10 may 2008


XORNALISMO GALEGO
A Nosa Terra 1 maio 2008. Imaxe: Valentín Paz Andrade.

Hai catro meses saían á rúa dous volumes publicados pola Editorial Galaxia e o Consello da Cultura Galega titulados “Xornalismo con Opinión”: un tomo enteiro dedicado a estudos sobre 20 autores e outro cunha escolma de textos dos mesmos xornalistas e escritores. Víctor Freixanes e Xosé López asinan unha introdución na que reflexionan, dende o presente, no significado do xornalismo de opinión (xénero hexemónico na prensa decimonónica tan ideoloxizada) e na escasa atención que lle teñen dedicado ata agora os estudosos da comunicación. Con eles colaborou Rosa Aneiros coordinando o traballo dos vinte autores estudados. Entre eles hai nomes moi pouco coñecidos fóra do ámbito dos especialistas, como Sofía Casanova, Lustres Rivas, María Luz Morales ou o mesmo “Ben-Cho-Shey” na súa faceta de xornalista e pioneiro como correspondente de guerra. Outros nomes quizais sexan máis recoñecidos como políticos ou líderes que como xornalistas (velaí o agrarista e republicano Basilio Álvarez). Só algúns deles practicaron con frecuencia o periodismo en galego, sobre todo da banda galeguista: Antón Vilar Ponte, Víctor Casas, Luís Seoane, Ánxel Fole, etc. Pero en conxunto os dous volumes son un tesouro para calquera persoa que se queira achegar á historia do xornalismo galego e, tamén, á historia do xornalismo en galego.
Porque o realmente sorprendente é que, a 30 anos da inauguración desta nova etapa democrática, a memoria do noso xornalismo siga a ser tan precaria. Hai bos traballos de investigación, mesmo sobre algúns xornais (como o “Galicia” de Vigo, de Paz Andrade), pero estes non chegan sempre ó gran público. E a maioría dos galegos e galegas descoñecen case todo sobre o noso pasado nos xornais: cantos ourensáns saberán que foi na cidade auriense onde o vello Lamas Carvajal puxo a peza fundacional do xornalismo en galego con “O Tío Marcos d´a Portela”? Se non estou errado, nin sequera nos estudos da nosa propia Facultade de Xornalismo, en Compostela, existe unha materia específica sobre esta historia interna dos nosos xornais e dos nosos xornalistas, tan mal coñecida. Quizais se poida argumentar que o xornalismo de hoxe pode avanzar sen coñecer a súa propia tradición, porque o futuro só depende das novas tecnoloxías. Pero eu non son desa opinión.

No hay comentarios: