11 jul. 2008

PROHIBIDO NACER E MORRER EN LOBEIRA, de Julio Medela (LR. 11-7-08)

Que se saiba, os membros da especie homo sapiens nacen, medran, reprodúcense (algúns) e todos, ao cabo, morren sen excepción. Tanto ten que sexan xestados en probeta, adoptados, porfillados, abandonados, desaparecidos, asasinados, deixados morrer á fame ou embalsamados.
Ben, isto sábeo todo o mundo. Mais en Lobeira estase a producir un fenómeno digno de estudo. Lembro un filme que falaba dunha paraxe de dificilísimo acceso, alá polo Himalaia (Shangri-La dicíanlle a aquel país) onde o persoal non envellecía; morrían por volta dos cento vinte anos. Mais isto non é nada comparado con Lobeira.
Aquí xa hai tempo que superamos o estigma da morte. A falta de tanatorio, si, asombrosamente certa, provoca a emigración post-mortem dos de Lobeira. E esa emigración desvirtúa ao cento por cento as consecuencias sociais do falecemento, pois a ritualidade do velorio só atinxe sentido completo cando se realiza “in situ”. Celebro a prohibición de velar un defunto no domicilio. Mais cada parroquia había ter un lugar axeitado para que os vivos puidesen, segundo a santa tradición, honrar os seus mortos, rezarlles, acompañar as familias, relacionarse, cohesionarse socialmente, reconciliarse, pedir e devolver favores, namorar, pasar o tempo, rexoubar, presumir, maldicir o goberno, vender unha motoserra…
Bande non é Lobeira. Ourense tamén non. E o transporte público, en Lobeira, tamén non existe. Mais todo ten unha segunda lectura. Se ben en Lobeira nos libramos da morte, tamén é certo que onda nós é prohibido nacer. O sr. Zapatero gañou as eleccións grazas á ineptitude da oposición e aos 2.500 euros de axuda á maternidade. (Remata en comentarios)

3 comentarios:

Medela dijo...

Élle malísimo, don Marcos... Dáme un pouco de vergonha, mais se quere metelo, como vexa Vde.-
Envíollo por e-mail

JULIO MEDELA dijo...

Bande non é Lobeira. Ourense tamén non. E o transporte público, en Lobeira, tamén non existe.
Mais todo ten unha segunda lectura. Se ben en Lobeira nos libramos da morte, tamén é certo que onda nós é prohibido nacer. O sr. Zapatero gañou as eleccións grazas á ineptitude da oposición e aos 2.500 euros de axuda á maternidade. E non comprendo, sr. Presidente, que adiantamos con eses cartos, un servidor e máis a miña esposa, tendo en conta que traballamos ambos dous e en Lobeira non hai galescola nin nada que lembre que os nenos existen. Nin un triste areal para fozaren os meniños, nin un tobogán para se esnafraren contra o chan, nin un banco para as avoas sentar e vixiar os meniños.
Ben, si. Contratamos unha rapaza para tomar conta do neno. E cando chega a idade escolar? Evidentemente, pedimos hipoteca e marchamos para California (Celanova), New York (A Valenzá) ou se toca a lotaría, Beverly Hills (Allariz).
Sr. Zapatero: Vde. e máis os seus cómplices, a maioría dos alcaldes do rural, ultrapasaron en sabedoría os monxes budistas de Shangri-La: Alcanzaron a vitoria final sobre a Vida e a Morte, sobre o Ben e o Mal. Lobeira, o sitio onde non se nace nin se morre. Onde non hai molestos nenos cheos de mocos que rachan cos vidros das casas ás pedradas. Onde non hai lúgubres feretros para velar. Onde non hai velliños nin residencia ningunha para eles…
Moitas grazas, sr. Zapatero.
Moitas grazas, sr. Alcalde de Lobeira.
Moitas grazas, sr. Secretario do concello. Razón tiña cando manifestou publicamente que Lobeira era lugar digno de reportaxe de National Geographic, esqueceu?
Poden estar ben orgullosos, señores.
Ben seguro que si.

Júlio Medela

lourixe dijo...

Disque xa circulan por Galiza tanatórios móbiles con todos os equipamentos. Se cadra haberá que lle suxerir a Quintana o estabelecemento de galescolas itinerantes...