29 may 2008


Fito histórico. Méndez Ferrín, Premio Nacional de Literatura

Os premios nacionais da Cultura galega recoñecen as achegas de Ferrín ao novo horizonte da Literatura do país e os logros da remodelación urbana de Pontevedra. Na categoría de Pensamento e Cultura Científica, o xurado escolleu o edafólogo Franciso Díaz-Fierros, do que destacaron a súa capacidade para colocar na axenda da cultura galega a cultura científica e saber unir a investigación con problemáticas actuais da sociedade galega, como o ambiente. (Galicia Hoxe, Maré)
O xornal Galicia Hoxe publica un especial da Revista das Letras
sobre Ferrín cunha entrevista e artigos de Anxo Angueira, Antón Dobao e Xabier Cordal.

21 comentarios:

Anónimo dijo...

Cansa un pouco xa tanto Ferrinismo. Recoñecéndolle o seu valor como poeta e contista a excesiva valoración de outras facetas da súa actividade intelectual como a novelística, os artigos de prensa e a política comeza a facer ao personaxe Ferrín un pouco santo de devoción para un consumo mediático cultural que non existe. Queren facer culto onde non hai fieles crentes cun resultado un tanto ridiculo.
Amais a súa figura prestase pouco, sempre a precura de homaxes e vácuos recoñecimentos, en vez de retirarse a cova da autenticidade.

Anónimo dijo...

Manda carallo: "retirarse a cova da autenticidade". Esa onde está vostede, ¿non?

Anónimo dijo...

Pois non, eu estou na cova dos resentidos.

Anónimo dijo...

Para que santos non hai fieis dabondo, primeiro convidado? Supoño que se se tratase dun escritorciño social-demócrata e autonomista habería loubanzas, exvotos rituais e incenso a mancheas... Tivéchedes mala sorte con Ferrín; que o mellor escritor vivo en galego sexa independentista déixavos a moitos un chisco en evidencia. Haberá agardar a que morra entón, os embalasamadores teñen boa man á hora de corrixir os defectos do defunto cando vivo: convertirano en gran escritor e bo patriota. Enfin.

Anónimo dijo...

Monte é God!!

Estiven vendo o novo catecismo da Igrexa Ortodoxa Rusa e non vin, por moito que procurei, artigo ningún que decretase a natureza pecaminosa do independentismo.

Saúdos, Monte, grazas.-

Anónimo dijo...

Non entendo moi ben a argumentación de Monte, pois os datos sinalan que é ao revés do que el di.

Onde hai "un escritorciño social-demócrata e autonomista" cheo de "loubanzas, exvotos rituais e incenso a mancheas"?

Máis ben eu penso que é o que ocurre é todo o contrario do que el di. Que "o mellor escritor vivo en galego sexa independentista" non impide que estea perfectamente integrado na "cultura oficial": RAG e agora o Premio Nacional de Cultura.

Conste que non teño nada en contra.

Anónimo dijo...

A conselleira de Cultura convidou no hotel Presidente da Habana con 400 “mojitos”, 90 refrescos, 160 buffets e 168 merendas. Todo por un importe, propina incluída, de 1.626 dólares que non saíron do seu peto particular senón dos fondos públicos da Consellería que goberna. Se fose Fraga o que convidase, a que lle armarían os do Bloque.
Tal gasto foi ocasionado durante a estancia en Cuba da ambaixada composta por case trescentos escritores, inteletuais, artistas, políticos e algún que outro enchufado que viaxaron ao Caribe co gallo de celebrar na Habana a Feira Internacional do Libro.

Anónimo dijo...

Hai que recoñecer que a cantidade é unha nimiedade en comparación cos orzamentos que se gasta o Dpto. de Cultura. Mais non queda moi elegante o "gratis total" e o dispendio de "novos ricos", 400 mojitos incluídos.

Non, non queda moi elegante. E moi ético tampouco.

Anónimo dijo...

A cantidade é unha nimiedade. Pero como "acto fallido", si quere chamarlle así, é moi indicador do verdadeiro interés desta xente pola cultura de verdade.

Anónimo dijo...

XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA
"Temos unha literatura de resistencia, que se autoabastece, coma os bos guerrilleiros"

Anónimo dijo...

Touriño declara que 400 mojitos entran dentro da legalidade. Entrarán en protocolo; xa saben: dispensas arbitrarias. Pero non sei se fóra desa aplicación orzamentaria podería ter asento. Calquera control de gastos ou contabilidade da administración o tiraría para atrás. Non sei que dirá ao final o Consello de Contas. É probable que o acepte, pero non deixará (se fai os deberes e adoita facelos) de facer constar a singularidade do gasto.
Ético xa non o é (non terá cartos cada un dos asistentes para pagarse o seu mojito?), pero legal, polos pelos.

Anónimo dijo...

por fin descobrimos o que xa sabiamos: arume é un burócrata legalista.

Anónimo dijo...

E dalle có da legalidade. Só faltaría que inda porriba fora ilegal. A mera legalidade non é indicativa de que as cousas estén ben feitas. Un pai pode, legalmente, gastar medio soldo do més en güisqui pra él e logo darlle ós fillos macarrós, pan e auga todo o mes. Na vida familiar e no mundo empresarial o acerto ou desacerto das acciós non se miran pola súa mera "legalidade". Eso fanno só os delincuentes.

Anónimo dijo...

Tempos aqueles en que o alcalde Soto decretaba barra libre por todos os pubs e discotecas de Vigo para os modernos chegados da movida madrileña. Xa saben: "Madrid se escribe con V de Vigo". E por aquí, todos encantados!

Anónimo dijo...

Amigo Anónimo que me chama burócrata legalista: arrieritos somos.

Anónimo dijo...

Diversos fungueirazos ferriniáns.



Xosé Luís Méndez Ferrín gañou a consideración, obra a obra, e con voz firme, crítica e ás veces incómoda, de figura cimeira da cultura galega contemporánea. A concesión do primeiro Premio Nacional de Literatura vén ratificar esta condición. Crítico mesmo co galardón que recibiu, hai unhas semanas pediu que se entregase un premio por cada xénero literario, do mesmo xeito que se fai en castelán.

Segue ocupando a literatura galega unha posición subalterna á castelá no noso país?
Si, claro, non hai máis que entrar nunha libraría e ver o espazo que se dedica á literatura galega, ou a forma en que están organizados os libros. Os de castelán, por xeneros; os de galego 'en el mueble de gallego', onde se mesturan os libros de paxariños cos de María Maríño. Ou abonda con ler La Voz de Galicia e entrar na sección de Cultura, para ver o espazo que ten alí a cultura galega.

Vostede foi moi crítico nun artigo publicado no Faro de Vigo coa organización dos premios, en especial co feito de que só se lle dedicase un premio ás letras. Cre que isto mudará o vindeiro ano?
Supoño e espero que si. Naquel artigo, ao tempo que facía estas críticas tamén salientaba a importancia de que se creasen os premios, e de que se chamasen 'nacionais', porque somos unha nación. Pero en efecto creo que non se pode xuntar nun premio todos os xéneros. Do mesmo xeito creo que sería fundamental crear un galardón equivalente ao 'Cervantes' castelán, coa mesma importancia, e cunha dotación económica que debería ser cando menos a mesma, e para darlle unha auténtica dignidade á cultura galega, se cadra un euro máis.

Darío X. Cabana dixo nunha entrevista publicada recentemente que traducir o Harry Potter ao galego era como mercar pasteis antes de ter pan. Cal cre que son as necesidades máis urxentes da literatura galega?
Dixo iso? (risas) Si, evidentemente a literatura galega ten outras prioridades. A nosa é unha literatura de resistencia, que se autoabastece, igual que os bos guerrilleiros. Temos moi poucos apoios e aínda así a literatura galega vive un momento espléndido. O que terían que facer é deixala en paz. Pero na miña opinión si se pode facer algo dende a administración, si se poden facer políticas de apoio, políticas que non se están facendo agora. E así seguimos nun proceso de submisión da literatura galega á castelá. E a nosa, cada vez máis subalterna.

Dende o cambio de goberno na Xunta a cultura galega perdeu parte do seu espírito crítico?
Non o creo. Fernán Vello segue escribindo artigos moi valentes, e moitos outros compañeiros tamén. Se estabamos contra Fraga, contra aquel réxime neofranquista, e contribuímos a botalo abaixo, non imos ser tan estúpidos tampouco de guindar pedras contra o noso tellado. Pero eu vin escritores e intelectuais nas manifestacións de 'Galiza non se vende', e na de 'A Ría non se vende', e en Ferrol, e o outro día na manifestación pola lingua. Eu mesmo son moi crítico con este goberno, que creo que está realizando en moitos asuntos unha xestión infame, por exemplo en todo o relacionado coa instalación de novos parques eólicos en todo o país, ou coa colocación da planta regasificadora de Reganosa no interior da Ría de Ferrol.

Cre que a posición crítica que sempre mantivo impediu que a súa obra tivese un recoñecemento aínda maior?
Eu fun sempre crítico e sentinme sempre recoñecido. Do mesmo xeito son moi crítico con este goberno e veñen de premiarme agora.

O nacionalismo de esquerdas está sendo destruído dende dentro?
Non, nacionalismo de esquerdas segue a haber, o que sucede é que o BNG quere cambiar a súa base, que sempre foi a CIG, por outra nova base, formada pola burguesía e polos empresarios, sobre todo polos que teñen intereses nos eólicos. Pero a ver como lle sae, temos que estar moi atentos ao que está a pasar en Ferrol, en Cangas e noutros lugares. De todos os xeitos, aí está a CIG, e a CIG é indestrutible, e segue mantendo un posicionamento nidiamente de esquerdas. E está a CUT, tamén. Pero en efecto, este goberno está fracasando en moitos aspectos, por non atallar o problema dos eólicos e a destrución do medio, por negarse a considerar a posibilidade de nacionalizar, por non poñer en marcha a segunda canle da Galega... E despois temos un presidente que non fala, que non emite doutrina. É como se tivesemos a Areces de presidente.
Dende hai uns anos estase facendo un gran traballo na recuperación da memoria histórica da guerra civil e a postguerra. Na súa opinión estase esquecendo a memoria histórica do resto do franquismo e da chamada 'transición'?
Si, completamente de acordo. Evidentemente penso que é necesario que se recupere a memoria da guerra e da postguerra, e que se faga xustiza. Era como unha botella de champagne que levaba demasiado tempo pechada. Pero tamén hai que facer xustiza con toda a xente que sufriu durante toda a ditadura e na chamada 'Transición', e non deberían agardar a que morramos os que estivemos na cadea e os que fomos torturados para facer xustiza.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

"É como se tivesemos a Areces de presidente." Qué quererá dicir?

Anónimo dijo...

a nosa literatura só está chea de funcionarios burgueses con dobre moral, que viven como militantes do partido de fraga pero lembran, na prensa, cando convén, que son moi independentistas e que tiveron en tempos pasados carnet do bloque, ou mesmo con jeta total van de independentistas das redes escarlata ao tempo que chupan do psoe. que non flipe ferrín.

Anónimo dijo...

Areces, Touriño... Galicia... Asturias son intercambiábeis (para algúns, claro).

Aprendémoslle a Areces as catro regras do galego e aínda daba un mellor presidente que Touriño.

Anónimo dijo...

Arume, se aínda non entendiches que Touriño e Areces son intercambiábeis, recoméndoche que leas esta noticia.

CRÓNICAS DESDE MADRID | GALICIA E A PRENSA
O denominado cuarto poder mostra ante os membros da Xunta unha arrogancia que non dispensa a cataláns ou vascos
Gonzalo Bareño | La Voz
1/6/2008

O AVE chegará ou non a Galicia no 2012. Pero cando o faga, o percorrido entre Finisterre e Madrid levará o mesmo tempo en ambos os sentidos. Moito máis tardarase para que a información flúa nas dúas direccións á mesma velocidade. E coa mesma carga de contido. Guste ou non, Galicia segue considerándose un territorio párvulo desde Madrid. Comprobouno o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, tras a súa intervención nun deses foros de moda en Madrid, onde soportou o acoso dun suposto moderador que actuaba máis ben como fiscal e mostraba síntomas de descoñecer a realidade de Galicia, á vez que insistía en cualificar de independentista ao BNG. «Celebran o vindeiro sábado o Día das Letras Galegas», comezaba. «Non, celebrouse fai unha semana», corrixiulle Quintana. «Bo, é o mesmo», proseguiu impávido o xornalista, que colocou o seguinte: «Se todos os galegos falan castelán, o problema da lingua está resolto. ¿A que vén entón tanta defensa do galego?». A proposta produciu estupor non só a Quintana, senón tamén a dirixentes do PP, como Fraga ou Ana Pastor, que asistían ao coloquio.
Claro que peor foi o de Touriño o pasado venres, cando invitou á prensa á Casa de Galicia en Madrid. Tras facer un exhaustivo balance da súa xestión, non exento de triunfalismo, un xornalista dirixiuse a el nestes termos: «Todo iso está moi ben, pero agora terá que falar de política de verdade», e preguntoulle pola penúltima disputa entre o PSDEG e o BNG. Touriño, atónito, contestoulle cunha cordialidade non exenta de sorna, que as súas definicións da política non coincidían. E que, para el, o progreso económico e o benestar social son a súa máxima expresión. Eses xornalistas ou máis ben tertulianos de Madrid, que tratan aos políticos galegos con paternalismo e menosprezo, son os mesmos das visitas do lendakari ou o vicepresidente catalán, Carod Rovira, aos que dispensan reverencia e trato de xefes de Estado, aínda que as súas propostas e as súas formas cuestionen a existencia mesma do Estado español.

Anónimo dijo...

La voz independentista? Que quererá o xornal de Arteixo?
A miña pregunta non pretendía saber se Areces e Touriño eran intercambiables (e de paso Asturies e Galicia): só tentaba coñecer o por que desa mención concreta. Por que Ferrín por Tinín?