22 may 2008

Poesía (Bieito Iglesias, ECG 22 maio)

Alá na casa do pai envelleceu un can anódino, de boa traza pero pastrán e completamente inútil para a caza, o pastoreo ou a garda da morada. Caza a voo, ai iso si, a comida que lle botan e móstrase moi cariñoso coa familia. Dalle ao rabo con agarimo aínda ben non avista a un membro do clan, mais tales efusións rara vez son correspondidas cun aloumiño na súa testa de amante pelo amarelo, porque nun solar de tradición venatoria na que viviron míticos perdigueiros e algún excepcional perseguidor de xabaríns ou raposos, apenas se tolera a este animaliño torpe e comellón. Incluso o seu nome (Cuqui) resulta ridículo en comparanza coa Merola (formidable setter que levantaba poladas de perdices aínda que non portase as pezas cobradas); coa Pirula (que viaxaba soa a Ourense en coche de liña desde a aldea, para visitarnos no barrio onde viviamos daquela); coa Rin de perfecta cabeza e espectacular manela no rabo; co Turín de olfacto lendario (capaz de recuperar un paxaro caído no río e retido no leito da corrente por uns ganzaños) ou do aguerrido Pistón que botaba o porco bravo dos toxais. Agora o Cuqui enfermou, non come e láiase cando alguén da casa se lle achega. Un día destes, xa na alta noite, abrín a xanela para tirar a cabicha dun cigarro e oín a queixa lancinante do cadelo. Non se lle prestou demasiada atención cando estaba san e suplicaba caricias co rabo e moito receo que morra sen que ninguén o bote a faltar. Existen seres así, tan desafortunados que non concitan afecto nin odio, se acaso unha vaga incomodidade.
Pero como traducir o lamento do canino a unha linguaxe humana? Non encontro ningunha versión plausible en toda a poesía da experiencia desde Gil de Biedma a García Montero, tampouco na estrañeza lírica dun John Ashbery nin nas liridades galegas xa denunciadas no seu día por Manuel Antonio. Unha tradución aproximada atópoa nestas palabras de Edmond Jabès: "A dor é un ceo estrelado; a noite enteira está en nós" .

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Perfecto: clavao.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

E para os que xa colleron Pan e coitelo: que lles parece a nouvelle de Iglesias?