncia da adaptación acrítica á moralidade e poder dominantes en toda sociedade, incluída a nosa. Tamén un alegato contre esa moralidade de grandes acenos e grandes ideais, que gusta tanto a políticos e intelectuais de Jean Paul Sartre a Ignacio Ramonet.Abstéñanse de léla quen pensen que a Shoá ou Gulag non foron para tanto. Abstéñanse tamén quen non sexan capaces de percibir o xudeo e o nazi, o comisario político e a víctima, o heroe e o canalla que todos levamos dentro.
Dou fé de que o contertulio Morrison fixo un excelente comentario sobre o libro de Grossman, a partir do cal se suscitou un estimulante e, ás veces, mesmo vehemente debate sobre liberalismo, marxismo, leninismo, nazismo e outros ismos, maiormente da parte totalitaria.
Entre os distinguidos asistentes á tertulia atopábanse varios siareiros das Uvas na Solaina.
Publicar un comentario