27 jul 2008

A MIRADA RETIDA (27-7-08). O FINAL DE BASILIO.

Recupero esta foto inédita, cedida polo amigo fisterrán Modesto Fraga. O terceiro pola dereita, coa paxarela, é Basilio Álvarez. A foto é de 1937, tomada en Buenos Aires, cando publica o libro “España en crisol”: na foto están tamén os galeguistas Rodolfo Prada e o fisterrán Castro Insúa. Antes de 1936, Basilio foino todo. Orador de raza e principal impulsor do movemento agrarista con Acción Gallega. Profesor de periodismo e xornalista en varios medios, fundador e propietario de “La Zarpa”, voz da República para os ourensáns. Avogado de prestixio en Madrid. Deputado e líder do Partido Radical. Vocal do Tribunal de Garantías Constitucionais. Recibe os máximos honores nesta cidade en 1928 e en 1935. En xullo de 1936, os franquistas quítanlle a placa da súa rúa, pechan e espolian o Centro Basilista, arrastran polo chan o retrato que lle fixera Lloréns e que presidía o Círculo, toman a imprenta de “La Zarpa” e editan o xornal, quince días, co xugo e as frechas. Exiliado en Arxentina, en 1938 está nunha cadeira de rodas, case mudo. Morre no Hospital do Centro Español de Tampa (Florida) en 1943. De seguro, abafado pola tristura.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

"Morréu pobre".

Esa frase , díxoma M.Blanco Guerra, finalizando así dunha charla na que me contou varios aspectos da vida persoal de Basilio. Impactóume, polo xeito en que o dixo, e polas connotaciós que ten.

Anónimo dijo...

Contou J. A. Valente que a biblioteca de Basilio Álvarez estaba escondida na casa dos seus pais. De neno comenzou a ir a ghichar nos libros e afeccionouse.
Serviron así de testemunho, a luz pasou dunha xeneración a outra, sen telo ninguén planificado.

Nunca sabemos onde xermolará a semente.