5 mar. 2008

IX Bienal da Caricatura de Ourense: Caricaturas a esgalla
(colgo un texto meu que está no catálogo da Bienal)

Chega a Bienal da Caricatura de Ourense á súa novena edición e a cidade auriense convértese por varias semanas na capital da caricatura e o humor gráfico en Galicia. Hai xa unha pequena tradición consolidada nestas nove convocatorias e a confirmación dunha vocación que vén de vello: hai agora 25 anos iniciaba as súas viñetas en La Región Xosé Lois González, co seu popular personaxe O Carrabouxo, e nas mesmas datas, aínda un pouquiño antes, celebrábase nesta mesma cidade a primeira exposición sobre caricatura e humor gráfico galegos. Foi na Agrupación Cultural Auriense, comezos de 1983, e dende alí puxemola en marcha o propio Xosé Lois, que presidía a Auriense, e o cronista que asina estas liñas. E non eran aqueles malos tempos para o humor en Galicia: en febreiro do ano 1983 saía tamén á venda o primeiro número da revista Can sen dono, xa desaparecida.
Dende aquela, 25 anos de distancia, choveu moito. Cambiaron as cousas, a realidade política, o mundo social, os estímulos da vida cultural, pero a caricatura e o humor seguen aí presentes: sobre todo nos xornais, tamén nalgunha revista (Retranca), sen ningunha tentación de marchar cara ningures. Moi pola contra, mantense moi viva a vocación de crónica social e denuncia das imposturas que os humoristas gráficos manteñen en Galicia dende hai varias décadas (empezando polos pioneiros de finais do franquismo: Siro López, Xaquín Marín, Fernando Quesada, etc.). Das moitas lecturas que a andaina recente deste país pode ofrecer ós galegos do futuro, a dos humoristas é, sen dúbida, unha das máis creativas e simpáticas, das máis orixinais e contundentes tamén. (...)

(O texto completo en COMENTARIOS).

2 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

Caricaturas a esgalla
Marcos Valcárcel

Chega a Bienal da Caricatura de Ourense á súa novena edición e a cidade auriense convértese por varias semanas na capital da caricatura e o humor gráfico en Galicia. Hai xa unha pequena tradición consolidada nestas nove convocatorias e a confirmación dunha vocación que vén de vello: hai agora 25 anos iniciaba as súas viñetas en La Región Xosé Lois González, co seu popular personaxe O Carrabouxo, e nas mesmas datas, aínda un pouquiño antes, celebrábase nesta mesma cidade a primeira exposición sobre caricatura e humor gráfico galegos. Foi na Agrupación Cultural Auriense, comezos de 1983, e dende alí puxemola en marcha o propio Xosé Lois, que presidía a Auriense, e o cronista que asina estas liñas. E non eran aqueles malos tempos para o humor en Galicia: en febreiro do ano 1983 saía tamén á venda o primeiro número da revista Can sen dono, xa desaparecida.
Dende aquela, 25 anos de distancia, choveu moito. Cambiaron as cousas, a realidade política, o mundo social, os estímulos da vida cultural, pero a caricatura e o humor seguen aí presentes: sobre todo nos xornais, tamén nalgunha revista (Retranca), sen ningunha tentación de marchar cara ningures. Moi pola contra, mantense moi viva a vocación de crónica social e denuncia das imposturas que os humoristas gráficos manteñen en Galicia dende hai varias décadas (empezando polos pioneiros de finais do franquismo: Siro López, Xaquín Marín, Fernando Quesada, etc.). Das moitas lecturas que a andaina recente deste país pode ofrecer ós galegos do futuro, a dos humoristas é, sen dúbida, unha das máis creativas e simpáticas, das máis orixinais e contundentes tamén.
Para iso os humoristas precisan de aliados: camiños e estratexias para chegar ó público. Os campos ensánchanse e hoxe existen multiplicidade de alternativas de comunicación (páxinas webs, blogs, foros, medios audiovisuais en xeral, etc.), pero, con todo iso, a prensa segue a ter un papel fundamental nesta mutua relación entre o humorista e o seu público. Por iso é especialmente oportuna a colectiva de Caricaturistas Galegos que ofrece cada Bienal e que nos permitirá achegarnos á obra na prensa galega de autores como Abraldes, Aguilera, Pepe Carreiro, Dávila, Estevez, Gogue, Nacho Hortas, José Tomás, Leandro, López, Xaquín Marín, Pinto e Chinto, Omar, Orballo, Miguelanxo Prado, Fernando Quesada, Santy, Kiko da Silva, Calros Silvar, Siro, Suso Sanmartín, Tonisavski, Valcárcel, Veiga e Xosé Lois. Todos eles teñen linguaxes e estilos diferentes, posicións ante a vida e a realidade ás veces mesmo contraditorias, pero todos comparten unha mesma mirada desveladora do mundo dende a forza da ironía e o humor. Por iso paga a pena achegarse á súa obra, presente nesta Bienal, que escolma dalgún xeito as miradas de milleiros e milleiros de galegos que saben mirar ó seu arredor con certa empatía e sen dogmatismos, miradas que non queren só explicar, senón tamén comprender e compartir unhas inquedanzas comúns. Dito ben ás claras, rirnos todos un pouco de todo, por suposto tamén de nós mesmos, sen que se manque ninguén ...
Aínda que non sempre é doado. Ben se ve que a caricatura segue a ter un poder corrosivo de estruturas e mentalidades que para si quixeran outros medios. Os debuxantes poden chegar a ser multados (e algo diso sabemos na nosa recente historia: dende aquí a miña solidariedade cos humoristas de El Jueves) ou, moito peor aínda, ser relegados a unha vida case clandestina, como o debuxante danés Kurt Westergaard, de 73 anos, ameazado de morte polo fanatismo islamita por unha caricatura de Mahoma publicada hai dous anos na prensa danesa. O fanatismo nunca ten sentido do humor e, ante unha caricatura, sempre verá a parte máis negativa da realidade: precisamente un Mahoma con turbante e unha mecha para explotar pode ser unha denuncia da utilización dese fanatismo relixioso por un terrorismo oportunista e manipulador. Pero non é esa a linguaxe dos intolerantes. A estes hai moito tempo que se lles foi a capacidade de bocexar un sinxelo sorriso.

Anónimo dijo...

Zé Oliveira