24 abr 2008


galicia XXI actores do cambio (entrevistas de Luís Pousa en Galicia Hoxe e ECG. Foto Fernando Blanco)
Ángel Carracedo, xenetista:


Que é a vida, sen entrar en consideracións científicas?
A vida é algo moi curto, que se vai facendo progresivamente curto cos anos, máis rápido do que eu querería. Por iso é decisivo alcanzar equilibrios. A miña necesidade básica é o meu tempo para estar, o meu tempo para gozar e o meu tempo para interaccionar coa miña familia.
Que é a morte?
Non me perturba pensar nela nin a sacralizo. A morte é algo inevitable, e o único que me preocupa é que, cando me chegue, a xente que me rodea estea ben e non sufra.
Que é a tecnoloxía á hora de combater unha enfermidade?
Aínda somos relativamente pouco eficaces en poder tratar as enfermidades. A práctica médica está moi baseada na tecnoloxía, pero o futuro da medicina vai polo coñecemento molecular das enfermidades no seu enfoque máis racional e por poñer o enfermo como centro das cousas. No futuro, a tecnoloxía terá un valor proporcional cada vez máis baixo.

(...) (...)
Xeneticamente, hai predisposición en determinadas comunidades a determinados tipos de enfermidades?
Totalmente. A poboación galega é un pouquiño máis propensa a enfermidades xenéticas que a poboación europea, por canto estivo máis illada que outras comunidades. Por iso na poboación galega aparecen mutacións que só as hai en Galicia, e en Arxentina ou Suíza, polos galegos que foron para eses sitios. Isto que é malo, por contra fai de Galicia unha poboación ideal para estudar o compoñente xenético das enfermidades comúns. E sería moi importante estudalo e utilizalo ben.
Galicia terá algún día un premio Nobel en xenética?
Non creo que sexa nesta xeración, pero pode ser na que vén. O investigador galego ten tres cousas moi boas: capacidade de traballo, imaxinación e mobilidade. Hai moi boa xente e a pouco que as condicións da contorna melloren en termos de perspectivas laborais e infraestructurais -o Estado aínda ten unha débeda histórica importante con Galicia en ciencia- haberá máis probabilidades de conseguilo, e oxalá o vexamos feito unha realidade.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Morreu un profe en Ourense, creo que de infarto, na mesma clase diante os alumnos, alguén corrobora a nova...

Marcos Valcárcel López dijo...

Si, creo que é certo. No meu Instituto deron a nova esta mañá. Foi no Otero Pedrayo. Creo que un profesor de Lingua Castelá, de 1º ciclo, entendín...