20 jun 2008


Velázquez (3).
Pan por Pan venres 20 xuño

Os retratos de ananos do artista sevillano son todos apaixonantes, pero un deles sempre me pareceu moi especial, cheo de misterios. Falo do chamado neno de Vallecas que non é tal: de certo é o retrato de Francisco Lezcano, o Vizcaíno, porque era de aló. Pintado cara 1634, foi bufón do príncipe Baltasar Carlos. Velázquez retrátao coa faciana inchada, vestido de verde, dentro dunha cova e barallando unhas cartas. Pero o noso ollo o que rexistra é o aceno desgarrado da boca entreaberta: bocexa un sorriso, como din algúns estudosos? Ou é unha expresión de dor? Ou a felicidade do infortunio e a non conciencia? O catálogo do Prado cualifica o personaxe como vítima de cretinismo con oligofrenia. A doutora mexicana Marcela Vela sostén que ese retraso mental viña causado por un hipotiroidismo conxénito. O seu rostro, en calquera caso, queda impregnado na nosa memoria.

No hay comentarios: