5 may 2008

RELECTURAS. O NACIONALCATOLICISMO (e II)
La Región 5 maio 2008. Imaxe da Enciclopedia Estudio, anos 50.

Ceo e diñeiro. Abordamos o pasado luns a primeira parte dunha relectura: a do libro “Cielo y dinero. El nacionalcatolicismo en España (1881-1975)”, un estudo de Alfonso Botti (1992). Vimos como o NC se definía como unha ideoloxía marcada pola consubstancialidade entre o elemento católico e o nacional na Historia de España e como asentaba as súas bases no pensamento antiliberal do século XIX: Donoso Cortés, o carlismo, Menéndez Pelayo, e logo nos intelectuais axuntados nos anos 30 arredor da revista “Acción Española” (Maeztu, Pradera, Montes, etc.). Xa desde antes da guerra civil o NC vai subliñar dúas claves que marcarán despois todo o período franquista: o ideal panhispánico, que considera a América de fala española como obra do catolicismo (12 Outubro, Festa Nacional) e a vea africanista que tería a súa orixe no “mandato de civilización” contido no testamento da raíña Isabel (1504) e como desexo de desquite contra o Islam. O ideal panhispánico queda reflectido tamén no propio programa de Falange que reclama un Imperio para unha España como “eje espiritual del mundo hispánico”: dalgún xeito, a mesma tese do “espazo vital” que reclamaron tamén os fascismos en Italia e Alemaña. O crego vasco residente en Buenos Aires Zacarías de Vizcarra escribe destas cousas neses anos e nos anos 40 o réxime lanza revistas tan significativas como “Cuadernos Hispanoamericanos” e “Mundo Hispano.”
Papel unificador. O NC tivo dende os anos 40 un poderoso papel de unificación das forzas gobernantes e o citado “hispanismo” serviulle a Franco para rachar o illamento internacional do ONU: só os países latinoamericanos tiñan relacións co ditador e por exemplo a chegada de Perón ó poder significou un aluvión de importacións dende a Arxentina. A linguaxe vaise axeitando ás necesidades: os bispos, xa en agosto do 36 o bispo de Santiago, falan de “Cruzada” para xustificar a guerra civil e da necesidade de recristianizar a sociedade. Os párrocos rurais son os encargados de expedir certificados de boa conduta, que podían librar do cárcere ou da morte. O xesuíta Francisco Peiró non só pide a camisa azul e a asistencia ós desfiles, senón tamén a militarización interior do espírito. Nos primeiros anos do franquismo, figuras como Areilza, Castiella e Martín Artajo son fundamentais no NC español, como o será no pensamento García Morente, que escribe en favor dun Imperio Católico Mundial. Xorde tamén o grupo católico-falanxista da revista “Escorial”, da que sairía un núcleo crítico co réxime (Ridruejo, Laín Entralgo, Torrente Ballester, etc.). Moi cedo prodúcese tamén o despegue do Opus Dei, fundado en 1928 e que encherá de ministros tecnócratas os gobernos franquistas dende os anos 50: a santificación polo traballo e a lexitimación da ambición por amor a Deus. Botti subliña o papel no NC de figuras como Ángel López Amo e Rafael Calvo Serer, que tiña gran amizade con Caetano e admiraba o model portugués salazarista. Apostaban polo desenvolvemento económico como camiño para o político e por unha monarquía social na figura de Juan Carlos, de feito designado sucesor por Franco en 1968.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Cantas lembranzas me trae o dibuxo ese do Santiago Matamoros, que se aparecéu diante de mín.
A Reconquista .Eu, vivín esa época. Démoslle leña ao emirato dependente,ao independente,ao califato e aos reinos de taifas. Canto me divertín neste país de coellos desde o 711 hasta a caída do reino de Graná. O que máis me gusta é lembrar ao Almanzor buscando o tambor de Follalata polo campo de batalla, no ano 1000. Atopéullo eu, e devolvinllo.
E aos asturianus decindo sempre que eles eran España, o restu terreu conquistadu. Non os aturaba.

Anónimo dijo...

Os cántabros, a. M. A. R. (antes de Miguel Ángel Revilla), tamén crían neso. A Montaña. E, nisa especie de fachendosa fidalguía, de irreductibles cristianos a proba de especias e influxos de infieis, tampouco non faltaron os vascos. En Galicia esa mesma estirpe de intocados polas hostes almanzóricas (e de paso librados de pesados contributos por mor do seu sangue limpo e inmaculado) aínda perviviu (eu engado: pervive) durante moito tempo.

Anónimo dijo...

Non sei que tal o fai na prática como político o sr Revilla, pero este comisionista das latas de anchoas é o caso paradigmático de político populista, encantado de haberse conocido y a ti también, guapa. É dos que queda moi ben nas entrevistas porque o que di (non di nada) soa interesante, ou polo menos entretido. Coma o alcaide de Lugo, coa única diferencia de que este último fala máis baixiño e ten unha páxina no flikr.

Anónimo dijo...

El Juez Don Joaquín Navarro Estevan.....¿Redactó libros de Formación del Espíritu Nacional en los años 60?

Anónimo dijo...

Esta canción cantéina eu coma muller por non podela defender coma home (aínda non me cambeara a voz daquela). Anotáralle a letra nun "manuscrito carmesí" pra non esquecela. Estaba de moda nos "raios catódicos" entón: PREMER.

Anónimo dijo...

Oh! Que vello! Que peitos non-lobos! Hai que ver o pop guedellas e progresivo que se facía daquela!

Con estas "piezas" seguro que bailaron vostedes o "suelto" nalgunha sala de fiestas, "las señoritas entran gratis", aló polo 1976.