9 mar 2008


Curros, xornalista (hemeroteca de hoxe)
Na imaxe: Gregorio Ferreiro, Rosa Aneiros, Luís Emilio Batallán, Alonso Montero, Fernando Salgado, A.Mouriño (alcalde Celanova), Camilo Ocampo (delegado do goberno), M. Valcárcel, Xosé López e Xosé Luís Axeitos. A outra foto, de Miguel Villar (LVG), recolle unha polaroid da miña intervención.

Amplia información na prensa de hoxe do encontro de Celanova sobre Curros Enríquez xornalista:
"Celanova recupera o Curros reporteiro de guerra", C. Huete en El País,
"Intelectuais galegos postulan a Curros en Celanova como xornalista innovador e adiantado á súa época", La Región ;
"Adiantado ó seu tempo", en Galicia Hoxe (AGN);
"Celanova descobre a figura xornalística de Curros" , Cándida Andaluz en La Voz de Galicia.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

A min iso de que tal ou cal persoeiro foi un "adiantado ao seu tempo" sóame a tópico moi gastado.

Dito sexa sen menoscabo da obra xornalística de Curros.

Anónimo dijo...

Eu si creo que houbo, hai e haberá persoeiros adiantados ao seu tempo. E máis nun país como Galicia, no que o galeguismo foi, até entrado o século XX, un cúmulo extraordinario de individualidades: Rosalía, Pondal, Curros, Lamas (non esquezamos a Lamas), etc.

Despois dos gastos en pirámides gaiásticas e mais en viaxes promocionales Avón llama a su puerta, o que tería que facer a Consellería de Cultura é poñer ao alcance da xente e posibilidade de poder ler os artigos de Curros, a sí como a súa obra literaria.

Eu sentín por aí dicir que hai unha ferramenta chamada Internet e algo denominado "bibliotecas dixitais". Tamén lin nalgures que a Biblioteca de Catalunya (ollo, non a de "boas lecturas del estao" do sr Molina) chegou a un acordo con Google Books para dixitalizar todo o escrito en catalán que non estea suxeito a dereitos de autor, pero xa se sabe que estes cataláns non saben en que meter os cartos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Ten parte de razón M. Swan no que afirma: boa parte da obra xornalística de Curros segue sen ser publicada (algúns artigos están nas Obras Completas).
A Xunta publicou onte un pequeno libro-opúsculo titulado "MCE. Catro artigos e outros textos", onde hai xoias como "El símbolo", una artigo entusiasta de 1895 sobre Xesús de Nazareth, p.ex., imprescindible para saber da posición relixiosa teísta de Curros.
Sería precisa unha boa escolma co mellor do seu xornalismo das diferentes etapas (Madrid, prensa galega, Cuba).

Anónimo dijo...

A expresión “adiantado ao seu tempo” é un lugar común que se adoita utilizar cando se conmemora a efeméride dun persoeiro en calquera parte do mundo, aquí ou en Pernambuco, e non poucas veces se trata dunha expresión oca.

O que eu cuestiono é a capacidade heurística de tal expresión, que se me antolla máis titular de prensa cá concepto acaído. En primeiro lugar, o que habería que dilucidar é o seu alcance relacional: adiantado respecto de que ou de quen? Dito doutro xeito, cal é o ámbito de comparación que se utiliza? Segundo sexa o fincapé nesta ou naquela focalización, distinta será a conclusión que se tire.

No caso do xornalista Curros, se o ámbito referencial é única e exclusivamente local ou galego, quizais fose pertinente a expresión, pero habería que demostralo, non afirmalo simplemente. Mais se o ámbito a considerar é máis amplo –dado que Curros non escribiu soamente na prensa local e galega-, se cadra non o sería tanto… ou si.

Que falen disto os expertos, pero despois dunha axeitada análise contextualizadora e comparativa explicitamente formulada, algo que, polo que teño visto, non adoita ser moi frecuente nos estudos xornalísticos feitos en Galicia, excesivamente parcializados ao meu ver, pero sempre interesantes.

Por iso manteño as miñas reservas sobre a validez explicativa de tal expresión, non só aquí senón tamén en Pernambuco. Dito sexa –repito- sen menoscabo da valía de Curros nin de ningún outro autor, sexa tanto de aquí como de Pernambuco.