5 may. 2008


Conversas contemporáneas (2), entrevista realizada por M. Vidal Villaverde.
Na publicación en papel (non na web) a entrevista sae ilustrada coa foto que agora adxunto: do fotógrafo Eduardo Núñez, fíxoma hai uns anos na Biblioteca da Deputación ourensá para o seu libro "Retratos. Eduardo Núñez" (Concello Ourense, 1999, col. Auria).

Ourense como xeografía intelectual e sentimental. Cal é a túa definición dende algures a xalundes, pasando, claro está por ese lugar que moitos de nós-outros adoitamos dicir Ningures, Terra de?
Para min Ourense é unha localización sentimental e literaria no mundo, cun perfil moi preciso ("Ourensanía" chamoulle Luís González Tosar), pero perfectamente compatible coa nosa identidade galega. A Xeración Nós entendeuno ben ofrecendo a súa visión do mundo, por riba de calquera localismo, dende unha pequena cidade case agraria naquel tempo pero cunha fortísima personalidade cultural.

Vicente Risco -sempre inevitábel-; ti tes unha visión del -dende o punto de vista político máis que literario, se mal non recordo- por outra conversa- que non coincide co que o nacionalismo galego -de esquerdas- ten do etnógrafo, historiador, arqueólogo e mesmo novelista ten del. Por medo, sufrimento, ou convicción ideolóxica, Risco non retou máis que subliminalmente en santa comuñón co fascismo, co nazismo, esquecedendo o "credo" anterior?
Creo que non existe unha visión tan unívoca de Vicente Risco, porque era un personaxe de gran complexidade e perspectivas diversas. É evidente que o seu substrato era conservador e fondamente católico e irracionalista e que en 1936 cambiou o "chip" do nacionalismo galego, sequera temporalmente, polo nacionalismo español.
Pero esa é só unha das moitas perspectivas posibles de Risco: non se esqueza o seu papel de maxisterio nas vangardas de preguerra (de Blanco Amor a Manuel Antonio, pasando por Castelao) ou o seu rol de núcleo aglutinador dos artistiñas do Volter e dos escritores ourensáns dos anos 50. Por riba das súas conviccións ideolóxicas, eses escritores e artistas que tanto admiraban a Risco eran de esquerdas e antifranquistas. E noutros planos como as artes ou a literatura Risco foi sempre un home aberto e modernizador.

E despois desta túa resposta, non cres, Marcos, que a evolución de Ramón Piñeiro estaba connotada coa mesma liña de Risco?
Queda moito aínda por investigar sobre o galeguismo de posguerra: convén arredar nese campo o que é substancial do que é anecdótico. E Galaxia e Piñeiro tamén se empeñaron na recuperación de Risco neses anos para a cultura galega: entenderon que era un luxo absurdo prescindir da forza da súa personalidade e da súa obra.

Imaxino, ben lonxe do imaxinario que ti lerías a "monumental" viaxe de Beranmendi recentemente publicada "De provincia a nación". Tes algún punto de desencontro con Beramendi?
O certo é que non a rematei aínda, pero é unha entrega fundamental para a nosa historia política e cultural. Dende os seus primeiros traballos sobre Risco, Beramendi, que foi compañeiro meu como alumno na Facultade de Historia, marcou un outro xeito de traballar na historia do nacionalismo, privilexiando as compoñentes ideolóxicas sobre a historia máis factual.
O seu último libro é unha entrega moi valiosa neste sentido e eu non tería nada relevante que contradicirlle. Só engadir que, por razóns obvias, a última parte do volume, sobre o nacionalismo contemporáneo, é só un apuntamento dun posible traballo de fondo sobre esa etapa que quizais Beramendi ou outro historiador afronten no futuro.

E posible unha nación sen Estado de si?
Obviamente existen nacións culturais moito antes que os Estados; así foi tamén na Europa ata datas non moi arredadas. Depende da evolución histórica e da vontade maioritaria dos seus cidadáns que esas nacións, como Galicia, Cataluña ou Escocia, rematen por constituírse en Estados ou acaden graos de maior ou menor soberanía dende outras fórmulas. No mundo de hoxe, globalizado e nunha perspectiva europea, o que interesa son os resultados finais para o benestar dos cidadáns e non a forza dunha palabra fetiche determinada.

2 comentarios:

XDC dijo...

Ser galego é unha carreira. E, de Ourense, catedrático.

Anónimo dijo...

Ten un lixeiro aire con John Turturro en "Barton Fink". Fáltanlle os lentes.