11 may 2008


Cen anos de historia cultural. 2001: Congreso de Curros e mais Eladio Rodríguez
Na foto, de esquerda á dereita, X.R. Barreiro Fernández, X. Chao Rego e Pilar García Negro.
Os temas de ensaio e investigación tiveron presenza abonda nas librarías no ano 2001. No campo máis literario, velaí estudos como Nación, literatura, identidade (Xerais), de Antón Figueroa; Arredor de Castelao, de Pilar García Negro (ANT); A creación literaria en castelán de Ánxel Fole (Deputación Lugo), de Luis M. Pedre Díaz, e Papeis de literatura (Xerais), do crítico literario Ramón Nicolás. O profesor brasileiro Cleudene de Oliveira publicaba en Ediciós do Castro Xosé Neira Vilas e Rachel de Queiroz, fabuladores artífices. Sobre as rúbricas explicativas dos cancioneiros medievais, publicaba Xoán C. Lagares o estudo E por esto fez este cantar (Laiovento). Entre a narrativa e a filosofía movíase Roxe de sebes (Noitarenga), outra moi singular entrega de Ignacio Castro.
No terreo da Historia sitúanse títulos como Castelao e os galeguistas do interior (Galaxia), de Xavier Castro; Pioneiros na corrente do Golfo. A primeira emigración galega a México, 1857.1936 (Xerais), de Elixio Villaverde; Pensa-a Historia (Ir Indo), de J. C. Bermejo Barrera; O galeguismo na provincia de Pontevedra, 1930-1936 (Castro), de Carlos A. Antuña; Daniel, o noso, e A nacencia do socialismo en Galicia (Galaxia), os dous títulos de Borobó; e A derradeira lección dos mestres,de Sabela Rivas Barrós.A Universidade de Santiago esculcaba no seu pasado co volume de Xosé R. Barreiro Fernández, Historia da Universidade de Santiago.I. Das orixes ó século XIX, ademais doutros dous tomos sobre o seu patrimonio histórico coordinados pola profesora María Dolores Vila Jato.
No pensamento político, novidades de X.M. Beiras (O Estado da nación) e Camilo Nogueira (A memoria da nación); o volume Globalización e cambio de milenio (Xerais), das Xornadas de Filosofía da Aula Castelao, e a tradución de Os nacionalismos perigosos (Laiovento), de Josep Huguet e Joan M. Serra.

No hay comentarios: