2 abr. 2008


Memoria Histórica.
Pan por Pan mércores 2 abril
O elefante pariu un rato. A Lei da Memoria Histórica, aprobada hai meses nas Cortes, esixe cambiar o nome dos edificios públicos que exalten a sublevación militar, a guerra civil e a represión da dictadura. Pero vese moi pouco interese na Xunta en poñela en práctica. A Consellería de Educación disimula cos once colexios en Galicia que manteñen nomenclaturas franquistas e remite o problema ós Consellos Escolares, cando as leis son de obrigado cumprimento, non? E a de Sanidade di que non se tocará o do Hospital Juan Canalejo, líder falanxista local, co peregrino argumento de que iso afectaría á súa merecida reputación internacional. A min non se me ocorre mellor forma de afortalar o prestixio do hospital coruñés que mudarlle esa indigna adherencia fascista e belicista. E logo na Alemaña hai hospitais que ostenten o nome de Adolfo Hitler, por exemplo?
Hospital Juan Canalejo, de Miguel A. Fernán-Vello (Galicia Hoxe, 3 abril)
Din os máximos responsábeis da Consellería de Sanidade que non teñen intención de cambiar a denominación ‘Juan Canalejo’ do hospital coruñés que loce tal nome e apelido. E alegan que o recoñecemento da comunidade científico-médica do complexo sanitario coruñés non aconsella un cambio de denominación que o desvincule do prestixio acadado en vinte anos. ¿Será que a comunidade científico-médica é incapaz de entender o cambio da denominación contra-natura dun hospital sen que perda este o seu prestixio? Informada e ben informada a comunidade científico-médica, ¿será esta incapaz de entender que un hospital abandone o seu nome franquista e falanxista para dignificar a súa identidade como centro público de saúde? ¿Cando o Hospital Francisco Franco de Madrid pasou a chamarse Gregorio Marañón, perdeu o seu prestixio? ¿E no caso da Ciudad Sanitaria Francisco Franco de Barcelona, que pasou a ser denominada Hospital Universitari Vall d’Hebron, produciuse algún conflito? Sen dúbida, a comunidade científico-médica é intelixente dabondo, formada por profesionais de alta cualificación técnica e en moitos casos tamén intelectual, e saberá discernir sobre o particular, mesmo celebrando democraticamente que un hospital deixe de levar o nome dun ‘terrorista’ –si, do grupo falanxista clandestino e armado coruñés Primera Línea, que levou a cabo os seus primeiros actos violentos no ano 1934. E se a sociedade científico-médica saberá entender perfectamente o cambio de nome, da mesma maneira o entenderá a sociedade civil. Non teña medo a conselleira de Sanidade socialista, María José Rubio, e cumpra coa Lei da Memoria Histórica, aprobada por Zapatero, que esixe cambiar o nome aos edificios públicos que supoñan "exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura". En Lugo o Hospital Hermanos Pedrosa (coñecidos falanxistas) xa se chama Xeral Calde e en Vigo o Almirante Vierna leva o nome de Xeral Cíes. É preciso unha catarse. Unha purificación. Contra a vergoña.l

19 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

O MESMO ARTIGO NOUTRA VERSIÓN, GALICIA HOXE:
ANDOLIÑA
Memoria reducida
MARCOS VALCÁRCEL
A Lei da memoria, aprobada hai uns meses nas Cortes españolas, esixe cambiar o nome daqueles edificios públicos que supoñan "a exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura". Hai un mínimo de once centros educativos en Galicia que manteñen nomes franquistas, dende o do ditador ó da súa dona Carme Polo e varios ministros do seu réxime: a maioría, por certo, nas provincias costeiras. Pero, segundo informaba onte El País, nin a Consellería de Educación nin a de Sanidade teñen interese en acelerar esas mudanzas: no primeiro caso remítese ós consellos escolares, creando un novo problema, absurdo, e adiando a necesaria solución.

As leis apróbanse para cumprilas e tal desleixo é inxusto coa nosa memoria histórica, memoria que agora queda reducida como as cabezas dos xíbaros. Ademais, renunciase a cambiar o nome do hospital Juan Canalejo, en lembranza do líder falanxista da Coruña, co moi peregrino argumento de que tal cambio podería afectar ó prestixio internacional do centro. Pois por iso mesmo o cambio é máis urxente se cabe: para reafirmar ese ben gañado recoñecemento sen adherencias franquistas. Ou hai hospitais en Alemaña que leven o nome de Hitler?

arume dos piñeiros dijo...

Eu son o primeiro en solicitar que o nome de Juan Canalejo sexa sustituido polas súas evidentes referencias fascistas. Pero hai que recoñecer que, tristemente, o Canalejo (así, sen Juan) é, na Coruña, bisbarra e en moitos sitios un nome extendidísimo e coñecidísimo que probablemente, tras a súa sustitución, costará xeneracións eliminar por completo.

Anónimo dijo...

Juan Canalejo non era Hitler e non asesinou a ninguén. EL si foi asasinado e enterrado con tantos outros en Paracuellos. Estou dacordo con que tiremos o seu nome das rúas do mesmo xeito que refugamos a súa ideoloxía pero non viña mal, denantes de facelo, saber quen foi e o que fixo.
Por certo: o Hospital Juan Canalejo é unha obra franquista coma a seguridade social. Ou non?

apicultor dijo...

O nome do hospital debe ser substituído, pero iso non debe escurecer os problemas que leva aparellados, como sinala Arume. Entendo -pero non comparto- as dúbidas que poida haber por parte da administración.

O que si xa non entendo é a postura da consellería de educación. Hai que tirar os nomes de fasquía ditatorial xa. Os consellos escolares, en todo caso, que se encarguen de buscar outros nomes alternativos, pero non de decidir de se si se cambia ou non se cambia.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Sobre o Hospital tal vez conviría un nome contundente, capaz de sustituir de forma case inmediata ao anterior: por exemplo, Hospital Central ou simplemente da Coruña. Algo que rápidamente faga esquecer a vox populi do Canalejo.
Tampouco entendo o de Educación, a non ser que se expliquen mal e que non queiran meterse (como parece norma habitual en todo canto intentan facer, como o dos planos de estudio universitarios que tamén o deixan, con indicacións moi xerais, ao arbitrio das universidades) na vida interna dos centros. Hai uns sete ou oito anos que obrigaron, se non lembro mal, aos claustros e aos consellos escolares a nomearen os seus propios centros, sobre todo nas cidades ou nas poboacións onde había simple numeración. Daquela houbo tempo de mudalos: non sei por que non se aproveitou a ocasión.

marcos valcarcel dijo...

O medo cos nomes dos centros educativos é inexplicable: que decidan o novo nome os consellos escolares, pero partindo da lei e da obrigatoriedade do cambio.
E non vai pasar nin ninguén vai protestar: algo que mandan dende enriba, cunha lei, ninguén vai montar unha revolución por iso.
Lembren cando veu a normativa do tabaco: no meu centro levabamos anos, os cargos directivos, loitando co tema, sen resultado ningún, os rapaces fumaban cando querían. Chegou a lei e ó día seguinte xa a ninguén se lle ocurría encender un pitillo...
E o do Canalejo, tería boa solución coa alternativa que dá Arume: un gran nome, xeral e incontestable, de acordo co prestixio mundial deste centro.

marcos valcarcel dijo...

Xa sei que Canalejo morreu en Paracuellos e supoño que non matou a ninguén, aínda que liderase un partido fascista. Pero diso se trata: de eliminar todas as adherencias franquistas, impostas pola forza, manu militari.
Á marxe mesmo da personalidade de cada individuo: en Ourense por fin desapareceu o nome de Capitán Eloy (hoxe Rúa da Concordia), a primeira vítima franquista da guerra na fronte de Asturias. Ó mellor ata era unha gran persoa, eu qué sei, pero dedicáronlle á rúa só por ser unha vítima identificada co que representaba Franco e o seu réxime, senón ninguén se acordaría del.

Anónimo dijo...

Se Marcos, vostede que é historiador se cadra pódeme confirmar unha historia que me contaron na Coruña do tal Canalejo.Seica este home, revestido con toda a indumentaria falanxista, presentouse no Teatro, creo que Colon, na preguerra, nun acto no que se recaudaban cartos para dous obreiros mortos nunha manifestación (creo que pola policía). Ante o abraio dos asistentes subiu ao escenario e entregou os cartos da caixa da falnxe para as familias dos mortos. Sabe vostede se esta historia é verdadeira?...

XDC dijo...

Enlazo artigo que veño de ler:PREMER.

XDC dijo...

Non me enlazóu ben. A ver agora:Juan Canalejo é nome de fascista.

Júlio Medela de Lobeira dijo...

Alguén me podía dicir canto mide a contorna da muralla de Lugo???

E que extensión en hectáreas terá o núcleo intramuros??

Grazas.-

Etxe dijo...

Sr. Ghulio, Acabo de lla medir co google earth para vostede. Dáme uns 2.197 indo dereitiño polo centro do paseo. SE vai dando tumbos, borracho, de lado a lado, pode ser moito maís.
Pero unha web oficial de turismo ( www.spain.info/TourSpain/Arte+y+Cultura/Monumentos/M/LW/0/Murallas+de+Lugo?) dá unha lonxitude de aprox. 2,12o e di que encerra 34,4 hectáreas.
Aos seus pés.

arume dos piñeiros dijo...

Medela: no de intramuros refírese vostede a metros útiles ou en plano? Está pensando vendela para un parque temático? Está pensando en despezala? O outro día co asunto da Reconquista en Vigo puxeron unha porta gamboa de cartón pedra que non estaba nada mal.

Xosé M. González dijo...

Un amigo meu (en época correspondente á parte media do EHP) delirara un día con facer un edificio circular de apartamentos no lugar da cerca; eran tempos preliminares dunha desfeita urbana por ventura non concluída, se ben daniña.

Aquí, cartón pedra non sei. Pero, polas vodas, debe seguir habendo o costume da Muralla Nupcial, paramento de pitisús caramelizados con recheo de xeado que aínda se servira no meu enlace. Algo choveu.

Canto á contorna do modelo, en efecto pasa por ter dous mil cento de pico; superficie non sei, pero aínda queda espazo raso sometible a agrimensura.

marcos valcarcel dijo...

Santiago, 30 de marzo de 2008

Demanda a inmediata retirada destes símbolos dos centros escolares. A CIG-Ensino congratúlase de que o Parlamento Galego acorde retirar a simboloxía franquista dos lugares públicos
CIG-Comunicación-
cig.prensa@galizacig.com

A CIG-Ensino, no mes de novembro do ano pasado, dirixíuse á Conselleira de Educación demandándolle a retirada dos nomes fascistas dos centros de ensino. Porén, até o de agora, a Consellaría non actuou en consecuencia e diferentes centros continúan a denominarse con nomes de destacadas figuras do franquismo.
Agora que o Parlamento Galego vén de aprobar unha nova resolución que insta á Xunta de Galiza a retirar os símbolos franquistas de todos os edificios públicos dependentes da Administración, reclamamos, unha vez máis, que desaparezan as denominacións de centros que renden homenaxe a figuras da ditadura como CEE Carmen Polo, CEIP Ibañez Martín, ambos os dous de Ferrol; IES Almirante Salvador Moreno de Marín, CEIP Calvo Sotelo de Carballiño, IES 12 de outubro de Ourense, CEIP Francisco Franco de Beariz, IES Calvo Sotelo, Colexio Sal Lence, Colexio Sanjurjo de Carricarte, Colexio Montel Toucet e Colexio Enrique Salgado Torres, estes últimos da Coruña, etc.
Agardamos que agora a señora Conselleira non volva facer mutis polo foro e aplique a resolución do Parlamento. A CIG-Ensino, tal e como fixera no dito mes de novembro, vaise dirixir de novo á Conselleira para que limpe a nomenclatura dos centros de ensino, eliminando os vestixios que exaltan a violencia política, o golpismo e o fascismo; pois é inaceptábel e incompatíbel a exaltación de figuras que representan o autoritarismo e a intolerancia cos obxectivos que se pretenden atinxir a través do Sistema Educativo (Achegamos escrito enviado á Conselleira).

Vieiros hoxe dijo...

O "Juan Canalejo" non é prestixio, é "unha incomprensíbel vergoña"

Deixaron de ser referencia o complexos sanitarios "Francisco Franco" de Madrid e Barcelona cando mudaron nome a "Gregorio Marañón" e "Vall D'Hebron"?, pregúntanlle a Sanidade desde a Comisión pola Recuperación da Memoria.

Redacción - 09:00 03/04/2008

Non hai que ir até Madrid ou Barcelona, como é o caso dos exemplos anteriores, para atopar un caso de cambio de nome nun centro hospitalario deste tipo. Así, o hospital "Hermanos Pedrosa Latas", dous "coñecidos fascistas", segundo recordan desde a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, converteuse no Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, o mesmo que o "Almirante Vierna" chámase hoxe Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do mesmo xeito que as cidades sanitarias bautizadas como "Francisco Franco" en Madrid e Barcelona e que foron rebautizadas respectivamente como "Gregorio Marañón" e "Vall D'Hebron".

"Deixaron de ser unha referencia, perderon estes hospitais o seu prestixio ou deixaron de ter un recoñecemento da comunidade científico-médica cando cambiaron o nome?", preguntan desde a CRMH, insistindo en que é "incomprensíbel e unha auténtica vergoña para A Coruña manter o nome de Juan Canalejo cando en todo o Estado buliron en desfacerse destes nomes de escuro recordo.

A Consellaría de Sanidade recibiu este mércores o rexistro formal da solicitude do colectivo para que o nome do centro hospitalario coruñés sexa modificado. A petición conta ademais co aval de numerosos sectores da cidade, incluídos os sindicatos CCOO, CIG, CNT e CGT. O documento "Pola dignidade e a xustiza" foille xa entregado hai tempo ao alcalde e a todos os grupos municipais. Agora, a CRMH agarda que en aplicación da lei da Memoria Histórica a consellaría de Sanidade "tome, á maior brevidade, a decisión política de cambiar o nome do Hospital Juan Canalejo". "É hora xa de abandonar supostos criterios técnicos ou administrativos para xustificar a situación actual ou atrasar a aplicación das leis", critican, chamando a que se trate o cambio de nome "como o que é: unha cuestión política, de xustiza, de dignidade, de recuperación da memoria histórica e de consolidación da democracia".

Un amigo dijo...

O Hospital Xeral de Vigo chamábase "Almirante Vierna" e non se tardou moito en que ninguén deixase de usar tal nome. Non creo que co hospital da Coruña sexa distinto.
En calquera caso o que pide a Lei da Memoria e o sentido democrático é que eses nomes desaparezan do nomenclator. Confiemos que as consellarías de Educación e Sanidade (o PSOE) cumpran o que se espera deles, e apoder ser que non se fagan de rogar moito.

Anónimo dijo...

Hospital Martínez Anido (Salamanca)

ms dijo...

Historia dun virus no hospital Juan Canalejo

MANUELRIVAS 04/04/2008

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Historia/dun/virus/hospital/Juan/Canalejo/elpepiautgal/20080404elpgal_21/Tes/

Con Juan Canalejo non hai controversia histórica. A súa é unha historia dramática e secundaria, que nada tivo que ver, nin directa nin indirectamente, co oficio de sandar. Que a residencia sanitaria da Coruña levara o seu nome foi unha imposición da ditadura. Mesmo daquela houbo moita xente, dende logo na profesión médica, que o considerou absurdo. Indecoroso. Claro que daquela non se piaba en público. E menos cando no acto de inauguración teño entendido que non había un tirano senón dous, pois Franco invitou ao seu colega en risoterapia ibérica, o doutor Salazar.

La noticia en otros webs

* webs en español
* en otros idiomas

Non me sentiría moi ben se me levasen á Sala de Rehabilitación Idi Amin ou a Urxencias Pinochet

Unha paréntese. No canto de piar en público nos anos duros tamén houbo heroicas excepcións. E non falo só dos exiliados ou dos que gozaban da pax franquista en prisión. Houbo xente que foi quen de dicir, seguindo o modelo do escribinte Bartleby: "Prefiro non facelo". Un xenial Bartleby coruñés foi Benito Ferreiro. Este republicano vivira unha longa tempada agochado, de toupeira. Conseguiría refacer a súa vida, co apoio dunha consignataria, pois era un profesional navieiro moi respectado. Cando Valentín Paz-Andrade retornou da súa estadía nun organismo das Nacións Unidas, a FAO, un grupo de amigos e ex correlixionarios decidiron convocar unha homenaxe. As autoridades autorizárona, mais cunha condición. A de que fose presidida polo delegado provincial do ramo. Chegaron os discursos, máis ou menos crípticos. Aínda que a desculpa fose o futuro do peixe, loar a Valentín naquel intre era facer a loanza dun valent'uomo liberal. Mais puxo punto final a autoridade cun brinde bárbaro. Está escrito nalgures, mais cómpre recordalo. Dixo que fora moi interesante todo o falado da pesca, bla, bla, mais que chegara a hora do brinde. E o brinde que largou foi: "Por el primer pescador de España, ¡por el Caudillo!". E foi entón cando se ergueu da mesa Benito Ferreiro e botou a andar de costas á presidencia. A autoridade berrou: "¿Adónde vas, Ferreiro?". E Benito Ferreiro virou paseniño, ollouno en fite e dixo: "Vou mexar!".

O caso é que daquela moi pouca xente ía mexar nas mesmas circunstancias. Polo visto, ninguén tivo esa necesidade cando se decidiu nomear a residencia sanitaria da Coruña. Segundo o biógrafo Rogelio Baón, era extraordinario o control urético de Franco: "Mientras sus ministros pedían permiso para ir al W.C. en los largos consejos de hasta doce horas, Franco permanecía sin moverse en su sillón". Franco non só era o primeiro pescador e cazador de España. Era un primeiro en todo. o primeiro doutor. As cidades sanitarias de Madrid e Barcelona levaron o seu nome. Agora, claro, ese nome foi borrado. E polo mundo adiante, por orbe científico universal, todo é preguntarse: "Qué foi de Francisco Franco, aquel as urético?".

Houbo unha grande perda de prestixio da ciencia médica en Madrid e Barcelona dende que se cambiou o nome dos hospitais. Eran coñecidos polo nome de Franco! E que estas arroutadas democráticas despistan moito. Digo isto porque agora resulta que o problema para cambiar o nome do complexo hospitalario da Coruña, talvez a principal referencia de Galicia no eido da saúde, pois radica na confusión que ese troco pode provocar no planeta médico. Se a partir de mañá o complexo hospitalario da Coruña deixa de chamarse Juan Canalejo (en inglés, Ghuan Canaleghu) producirase un tremendo baleiro que tardará anos en encherse, malia a vivirmos na Aldea Global. Imaxinemos unha cardióloga do Monte Sinaí, en Nova York, que intercambia experiencias cun colega no complexo hospitalario da Coruña. Como vai facer para manter ese contacto se o hospital coruñés pasa a denominarse, por exemplo, Nóvoa Santos, ou Médico Rodríguez, ou Thessala, que era a boticaria de Camelot, a menciñeira da Táboa Redonda? Cantos anos tardarán os expertos en volver a atopar o complexo hospitalario coruñés no mapa sanitario mundial?

Por que cambiar as cousas que se chaman así de toda a vida? Aquí, cando chegaron os viquingos, xa o cirurxián de a bordo preguntou por Juan Canalejo. Eu vivín un tempo na Gaiteira, aínda que a denominación oficial da esquina correspondía á avenida General Sanjurjo. Durante un tempo escribín no remite avenida Xeneral Sanxurxo, máis que nada para amolar. Esa éxtase galega do xe! As cartas chegaban igual, claro. Logo puxen avenida Sanxurxo, e seguían chegando. E puxen avenida de Xurxo e o mesmo. E avenida de Xo, pois tamén. Logo cambiei para a rúa Xoán XXIII. Outra vez a éxtase do xe! Ese si que foi un cambio histórico. Pasar dun xeneral fascista e putañeiro a un Papa bondadoso nunha viaxe de autobús na liña 2 dos Castros. Os dadaístas, con Tristan Tzara á cabeza, compuñan poemas co rueiro de Zurich. E que pensaría Tzara se viñera á Coruña e se topara cunha placa que di Rúa División Azul? Se cadra crería que era obra dunha vangarda de surrealismo mariño. O susto que levaría cando lle contaran que era o nome dunha expedición española incorporada ao exército nazi de Hitler. Eu ás veces collo o bus e paréceme que subín á barca de Caronte, pois déixame perto da gran estatua de Millán Astray. Din que as estatuas non falan, mais depende con quen. Eu ben que o escoitei berrar outravolta: "¡Viva la muerte!". E outros xuramentos irrepetíbeis. O único día que o vin simpático foi no entroido, que lle puxeron un tutú de bailarina de ballet. Xa o día do enterro do Meco estaba coa tensión baixa. Dicía: "Levádeme a un Museo, cacho na conciencia!".

A historia é a historia, din os que se opoñen ou se mostran indiferentes á retirada do símbolos da ditadura e ao cambio do nomenclátor fascista. Esa foi a filosofía municipal dominante nos pasados anos na Coruña. É certo. A historia é historia. Os nomes das rúas e os símbolos urbanos son outra cousa diferente da historia. Son algo máis que historia. As vilas e os países defínense tamén por aquilo que elixen para nomear as rúas nas que viven e polas que andan. Defínense polas representacións que ocupan as súas prazas. Defínense por aquilo que honran, que homenaxean, que celebran. Non hai que destruír nin ocultar os símbolos da historia da infamia. Mais o seu lugar está nos museos, con letreiros explicativos.

O nome dun hospital, do principal hospital, é moi importante. Moi importante para a saúde. Eu non me sentiría moi ben se chegase a un lugar descoñecido, tivese un problema de mobilidade e que me levasen a unha planta onde puxera Sala de Rehabilitación Idi Amin ou Urxencias Pinochet. Non discuto que para un tratamento de choque puidera ser efectivo. Mais, risoterapia á parte, xa vai sendo hora de tratar no caso do complexo hospitalario da Coruña un dos peores virus que pode afectar á sociedade. Ese troiano que destrúe a memoria.