1 may. 2008

A Pexa, de Bieito Iglesias (ECG 1.05.2008)

A pexa ou apea para trabar as patas dos cabalos foi estorbo de uso xeral ata hai poucos anos. Tratábase dunha soga atada a dúas pernas dos solípedos que acurtaba as alancadas e impedía que abeirasen lonxe. Nunha foto de imprensa vexo que se segue utilizando ese xénero de impedimentos co gado equino bravo ou mostrengo: a instantánea -tomada no monte Xiabre- retrata unha besta que leva un pau en forma de forquita prendido nun artello. Infórmame amais o xornal de que tal práctica está hogano prohibida pola Lei de Protección dos Animais Domésticos e Selvaxes en Captividade de Galiza. Parece lóxico e necesario lexislar contra as apeas porque nos incendios de pasados veráns morreu moita cabalada que, por pexada, non pudo fuxir da labareda. Pero, á marxe desta constatación, o feito de que existan esas leis proteccionistas revela a muda profunda que experimentou a sociedade nas últimas décadas, pois non hai tanto que semellantes providencias resultarían estrañas á mentalidade popular. Eu vin afogar unha egua que quería pasar o Miño, desde o coiñal da Chavasqueira ata os prados de Angelita Varela situados na outra banda do río, precisamente porque coas patas enredadas na traba non se remexía e non foi capaz de vadear as correntes. A xente que presenciaba o incidente lamentou esa morte pero non pensaba que atar a besta fose unha crueldade a prohibir. Rexía unha concepción utilitaria no trato coas animalias, exenta de todo sentimentalismo:tanguíanse coa aguillada os bois pousóns; ás vacas lionas púñaselle unha táboa (atada nas cornas) sobre a testa, para dificultarlle a visión e evitar que escornasen.
Tense a impresión de que o avanzo da civilización dulcificou o corazón dos humanos, do que se benefician os brutos. No entanto, en escenarios bélicos iraquianos e en domicilios con marido maltratador ou asasino, nótase que o home continúa sendo un lobo para o home. Dito sexa sen ánimo de difamar ao lobo.

3 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

Teño usado máis dunha vez artigos do Bieito con aplicacións didácticas. É un tesouro léxico, tanto no vocabulario e fraseoloxía máis enxebre, como no uso de cúltismos, sinónimos, etc. Todos estes conceptos poden utilizarse con calquera dos seus escritos. Este como ex., para rapaces de ESO (ou, se cadra, de Bacharelato):
pexa, solípedos, equino, utilitaria, mostrengo, hogano, animalias, aguillada, apeas, labareda, etc. Aí teñen o esquema de toda unha clase útil para xogar co léxico.

XDC dijo...

Na miña aldea reservábase o verbo "abeirar" pra cando as vacas fuxían sin control, restregándose contra as xestas, pra espantar os tabaos que as mordían (nunca se decía que un bicho "picaba") na hora do calor. Por eso había que levalas prá casa antes de que "picara" o sol, no vran. Cando era imprescindible que estuveran fora á mediodía, xunguidas, un rapá encargábase de espantarlle os tabaos cunhos follatos. Tiña que ser eficaz nesa tarea, porque senón a vaca podía facer un movemento brusco coa cabeza ,pra espantar o tabao,e derribar a quen estuvera na cima do carro, cargando ou descargando. Do resto de animáis decíase que "escapaban", non que "abeiraban". O verbo "fuxir" usábase pra unha escapada "instantánea".

XDC dijo...

Efectivamente, tamén lle chamábamos "labaredas" ás llamas do lume, especialmente si eran altas e fora de cotrol.