Mostrando entradas con la etiqueta Ourensanía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ourensanía. Mostrar todas las entradas

2 mar 2009


Fírgoas da cultura auriense
Marcos Valcárcel, lA región 2-3-09
Sociabilidade. O percorrido das pasadas semanas pola miña formación escolar quedaría incompleto sen facer referencia ó que se chama educación informal, aquela recibida, no meu caso entre 1968 e 1975, noutros espazos de sociabilidade cultural. Velaí o caso da Alianza Francesa, con sede no Progreso, enriba do quiosco do Clemente, nas épocas do Dr. Bravo Mateos. Alí ía a clases sendo eu neno e alí lembro ver eu documentais sobre a pintura francesas e cine galo en versión orixinal; a Alianza tamén organizaba moitas exposicións e concursos de debuxo e pintura, tamén para nenos e nos que participei. Eran os tempos ademais dos grandes torneos de xadrez no Liceo, con mestres internacionais dos países do Este: arredor dos dez anos houbo concursos de xadrez nos Maristas que eu seguía con paixón. Polas noites soñaba na cama coas xogadas das partidas, tal era entón a miña obsesión.
Misa en galego. Ás nove da mañá, na capela do Santo Cristo. Eu ía co meu pai e o meu irmán maior. A primeira misa en galego permitida era máis que unha misa. A fermosa capeliña barroca da Catedral convertíase nun templo da galeguidade. Nunca esquecerei a inmensa figura de Otero Pedrayo seguindo os oficios e de moitos outros galeguistas históricos. Rezabamos en galego e cantaba a Coral de Ruada. Máis dunha vez, eu moi novo, deixábanme subir ó carón do órgano que tocaba o fillo do mestre Vide. A capela refulxía a esas alturas e eu pasmaba mirando as Sibilas. Rematada a misa facíase, nas portas da Catedral, un breve faladoiro, cos Puga, Guitián, Monxardín, Anxo Martínez, Leuter, etc.
O meu tío Exmelin cantaba na Coral de Ruada, nos tempos do mestre e poeta Manolo de Dios, e iso permitíame ir a moitos dos seus concertos ou á fermosa Festa dos Amigos no inicio do verán.
Artistas. Tamén os domingos era bo día para acudir ás exposicións de arte. Era un costume tradicional en casa porque o meu irmán maior Félix tamén era pintor. Daquela era o Museo Arqueolóxico o centro das principais mostras e alí expuñan dende clásicos vivos como Prego de Oliver ata os artistiñas, xa ben recoñecidos, e tamén moitos novos artistas que empezaban: se a memoria non me engana, nomes como Iñaqui Basallo, Xosé Cid, Antón Pulido, Baldomero Moreiras, etc. A través do meu irmán puiden coñecer o estudo dalgúns destes artistas e familiarizarme cos seus xeitos de entender a arte.
A Agupación Cultural Auriense tivo un papel decisivo nesa educación informal e diso escribirei máis de vagar. Agora só quero lembrar que un dos meus primeiros contactos coa Auriense foi unha Festa da Árbore, no inicio da primavera, celebrada na parroquia de Velle. Escribo só de memoria. Tería que consultar o meu arquivo (agora non podo), pero de seguro andaban por alí Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo e quizais Manuel Blanco Guerra.

1 mar 2009


Retrato dunha época
Marcos Valcárcel, lA rEGIÓN 1-3-09

Ó pintor Xosé Conde Corbal debemos non só a mellor descrición en imaxes do noso patrimonio e do Ourense monumental, no volume ‘El Orense perdurable’, de Vicente Risco, senón tamén unha serie de retratos individuais e colectivos que, ensarillados entre si, dan boa conta da historia cultural contemporánea. O tempo urbano, pousado e estantío, quedou inmortalizado nos seus óleos, debuxos e gravados. Velaí esta peza súa, unha das máis coñecidas, porque está colgada na casa de María Andrea. Precisamente representa o exterior dese edificio e a Praza do Eirociño e, no primeiro plano, o faladoiro cultural auriense dos anos 50 e 60, de gran pluralidade ideolóxica.
De esquerda á dereita, participan nese conciliábulo de escritores, artistas e xornalistas, Xesús Taboada Chivite, Xoaquín Lorenzo, Xesús Ferro Couselo, Vicente Risco, o propio pintor e o xornalista Ánxel Huete.
Na primeira fila e na mesma orde, o escritor e humorista Gimeno, Leuter González Salgado, Ernesto Gómez del Valle, Antón Tovar, Arturo Baltar, Acisclo Manzano, Xosé Luís de Dios, Xaime Quesada e o crítico Luís Trabazo.

2 nov 2008


A MIRADA RETIDA 2-11-08
ÁLVAREZ DOPAZO

Velaí esta interesante foto, que me achega xenerosamente a amiga “Cachito”, pois o protagonista era o seu avó. E quero recuperala e con el un nome, o dun gran alcalde da Segunda República. No centro da foto está Niceto Alcalá Zamora, presidente da República, nunha visita oficial á cidade. Ó seu carón, na esquerda, con sombreiro e bastón na man, don Antonio Álvarez Dopazo. Foi o alcalde republicano de xestión maior duradeira, dende 1931 ata 1935, cando, trala Revolución de Outubro, ocupou o cargo Santos Fernández Fueyo, republicano radical, co apoio da dereita. Álvarez Dopazo vivira en Cuba, tiña unha pequena fábrica de chocolates preto do Posío e residía neses anos na Praza da Imprenta. Debeu gobernar con xustiza, pois nin sequera na prensa máis reaccionaria hai críticas contra o seu labor. Era un home de opinión independente e coas ideas claras. Hai anos rescatei un seu artigo dos anos 20 onde defendía o soño dunha urbe organizada arredor do casco histórico e o ensanche e rodeada de parques e xardíns á beira dos ríos da cidade. Unha fermosa utopía, imaxinada xa hai máis de 80 anos.

24 oct 2008


ARREDOR DE CURROS (1-2-3)
Andoliña 22, 23, 24, outubro

Mediados os anos 90 do pasado século celebrouse nesta cidade, no Teatro Principal e organizado polo Clube Alexandre Bóveda, o primeiro Encontro de Escritores Ourensáns; anos despois, pasou a celebrarse no Liceo, da man da súa Sección de Literatura. O venres pasado tiña lugar o VI Encontro, que xirou arredor do poeta Curros Enríquez, no centenario da súa morte. Varias comunicacións xiraron arredor da vida e personalidade do celanovense, Antonio Piñeiro esculcou na familia da nai de Curros, descubrindo na súa xenealoxía remota ata un parente que traballou na Corte de Fernando VII e houbo algunha alusión a unha curiosa lenda familiar que aínda cinguiría máis o poeta coa monarquía; republicano convencido como era, non sei se Curros non se revolvería na súa tumba de coñecela.
Afonso Monxardín confrontou dúas épocas diversas da vida do escritor e as súas vivencias en Ourense e na Coruña; perseguido pola xerarquía eclesiástica na primeira e silenciado logo pola prensa católica auriense; coroado e gabado sempre na cidade herculina, onde contou co apoio entusiasta da opinión liberal, republicana e anarquista. Por iso dedicou á vila coruñesa algúns dos seus versos máis entusiastas.

Poeta rebelde, civil e comprometido, na personalidade de Curros Enríquez hai facetas de relevo descubertas nestes anos, sobre todo dende o Congreso Internacional de Celanova de 2001 coordenado por Alonso Montero (as actas están accesibles en Internet). No VI Encontro de Escritores Ourensáns falouse tamén da relación de Curros coas igrexas evanxélicas, tal como apuntara Patrocinio Ríos no 2001, e Francisco Xosé Fernández Naval relacionou isto co pulo evanxelista na comarca Celanova-Bande e co compromiso coa solidariedade destes colectivos, tan perseguidos daquela polo poder e polo catolicismo.
Outra clave coñecida foi a súa militancia masónica e arredor desa realidade interveu o presidente do PEN Club Galego, Luís González Tosar, que relacionou a Curros co destacado masón Romero Ortiz e explicou a súa etapa cubana e o seu destino final na Habana en base á forza da masonería na illa nos comezos do século XX. Sempre admirador das causas máis progresistas, Curros sería bolxevique de vivir uns anos despois, segundo Tosar, quen tamén revelou que entre as múltiples homenaxes currosianas celebradas neste ano, houbo unha, no cemiterio coruñés, apadriñada polas loxias galegas.

Remato hoxe esta crónica do VI Encontro de Escritores Ourensáns, dedicado a Curros e celebrado no Liceo ourensán. Despois de falar do Curros rebelde, masón e evanxélico, houbo tempo para ocuparse da súa lingua. E fixérono dous especialistas, o filólogo Serafín Alonso Pintos e o escritor Bieto Iglesias, que definiron a do noso poeta como unha lingua culta, literaria, aínda que compartise o poeta crenzas erradas da época como unha imposible orixe celta do noso idioma: daquela mandaban nisto os mitos dos historiadores sobre os filólogos.
Bieito Iglesias chamou a recuperar a cerna do galego ourensán, que conserva expresións propias como “Pan e coitelo” ou “Pensar na morte da becerra” ; vocábulos deste galego currosiano poden encontrarse na obra de autores portugueses de hoxe como Lobo Antunes ou Saramago. Sempre brillante, Bieito ten que afondar nestas teses e poñelas por escrito. Finalmente, Manuel Guede Oliva achegouse a ‘‘O meu Curros Enríquez’’, abondando na pegada do poeta na súa formación teatral, desde os tempos de Histrión 70 e a Auriense. Deixou sobre a mesa o reto, imaxinado por el mesmo cando dirixía o Centro Dramático Galego, de facer unha versión teatral de “O divino sainete”.



Un nome clave na historia do teatro galego

Unha nova ben triste e doorosa, por moitas razóns.

18 oct 2008










BREVÍSIMA CRÓNICA URXENTE E, POR ISO, POUCO ORIXINAL E ABONDO SUPERFICIAL, ADEMAIS DE PORQUE ESTE CORRESPONSAL NUNCA TOMA NOTAS
por Corresponsal (un amigo desta casa). Fotos de Pepe Trebolle.

Onte, venres día 17 de outubro, celebrouse no Liceo ourensán dous actos arredor da vida e obra de Curros Enríquez, mercé á recoñecida capacidade de Marcos Valcárcel para convocar a escritores e investigadores de toda Galicia. Neste caso de escritores e investigadores ourensáns cuxa maioría vive fóra de Ourense pero que gardan fidelidade ás raíces.
A Mesa Redonda foi convencional no seu formato, pero non por iso exenta de interese. ANTONIO PIÑEIRO, demasiado prolixo, expuxo novos datos familiares. SERAFÍN ALONSO PINTOS fixo unha correcta intervención contextualizando a obra de Curros dentro do Rexurdimento. Pola súa banda, AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN fixo unha moi amena e rigorosa exposición sobre a importancia das cidades da Coruña e Ourense na vida e obra do celanovés, adubiada de anécdotas significativas que cativaron o público.
A Cea Coloquio foi do máis orixinal. Despois dun refrixerio modesto pero acaído para a ocasión, tomaron a palabra catro grandes escritores ourensáns nun ambiente distendido pero atento.
O narrador BIEITO IGLESIAS, autodefiníndose ironicamente como “artista de variedades”, disertou sobre ‘‘Lingua e estilo en Manuel Curros Enríquez’’: o que nun principio comezou como unha introdución erudita á lingua e estilo, derivou nunha vizosa intervención sobre o galego popular ourensán que fixo as delicias dos asistentes.
O narador, poeta e dramaturgo MANUEL GUEDE OLIVA, baixo o título‘‘O meu Curros Enríquez’’, fixo unha personalísima disertación sobre a pegada do poeta na súa formación teatral, desde os tempos de Histrión 70 e a Agrupación Cultural Auriense até o Centro Dramático Galego, na que ecoou o ambiente político e cultural de mediados dos anos setenta.
O narrador, poeta e ensaísta FRANCISCO X. FERNÁNDEZ NAVAL introduciuse no enigma do ‘‘Curros protestante’’, achegando hipóteses suxestivas sobre a prensenza do evanxelismo na súa vida e obra, subliñando tamén a influenza de Curros na súa formación poética e ideolóxica: “Curros ten varios poemas imprescindibles para min”, afirmou.
O poeta LUÍS GONZÁLEZ TOSAR, declarándose currosián até a médula, abordou outro dos enigmas: “A Masoneria en Manuel Curros Enríquez’’, nunha intervención ben documentada e mellor artellada na que non faltou un arriscado anacronismo: “Curros sería un bolxevique se vivise na Rusia de 1917”.
JOSÉ MARÍA PÉREZ ÁLVAREZ (CHESI) tivo que ausentarse urxentemente e non puido intervir. Ao remate do acto, algúns dos interviñentes e do público foron tomar uns cafés e, baixo a invocación da lira do celanovés, a arranxar este mundo que anda tan desarranxado.

15 oct 2008


Traficantes de insectos,
de XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Faro VIgo 13-10-08)

Cando eu era neno pasaba moito tempo a observar o que pasaba nun tanque de auga situado, para regar, en certa horta da cidade de Ourense próxima ao río da Barbaña. Chamáronme a atención uns pequenos esgarabellos que vivían nas augas verdosas, que nadaban moi ben e que, de tarde en tarde, subían á superficie sacando o abdomen e se proveían dunhas burbullas, non finaceiras senón de ar, que levaban consigo ás profundidades nas que habitaban. Unha vez que conseguía apañar algún individuo e depositalo no bordo do tanque, o becho soía despregar as alas membranosas e saía voando coma mesma habelencia coa que un momento antes navegaba a bucío. Nunha ocasión, e só nunha, vin, nun relanzo do Miño, contra os herbais que daquela había onda a acea e cachón de Oira, como un insecto moi parecido na forma aos esgarabellos do tanque pero grandísimo, subía á superficie e puña en contacto a cabeza co ar para, logo de facer visibel un instante o seu corpo poderoso e ovalado, perderse de novo nas fonduras do río. "É unha vacaloura de río" -díxome o Suso, que me acompañaba-. En verdade, aínda que o insecto de Oira ofrecía unha certa semellanza coa femia da vacaloura, non era tal. Supoño que o que vin daquela no Miño era un coleóptero da familia ou superfamilia dos Hydrophilidae, moi seguramente, un especimen do grande esgarabello acuático cuxo nome é Hydrous piceus. O insecto do tanque ao que me referín anteriormente pertencería a outra familia, a dos Dyscidae, e podía ser o coñecido como Acilius sulcatus.Pasado domingo ofrecéronme no quiosco, en compañía de determinado xornal, un fascículo que trataba, penso que de xeito claro e correcto, dos esgarabellos acuáticos. Comprei decontado tal literatura que, para a miña sorpresa, estaba acompañada dun poderoso exemplar de insecto da familia dos Hydrophilidae que na publicación se presentaba, sen nome científico, como "escarabajo buceador asiático". O exemplar viña empacado nun bloque de metracrilato e, en tanto non o dou clasificado, el está agora no meu despacho en lugar privilexiado pois tivo a virtude de me retrotraer á infancia facendo as veces da magdalena ranurada en forma de vieira da que fala Proust nunha pasaxe memorábel. Ora ben, considero ilícito o tráfico de insectos que supón esta oferta. Os sete euros que custa o becho e mailo folleto, de divulgación entomolóxica revelan un tráfico de animais en grande escala que non debería estar permitido. Quen queira coleccionar insectos, que saia á natureza a cazalos, e aínda así que o faga con moito respecto. Calquera das especies de esgarabellos acuáticos merece a mesma consideración que calquera das especies de baleas e de mamíferos mariños que tanto lles preocupan (e con razón) aos ecoloxistas e amigos da Natureza. Debemos defender a biodiversidade e o tráfico de insectos como este ao que nos estamos a referir representa un negocio ilícito e non sei se constitutivo de delito ecolóxico ou non.
(Nota de M.V.: sempre haberá sitio nas Uvas para os artigos de Ferrín, sobre todo os que evocan a súa infancia ourensá. O clima literario deste non está lonxe do conto "O Suso": o mesmo Suso que se cita no artigo?)

31 may 2008




Feira do Libro: Agustín Fernández Paz
Esta mañá inaugurouse na rúa do Paseo a Feira do Libro. Dúas notas sobre algunhas intervencións.

Os políticos.
O libro fai milagres: asisten (e falan os dous) o alcalde e o tenente de alcalde, xuntos, cousa non habitual.
Alexandre Sánchez Vidal insiste na imaxe de Ourense como Universo Literario e evoca as figuras e a obra de Blanco Amor, Carlos Casares e Méndez Ferrín. Felicítase polo premio Nacional a Ferrín e reclama o seu Nobel (“xa tivemos a Saramago, Nobel en lingua galego-portuguesa, este sería o segundo”). Por dúas veces cita a Manuel Outeiriño e a min mesmo como “Creadores e estudosos dese Universo”, quizais tamén por estarmos os dous presentes. Cita tamén a “Chesi” e creo que a algún autor máis. Agradézoo, en todo caso.
O alcalde, Francisco Rodríguez, cita pola súa banda libros: as últimas novelas de “Chesi” e “do meu amigo Caneiro”, pero tamén dous títulos moi recentes de Carlos Ruíz Zafón e de Ken Follet (recomendacións de lectura?).

O pregoeiro oficial, Agustín Fernández Paz, maxistral, como era de agardar. Empeza dicindo que “vén a diario por Ourense a través de As Uvas na Solaina, ese blog imprescindible de M:V.” (todos os meus agradecementos). Fai un percorrido amplo polos autores ourensáns: moitos dos xa citados e moitos outros como Álvarez de Nóvoa ou Diego Ameixeiras. Loubanzas entusiastas para “Xente ao lonxe”, “gran novela á que volvo moitas veces”. Os esteos do seu discurso son firmes e ben resistentes: Cunqueiro, Blanco Amor, Valente, Paul Auster, etc. Remata cun canto optimista á cultura do libro e a demanda enérxica dunha maior visibilidade nos escaparates das librarías para o libro galego (“que os nosos títulos non estean sempre ocultos no montón de “los de gallego”, dixo”).

25 may 2008

A MIRADA RETIDA (3). O TUCHO.
La Región 25 maio, domingo.

Parece unha taberna sen máis e iso era de certo. Pero esta imaxe evoca parte da alma da nosa historia cultural. Hai unhas semanas, da man da Asociación de Amigos da República, homenaxeamos ós artistiñas do Volter cunha gran festa popular encabezada por Xosé Luís de Dios, Arturo Baltar, Buciños e Acisclo Manzano. Pola praza do Eirociño andaban unha chea de clónicos con gabardina gris, a súa boina, bigote e puro, en homenaxe ó Tucho, que el ben apreciaría.

Pois aquí teñen o Tucho real, en medio de botellas, adobíos kitsch e calendarios. Sen el non existiría, dende logo, o Volter que bautizou Vicente Risco e ó que deron corpo tantos artistas e escritores. Todos eles penduraron as súas pinturas e poemas nas paredes daquel humilde local. No interior, dende a entrada xa se podían ver moitos dos cadros e os históricos murais ó fondo, unha colección de bastóns, unha gaiola non sei se con paxaro ou sen el, unha imaxe da cabeza dun gran gato, mesiñas pequenas e tallos de madeira. (Foto: M.A.R. Yánez, prestada dende o blog de Ana Bande).

18 may 2008

Ourensanía
Ourensáns residentes en Vigo dinme que seguen atentamente o blog Ourensanía, por aquilo da morriña e todo iso. Estes días ando moi ocupado (actos xerais, conferencias, Uvas, exames, etc.). En canto vaia liberando cousas seguiremos cargando fotos: debo ter unhas 50 pendentes, cando menos. Os que seguen mandando imaxes (Trebolle, etc.), que saiban que todas acabarán na Ourensanía. E graciñas.

5 may 2008


Onte en Auria (foto Trebolle)

Tivemos onte en Auria un festival folclórico internacional con grupos de mozos/as moi novos, case nenos, chegados de diversas xeografías. Velaí unha mostra, chegada dende Ucraína.
Organizaba o festival o colectivo Queixumes dos Piñeiros (algún lector ourensán pensaba que por aí andaba o noso contertulio Arume, pero non; é só coincidencia).

Máis fotos da xornada, que foi día dos Maios e logo celebración madridista, no novo blogue do amigo Trebolle.

3 may 2008




Ourensanía
Abrín o arquivo de fotos Ourensanía hai pouco máis dun mes.
O tempo que teño é pouco, pero, de vagar, xa pasamos das 300 fotos. 310 en concreto hoxe. Graciñas de novo a todos os que mandaron imaxes.
Velaí as referencias de hoxe: Ben-Cho-Shey (3), Santo Cristo (2), carta comercial José Aguirre, postal comezos s. XX, Olga Gallego (2), Millán Picouto, Xaime Quessada, Liceo de Ourense e Clube A. Bóveda, exposición Curros na Coruña.
Deixo aquí dúas de Ben-Cho-Shey (identificados case todos en Ourensanía).

1 may 2008

Ourensanía
Israel Rodríguez Freire fíxome chegar unha fermosa colección de fotos de Ourense (velaí esta mostra). Escolmei 11 delas que xa están entrando na Ourensanía.

27 abr 2008


E catro moi fermosas pezas do artista Xosé Luís de Dios (na Ourensanía)
Que gran debuxante! Que gran pintor!
Estas pezas son da súa mostra Imaxes dos Soños (Museo Municipal, 2000)














Ourensanía
Acheguei 20 novas fotos á Ourensanía (xa van 280). Deixo aquí as referencias das novas, a quen poida interesar:
Diego Ameixeiras (autorretrato). José Núñez Ares. Roteiro Volter: plano. Sara Casasnovas. Directiva ATEO en 1934. Antonio Caneda. Etiqueta viño do Ribeiro. Pura Vázquez. Manuel Luís Acuña. Camilo Franco. Xosé C. Caneiro. Méndez Ferrín. Millán Picouto. Comercio Fina Rei. Roteiro Blanco Amor. Homenaxe a Curros na Coruña, 2008. Alberto Vilanova, Xosé M. Núñez Seixas. Termas da Chavasqueira. Arturo Baltar e Risco.

24 abr 2008



Ourensanía, 14 fotos máis.
E lembranza do Leuter González Salgado.

Entran na Ourensanía outras 14 fotos. Velaí: o retrato de Albino Núñez, o autorretrato de David Rubín, unha peza de Manolo Figueiras, unha foto de Casares cando o recital de Raimon en Compostela e sete fotos moi interesantes achegadas por Xosé Lois Carrión, todas do seu avó Leuter González Salgado e da Cruz Vermella, que presidiu nos anos 30. Tamén engadín outras tres fotos, magníficas, do Tucho do Volter, collidas de prestado do blog da amiga Ana Bande.

Ó Leuter coñecino na súa propia casa, da man do seu neto e meu amigo, nos 70. Xa o vira outras veces pola Auriense, da que era fundador e animador. Souben despois que estivera no PSG e, xa morto, encontreime coa súa memoria, moitas veces, nos xornais dos anos 30, preparando a miña tese sobre o Ourense da Segunda República.
Foi o primeiro concelleiro nacionalista desta cidade (para cando unha posible homenaxe, amigos do BNG?) e, como tal, desenvolveu un amplo labor en moitos campos: ensino, colonias escolares, Concello e Deputación, Cruz Vermella, etc.
Contaremos noutra ocasión como os socialistas presentaron unha moción para que non usase "o dialecto gallego" nos plenos por consideralo paleto e pouco honroso na institución. E máis cousas...

17 abr 2008


SORPRESA!! UNHA FOTO
HISTÓRICA
(na parroquial de Santo Domingo, 1960)

Jokin Zumalakarregi, o xesuíta que me axudou no tema da multa do meu cuñado Roque, andaba a remexer nos antigos arquivos do KGB, na actualidade 'División Especial para a Contraintelixencia e a Contrasubversión da República Karakalpakstan-Estado Uzbeko". De súpeto, reparou nunha vella fotografía. Tal vez tiña algunha cousa a ver co expediente persoal e secreto de Alfonso Vázquez - Monxardín (sobriño). Moita bandeira republicana, moito himno de Riego, e ao cabo, todo se sabe..."
(Vía Julio Medela: adiviñen os tres protagonistas da foto, un xa se dixo).

14 abr 2008

Ourensanía
Entre as últimas entradas (219 xa), engordamos un pouquiño a etiqueta de Arturo Baltar e incorporo tres xoias: un retrato de Otero Pedrayo cos avós de Afonso Monxardín, en Lisboa (achegada polo neto), e dous retratos, ata hoxe inéditos, do poeta comunista e fusilado Manuel Gómez del Valle, achegados estes pola súa sobriña María Paz, a quen tiven a honra de coñecer onte nos actos da República no cemiterio de San Francisco.

12 abr 2008




Ourensanía (201 entradas...)

No blog de fotos Ourensanía (á dereita, a icona, con perdón), unha nova fornada de imaxes, máis de 20 novas. Entre elas, algunhas do Ourense antigo como esta da rúa de Alba coa Farmacia Fábrega ou esa fermosa vista dende os balcóns cara a ponte das Burgas. Esta última achegouna David Simón con outras vistas dende os balcóns e tres imaxes do psiquiatra doutor Cabaleiro. Tamén se incorpora o batería Andrés, con foto achegada por Xoán da Cova, e unha galería de oito imaxes de Acisclo Manzano, entre outras (La Centuria, Sarabela, Camilo Franco, Liceo, etc.).