31 may 2008




Feira do Libro: Agustín Fernández Paz
Esta mañá inaugurouse na rúa do Paseo a Feira do Libro. Dúas notas sobre algunhas intervencións.

Os políticos.
O libro fai milagres: asisten (e falan os dous) o alcalde e o tenente de alcalde, xuntos, cousa non habitual.
Alexandre Sánchez Vidal insiste na imaxe de Ourense como Universo Literario e evoca as figuras e a obra de Blanco Amor, Carlos Casares e Méndez Ferrín. Felicítase polo premio Nacional a Ferrín e reclama o seu Nobel (“xa tivemos a Saramago, Nobel en lingua galego-portuguesa, este sería o segundo”). Por dúas veces cita a Manuel Outeiriño e a min mesmo como “Creadores e estudosos dese Universo”, quizais tamén por estarmos os dous presentes. Cita tamén a “Chesi” e creo que a algún autor máis. Agradézoo, en todo caso.
O alcalde, Francisco Rodríguez, cita pola súa banda libros: as últimas novelas de “Chesi” e “do meu amigo Caneiro”, pero tamén dous títulos moi recentes de Carlos Ruíz Zafón e de Ken Follet (recomendacións de lectura?).

O pregoeiro oficial, Agustín Fernández Paz, maxistral, como era de agardar. Empeza dicindo que “vén a diario por Ourense a través de As Uvas na Solaina, ese blog imprescindible de M:V.” (todos os meus agradecementos). Fai un percorrido amplo polos autores ourensáns: moitos dos xa citados e moitos outros como Álvarez de Nóvoa ou Diego Ameixeiras. Loubanzas entusiastas para “Xente ao lonxe”, “gran novela á que volvo moitas veces”. Os esteos do seu discurso son firmes e ben resistentes: Cunqueiro, Blanco Amor, Valente, Paul Auster, etc. Remata cun canto optimista á cultura do libro e a demanda enérxica dunha maior visibilidade nos escaparates das librarías para o libro galego (“que os nosos títulos non estean sempre ocultos no montón de “los de gallego”, dixo”).

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Quedéi asombrado das habilidades pictóricas de AFP . Mentras eu esperaba pra que me asinara o meu exemplar, observaba os debuxos que facía nas dedicatorias de outros visitantes. Algús, mesmo con "bocadillo" de "cómic".No meu, foi unha volvoreta,có seu voo errático e sinuoso representado por unha simpática liña discontínua.

Anónimo dijo...

Eso de poñer xuntos os libros en galego, á marxe do seu contido, é curioso. Unha vez atopéi un interesante ensaio matemático, de casualidade. Non estaba na sección de Matemáticas, como debía, dada a súa calidade. Estaba na sección de galego porque a parte "textual" das explicaciós eran en galego. Anque nesa clase de libros o esencial do contido está na linguaxe matemática universal.

Anónimo dijo...

Exercicio ben doado de facer. Pensen, das librarías que expoñen no Paseo, cantas teñen un lugar destacado para os títulos en galego? Cantas afogan ou ocultan os nosos libros na treboada de títulos en castelán?
"Platero" é unha das poucas (das presentes no Paseo) onde o libro galego tivo sempre presenza preferente, dedicándolle unha parte fixa do seu escaparate.